luns, 30 de novembro de 2020

Achegándonos á lectoescritura

 Algunhas das maneiras nas que a través do xogo e outros medios nos achegamos á lectoescritura...


 

domingo, 29 de novembro de 2020

Un paseo polo monte de Castrigo

   Saímos cos nenos dar un paseo polo monte de Castrigo cerca do cole. Unha clase ao aire libre no que observamos o estado das follas dos carballos e dos piñeiros no outono. Atoparon de todo: piñas, landras, fungos, paos, silvas, arañas, opilións...algunha flor despistada que nos chamou moito a atención polo solitaria. Tamén vimos xestas que antiguamente se empregaban como escobas nas casas da aldea. 

  E o que máis nos gustou foi cando atopamos os "peidos de lobo", uns fungos enormes que parecen bolas e logo estrelas reventadas e cheas de esporas...

 Aínda que parece que estamos moi lonxe ese é o montiño a carón da carretera de Castrigo. Un anaco pequeno pero onde se viron inmersos no medio da Natureza... Cando volvimos a clase dibuxamolo todo. Algún fixo unhas silvas espectaculares. Pasámolo moi ben!


 

xoves, 26 de novembro de 2020

Deseñando tazas con grafismos

 Moitas veces facemos grafismos dándolle unha volta "práctica". Traballamos a grafomotricidade decorando as nosas tazas con todo tipo de deseños que se lles ocurriron. Con estos trazos traballamos a orientación, a planificación, organización e a capacidad de  atención. Cada un fixo o que máis lle gustaba. Antes fixemos algúns na PDI. Como Xián insistía que el quería facer dinosauros (como non!) e algunhas tamén querían facer corazóns e flores... e os outros lles decían que eso non era, fixemos unha "negociación"  e chegamos a un "acordo" que todos tiñan que cumplir: tres tazas serían con grafismos e a outra sería de deseño libre.... E así nos quedaron algunhas delas:


 Teño que decir que facendo esta montaxe botei de menos as conversas con tempo e sin distanciamento arredor das tazas das cafeterías... espero que cando todo volva á normalidade podamos celebralo xuntos!. ÁNIMO!!!

 

martes, 24 de novembro de 2020

O día do millo


Coma nos anos anteriores falamos dos productos de outono... e do millo. Telmo, que é un entusiasta do tema volveunos comentar que os avós e os veciños tiñan moito millo. Así que lle pedín a seu pai se nos podía conseguir un par de espigas de millo. Xa vedes a manchea que nos trouxeron: unhas preciosas espigas de millo de cores que temos na clase (aínda que non podemos tocalo e pasalo ou debullalo coma antes... ). Despois dibuxamos as nosas espigas de cor.



 Falamos das tarefas que se precisan para ter boas plantas de millo. Telmo foi o encargado de explicarlles aos compañeiros como se cultiva, que maquinaria se emprega e moitas cousas máis, como que cando se garda o millo é convinte quitarlle os pelos ás espigas para que os ratos non fagan as súas casas con el. Como algunhas espigas traían as follas contounos que era para atalo e colgalo. Falamos dos moitos usos do millo: como alimento para as persoas e os animais,  (pienso, fariña, palomitas, gusanitos...), antiguamente para facer xoguetes cos carozos (bonecas, lembrou Lia ), colchóns coas follas, e incluso bolsas biodegradables. Vimos o conto de "la gallinita sabia" de Disney que explica moi ben todo o proceso de cultivo e cantamos a canción de "Pan de millo", do grupo Migallas.


Tamén falamos dos muiños como o de Castrigo que fomos ver e de como funcionan. E vimos un documental do  museo dos muiños de Taramundi.

Como falamos do "DÍA DO MILLO", así con maiúsculas, Telmo pensaba que era pouco menos que unha festa institucionalizada máis. Na nosa clase xa o é!. Unha idea fantástica para propoñerlle a quen corresponda!. De feito hai aldeas que lembran estos traballos, por exemplo en Meiro, Bueu, teñen a Festa do millo corvo (casi negro) que está declarada de Festa de Interés turístico de Galicia. Seguro que son máis!. Ou deberían!.

 


crebacabezas navideños!

 Coa profe Marta, algúns dos nenos estiveron facendo crebacabezas navideños:


   



 

 

domingo, 22 de novembro de 2020

Observando setas!

  Fai un par de semanas saímos observar as follas caídas no patio, e atopamos unhas impresionantes setas de cor vermello e pintas blancas. Son amanitas!. Son moi doadas de identificar e aprendimos que son tóxicas e non debemos tocalas!. De feito, en canto as vimos mandeilles meter as máns nos petos para observalas con coidado. Quedoulles moi claro que aínda que sexan tan fermosas non se deben tocar, pero tampouco romper ou pisar, porque debemos ser respetuosos coa Natureza. 

 Despois, na clase debuxámolas e escribimos o seu nome. E, non hai como ver unha cousa en directo, senón mirade que detalle teñen os debuxos, que hasta lles dibuxaron os anacos que comeu algún bicho... Chegaron a ser tan grandes que as podíamos ver desde a nosa ventana e seguir o seu crecemento. Volvín despois para sacarlles máis fotos cando o sombreiro abreu de todo.

 
             

 



martes, 17 de novembro de 2020

Traballando no chan con tizas

 Durante algunhas sesións de recreos repartimos tizas brancas e de cor aos nenos. De seguida se soltaron a dibuxar, a facer retratos, formas xeométricas, espirais, escribir os seus nomes e os dos amigos, a facer mariolas, números... O chan e as gradas serviron de improvisada pizarra "dixital" e ademáis pasárono xenial!


 

sábado, 14 de novembro de 2020

Un Samaín de medo

 Unha nova montaxe  "máis de medo" coas fotos das cabazas que fixestes na casa para a exposición fotográfica no cole. Incluín tamén as fotos que me enviastes do proceso e algunha máis. Gracias a todos por colaborar nesta actividade!



xoves, 12 de novembro de 2020

Pintando hortensias secas

  Cando imos ao patio sempre pasamos por unha zona onde vemos unha mata de hortensias. No seu momento son azuis e rosas, pero co tempo van secando, virando de cor e poñendose o que lle chaman "aviñadas". Esa mestura outonal foi o que intentamos reproducir na clase pintando coa punta dos dedos. Por suposto sempre hai a quén non  lle chega a punta do dedo, emocionase e vai pasando do índice á palma da man enteira... Para o fondo escollemos a cor rosa e pedíronme algo de purpurina. Colgámolas nas ventanas da clase e ao trasluz o efecto do conxunto é moi bonito (aínda que nas fotos non se aprecia ben).


 

 

 

sábado, 7 de novembro de 2020

Exposición fotográfica das cabazas do Samaín

 Este ano polo coronavirus non pudemos facer a exposición das cabazas para o Samaín, pero fixose unha recopilación fotográfica de todas as que nos enviaron ao correo. Impriminas e puxémolas polos corredores. Nesta montaxe están as da nosa clase: morcegos, casas-cabazas, catrinas, pantasmas, minies, extraterrestres, monstros, dinosauros, vampiros, cabazas con máscarillas preocupadas polo planeta e ata unha cabaza coronavirus!.  Tamén vemos algunhas de disfraces, cos irmáns e durante o proceso .

   

(Esta montaxe xa inclúe as cabazas que chegaron despois). Moitas gracias a todos por atopar tempo para colaborar!

 Podedes ver e incluso votar as fotos que enviaron os nenos de todo o cole na galería  da web do cole, premendo AQUÍ.

xoves, 5 de novembro de 2020

Día de setas e sementes.

  Fai uns días, no mes de outubro, demos un paseo polo patio de 3 anos. Ibamos ver como estaban as follas caídas no outono das árbores que vemos pola ventana da clase. Como leva sin ser pisado desde antes do confinamento, levamos unha sorpresa: ademáis das preciosas follas do liquidambar e do carballo americano, pudemos observar que estaba cheo cheo de plantiñas nacidas no medio da area, estrado das mazas bravas da maceira... (a natureza abríndose paso coma en parque xurásico jeje *)  e sobre todo con moitas setas de todo tipo, que tivemos bo coidado de non tocar, porque algunhas tiñan pinta de non ser das boas. Eso si, follas e sementes do arce común collemos unhas cuantas que levaron para casa. Foi unha clase de coñecemento ao aire libre!. E moito botamos de menos ese patio 😔

(* o que fai non ter 3 clases cheas de nenos pisando cada día no recreo 😇)

mércores, 4 de novembro de 2020

Plantando bulbos no outono

 No mes de outubro pedímoslles aos nenos que nos trouxeran tazas que tivesen pola casa e nelas plantamos bulbos de xacintos. As tazas fixeron de macetas. Nun barreño mesturamos a terra con area para que fose máis esponxosa e botamos moi pouca auga... Agora toca esperar!. Están impacientes para ver a quén lle agroma antes. E apenas 15 días despois xa asomou o primeiro!

 


Pintando con só dúas cores

A premisa era pintar cunha sóa cor e engadir despois algún detalle en negro. Poderíamos crear algo coa misma expresividade que empregando todas as cores e compartindo os botes de pintura e pinceles coma facíamos sempre? Visto o que fixeron a maioría, parece que a cantidade de material non é o único que precisamos para ser creativos...

 







domingo, 1 de novembro de 2020

Un longo bosque de tiras...

 Ao día seguinte da saída a Castrigo fixemos esta actividade. Tiñan que rachar cos dedos tiras estreitas de cartulina para facer troncos e polas de árbores, altos, baixos, delgados ou grosos... Despois había que pegalos e pintar o fondo. Mentras rachaban as tiras ibamos falando dos diferentes troncos que coñecíamos. Traballaron a destreza motriz e aínda que primeiro pensaron que era bastante doado, comprobaron que rachar tiras dunha medida determinada era máis complicado do que pensaban... Pouco a pouco conseguimos un longo bosque que cubría todo o ventanal da clase.