venres, 30 de setembro de 2016

Comemos as patacas da nosa horta!


  Por fin chegou a hora de facer a colleita das patacas que plantamos na horta na primavera. Levabamos moito tempo agardando a hora de ver cantas nacían e aínda que non foron moitas estábamos encantados cada vez que aparecía unha: as blancas máis grandes e as vittelote  pequeniñas e moradas. Levámolas a clase, lavámolas e secámolas. E tamén as contamos.

 Algúns querían facer tortilla... pero preparámolas e aliñamos con sal, aceite e perexil tamén da horta. Probamos o aceite, que lles parecía amargo, o sal que lles encanta e ulimos o perexil... Así que con esta experiencia traballamos os sentidos: tacto, olfato... e sobre todo o gusto. E tamén o olfato porque  ulía todo o corredor do cole!. E mentras se asaban lentamente no forno coa súa pel vimos o corto de "Pocoyo y la semilla" e cantamos a canción "one potato, two potatoes" en inglés. 

  Cando estiveron listas e templadas quitáronlle a pel e comémolas. Ao primeiro algúns dudaban e collían as máis pequenas, para ir probando, pero despois coméronas todas!. Non quedou nada  e estaban moi ricas!   

   No video están as fotos de todo o proceso: desde a colleita ata que comimos as patacas que plantamos. E aprendimos de onde veñen algúns dos alimentos que comemos e a cantidade de tempo que foi necesario esperar...

Experiencias coas piñas

   Na clase tiñamos unhas piñas secas de abeto e de piñeiro e quixemos facer este experimento para comprobar o que lles pasa cando se mollan coa choiva no outono. Collemos un par de cada, practicamente iguais de tamaño e forma.  Para acelerar o proceso metémolas nun bote cheo de auga. Unha piña na auga e outra seca para comparar: nos primeiros 10 minutos as piñas, aínda que empapadas, seguían a ser iguais e ademáis comprobamos que flotaban.

Lucas foi o encargado de marcar os contornos das piñas para comparar.

   Despois de pasar un día dentro da auga, ademáis de afundirse vimos que cambiaran de forma e tamaño: estaban completamente pechadas!. Medimos, tocamos e comparamos e algún colleron as lupas para velas mellor.
 



Lendo manteles


   Fixemos manteles decorados como cada quen quixo. A profe pegounos nunha blonda e plastificounos para que resistan os almorzos. Temos que ler os nomes de cada neno e nena para poder repartilos e usalos no almorzo. Un xeito práctico de achegarnos á lectura.


De onde ven a luz?

   Xa fixemos a nosa primeira saída!. Fomos ver a torreta que temos a carón do colexio (demasiado a carón por certo...). Resulta que nos fallaron algunhas das luces da clase, estivemos vendo como o conserxe cambiaba as barras e a partir de eso xurdeu a pregunta "de onde ven a luz?". Así que fixemos un seguimento á inversa: das barras pasamos aos cables, interruptores, máis cables... de aí aos postes de luz e ás torretas grandes e como temos esta tan preto saimos ó aparcamento do instituto para vela.



    Falamos da enerxía hidráulica que sae da forza da auga e, como non, dos muiños de vento (algúns dixeron que os viran no verán). Agora fáltanos conectar o proceso no que esa forza da auga e do vento se transforma en electricidade, pero xa imos encamiñados... E claro ao falar de muiños de vento lembramos os do Quixote e todo o que aprendemos o curso pasado...


   Despois deste pequeno paseo  intentamos dibuxar a torreta eléctrica. Buscamos en internet e apareceu a Torre Eiffel que lles sonaba a algúns, a de  Rapunzel e outro día tamén atopamos torres de castelos.... Cando a debuxamos practicamos distintos trazos e algúns puxeron a sinal triangular de perigo que vimos nela. 


 

xoves, 22 de setembro de 2016

Hoxe comeza o outono!


   Cando remata o verán e cando comeza o outono?. Esta é unha das preguntas que nos facemos ó comezar o curso. Antes, a resposta era unha data: o 21 de setembro. Pero agora a precisión é tanta que nos indican que o fará o 22 de setembro, concretamente ás 16:21 horas oficial peninsular. E que durará ata o 21 de decembro, cando chegue o inverno logo de 89 días e 20 horas.

    En esta páxina atopamos máis información sobre o outono, os equinoccios e de porque se caen as follas. E unhas preciosas imaxes co cambio de cor nos bosques.... (A imaxe de cabeceira desta entrada é do outono pasado: o carballo americano que temos diante da ventana da clase. Está no patio de 3 anos que nós tivemos que deixar para os máis pequenos e que moitos xa están a botar de menos... eramos menos, tiña máis xogos e  máis árbores para xogar coas súas follas)

mércores, 21 de setembro de 2016

Reunión

Estimadas familias: 
O xoves 29 de setembro ás 4:30h teremos unha reunión na clase, na que falaremos entre outros temas, de horarios, organización e materiais... (ver máis+)
Un saúdo. 

sábado, 10 de setembro de 2016

Primeiro día de clase

   BENVIDOS!. Imos comezar un novo curso, e para organizar o primeiro día póñovos aquí as normas para a entrada dos nenos de infantil e un enlace á web do cole no que están tamén as dos nenos de primaria. Vémonos o luns no patio!

benvidosempty