Amosando publicacións coa etiqueta humor. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta humor. Amosar todas as publicacións

luns, 10 de xuño de 2019

Adela, Ainhoa, Tito o malabarista e un chisco de maxia!

   Dentro das visitas de animación á lectura  Adela, a nai de Ainhoa, veunos ler o libro "Tito malabarista" (editorial Edelvives), escrito e ilustrado polo belga Guido van Genechten  do que seguro coñecedes outros libros xa que ten publicados máis de 40.
   Resumo do conto: Tito é o paiaso estrela do circo. Ao público gústanlle moito as súas actuacións, pero un día sucede algo estraño: o seu nariz desaparece!. Tito queda moi triste e comeza a buscalo pero non atopa o nariz redondo que desexa. Pensa que iso significará o seu final, pero o dono do circo anímao e faille ver que ao público gústalle el, aínda que non teña nariz e finalmente comprende que o público o quere igual.

 

  Ademáis de ler o conto  Adela fixo maxia cun xogo de descubrimento de formas xeométricas. Non imos desvelar a seu secreto! pero tivemos que aprendernos e recitar unha frase máxica e tamén soplar nunha bolsa... E así todos acabamos conseguindo unha máxica nariz de paiaso como a de Tito.
 Foi moi divertido!


  Cando todos conseguimos o nariz buscamos en internet un dibuxo de Tito para colorear. MOITAS GRAZAS A ADELA por traernos este conto e tamén UN CHISCO DE MAXIA PARA COMPARTIR!


xoves, 30 de maio de 2019

Ana, Telmo e a ovelliña que veu a cear

    Dentro das actividades de animación á lectura, visitounos Ana,  a nai de Telmo para ler na clase un dos seus contos favoritos: a ovelliña que veu cear. Unha historia chea de humor e tenrura... na que o lobo non é o que parece. 

  Pero os lobos son lobos... ou non?
  Un lobo vello e cheo de fame que só ten sopa de verduras no plato reciba unha inesperada visita: unha ovelliña aterecida de frio que lle peta na porta. O lobo ten moita fame pero prefire esperar a que a ovelliña esté en mellores condicións para comer: que non estea fría, que non teña hipo e que non estea tan famenta. Pero mentres o lobo se vai ocupando de todo isto vanse collendo cariño mutuamente e faina marchar para non chegar a comela... Con momentos de humor e tenrura demostra que si recibimos suficiente cariño, todos podemos cambiar e coma o lobo superar a nosa natureza...
   O autor, e tamén ilustrador, Steve Smallman, ten moitas outras historias que podedes ver AQUÍ.
   Ana, axudada por Telmo, que estaba supercontento de tela na clase, contounos este conto que aínda que xa coñecíamos sempre nos gusta moito. E de remate agasallounos cunha ovelliña feita con goma eva para cada un.  
  Moitas grazas Ana por vir a contarnos este conto tan bonito!

luns, 13 de maio de 2019

Cristina, Sabela, Rami e Lara: "Ter amigos é divertido"

  Dentro das visitas dos papás e mamás para contarnos contos, houbo unha excepción. Como os de Lara non podían vir "delegaron" en Cristina, a súa irmá maior. Foi unha experiencia moi bonita de lectura de maiores a pequenos e Lara estaba moi emocionada coa visita. Cristina veu con dous compañeiros de clase, Sabela e Rami e entre os tres leron o conto "Ter amigos é divertido" de Rob Lewis
 Durante a visita os pequenos estiveron moi atentos a esta historia...  e aos contadores e portáronse xenial.
  Reseña: Ambrosio é un coelliño que se muda a un sitio novo, o que máis lle gusta é nadar e intenta buscar amigos cos que poida compartir a súa afección pero vainos rexeitando porque todos teñen algún defecto para el... Ao final acaba por decatarse de que é máis importante ter amigos que calquera outra cousa.
 

  Unha historia sobre o respeto na que vemos que todos somos diferentes e que hai que aceptar aos demais tal como son, xa que todos nos poden aportar algo.  

Moitas grazas a Cristina, Sabela e Rami por contarnos este conto!. 
Unha proba de que ter amigos é divertido!

xoves, 5 de xullo de 2018

Pakolas, rock´n roll na Maía

 Na derradeira semana de clase disfrutamos co rock´n´roll de PAKOLAS. Na web do cole puxen unha entrada con máis información sobre o libro-CD e sobre Paco Cerdeira.

   Pasámolo xenial, a pesar da calor, con Xabarín con bombín, Mac Pac, Baldomero, Furafollas.... 

   
Neste video tedes anacos do concerto.

xoves, 20 de abril de 2017

Jungle Fever: teatro en inglés coa compañía FACE TO FACE

    Tam é unha nena salvaxe que vive cos seus amigos os animais  e na obra JUNGLE FEVER da compañía Face to Face seguimos as súas aventuras  na selva con humor e cancións en inglés. Fomos en autobús (que sempre é un valor engadido porque nos encanta ir sinalando por onde pasamos: as nosas casas, as dos avós, onde xogamos e por onde paseamos...) e chegamos ata a Casa de Cultura de Bertamiráns. 

 Coa actriz que representaba a Tam bailamos e cantamos e practicamos o inglés que sabemos...

 
  E como nos sobrou tempo ata que viñeron os buses  achegámonos ata a praza de Chavián e xogamos no parque: pasámolo xenial!



luns, 20 de marzo de 2017

Xan Perillán e os monicreques de Kukas

   O pasado xoves os pequenos de infantil fomos ver na Biblioteca a obra "Xan Perillán compra queixo, compra pan" interpretada por KUKAS. Un artista, Marcelino de Santiago,  que leva case 40 anos cos seus monicreques. É unha obra sobre consumo responsable e  hábitos de vida saudable: Xan Perillán é un vello paiaso (os máis pequenos pensaron que era Papá Noel) que vai mercar á tenda verduras, patacas, peixe... e de paso fala  da reciclaxe e da publicidade engañosa. Nesta montaxe podemos ver uns anacos da súa actuación... nunha divertida sesión na que fixo de todo, ata maxia!
 Grazas Kukas!!!

mércores, 1 de marzo de 2017

Antroido: ruada, larpeiradas e baile de disfraces!

    Participamos con todo o colexio na celebración do ANTROIDO  e, para meternos en ambiente, seguimos os mandadiños do Meco. O primeiro día díxonos: o luns comeza con algo na cabeza!
   Ao longo da semana tamén pasamos polo fotocall instalado na biblioteca, onde o escenario estaba transformado e había moitas caixas con roupa e un montón de acesorios que nos puxemos como máis nos gustou para disfrazarnos. Finalmente o venres tíñamos que vir disfrazados do que máis nos gustase.
     Fixemos algunhas fotos todos xuntos e despois fomos de ruada polo colexio para ver os disfraces dos compañeiros... e ensinar os nosos. Cando volvimos a clase puxemos a mesa coas larpeiradas que nos mandastes para compartir e despois fomos ao baile de disfraces no patio.... (en breve haberá unha entrada na web do cole con fotos do baile)
(Moitas gracias a todos pola vosa colaboración para poder celebrar esta semana de antroido!)

mércores, 23 de novembro de 2016

Noel: un espectáculo de maxia!


   O luns asistimos a un espectáculo de maxia do mago Noel, xunto cos pequenos de tres anos. Fixo trucos con ovos, globos, cordeis, gamusinos, xogos malabares... rematando cunha nevada "máxica". E aínda que ao principio algúns dudaban entre si era un espectáculo cómico ou de maxia, remataron convencidos de que a maxia era ... "de verdade".  Pasámolo xenial! 


   Cando rematou o espectáculo quedamos na sala de Psicomotricidade despedindo a Noel e apañando os restos da máxica nevada...

 

mércores, 25 de maio de 2016

A visita de Mayte

Seguindo coas visitas lectoras, tocoulle o turno a Mayte, a nai de Martina, que estaba un puntiño máis alá de impaciente... Mayte trouxo varios contos pensados para romper tópicos e para facer pensar nas cousas desde un punto de vista diferente e integrador. Contounos primeiro O CONTO DAS CORES nas que cada unha delas se sinte e comporta dun xeito diferente ata que chegan os aburridos incoloros e pretenden cambialos. Pero as cores non se deixan e ademáis fan aparecer unha nova: a cor VIOLETA.

 Despois leunos o divertido libro "LAS PRINCESAS TAMBIÉN SE TIRAN PEDOS" co que se rompen tópicos partindo dos contos tradicionais das princesas: na clase a Laura xurdiulle unha dúbida moi importante despois de falar sobre Cincenta xa que o seu amigo Marcelo díxolles que a famosa e delicada princesa tirábase moitos peidos. Ela non o podía crer e cando chegou a casa preguntoulle a seu pai. El, que lle gustan moito os libros e as boas historias, tiña o libro secreto das princesas onde Laura atopa as respostas a todas as súas preguntas. Ese libro sería un segredo entre pai e filla. Así lle explica a verdadeira historia da Cincenta, de Brancaneves e a Sereiña. Laura xa pode estar tranquila: as princesas botan peidos! E NON PASA NADA!!!
     Unha historia escrita por Ilan Brenman para darlle unha volta divertida aos contos máis clásicos  e romper tópicos. A ilustración de Ionit Zilberman  é moi divertida, e métenos nun  mundo de princesas un pelín peideiras. Se ledes o libro veredes porqué os ananiños meten a Brancaneves nunha caixa de cristal!! UFFF
     Despois Mayte leunos "O DÍA DOS PÉS", un pequeno conto sobre unha parte do corpo que sempre esquecemos e temos encerrada entre calcetíns e zapatos de todo tipo. Un día os pés van por libre e na clase xogamos con eles un rato moi divertido. Ademáis como despois tíñamos clase de psico tocounos descalzarnos para liberar os pés... Sempre é un momento moi relaxante e divertido e que nos fai moita falta!

  Gracias Mayte por estes contos tan divertidos e por pasar este ratiño con nós! 
premendo AQUÍ está o KIZOA coa s fotos do día

venres, 27 de decembro de 2013

MANUALIDADES DE NADAL

     Rematamos este trimestre traballando con manualidades relacionadas coas festas de Nadal: fixemos papá noelesbolas decoradas con purpurina para decorar as árbores na casa. E decoramos as bolsas de papel de estraza nas que levamos os nosos traballos. Nas bolsas empregamos todo o que se nos ocurreu: lazos, pegatinas, rotuladores, témperas... e cada un deixouse levar pola súa imaxinación e creatividade. As bolsas en conxunto quedaron realmente bonitas.  Algún neno decorounas con imaxes que nos lembraron a historia de "Ambrosio o limpador de estrelas" e outras son auténtico deseño  e todas son artesanía pura.
clicar aquí para ver a montaxe
     Por certo, esta é a segunda montaxe... Eepero que vos guste. Tiña outra preparada, mooooito máis bonita e traballada... e cando a estaba rematando despois de case dúas horas... AHHHH! caeuseme a internet. E eso que me acababan de repoñer o ruter que estoupou coa cicloxénese explosiva! (...as treboadas de toda a vida).  E agora nin banda ancha nin estreita! Todo quedou en nada! o traballo perdido e eu falando en arameo... polo menos. Eso sí, como estamos en Nadal, decidín non cabrearme máis  coa rede...e facer outra montaxe. Pero a pouco máis sae o ordenador pola fiestra! Mellor tomalo con un chisco de humor! O que me trae á cabeza un par de viñetas impagables do gran Forges:




domingo, 6 de outubro de 2013

eXpresións!

     Desde que volvimos das vacacións na clase respírase un ambiente de "xente maior". Os nenos e as nenas da clase son conscientes de que xa non son os pequenos do colexio.Ven pasar aos novos alumnos, tan pequeniños! e incluso lles botan unha man cando os ven chorar ou intentando vestirse ou cando nos asoman pola porta. (De todos xeitos aínda non lles perdonaron que nos colleran o noso patio!). E cada día escoito frases que non me podo resistir a reproducir aquí: confeso que con algunha delas non puden parar de chorar... de risa!. Eso sí, eles dixéronas con toda a seriedade do mundo e eu escoiteinas con toda a que puden... Aquí  reproduzo algunhas delas:
  • saíndo o patio, cruzámonos cos pequenos de 3 anos e os seus tutores dinlles unha frase que logo os nenos comentan sorprendidos cuchicheando  entre eles: "aaaala, dixeron apartade que veñen os maiores... e somos nós"
  • falando de algo que fixemos o curso pasado, un dos nenos dime "en los viejos tiempos ... cuando eramos pequeños"
  • e outra máis, cando estabamos sentados na alfombra escoitando de novo unha canción que lles gustaba moito (la brujita tapita) : "Aaaah.... cuantos recuerdos!"

venres, 21 de decembro de 2012

O MAGO RAFA

         O outro día tivemos a ocasión de ver ao mago Rafa, que veu actuar para nós na biblioteca. Os maiores sempre andamos a decir que a maxia son trucos  e andámoslles buscando as voltas,  pero pódovos asegurar que nós vimos maxia de verdade ... o que non sei é de que lado do escenario había máis ... e senón, mirade para as caras dos pequenos.  O Mago Rafa sorprendeunos  pedindo axundantes e axudantas: Alba facendo aparecer tiras de cores, Paula coa variña maxica que se doblaba, Lola e Xoel axudárono cunha bolsa que cambiaba as cores dos panos e Xoel ademáis axudouno a facer aparecer un coello!. Logo Ainoa,  que fixo un xogo de papeis ... e deixou só ao mago no escenario e despois Clara, que  levou o número á par, como unha auténtica profesional!. Logo  houbo uns cuantos que querían saír pero non daban chegado a tempo... outra vez será!.
 

     
      Finalmente, Rafa fixo maxia cun libro en branco que encheu de dibuxos coa axuda de todos os nenos e nenas e que logo tamén lle puxeron cor.
      E o mago rematou, deixandoos con ganas de máis: aínda que eles teñen maxia abondo para repartir!. FALTA NOS FAI UN CHISCO DE MAXIA!

                                                            

domingo, 30 de setembro de 2012

PERIODO DE ADAPTACIÓN EN TRES ANOS...


   UN DÍA CALQUERA NUNHA CLASE DE 3 ANOS:
    DESPOIS DE VER A PETICIÓN DA XEFA DE ESTUDOS PARA QUE LLE ENTREGUEMOS   XA OS HORARIOS :
aínda  non sei  onde colocar  os seguintes aspectos  que quero compartir con vos e que seguramente recoñecedes:

  • sección identidade persoal: "yo , yo , yo,  y cuando me toca a miiiiiiiiiiiiiiiiiiiiií?. Non é egoísmo é egocentrismo: importo eu … e os demais están a estorbar. “dame  la mano a miiiiiiii!”
  • sección amor materno: "cuando viene mi mamáaaaaaaaaaaaaa?
  • sección "no quiero ir al comedoooooooooooor! con imaxen gráfica das amigdalas e máis ala... bastante máis alá, polo esófago polo menos. Vale como iniciación ao estudo do aparato dixestivo.
  • Sección profes especialistas: “ah! pero ahora que te conozco a ti me tengo que quedar con este otro profe?”
  • sección estrana: "pues yo no me quiero ir a casa" (agochada baixo unha mesa)
  • sección expresión oral e AL: varios que non falan, varias que non calan, e varios que non escoitan…).
  • sección "me he hecho pis" sic (na clase falamos castelán, galego, e por señas ...)
  • control de esfínteres: "me he meado ... (consulta médica: como pode caber tanto pis nunha vexiga tan  pequeniña?)
1.     opción a) “pero si me bajé los pantalones... ah, pero no los calzoncillos!”
2.     opción b) no se baaaaajan! (tirando do mandilón). Despois será: “no se suben!”
3.     opción c) a máis contundente e categórica: "yo no sé"
4.     opción d) admirando o pis que corre polas pernas ... e mirando alternativamente para a profe e    para a taza do water : polos pelos non chegamos!
5.     opción d) eliminación de residuos máis ou menos sólidos polo conducto habitual  e cos outros 24 mirando por riba a ver que pasou…
6.     opción e) os que son capaces de facer pis e vomitar ao mesmo tempo ... eso é habilidade e coordinación!. Agora imaxinade á profe correndo pola fregona, consolando ao pequeno  e intentando evitar que a cousa se extenda… e cos outros 24  mirando por riba a ver que pasou …
  • seccion matemáticas-bis-Noción de infinito: cuando viene mi mamá? . cuando viene mi mamá? cuando viene mi mamá? cuando viene mi mamá?cuando viene mi mamá?cuando viene mi mamá?  (afortunadamente xa casi só pasa no patio)
  • sección "yo no quieroooooooo! Despois de media hora de explicar con cariño e paciencia e razoar usando múltiples argumentos …acudimos á Resposta  pedagóxico-dictatorial: "pero eu siiiiiiiiiiiii Son as normas e aquí mando eu!”
  • sección IMPERATIVO LEGAL, variante ordeno y mando: "AAAAAAAAAAbreme la mochila!  PONME...! DAME ! HAZME!
  • Sección problemas matemáticos : os conceptos dentro e fora aplicados ás mochilas e tupers : a merenda está dentro-eu estou fora- eu teño fame… como fago ???
  • sección tranporte e comedor:
1. luns: hoxe vai en bus, pero non volve en bus xa que vai quedar  no comedor.
2. martes: hoxe  non queda  no comedor pero mañán e o  venres si.
3. mércores: hoxe vai no coche coa abuela
4. xoves: hoxe chora porque non quere ir ao comedor, ou porque quere ir e non lle toca.
5. venres: hoxe conteinos a todos e cada un vai onde ten que ir! 

PERO CREO QUE O QUE NOS PIDEN QUE POÑAMOS EN PAPEL VAI SER QUE, POLO MEDIO DE TODO O ANTERIOR,  O QUE OS NENOS E NENAS TEÑEN QUE ACADAR SON  AS  SEGUINTES  COMPETENCIAS:

1.  COMPETENCIA EN COMUNICACIÓN LINGÜÍSTICA
     escoitar, falar, ler e escribir. contos e relatos. 

2. COMPETENCIA MATEMÁTICA
    
habilidades matemáticas aplicar o pensamento matemático

3. COMPETENCIA NO COÑECEMENTO E INTERACCIÓN CO MUNDO FÍSICO
     interacción coas persoas, os obxectos, a exploración do espazo e do tempo…

4.  COMPETENCIA DIGITAL  E TRATAMENTO DA INFORMACIÓN
     tecnoloxías ordenador

5. COMPETENCIA SOCIAL      formas de comportamento socialmente eficaz.
     escoitar, respectar a quenda de intervención, presentarse, prestar axuda… 

6. COMPETENCIA CULTURAL E ARTÍSTICA      coñecemento, comprensión, uso e valoración das manifestacións culturais e artísticas. 

7. COMPETENCIA PARA APRENDER A APRENDER      aprender gozando dunha forma eficaz e autónoma 

8. AUTONOMÍA E INICIATIVA PERSOAL
     co
ñecemento de si mesmo e uso do propio corpo.