luns, 26 de decembro de 2016

festa de fin de ano na Maía

   O derradeiro día de clase despedimos o 2016. Fixemos unha festa de fin de ano na que viñemos todos elegantes: garabatas, paxariñas, vestidos de festa, maquillaxe... As mamás mandaron moitos doces típicos de Nadal que comemos despois do baile: turróns, mazapáns, polvoróns, e as galletiñas de xenxibre da nai de Leo que nos fixo nenos e nenas, a profe e a Chanclas. Grazas a todas pola colaboración!. "Axudaron" a colocar e descolocar todo e a repartir as lambetadas polos platos. Ao final conseguimos preparar unha bonita mesa co mantel de Nadal.
  Como todos os nenos de infantil tomamos chocolate con churros que nos axudou a preparar Marga, a conserxe. Tamén grazas a Mónica que nos botou unha man co chocolate e con todo!. Despois do recreo subimos de novo e tomamos as uvas coas campanadas desde a Porta do Sol: contamos as doce (ou máis, porque colleron carrerilla e pasámonos ...) e brindamos coma os maiores con champín pedindo desexos para o novo ano.
   De remate festivo saímos fora e repartimos matasuegras e confetti e metemos ruido ata fartarnos!. Pasámolo moi ben! 
Así adiantamos o ano e  pedimos para todos un feliz e próspero ano 2017. Vémonos en xaneiro!

sábado, 24 de decembro de 2016

Preparando o Nadal

   Ao longo deste mes fixemos varias actividades relacionadas co Nadal: decoramos a porta cunha coroa de froitos vermellos, (comezouna Inés pero despois todos quixeron poñerlle algo para enchela), pintamos unha chimenea de cartón a tamaño real na que despois fixemos o fotocall para as postais que levamos a casa e colgámoslle os calcetíns para Papá Noel, montamos a árbore de Nadal (todos puxemos algo)...
   Pasámolo moi ben participando na ambientación do colexio e con estos videos queremos desexarvos unhas felices festas e un bo ano 2017!.



Aquí estamos decorando o cole e construindo a chimenea:

As postais do fotocall e como nos quedaron cando decoramos os marcos:


xoves, 22 de decembro de 2016

Plantando e esqueixando na Maía

   Onde está a cerdeira, diante do edificio de primaria, plantamos bulbos de narcisos e de tulipáns. Antes tivemos que preparar e sachar a terra para facerlles sitio. Descubriron que aínda que é moi divertido traballar con ferramentas de maiores, arrincar herbas malas non era tan doado como lles parecía. Como o sitio é pequeno tivemos que ir aos poucos e teño que decir que, aínda que case todos se esforzaron moito, Lucas B. e Oscar puxeron un enoooorme empeño (...si os deixo fano os dous sós!). Despois de preparar a terra plantamos os bulbos e aínda se acordaban do xeito correcto de facelo. Non saquei fotos da plantación porque estaba coas máns na terra coma eles... Agora esperaremos á primaveira para ver as flores! E de paso sorprender aos compañeiros de primaria. 

     
    Por outro lado aprendemos a facer esqueixes cunha planta de tradescantia. Merquei unha bastante grande e cortámoslle todas as puntas para facer esqueixes que metimos en vasos con auga. Como os vasos eran transparentes pudemos ver como lles ían aparecendo as raíces e por fín cada neno plantou a súa que foi a que levaron para casa.
  Non precisa escesivos coidados para medrar: auga de cando en vez e pode durar moitos anos!.
  Aquí estamos coas mans na terra! 

sábado, 17 de decembro de 2016

Ambrosio, o pequeno limpador de estrelas

     Mércores asistimos á presentación do video coa dramatización  do conto "AMBROSIO, O LIMPADOR DE ESTRELAS". Está feito coas voces dos alumnos de 6º de primaria que durante este trimestre colaboraron na Biblioteca. Os alumnos de infantil de 3, 4 e 5 anos durante a hora de ler, fomos os primeiros en visionalo.
   O video do pequeno limpador de estrelas podedes velo premendo no enlace  do blog da Biblioteca.

      Esta é unha montaxe coas fotos da sesión de presentación no salón da Biblioteca.

domingo, 4 de decembro de 2016

Oscar e o traballo nunha granxa

    Oscar explicounos o traballo nunha granxa: a preparación da terra para cultivar o millo e como se lle da de comer ás vacas e aos cuchos e os distintos tipos de alimentos. Falounos ademáis da maquinaria que se emprega no campo e das máquinas de ordeñar.
   E, a pesar de algunhas interrupcións que lle facían perder o fio e da súa timidez, consigueu explicar moi ben todo o traballo que se fai nas granxas xa que é un tema que lle encanta.
 


   Trouxo algunhas das máquinas de xoguete que ten (ensiladora, tractor, arado...) e xunto coas fotos e os videos que nos mandou Sonia na granxa dos seus avós empregounas para facer unha presentación moi boa do traballo no campo.
    Veu preparado tamén con mostras de palla e de millo ensilado, que lles chamou moito a atención polo seu forte olor (curiosamente os nenos decían que lles olía a queixo!). Estaba moi emocionado cando nos ensinou as fotos e os videos que lle fixo súa nai "traballando" na casa dos avós e finalmente ensinounos a súa cadela Pecas. Coas fotos da clase e anacos dos videos que nos mandou Sonia fixen este movie no que se  mostra toda a sesión.

                                 Moi ben Oscar!. E gracias Sonia pola colaboración!