martes, 1 de maio de 2012

OS VERMES DA SEDA

      Este luns tivemos unha visita: a directora xeral de Comercio, Nava Castro, presentounos  o módulo Os vermes da seda do programa didáctico “Enredando, artesanía na escola” organizado pola Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño co obxectivo de achegar os oficios artesanais aos rapaces para que poidan coñecelos e valoralos mellor.
        Na presentación  que nos fixeron na sala de psicomotricidade (o único espazo onde cabemos todos) estaban o alcalde de Ames, Santiago Amor, o concelleiro de Educación Bernardo Moar, a directora Lita Avilés e a xefa de estudos Mari Luz ... e máis de 200 impacientes nenos.
      Mª José Martínez, que é a coordinadora do proxecto entre os colexios, foi a que lles presentou o conto aos nenos e nos deixou o material e un exemplar para os nenos.




      No taller da seda, a Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño distribuíu entre os colexios participantes o material e as ferramentas necesarias para desenvolver o proxecto: "2 caixas, ovos e moitos vermes pequeniños".  Deste xeito, os alumnos poderán coñecer nunha primeira fase o proceso de produción da seda, dende a cría e evolución dos vermes ata, nunha segunda fase, a extracción da mesma para a confección do fío e a elaboración das teas empregando os teares. Trátase de que os máis pequenos coñezan e valoren o produto feito á man. Como sabedes, na clase nós xa somos expertos na cría de bolboretas xa que estivemos a coidar 3 eirugas de papilio durante seis meses e o proceso da cría de vermes de seda xa o víramos cando eramos máis pequenos, agora queremos ir un pasiño máis alá para ver que se fai cos casulos e cos fíos de seda.




As eirugas son moi diferentes!


a eiruga que trouxo Cristobal

os vermes da seda


As bolboretas tamén!

a nosa papilio

a da seda