venres, 6 de decembro de 2013

EXPOSICIÓN SOBRE OS CASTROS

   Onte viñeron de visita os nenos e nenas da clase da profe Lidia (os de 5ªA  de Infantil). Contaron unha parte do seu traballo sobre a viaxe da imaxinación que facemos todos os de catro anos: a mesma idea de orixe e logo cada grupo "viaxa" según os intereses propios. Na súa clase un neno trouxo fotos nos petroglifos de Bertamiráns (os que están debaixo da autovía a Santiago) e outro dentro do Castro de Baroña. Cando lle mostraron esas fotos os compañeiros quixeron saber máis cousas sobre eles e intentaron facer un. E así, pouco a pouco, fixeron a maqueta dun castro. Quedoulles tan bonito e estaban tan orgullosos do traballo, que lles pedín que viñesen a explicalo. 
    A veces traemos xente de fora para que nos conte cousas, pero esta foi unha sesión especial xa que a información estaba na clase de enfrente e agora os nenos queren repetila con próximos proxectos. Estas son as fotos :

       Despois dos primeiros momentos de vergoña e de querer contar todo á vez, soltáronse e contaron como fixeron a maqueta e os materiais empregados: pasta de modelar, plastilina, cartón, serrín , musgo, palillos ...e bonecos de plaimóvil. Tamén falaron das dificultades atopadas, sobre todo para facer os tellados!
      Logo nós preguntámoslles cousas da xente que vivía nos castros e eles explicaron que eran celtas, que facían as casas de pedras e as pegaban con barro e bosta das vacas (un detalle do que todos se acordaban...), que as casas non tiñan ventás, que comían peixe, carne  e tamén marisco... que as murallas eran para defenderse dos romanos... e Álvaro rematou decindo que agora xa non quedan nin celtas nin romanos... 

       Foi unha sesión moi interesante na que todos compartimos coñecementos e rematámola con un forte aplauso .
       Agora a maqueta está exposta na entrada do colexio se a queredes ver.
Esta é unha composición na ubicación real do castro de Baroña:





       E  por si queredes saber máis sobre o noso patrimonio e  "os petroglifos de Ames" entrade na páxina do IES de Ames  xa que un grupo de alumnos coordinado pola profesora Eva Garea, acaba de gañar o  Premio Nacional de Educación a Centros educativos  outorgado polo Ministerio de Educación e Cultura (clicade aquí para ver a memoria do seu fantástico traballo)

      Estas fotos corresponden ao petroglifo que está máis preto do colexio, baixo a autovía.... e tamén mostran o que pode facer a ignorancia cando se xunta coa barbarie e cun bote de pintura!


              

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Comentarios: a túa opinión conta!