domingo, 29 de maio de 2011

Un soño na bandexa

      Os máis pequenos do cole, repartidos en dous grupos, recibimos esta semana, na Biblioteca, a visita da escritora Mariné Lorenzo Corcoba e do ilustrador  Jorge Vázquez que nos viñeron a contar o seu libro "Un soño na bandexa"  pertencente á colección Tartaruga editado por Galaxia. Na clase estábamos a traballar nesta historia dunha rapaza soñadora e dun amable camareiro e da importacia das cousas que non se poden mercar con cartos. Tamén pintamos entre todos os dous murais grandes da rapaza e do camareiro. ( A pesar do evidente plaxio, Jorge díxonos que nos quedaran moi bonitos... e quedamos tan contentos)   

*Mariné Lorenzo*

             Na sesión de contacontos, Mariné narroulles a historia da nena e Jorge dibuxaba. "Un  soño  na  bandexa " é un fermoso soño. Cóntanos o que pasaría se un día se nos dese por pedir cousas moi especiais a un camareiro disposto a soñar con nós...  Despois pediron voluntarios e Jorge axudoulles a realizar os trazos máis representativos do camareiro.
Jorge Vázquez

          Para os nenos resulta bastante dificil decatarse do valor de determinadas cousas porque, afortunadamente, téñenas. En principio o que eles máis desexan son cousas materiais: roupa, contos, xoguetes etc... Na clase, despois de varias sesións e de falar moito, pasamos a expresar outro tipo de desexos máis relacionados coa maxia: fadas, varitas máxicas, castelos de conto e, non sei porque, moitos unicornios... Máis tarde, noutra sesión  presenteilles fotos doutros nenos iguais a eles en circunstancias vitais moi afastadas a nós (nenos soldado en África, nenos que perderan a casa nun terremoto, nenos vítimas da guerra, nenos que carecen de auga potable etc) e así foi como  pasamos a expresar desexos doutro tipo: unha fonte que non se seque nunca , unha neveira sempre chea de comida, unha casa que non se rompa nunca pase o que pase etc... Poden parecer desexos relacionados coa maxia, pero en realidade expresan a súa necesidade de seguridade e de estabilidade...        
        
          A capacidade para decatarse do valor das cousas verdadeiramente importantes na vida vaise desenvolvendo coa idade e vai marcando a  aparición da madurez emocional. Por outra banda non queremos deixar de lado a visión máxica do mundo que nos rodea, a capacidade de sorpresa e a de emocionarnos cos descubrimentos que imos facendo, porque iso é o que, xa adultos, nos seguirá conectando cos paraisos perdidos  da infancia... 
        
         Nesta presentación podemos ver como se desenvolveu a sesión de contacontos. 

        Cando rematou a sesión Mariné e Jorge asinaron e adicaronlle o seu libro aos nenos que o tiñan e fixeron alguns dibuxos.

     Mariné contounos moi emocionada o exito desta aventura  ¡xa van pola segunda edición! e tamén  dixo que pronto se vai presentar o libro na "Asociación de persoas xordas" de Vigo cunha representación .

        Ademáis "Un  soño  na  bandexa" é un libro especial, tanto pola sua orixe , como por que os beneficios dos dereitos de autora da súa venda están destinados á  Asociación contra o cancro.

domingo, 22 de maio de 2011

Un paseo por Castrigo

      Un venres collimos camiño cara Castrigo. Queríamos chegar ata o rio e comprobar si era un sitio axeitado para soltar os cágados e as rás que tiñamos na clase. Estiveramos aprendendo cousas sobre estes anfibios e a súa metamorfose, desde que nacen ata que se van convertindo en rás. Cada día marcábamos nun cadro cando lle ían aparecendo as patas traseiras, as dianteiras e encollendo a cola para transformarse diante nosa en pequenas rás. Durante algo máis dun mes, cada día era maior a emoción de ver os cambios que se producían neles. Por eso necesitábamos un sitio seguro para soltalos e por eso fomos a Castrigo.
       Polo camiño atopamos lagartixas, caracois, bolboretas, abellas, abellóns, escarabellos.... a cada paso íamos deténdonos para falar do que atopabamos. Tamén falamos das plantas que están no camiño: algunhas comestibles, outras venenosas, as melíferas etc. Podedes supoñer o tempo que nos levou chegar...!!!
     Cando por fín chegamos ao rio, falamos dos muiños e o seu uso, dos lavadoiros e de como antigamente se lavaba a roupa neles... Sorpréndelles que, fixera sol ou frio, as xentes tiveran que ir aos lavadoiros, que non en tódalas casa había lavadoras, que hoxe eles disfrutan de comodidades das que apenas son conscientes, e que en outras partes do mundo sería unha fortuna dispoñer dunha fonte e dun lavadoiro coma este de Castrigo...De todo eso falamos nun paseo pola aldea de Castrigo...
      Coa emoción de xogar coa auga, case esquecimos as rás ata que as oimos croar... eran moi grandes  (rá verde común ), aínda que non lle puden sacar fotos de cerca. Nesta presentación podedes ver o paseo que dimos.

       Finalmente non soltamos as rás no rio,  pero acabaron nun estanque onde están a medrar e esperamos que cheguen a adultas sen problemas, xa que a supervivencia dos anfibios  e un indicador da saúde medioambiental dun ecosistema.
    
       Os anfibios están en perigo constante e por desgracia cada día seguen a aparecer noticias da  *desaparición dunha especie de anfibios*( picade aquí para ver as consecuencias)*. 


Sería unha pena que os nosos nenos e nenas  non tivesen a posibilidade de sentarse á beira dunha poza, dun estanque ou dun rio a ver nadar os cágados e escoitar o croar  das rás...

sábado, 14 de maio de 2011

Lois Pereiro

Este ano 2011 o día das Letras Galegas está adicado a Lois Pereiro

     No colexio estamos a falar e a traballar sobre a súa obra, desde os maiores ata os máis pequenos de infantil, procuramos coñecer unha parte da súa vida e obra, marcada pola dor e a enfermidade 
*Lois Pereiro*
"Tristemente convivo coa túa ausencia
sobrevivo á distancia que nos nega
mentres bordeo a fronteira entre dous mundos
sen decidir cal deles pode darme
a calma que me esixo para amarte
sen sufrir pola túa indiferencia
a miña retirada preventiva"

*LEENDO A LOIS PEREIRO*

5 ESCRITORES LEEN POEMAS DE LOIS PEREIRO
picade aquí para escoitalos




*unha ppt realizada por Moncho Vieiro de 4º e Paco Fontarigo de 3º*
picade aquí para poder  vela

Leede aquí a biografía de Lois Pereiro na Wikipedia

mércores, 11 de maio de 2011

Un soño na bandexa

*Mariné Lorenzo*
      O outro día recibimos esta carta no correo da clase. Mandóunola a escritora Mariné Lorenzo. Ela e o ilustrador Jorge Vázquez van a facernos unha visita para falar do seu conto "Un soño na bandexa"...  do que vos adxunto unha crítica que recollín en internet: "... hai uns meses saía na colección Tartaruga da editorial Galaxia e esgotouse en nada toda a primeira edición. A súa autora cóntanos o que pasaría se un día se nos dese por pedir cousas moi especiais a un camareiro disposto a soñar con nós. Unha fermosa viaxe lírica, visualmente moi poderosa, que engaiola a pequechos e grandes".

Este é o correo que recibimos:

  
   Mariné (Mª das Neves) Lorenzo Corcoba está vinculada á integración social de nen@s con problemas sociais e persoais, en Pontevedra. As súas circunstancias persoais levárona a escribir os contos que creou para a súa filla maior. "Un soño na bandexa" trata das cousas que nos fan felices, das  que nin se poden mercar nin vender e de como apreciar as  que son verdadeiramente importantes ...

Na clase estamos pintando á rapaza do conto e imos intentar averiguar cales  son as cousas "verdadeiramente importantes" para nós...

----------------------------------------------------------------------
 Nota : Os dereitos de autora orixinados pola venda deste libro estarán destinados á Asociación Contra o CancroSi algún o queredes mercar , está á venda nas librerías e a autora pódello adicar aos nenos que o traian.