domingo, 27 de decembro de 2020

Máis fortes!

  Como remate do trimestre vouvos poñer unha mestura de fotos do que fixemos nesta temporada, A maioría son de traballos e xogos e non están metidas en ningunha entrada anterior. Reflicten un pouco o noso día a día no cole. A canción é de Kelly Clarkson (what doesn´t kill you, make you "stronger") así que esperemos saír de esto "máis fortes". E que o ano que ven sexa moito mellor que este!

 





Un muñeco de neve na bola de Nadal

  Fixemos unhas preciosas bolas de Nadal con muñecos de neve.  Empregamos uns tacos de madeira que nos cortou o pai da profe Sandra. Con pinceis e pompóns de dous tamaños, pintamos a neve e o corpo do muñeco. E con rotulador permanente fixemos con moito coidado o sombreiro, brazos, botóns, os ollos e o nariz. Como a madeira non estaba imprimada chupaba moita pintura, así que cos pompóns botámoslle unha boa capa para que nos quedase unha neve máis blanca...

 ...pero como estaba cerca dos radiadores a pintura  secou moi rápido, escachou e quedounos un precioso efecto "vintage" de craquelado antiguo. O resultado foi aínda máis bonito que o esperado!.


sábado, 26 de decembro de 2020

xoves, 24 de decembro de 2020

Unha árbore de Nadal reciclando.

Cada ano a nosa clase encárgase de poñer a árbore na entrada do colexio, cos seus adornos (esta vez Sandra engadeu unhas bolas forradas con tela) e despois facemos o encendido. Foi igualiño que en Vigo😉 e coa mesma emoción! Este ano ademáis fixemos outra en papel continuo. Como do anterior mural da diversidade nos sobraran moitos anacos de papel verde que rasgáramos para simular a herba, e nós nunca tiramos nada, 😂, empregámolos para facer unha árbore de Nadal. Pegámoslle tamén as bolas decorativas que fixemos. Aquí vemos o proceso: o primeiro grupo fíxolle unhas ramas moi esquemáticas e o resto foron pegando anacos de diferentes tonos e texturas hasta darlle corpo á nosa árbore.

 

 


mércores, 16 de decembro de 2020

Deseño de mascarillas

  Os nenos e nenas foron adaptando os seus debuxos e os retratos dos compañeiros de clase á nova realidade Covid. Esta é unha  pequena  recopilación de algunhas das mascarillas que fixeron ao longo do primeiro trimestre. Son moitas máis. Fixeron, sobre todo as nenas, algunhas moi bonitas, todos uns deseñadores!. Pero aparte do debuxo, están mostrando unha capacidade de adaptación e aguante que algúns maiores non teñen. e son moi conscientes en xeral da importancia do seu uso e de levala ben colocada. Tamén damos un repaso ás normas de protección contra o coronavirus coas que insistimos cada día: a hixiene e lavado de mans, o xel hidroalcólico, o tema dos abrazos que é o que máis lles costa... bastante máis que aguantar os tapabocas todo día!. 

Un aplauso para os pequenos!!!👏👏👏



luns, 14 de decembro de 2020

Día das discapacidades


O pasado 3 de decembro conmemorouse o Día Internacional da Discapacidade, que este ano tiña o lema: UN DÍA PARA TODOS”.  Dende o Equipo de Convivencia propuxéronnos darlle visibilidade no cole a esta conmemoración e para o alumnado  de Infantil pasáronnos a proposta de facer un mural co lema "Capacidades Diferentes, Posibilidades Infinitas". Previamente, na clase tratamos de  sensibilizar aos nenos e nenas sobre a igualdade de oportunidades das persoas con discapacidade. 

Nós encargámonos de pintar o fondo do mural onde todos os nenos pegarían unha flor por equipo que nos representase a todos. Cada clase encargouse tamén de poñer un anaco de herba  e desde 3 anos a 5 rasgamos e pegamos papeis verdes de distintos tonos e texturas. 

Todos somos flores dun mesmo xardín.... 


 

domingo, 13 de decembro de 2020

Matemáticas con dados



 Algunhas actividades matemáticas que fixemos xogando cos dados: o xogo dos coellos, a pista dos dinosaurios, crear monstros e criaturas, crear muñecos de neve, dibuxar paisaxes, crear cadros tipo Miró, Van Gogh... Algunhas destas actividades implicaban o debuxo, outras riscar nun rexistro que levaba o que ganaba, outras o conteo adiante e atrás, a lectura de cadros de doble entrada... e todas nos fixeron pasar un bo rato.



 Xogaban por parellas ou de tres en tres e na de dibuxar onde tiñan que facer paisaxes ou crear monstros ou muñecos de neve xogaban todos os da mesa. Nos de conteo antes tivemos que inventar as reglas para saber onde avanzaban ou retrocedían e crearon a "casilla terrible" e o que caía nela tiña que comenzar de novo o xogo...



 

xoves, 10 de decembro de 2020

sesión de xogos na sala grande

 Fixemos unha sesión de xogos na sala grande, mantendo as distancias e usando o espacio sin restriccións. Por turno, tamén estabamos pintando o fondo para o mural do día das discapacidades que estábamos a facer en todo o centro. 


 

 

mércores, 9 de decembro de 2020

Creando con unha troqueladora

   UN folio de cor, outro blanco, UNHA troqueladora e UNHA tesoira de formas, pareceulles pouco para crear unha composición.... Ao principio quedaron bloqueados e preguntaban qué facer con só unha troqueladora, pero ao final soltaron a imaxinación e puxéronse a crear!. Tamén é certo que acabaron compartindo algunha forma que lles sobrou... Fixeron paisaxes, marcos, diseñaron galletas, edificios, "cadros abstractos"... Saleu de todo!


 

 

martes, 8 de decembro de 2020

Unha clase de coñecemento no monte

Fixemos unha nova saída cos nenos polo monte cercano ao cole. Unha clase de coñecemento no medio da natureza: vimos insectos, plantas, cogumelos, liques, paos, landras, piñas... e intentamos localizar paxaros observando e escoitando. Foi a actividade máis dificil: intentar gardar silencio e concentrarnos para escoitar o son das follas movidas polo aire e os paxaros...  E coma sempre queríamos traelo todo!.

 Tamén sairon os nenos de outro grupo de 5 anos. E nós íbamos de guías...




luns, 7 de decembro de 2020

O mural de medo do Samaín

 A nosa aportación para o Certamen de relatos e debuxos de medo convocado no cole foi este mural. Xa o pudestes ver no blog da Biblioteca  xunto cos das outras clases. (Non o puxen antes ata ver a resolución do certamen)
Aquí están os nenos e nenas  planificando e creando o noso mural de medo para o Samaín... que outros chaman Halloween. Máis que planificar, foi xurdindo coas aportacións de todos. Uns máis e outros menos, según lles iban xurdindo ideas: que si poñemos morcegos diante da lúa, que si poñemos sangre, pero que brille (puxémoslle barníz), que os fantasmas non destacan (marcaron as siluetas con rotus plateados)... 

 

O tema acabou sendo "unha montaña sangrienta" que tiña casas de medo, tumbas, e todos os personaxes que nos asustan: zombies, fantasmas, momias, vampiros, morcegos e cabazas terroríficas para enmarcar o mural... Hasta puxeron  unha cuna (xa non lembro si era para o bebé da familia de vampiros ou dos fantasmas jeje). E como, casi rematado, nos quedaba moi blanca a cor do fondo, buscamos en internet outra mestura que provocara máis medo...

   Este foi o resultado!


xoves, 3 de decembro de 2020

Unha "seta pulpo de Tasmania" en Bertamiráns!

   Fai uns días demos un paseo polo souto do Sr Manuel e cando estábamos recollendo follas de castiñeiro para as imprimacións, Juan, Lia e Xián comezaron a berrar: "un pulpo, Loli, un pulpo!". Seique ás veces andamos algo despistados... pero non tanto jeje. Así que fomos ver o que atoparan os nenos nunha esquina baixo un dos castiñeros. E vaia si o seu achádego parecía un pulpo: vermello e con pintas negras. Unha cousa ben rara "entre pulpo... e o alien da película!".
 
 
 
   Nunca vira cousa parecida e sin non chega ser polo seu pe, non diría que era un tipo de seta. Busquei en setas de Galicia e nada, en setas de España e tampouco, así que pedín axuda aos compañeiros e conseguimos identificala como unha seta pulpo. Non andaban descamiñados cando a atoparon!. Resulta que é orixinaria de Tasmania e chegou a Europa cunha partida de barriles na Primeira Guerra mundial. Veu do outro lado do mundo!. Si que viaxou!. É moi rara de ver, seique non é tóxica, pero cheira mal e ten un sabor moi desagradable. Non sei quen pudo comprobar esto último véndolle a pinta, pero bueno... sempre hai un que proba de todo, polo menos unha vez. E xa sabemos dúas cousas de Tasmania!

Despois do paseo escribimos un texto e dibuxamos as setas pulpo. Foi todo un descubrimento! 

 



martes, 1 de decembro de 2020

Creando coas follas secas

 Un dos días que saímos ao souto do Sr Manuel a carón do cole, recollimos follas secas dos castiñeiros e na clase fixemos impresión coas ceras. Despois, a partir das manchas de cores que nos quedaron, deixamos que traballase a nosa imaxinación e foron aparecendo todo tipo de criaturas: animais grandes, insectos,  nenos... 



luns, 30 de novembro de 2020

Achegándonos á lectoescritura

 Algunhas das maneiras nas que a través do xogo e outros medios nos achegamos á lectoescritura...


 

domingo, 29 de novembro de 2020

Un paseo polo monte de Castrigo

   Saímos cos nenos dar un paseo polo monte de Castrigo cerca do cole. Unha clase ao aire libre no que observamos o estado das follas dos carballos e dos piñeiros no outono. Atoparon de todo: piñas, landras, fungos, paos, silvas, arañas, opilións...algunha flor despistada que nos chamou moito a atención polo solitaria. Tamén vimos xestas que antiguamente se empregaban como escobas nas casas da aldea. 

  E o que máis nos gustou foi cando atopamos os "peidos de lobo", uns fungos enormes que parecen bolas e logo estrelas reventadas e cheas de esporas...

 Aínda que parece que estamos moi lonxe ese é o montiño a carón da carretera de Castrigo. Un anaco pequeno pero onde se viron inmersos no medio da Natureza... Cando volvimos a clase dibuxamolo todo. Algún fixo unhas silvas espectaculares. Pasámolo moi ben!


 

xoves, 26 de novembro de 2020

Deseñando tazas con grafismos

 Moitas veces facemos grafismos dándolle unha volta "práctica". Traballamos a grafomotricidade decorando as nosas tazas con todo tipo de deseños que se lles ocurriron. Con estos trazos traballamos a orientación, a planificación, organización e a capacidad de  atención. Cada un fixo o que máis lle gustaba. Antes fixemos algúns na PDI. Como Xián insistía que el quería facer dinosauros (como non!) e algunhas tamén querían facer corazóns e flores... e os outros lles decían que eso non era, fixemos unha "negociación"  e chegamos a un "acordo" que todos tiñan que cumplir: tres tazas serían con grafismos e a outra sería de deseño libre.... E así nos quedaron algunhas delas:


 Teño que decir que facendo esta montaxe botei de menos as conversas con tempo e sin distanciamento arredor das tazas das cafeterías... espero que cando todo volva á normalidade podamos celebralo xuntos!. ÁNIMO!!!

 

martes, 24 de novembro de 2020

O día do millo


Coma nos anos anteriores falamos dos productos de outono... e do millo. Telmo, que é un entusiasta do tema volveunos comentar que os avós e os veciños tiñan moito millo. Así que lle pedín a seu pai se nos podía conseguir un par de espigas de millo. Xa vedes a manchea que nos trouxeron: unhas preciosas espigas de millo de cores que temos na clase (aínda que non podemos tocalo e pasalo ou debullalo coma antes... ). Despois dibuxamos as nosas espigas de cor.



 Falamos das tarefas que se precisan para ter boas plantas de millo. Telmo foi o encargado de explicarlles aos compañeiros como se cultiva, que maquinaria se emprega e moitas cousas máis, como que cando se garda o millo é convinte quitarlle os pelos ás espigas para que os ratos non fagan as súas casas con el. Como algunhas espigas traían as follas contounos que era para atalo e colgalo. Falamos dos moitos usos do millo: como alimento para as persoas e os animais,  (pienso, fariña, palomitas, gusanitos...), antiguamente para facer xoguetes cos carozos (bonecas, lembrou Lia ), colchóns coas follas, e incluso bolsas biodegradables. Vimos o conto de "la gallinita sabia" de Disney que explica moi ben todo o proceso de cultivo e cantamos a canción de "Pan de millo", do grupo Migallas.


Tamén falamos dos muiños como o de Castrigo que fomos ver e de como funcionan. E vimos un documental do  museo dos muiños de Taramundi.

Como falamos do "DÍA DO MILLO", así con maiúsculas, Telmo pensaba que era pouco menos que unha festa institucionalizada máis. Na nosa clase xa o é!. Unha idea fantástica para propoñerlle a quen corresponda!. De feito hai aldeas que lembran estos traballos, por exemplo en Meiro, Bueu, teñen a Festa do millo corvo (casi negro) que está declarada de Festa de Interés turístico de Galicia. Seguro que son máis!. Ou deberían!.

 


crebacabezas navideños!

 Coa profe Marta, algúns dos nenos estiveron facendo crebacabezas navideños:


   



 

 

domingo, 22 de novembro de 2020

Observando setas!

  Fai un par de semanas saímos observar as follas caídas no patio, e atopamos unhas impresionantes setas de cor vermello e pintas blancas. Son amanitas!. Son moi doadas de identificar e aprendimos que son tóxicas e non debemos tocalas!. De feito, en canto as vimos mandeilles meter as máns nos petos para observalas con coidado. Quedoulles moi claro que aínda que sexan tan fermosas non se deben tocar, pero tampouco romper ou pisar, porque debemos ser respetuosos coa Natureza. 

 Despois, na clase debuxámolas e escribimos o seu nome. E, non hai como ver unha cousa en directo, senón mirade que detalle teñen os debuxos, que hasta lles dibuxaron os anacos que comeu algún bicho... Chegaron a ser tan grandes que as podíamos ver desde a nosa ventana e seguir o seu crecemento. Volvín despois para sacarlles máis fotos cando o sombreiro abreu de todo.

 
             

 



martes, 17 de novembro de 2020

Traballando no chan con tizas

 Durante algunhas sesións de recreos repartimos tizas brancas e de cor aos nenos. De seguida se soltaron a dibuxar, a facer retratos, formas xeométricas, espirais, escribir os seus nomes e os dos amigos, a facer mariolas, números... O chan e as gradas serviron de improvisada pizarra "dixital" e ademáis pasárono xenial!


 

sábado, 14 de novembro de 2020

Un Samaín de medo

 Unha nova montaxe  "máis de medo" coas fotos das cabazas que fixestes na casa para a exposición fotográfica no cole. Incluín tamén as fotos que me enviastes do proceso e algunha máis. Gracias a todos por colaborar nesta actividade!



xoves, 12 de novembro de 2020

Pintando hortensias secas

  Cando imos ao patio sempre pasamos por unha zona onde vemos unha mata de hortensias. No seu momento son azuis e rosas, pero co tempo van secando, virando de cor e poñendose o que lle chaman "aviñadas". Esa mestura outonal foi o que intentamos reproducir na clase pintando coa punta dos dedos. Por suposto sempre hai a quén non  lle chega a punta do dedo, emocionase e vai pasando do índice á palma da man enteira... Para o fondo escollemos a cor rosa e pedíronme algo de purpurina. Colgámolas nas ventanas da clase e ao trasluz o efecto do conxunto é moi bonito (aínda que nas fotos non se aprecia ben).


 

 

 

sábado, 7 de novembro de 2020

Exposición fotográfica das cabazas do Samaín

 Este ano polo coronavirus non pudemos facer a exposición das cabazas para o Samaín, pero fixose unha recopilación fotográfica de todas as que nos enviaron ao correo. Impriminas e puxémolas polos corredores. Nesta montaxe están as da nosa clase: morcegos, casas-cabazas, catrinas, pantasmas, minies, extraterrestres, monstros, dinosauros, vampiros, cabazas con máscarillas preocupadas polo planeta e ata unha cabaza coronavirus!.  Tamén vemos algunhas de disfraces, cos irmáns e durante o proceso .

   

(Esta montaxe xa inclúe as cabazas que chegaron despois). Moitas gracias a todos por atopar tempo para colaborar!

 Podedes ver e incluso votar as fotos que enviaron os nenos de todo o cole na galería  da web do cole, premendo AQUÍ.