mércores, 31 de marzo de 2021

Debuxar... "e pensar nas musarañas"

 Fixemos unha saída coas "tabletas" para dibuxar o que ibamos atopando. Esta vez quedamos sorprendidos por atopar o que eles pensaron era un ratiño morto no medio do camiño. En realidade tratábase dun animaliño moito máis interesante e dificil de ver: unha MUSARAÑA (en galego, unha CORTA). Un mamífero carnívoro que é dos máis pequenos do mundo e ten un metabolismo moi acelerado polo que precisa estar comendo seguido. É un feroz cazador a pesar dos seus escasos centímetros...

 Estas son as fotos da saída para observar o  entorno e como o dibuxamos: árbores, flores, paxariños, escarabellos, formigas, volvoretas... e por suposto "pensando nas musarañas"

  As cortas ou musarañas atacan e cazan todo o que sexa máis pequeno que elas e destacan polo seu fociño longo e polos longos peliños sensibles do bigote. Están en perigo de extinción polos cambios no seu habitat e por ser moitas veces confundidas cos ratos. Estivemos vendo o seu corpiño e despois deixámolo na cuneta para que seguise o ciclo da vida... Logo debuxámolo e ao volver a clase buscamos algúns videos para vela en movemento. 

Identificando flores e herbas

 Outra das saídas que fixemos no mes de marzo polo camiño de Castrigo foi para buscar e tratar de identificar distintas flores e herbas. Nas láminas levamos as fotos e tiñamos que ler os nomes para saber o que ibamos atopando. Por suposto vimos moitas máis e outras non conseguimos atopalas...


 

SAÍDA CON LUPAS E TABLETAS

   Nunha entrada anterior xa vos contei que cando xogamos aos Scavengers vimos que ao ter que escribir ou dibuxar no chan os folios non eran a mellor opción... En esta saída xa solucionamos este problema. Mercamos unha chapa de madeira e unhas pinzas  e o pai da nosa compañeira Sandra cortounos unha "tableta" para cada un. Quedaron xeniais e son fantásticas para dibuxar e escribir nelas polo camiño. 

  E así saímos con lupas e coas nosas tabletas "analóxicas",  preparados para observar o entorno polo camiño de Castrigo a buscar  o que tíñamos nas láminas. Tíñamos que ir por parellas porque cada un levaba a metade das imaxes. 



As lupas non chegaban a nada!😉




 

 

 

xoves, 18 de marzo de 2021

Tarsy Carballas, a científica do solo

 As nenas e os nenos fixemos un lapbook sobre Tarsy Carballas "a científica do solo".  Para conmemorar o "DÍA INTERNACIONAL DA MULLER NA CIENCIA", cada clase tiña que escoller unha científica galega. Ao principio ibamos facer un mural con unha cartulina como soporte, pero según aprendíamos cousas sobre Tarsy as solapas (capas, ventanas ou lapelas) foron aumentando e ao final xa eran catro cartulinas.

 Despois contamos neste video o que averiguamos sobre ela. Algúns con moitos nervios, outros con máis soltura, pero todos acabaron decindo algo sobre Tarsy. Aprendimos moito sobre esta muller que foi unha pioneira na investigación nun tempo no que este campo non se consideraba axeitado para as mulleres... e aínda segue investigando!. E nós, como ela, tamén recollemos moitas mostras diferentes do solo!. Quedámonos sobre todo coa idea que o solo está vivo e agora mírano dun xeito diferente. E tamén nos preocupou moito como lle afectan os incendios tanto ao solo como aos seres vivos que viven nel.

tipos básicos de solo



martes, 9 de marzo de 2021

Cancións: Chea de vida e Rosalía pequeniña

Na clase de  música coa profe Carla os nenos traballan moito con cancións de artistas galegos, tanto para potenciar a nosa lingua como para fortalecer a linguaxe xestual. Para o día internacional da muller, a profe Carla traballou cos nenos o tema "Chea de vida" de Guadi Galego, tanto polo seu contido e significado como pola lingua de signos coa que traballaron coa axuda dun video. Disfrutaron moito con esta canción.

 E cando traballamos sobre Rosalía de Castro prepararon  a canción "A pequena Rosalía" de Uxía Xenlle quen en colaboración coa Editorial Galaxia, editou 'Rosalía Pequeniña', un libro-disco infantil no que canta os seus poemas coa intención de difundir entre os pequenos a figura da poeta galega, a quen presenta como "pirata" e "insumisa".



Canción: A que sabe a lúa?

 Na clase de  música coa profe Carla, os nenos traballan moito con cancións de artistas galegos, tanto para potenciar a nosa lingua como para fortalecer a linguaxe xestual e incluso de signos. Aquí están interpretando  "A que sabe a lúa?". Os nenos e nenas amosan nestos videos o que disfrutan interpretando e cantando cancións coma se de un xogo se tratase. A fin de contas, diso vai o tema: de aprender xogando e cantando. Esperemos que disfrutedes tanto coma eles.


 

domingo, 7 de marzo de 2021

Scavengers na Maía!

  Fai uns días fixemos un xogo de scavengers, rastreadores ou buscadores.  Demos un paseo hasta o muiño e lavadoiro de Castrigo e levamos cada un de nós un folio con vinte elementos (insectos, follas, brotes e outros) que ir marcando só si os atopábamos...Tíñamos que buscar as sinais da primavera. Buscamos e buscamos ata atopar a maioría das cousas. Algúns son un pelín competitivos!. 

  Tamén vimos que ao ter que escribir no chan os folios non eran a mellor opción... Na saída que fixemos despois solucionamos este problema: xa veredes como!

  Esta foi a nosa sesión de buscadores!. Unha clase máis de coñecemento do medio. O máis emocionante foi ver dando voltas por riba de nós unha parella de miñatos coa cría deste ano.  Despois na clase buscamos no ordenador como son estas rapaces e o que comen... Con razón as galiñas do veciño, que sempre andan alborotadas cando pasamos, esta vez estaban caladas e agochadas...😏

martes, 2 de marzo de 2021

Retratos: iguais pero diferentes!

 Fai uns días fixemos unha colección de retratos. Comezamos pintando o óvalo do rostro en A3 e para conseguir o tono de pel fixemos a primeira mestura con maxenta, blanco e amarelo... pero saleu unha cor que eles definiron coma "rosa cerdito" e que non nos convencía porque ningún tíñamos ese ton de pel. Así xurdeu a pregunta de cal é realmente a cor carne?... Que cor é esa si todos somos diferentes?. Así que fixemos unhas cuantas mesturas e probámolas pintando sobre a nosa pel.


 Foi unha divertida sesión na que comprobamos que non había dúas iguais, si acaso algo parecidas... Na rede tamén vimos retratos de moitas persoas diferentes e chamounos moito a atención o ton de pel dos albinos.

   Pedíramoslles aos nenos que  trouxeran ollos, bocas e narices recortados, pero como non se axeitaban á proporcionalidade rematei buscando na rede e imprimindo unha variedade e gardamos os da casa para outra ocasión. Cada neno escolleu e recortou os que quixo e despois pegamos papeis para facerlle o pelo: cortos, longos, lisos, con mechas...

 E así nos quedaron os retratos.