venres, 23 de setembro de 2011

Benvidos !

Ola a todos e todas!
aquí estamos outra vez, no inicio dun novo curso,  no que xa somos "os maiores do cole", aínda que faltan uns cuantos nenos e nenas por cumplir os cinco anos. Tardei un pouco en reabrir o blog , xa que igual que me pasa coas despedidas, sempre me costa atopar as palabras para comenzar de novo. Como se inicia un curso? Como se conta nunhas poucas liñas o que pretendes facer ao longo dos vindeiros meses?. Como se transmite a ilusión que todos poñemos no día a día?. De que xeito se explica que este é un proceso diferente, no que "o  producto", igual non se aprecia de xeito inmediato, senón a longo prazo?. No que o resultado do esforzo diario é a formación de persoas completas, que sepan cousas, que adquiran coñecementos, pero sobre todo que teñan ganas de saber máis, de adquirir máis coñecementos, de investigar e sobre todo que sexan capaces de pensar por si mesmos, que sexan creativos, boas persoas, bos compañeiros, bos amigos, xenerosos, responsables, traballadores... case nada!.
        E por riba, pretendemos conseguir todo eso estando como estamos inmersos nun mundo que a través das imaxes da publicidade e da televisión o que nos transmite son uns valores materiais, de ter máis, de ser máis, de aparentar máis... Por eso quero suliñar o voso/noso protagonismo e responsabilidade insustituibles como pais, nais e mestres na educación integral dos nenos e nenas e agradecer a vosa colaboración durante o curso. O voso exemplo será, en colaboración coa escola, o mellor xeito de formar aos alumnos e alumnas como persoas completas, capaces de desenvolverse con respecto, autonomía e responsabilidade no mundo no que lles toca medrar. Gracias.

    É, por certo,..... este curso pensamos facer "cousas de grandes".