domingo, 22 de maio de 2011

Un paseo por Castrigo

      Un venres collimos camiño cara Castrigo. Queríamos chegar ata o rio e comprobar si era un sitio axeitado para soltar os cágados e as rás que tiñamos na clase. Estiveramos aprendendo cousas sobre estes anfibios e a súa metamorfose, desde que nacen ata que se van convertindo en rás. Cada día marcábamos nun cadro cando lle ían aparecendo as patas traseiras, as dianteiras e encollendo a cola para transformarse diante nosa en pequenas rás. Durante algo máis dun mes, cada día era maior a emoción de ver os cambios que se producían neles. Por eso necesitábamos un sitio seguro para soltalos e por eso fomos a Castrigo.
       Polo camiño atopamos lagartixas, caracois, bolboretas, abellas, abellóns, escarabellos.... a cada paso íamos deténdonos para falar do que atopabamos. Tamén falamos das plantas que están no camiño: algunhas comestibles, outras venenosas, as melíferas etc. Podedes supoñer o tempo que nos levou chegar...!!!
     Cando por fín chegamos ao rio, falamos dos muiños e o seu uso, dos lavadoiros e de como antigamente se lavaba a roupa neles... Sorpréndelles que, fixera sol ou frio, as xentes tiveran que ir aos lavadoiros, que non en tódalas casa había lavadoras, que hoxe eles disfrutan de comodidades das que apenas son conscientes, e que en outras partes do mundo sería unha fortuna dispoñer dunha fonte e dun lavadoiro coma este de Castrigo...De todo eso falamos nun paseo pola aldea de Castrigo...
      Coa emoción de xogar coa auga, case esquecimos as rás ata que as oimos croar... eran moi grandes  (rá verde común ), aínda que non lle puden sacar fotos de cerca. Nesta presentación podedes ver o paseo que dimos.

       Finalmente non soltamos as rás no rio,  pero acabaron nun estanque onde están a medrar e esperamos que cheguen a adultas sen problemas, xa que a supervivencia dos anfibios  e un indicador da saúde medioambiental dun ecosistema.
    
       Os anfibios están en perigo constante e por desgracia cada día seguen a aparecer noticias da  *desaparición dunha especie de anfibios*( picade aquí para ver as consecuencias)*. 


Sería unha pena que os nosos nenos e nenas  non tivesen a posibilidade de sentarse á beira dunha poza, dun estanque ou dun rio a ver nadar os cágados e escoitar o croar  das rás...