mércores, 3 de febreiro de 2016

Percusión con paos

   Unha das primeiras músicas da humanidade foi de percusión repetindo distintos ritmos. Tamén é a primeira forma na que os pequenos se achegan á música. Non tedes máis que velos no patio cando as palas e os cubos se convirten en baterías!. Nós fixemos o mesmo, achegarnos á percusión empregando xogos rítmicos. Primeiro facémolo con partes do noso corpo, con palmadas nas máns, nas pernas, no chan... E despois empregamos os paos de madeira das construcións. 

      Xogamos coa forza, a intensidade, a velocidade e o silencio. Traballamos os graves e os agudos e sobre todo traballamos a discriminación auditiva. Intentamos imitar e repetir distintos patróns rítmicos. Conseguimos facelo en grupo bastante ben, pero o que nos costaba moito era que distintos grupos fixesen ritmos diferentes... todos rematabamos co mesmo. Queda para máis adiante...

     Para meternos en ambiente con algo de humor, primeiro vimos o corto de animación que vos enlazo aquí : "Alfredo o cavernario".    Despois pasámolo moi ben facendo "ruido". (A música do video é de Dawid  Jaworski)

 "O ritmo é a base da música, repítese e repítese (o que dá seguridade) e pode cambiar o ánimo das persoas, porque estimula a parte do cerebro que se encarga das funcións vitais, proporciona placer e provoca emocións."

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Comentarios: a túa opinión conta!