sábado, 18 de maio de 2019

O Maio

     Os pequenos de 3 anos achegáronse á tradición dos maios e fixeron este de papel. Despois buscaron e escolleron en internet  as flores que lles gustaban.... e, como vimos maios que levaban ovos e froitas, tamén lle puxeron limóns. 

 Pintáronas e recortáronas e como algunhas eran un pouco máis dificiles algúns encargáronse de repasar os recortes e así todos colaboraron na súa medida. Aínda así algunhas acabaron un pouco recortadas de máis... e sin posibilidade de reconstrución.... Cuestión de practicar.
   Cando todo estivo rematado, clasificaron por tamaños e pegáronas facendo grilandas... Quedounos un bonito maio que compartimos cos compañeiros do cole colgándoo na entrada.

  

venres, 17 de maio de 2019

Lia, Manu e a gaita galega


  Dentro das visitas o cole tivemos a de Manu, o pai de Lia, que estaba toda emocionada e impaciente por traelo a clase. Manu trouxo a gaita que toca desde pequeno e contounos que durante moitos anos estivo nun grupo.  
Ademáis montouna diante deles e explicounos que é un instrumento de vento, como funciona e como se chaman as pezas que a compoñen. Foi unha experiencia moi bonita e pasámolo xenial.


 
 Trouxo tamén a monteira e cando marchou buscamos na rede o resto de pezas do traxe galego.
  Quedaron impresionados pola potencia e son deste instrumento que acompaña aos galegos na maior parte das nosas celebracións. De seguro hoxe nos acompañou ao longo do Día das Letras galegas.
 Fixen dúas montaxes, unha coas fotos da visita e outra de video cuns anaquiños das pezas que Manu tocou na clase. Espero que vos gusten.
 Moitas grazas Manu por vir pasar este rato con nós.

luns, 13 de maio de 2019

Cristina, Sabela, Rami e Lara: "Ter amigos é divertido"

  Dentro das visitas dos papás e mamás para contarnos contos, houbo unha excepción. Como os de Lara non podían vir "delegaron" en Cristina, a súa irmá maior. Foi unha experiencia moi bonita de lectura de maiores a pequenos e Lara estaba moi emocionada coa visita. Cristina veu con dous compañeiros de clase, Sabela e Rami e entre os tres leron o conto "Ter amigos é divertido" de Rob Lewis
 Durante a visita os pequenos estiveron moi atentos a esta historia...  e aos contadores e portáronse xenial.
  Reseña: Ambrosio é un coelliño que se muda a un sitio novo, o que máis lle gusta é nadar e intenta buscar amigos cos que poida compartir a súa afección pero vainos rexeitando porque todos teñen algún defecto para el... Ao final acaba por decatarse de que é máis importante ter amigos que calquera outra cousa.
 

  Unha historia sobre o respeto na que vemos que todos somos diferentes e que hai que aceptar aos demais tal como son, xa que todos nos poden aportar algo.  

Moitas grazas a Cristina, Sabela e Rami por contarnos este conto!. 
Unha proba de que ter amigos é divertido!

domingo, 12 de maio de 2019

Roberto e Belén contan "O sol chega tarde"

   Seguindo coas visitas dos pais e nais para contarnos un conto, Roberto e Belén, os pais de  Carla e Marta trouxeron "O sol chega tarde". O texto de Susana Peix conta a través das fermosas ilustracións de Anna Llenas o que pasa un día que o sol non desperta a tempo e as dificultades que atopa para que se faga de día. 
   Unha divertida historia sobre como sobrepoñerse ás dificultades que nos podemos atopar.

   Carla e Marta estaban moi emocionadas por ter na clase a seus pais. Moitas grazas Roberto e Belén por visitarnos e compartir con nós esta bonita historia.
Esta é unha montaxe coas fotos da visita. Espero que vos guste!
 

sábado, 11 de maio de 2019

Carola, Andrés, Abril e o carnaval dos animáis

 Carola e Andrés, os pais de Abril, viñeron a clase a contarnos o conto "O carnaval dos animais" da escritora e tamén ilustradora canadiense Marianne Dubuc. Unha divertida historia que lles gustou moito, na que os animais aproveitan as características máis importantes de outros para disfrazarse.
 
 E despois, aproveitando unha colección de animais que temos na clase, faláronnos de insectos, arácnidos, escaravellos e as súas diferenzas e características máis importantes... E tamén acabaron falando de dinosaurios ...que nos pillaban de paso!
  Moitas grazas aos dous por vir e pasar este ratiño con nós na clase!

luns, 6 de maio de 2019

Verónica, José Manuel e Martín

Os pais de Martín, Verónica e José Manuel, viñeron a clase a celebrar con nós o Día do Libro. Agasallaron a cada neno cun libriño cos seus nomes que fixeron eles, para que esta vez fosen os propios nenos os lectores. Como actividade para facer en familia na casa deixamos a segunda parte: en cada páxina tiñan recoñecer os nomes e pegar as fotos dos seus compañeiros... así que tamén fixeron de editores.

  Despois escollimos para contar un conto dos que temos na clase: Os tres porquiños.  Escoitárono coa misma emoción e sorpresa que as outras cen veces que seguro o fixeron antes!. Todo un clásico!

 Moitas gracias Verónica e José Manuel por vir a clase a participar nesta actividade... e polo traballo de facer os libriños personalizados.

 

xoves, 2 de maio de 2019

De que cor é un bico?


  Recibimos a visita da nai de Lola, Carmen, que nos trouxo un precioso conto: "De que cor é un bico?". Recibírona cunha chea de abrazos e despois foron presentándose e escoitaron con moito interés. Lola estaba moi emocionada axudando á súa nai. Despois de ver as coloridas ilustracións intentamos dibuxar bicos e corazóns das nosas cores favoritas....  Este conto é de Rocío Bonilla  e no enlace do nome podedes entrar na páxina para ver outras das súas obras.
 
 
  Reseña: A Minimoni encántalle pintar mil cousas de cores: xoaniñas vermellas, ceos azuis, plátanos amarelos... pero nunca pintou un bico e quere saber de que cor será? Vermello coma unha deliciosa salsa de tomate? Non, porque tamén é a cor de cando estás enfadado... Será verde coma os crocodilos, que sempre lle pareceron tan simpáticos? Imposible, porque é a cor das verduras, e non lle gusta comelas!. Nin blanco porque é frío .... A través das páxinas do conto vai intentando averiguar de que cor serán. 
 Moitas grazas Carmen por vir a clase a compartir con nós este conto!

mércores, 1 de maio de 2019

Unha eiruga moi larpeira con Sandra e Maeba

   Para conmemorar o día do libro, no mes de abril comezamos a recibir na clase as visita de mamás e papás que nos viñeron a contar un conto. Na primeira visita Sandra a nai de Maeba  contounos o conto "La oruga glotona", "Unha eiruga moi larpeira" de Eric Carle. Trouxo monicreques de pao e figuras dos alimentos que vai comendo a eiruga desde que nace ata que se transforma en volvoreta. 

   Tamén nos trouxo dibuxos de eirugas para colorear e cando marchou rematámolas e puxémoslle paos para facer tamén un pequeno monicreque que foi o que levaron a casa. 
 Pasámolo moi ben a pesar de que a Maeba lle costou "un pouquiño" deixar marchar á súa mamá....

 Grazas Sandra por colaborar nesta actividade! 

luns, 29 de abril de 2019

Con Anxo Moure, o carballo con botas!

  No outono vimos o conto "o carballo con botas" de Anxo Moure. Despois trouxemos a clase botas, xapatillas e tenis vellos que pedimos aos papás e fixemos varias plantacións de carballos que non naceron e despois de glicinias que a pesar de tódolos coidados tamén nos fallaron ....ou igual foi por exceso de coidados.
Finalmente fixemos outra cousa que foi todo un éxito e que xa vos contaremos en breve. 

E o día 24 fomos á Biblioteca a ver a Anxo Moure, que nos encantou. Foi unha actividade organizada polo equipo da biblioteca con motivo do Día do Libro. Pasámolo xenial e despois acompañounos a ver as nosas clases e o que tíñamos plantado.  Podedes ver os videos na entrada do Blog da Biblio  premendo AQUÍ.
 
   Aquí estamos nunha das plantacións:
 Cando veu con nós a clase , montado no seu Nubinete!