luns, 23 de marzo de 2015

UNHA VISITA CIENTÍFICA

  Recibimos a visita de Carlos, o pai de Clara, que é profesor na Universidade e falounos de virus, bacterias, bacilos e outros "bichiños" moi pequenos que viven no noso corpo. Trouxo un kit de saliva e preparounos unha placa cun  cultivo da que sacou da boca de Clara. Tamén fixo outro de mofo, para comparalos. Trouxonos unha estufa de cultivos para deixar a placa dentro, para que as bacteias e o mofo medrasen coa calor. Empregamos a lupa do colexio para ver virus... e con todo eso tivemos unha xornada moi científica e entretida. !


 
       Despois Clara escribeu na pantaia os nomes do que nos falou Carlos: bacterias, virus, cocos, bacilos etc... e logo todos escribiron e dibuxaron a experiencia. Ao día seguinte pudemos comprobar como medraran as colonias de bacterias: parecían como boliñas de xelatina brillantes.


Aquí podedes ver as fotos da visita:



VISITA DUN ARTESÁN

 
    Iker trouxo a clase  a seu avó Paco, un artesán que traballa en case todo: madeira, latón...  Chegou cunha bolsa chea de ferramentas e de aparellos que el mesmo fixo: candís de carburo, farois, marcos, coadores, regadeiras, chocolateiras,  litros, medios litros e cuartillos, tinas para levar a roupa, outras para muxir as vacas, sellas... e moitas cousas máis que nos ensinou e das que ademáis nos explicou  o seu uso nas casas de antes... cando case todo se facía a mán. Notábaselle que disfruta co seu traballo!. Despois explicounos como se estañaba e as ferramentas que se usaban para traballar as latas. 





   Aínda que todos querían falar á vez, foi unha mañán moi entretida na que descubriron que non todo se merca nas tendas e que hai saberes  e oficios que por desgracia se están a perder  e dos que só quedarán rastros nos museos... Deixounos xogar cunhas cuantas pezas (case lle esmendrellamos a chocolateira...) e despois dibuxamos ao avó Paco e os seus artiluxios. 

     Iker fixo de orgullosos axudante de seu avó e Rita sacou fotos (que xuntei coas que saquei eu) e tamén nos mandou un pequeno video que editei para poder subir. 


Aquí están as fotos da mañán.
 Grazas a Paco por todo o que nos ensinou e a Rita e Iker por traelo a clase!


venres, 20 de marzo de 2015

DÍA MUNDIAL DA POESÍA

 O 21 de marzo é o Día Mundial da Poesía e o centro foi aparecendo envolto nunha performance poética  que xurdeu por iniciativa do Equipo de Educación Infantil. Os nenos están entusiasmados co proxecto e andivemos polo patio observando, comparando e lendo os poemas escollidos polas outras clases. Nós repartímonos en cinco grupos e cada un escolleu un poema dos que fomos lendo na clase. Todos son de autores recoñecidos, excepto o que encabeza esta entrada que é o que inventara Comba cando fixemos os poemas de choiva e do que está particularmente orgullosa. O seu grupo escolleu ese poema por suposto... Aínda non rematamos, e para a semana esperamos expoñer os que faltan.  Ademáis queremos  pedirvos a vosa colaboración en esta iniciativa. Os nenos levaron hoxe a nota que vos poño abaixo na que se explica como podedes participar e os materiais máis axeitados. Os traballos serán expostos polo exterior do centro xunto cos demais. Tedes máis información no blog da biblioteca VER +.

              





 

xoves, 19 de marzo de 2015

INVENTOS: O SUBMARINO

   Sergio quixo compartir con nós o invento do submarino. Trouxo información de internet sobre o seu inventor: Isaac Peral e despois na clase seguimos buscando máis cousas. Vimos como se metían antiguamente baixo o mar, empregando uns complicados e pesados traxes de mergulladores. Comparamos cos traxes máis modernos e dibuxámolos na ficha sobre o invento.
    Despois propúsenlles facer un minisubmarino dentro dunha botella de plástico, con tres globos e unha tuerca. Despois de probar a aplicar a suficiente presión nas paredes da botella  conseguiron dominar a mecánica do submarino e ademáis Clara contounos como o entendera ela nun programa que veu na tele (aínda que cando fixen o video comete un pequeno erro, nótase que o entendeu perfectamente). 


  Escoitamos  en inglés yellow submarine dos Beatles e ademáis con Merce cantaron unha versión en español da que vos poño un pequeno video.





luns, 16 de marzo de 2015

UNDER THE SEA

     UNDER THE SEA  é un espectáculo da compañia Face to Face realizado por nativos de inglés. En esta actuación era unha  serea (mermaid) que  vivía no fondo do mar e que lles cantou entre outras as cancións de "Head, shoulders, knees and toes", "under the sea"... onde ían aparecendo distintos animais acuáticos: lobsters, crabs, sharks, starfish.... algúns dos cales levamos preparados como marionetas de pao. Da serea encantoulles o brillo da súa vestimenta... aínda que a un escoitaselle "é un disfraz!". Coa axuda de Sam, o cabaliño de mar, pediulles a participación ós nenos  como axudantes aos que revisteu de músicos, peixes e tiburóns.... e algún "saltou" directamente o escenario. 
  
  Tamén tiñan que levantarse, bailar e cantar e todo en inglés. Nun momento recurreu á axuda da Raiña María para conseguir unhas pernas para correr, camiñar e saltar e fixo que todos coreasen a toda voz "I want legs, I want legs!". Foi moi divertido e pasárono moi ben

    Nesta montaxe podedes ver algúns dos momentos da actuación. Máis adiante subirei os videos que grabou Maca a profe de inglés das actuacións que a serea fixo para os tres niveis ao longo da mañán. No blog de Rosana tamén podedes ver unha das cancións para os máis pequeniños.
 



     Despois do contacontos, despedímonos da serea e voltamos a clase onde dibuxamos fondos mariños nos que puxemos sereas, peixes, polbos, cabaliños de mar e outras especies que decoramos cunhas "pedras preciosas" que nos regalou Sole a mamá de Clara e coas que estaban fascinados!. Servíronnos para facerlle escamas aos peixes, xoias as sereas e para decorar os fondos.
 
 
 os fondos mariños

domingo, 15 de marzo de 2015

paxaros, aves e portas

   Estreamos porta! Aínda que nos costou moito desfacernos da porta dos renos, ás veces é necesario renovar.... Cando foi a Candelaria e polo san Brais, falamos do casorio dos paxariños, de refráns (o do paxaro que cando chove mete o rabo na silveira dounos para unha saida a Castrigo)  e enchemos unha árbore con uns cuantos... Pero despois decatámonos de que eran todos diurnos e escollimos para facer outras aves que son nocturnas: os mouchos. Como non tíñamos sitio para poñelos, estiveron pendurados dentro ata que fixemos esto: decoramos a porta cunha árbore onde repousan todos os  mouchos!



 A árbore co casorio dos paxariños e a porta dos mouchos:

xoves, 12 de marzo de 2015

INVENTO: A ESTREPIA

  Rubén trouxo unha ESTREPIA  a clase para mostrarnos un invento que cambiou a forma de cociñar fai moito tempo. Cando vimos como se usaba para poñer as potas no lume e cociñar acabamos xogando coas potas da clase. Algún recordaba ver estrepias decorando na casa dos avós pero pouco máis. O primeiro pensaron que tiveron que inventala os homes primitivos.... Pero Clara dixo que eso non podía ser porque cando traballaramos ese tema o ano pasado averiguamos que non tiñan cousas de ferro.... Así que acabamos falando dos homes da edade de ferro, que viviron moito máis tarde e sabían convertir os minerais das pedras en obxectos máis duros e resistentes. Despois vimos como eran as cociñas antiguamente.... e recordamos o conto de Croniñona que foi o que dera pé a aquel traballo que tanto nos gustara.



premer AQUÍ para ver máis




luns, 9 de marzo de 2015

INVENTOS: O PAPEL

    O invento e o inventor que nos explicou Ana foi O PAPEL: Tsai Lung no ano 105 na China. Pero na rede descubrimos que xa en Exipto xa facían algo similar coa planta do papiro. Na China empregaban trapos vellos e lixivia para blanquear, corteza de moreira e casulos de seda para darlle brillo. Antes do uso do papel a xente empregaba pedras, barro, pergamiños de pel de ovella  e outros materiais similares para deixar constancia dos seus escritos... O invento que nos trouxo Ana dou moito de sí, porque pudemos investigar a historia da escritura ao longo do tempo...

    Tamén vimos varios videos de como se facía o papel e como foi a historia dos soportes da escritura. Como nós xa fixéramos "debuxos rupestres" na nosa cova primitiva, pasamos a escribir en pedra (temos na clase unha de pizarra da que recubre o colexio), logo probamos co barro (decoramos unha plancha co noso nome) e despois fixemos papel reciclado a partir de periodicos vellos.... Aínda non rematamos xa que fixemos moita cantidade de pasta de papel...

premer AQUÍ para ver como escribimos no barro
escribimos as iniciais na tabilla de cera
premer AQUÍ para ver como fixemos o papel reciclado

os primeiros papeis reciclados!

domingo, 8 de marzo de 2015

INVENTOS: A POLEA

   Dentro do traballo sobre os inventos que cambiaron o mundo Álvaro trouxo A POLEA. Explicounos que na casa averiguaron que foi un invento dos homes primitivos e  nós despois investigando na rede, atopamos que foi un grego chamado Arquímedes fai máis de 2000 anos o que figura como inventor  "oficial", xa que foi o primeiro que o puxo por escrito nun documento para o seu rei. Cadrou que na clase eu tiña gardado un aparello con dúas poleas dunha experiencia anterior e os nenos estiveron comprobando si realmente era máis doado levantar pesos con ela. Logo escribimos e dibuxamos a experiencia.





RAFA VILAR NA CLASE

   O escritor Rafa Vilar (Cee) estivo na clase o xoves e agasallounos cos seus libros Patente de corso (pequeno dicionario pirata) e Acuarelas. Patente de corso é un libro sobre piratas que gañou o premio Arume de poesía para nenos da Fundación Neira Vilas e no que os corsarios non son violentos senón que gastan moito sentido do humor. En Acuarelas temos o circo das maravillas, unha pantasma con asma, un vendedor de globos... e moitos máis protagonistas deses poemas.

      O máis importante de esta visita non era que Rafa fose escritor senón que é o pai de Comba e Xoel. Despois de presentarnos, leunos algúns dos seus poemas pero non tíñamos o día de prestar atención, así que fomos cambiando de actividades cada pouco e deixamos que Comba e Xoel fixesen as rutinas na PDI (aínda que estaban tan nerviosos que non daban pé con bola...). Tamén nos contou o proceso de escribir e editar un libro e que el primeiro sempre fai un borrador a mán que logo pasa a ordenador. Despois intentamos facerlle unha entrevista pero no canto de preguntarlle... cada un contáballe algo a Rafa. O que máis lles gustou da visita foi o botín que trouxo: chocolatinas e moedas de ouro para compartir!. E como os libros quedaron na clase poderán levalos a casa cando queiran. 
      Gracias Rafa pola visita ... e pola paciencia!

premer aquí para ver as fotos

luns, 2 de marzo de 2015

UNDER THE SEA: CONTACONTOS

   O vindeiro xoves 12 de marzo temos programada unha actividade de contacontos en inglés, (storytelling):  "Under the sea". É unha historia chea de imaxinación na que os nenos e as nenas se poderán divertir e participar integramente en inglés. Ler máis +