xoves, 22 de decembro de 2011

BO NADAL !

                                                               
   Espero que pasedes un BO NADAL e que o ano que vai comezar veña cargado de motivos para estar contentos: saúde, amor, traballo e paz!. E que todos sexamos capaces de manter dentro de nós o neno e a nena que fumos, coas súas ilusións, esperanzas e entusiasmo !


A voltas co millo 2 !


boneca feita con
casulo de millo

millo de cores
      
        Hai uns días na clase fixemos esculturas con copos de millo, que son semellantes aos gusanitos de comer e están tratados con colorantes alimentarios de moitas clases. (Tamén son comestibles...). So precisamos humedecelos en auga para pegalos e algo de maña e creatividade. Imaxinación non lles faltou. Na clase faláramos dos moi diversos usos do millo, aparte do alimentario, como facer xoguetes cos carozos, e bonecas cos casulos. E facer esculturas cos copos de millo foi a derradeira experiencia co millo... de momento. Algúns fixeron dibuxos en 2D pero a maioría atreveuse coas esculturas e tamén fixeron persoas.
           Poño tarde as fotos por un pequeno problema coa tarxeta dixital da cámara: borrouseme toda ...e case se perden!. Pero seique nunca se borra todo de todo, así que puderon recuperarse!.
Bueno, pois aquí van algunhas das esculturas e dibuxos que fixemos co millo.
 


xoves, 8 de decembro de 2011

COMENDO LETRAS...

     En clase estamos a traballar coas letras: pintámolas, escribímolas, buscámolas, cortámolas,
 pegámolas,
 aprendemos o seu nome, como se usan, cales están en cada nome dos nenos e nenas da clase e das cousas que nos rodean etc... tamén vemos a orde en que van, o abecedario, e na internet buscamos moitos tipos de abecedarios diferentes. Yusef falounos do allfabeto árabe, María trouxonos un feito con fotografías aéreas de rotondas , estradas e montes, e temos láminas con letras chinas, xaponesas, o alfabeto cirílico... e tamén vimos o linguaxe de signos e o dos cegos.     Pero ademáis atopamos letras feitas con materiais moi diferentes: papel, pintura,sementes, luces, flores...

Ás veces xogamos a facer letras cos nosos corpos no chan e tamén  coas cousas que temos na clase.

unha L

w con cunchas









   


     Sempre decimos que coa comida non se xoga, pero hai uns días, durante o almorzo Yusef  descubreu que o seu sandwich despois dun par de bocados tiña a forma da letra A ... e de pronto todos estábamos a comer facendo letras e xogando coa comida.... 
  
                
      

 Fixemos moitas letras e despois... comímolas todas. O único problema desta actividade era que durante varios dias a merenda duraba bastante máis do habitual!

    

        Tamén vimos que no entorno temos cousas que conteñen ou parecen letras: pedras, letreiros, anuncios, latas, tubaxes... e incluso atopamos un precioso alfabeto que alguén fotografiou das manchas que teñen as ás das bolboretas.

  ALFABETOS CURIOSOS ....

sábado, 12 de novembro de 2011

A COBAIA DE BRAIS: unha mascota na clase


LINDA

      Brais levaba bastantes días  falando de que, cando supera coidala, ía ter unha cobaia e que quería traela á clase para ensinar. Así que esta semana chegaron Inés, a súa nai, e máis el coa gaiola da mascota. Foi todo un acontecimento!.

       Para saber máis das cobaias, coñexiños de Indias ou porquiños de Guinea (en inglés), PICADE AQUÍ

A GAIOLA DE LINDA
       Brais foi o protagonista do día: empezamos no sitio de reunión intentando gardar silencio para non asustar a Linda, que é o nome da mascota, e para escoitar as explicacións do orgulloso dono. Contounos o que lle dá de comer, como lle prepara a gaiola con virutas e herba seca e que na casa a deixa solta. Cando a trouxo os nenos xa practicaran algo do seu coidado co xogo que lles puxen abaixo de todo no blog (manexando o rato teñen que darlle de comer ou pásarlle o cepillo). Tamén nos dixo que non mordía, só triscaba e que era "moi cagona", pero que non nos preocuparamos porque era "caca seca.."  

BRAIS   E  LINDA

       Despois colleuna, manexouna con coidado e deixoulla tocar a todos os que quixeron, puxolla diante, no colo, nas máns e ata nos bolsillos. Logo mentras deixabamos que descansase un rato, dibuxámola e escribimos algunhas características das cobaias: que son suaves, comedoras, animaliños bos ... roedores e mamíferos. E ademáis Brais estivo ensinando a cobaia en outras clases. Según el Linda acabou a mañán un pouco "alterada" e non me estrana co día que levou!.  Non sei o que sinten as cobaias, pero desde logo Brais estaba todo cheo de razón amosando a súa mascota e os nenos estaban moi emocionados. Xa querían deixala na clase! 

Foi un día moi especial !




mércores, 9 de novembro de 2011

ESCULTURAS DE OUTONO

        Un dos primeiros enredos da humanidade foi xogar co que tiñan a carón:  pedras, paos, osos... e por suposto a terra, a auga e........ a lama. Os nenos levan dentro ese afán por tocar e manipular todo o que teñen á mán, e máis se de xeito habitual lles decimos: "non collas eso, no toques aquelo, non te molles, non te metes nas pozas..." 

        O  primeiro día que voltou a choiva, non sei si lembrades que lles puxen aos pequenos a escena da película "Cantando baixo a choiva". Encantoulles, sobre todo eso de ver a un adulto facendo aquelo que sempre lles decimos que non fagan: meterse nas pozas e baixo as pingueiras!. O seguinte día que choveu, foi tanta a auga que caía, que non baixamos ao patio..... pero moitos insistian en que "eles TIÑAN BOTAS DE AUGA e querían imitar a Gene Kelly chapuzando!"

        Outra das cousas máis atraintes para os nenos e as nenas, aparte de enredar coa auga, é poder mesturala coa area e coa terra. No patio temos cubos e pás, para que xoguen coa area, pero unha das normas é que non poden coller auga nos cubos: pois sempre hai algún que o intenta, e cando non poden cos cubos, atopan botes de iogur e cando ven que eso tampouco... algún xa probou a sacar auga do baño en buches na boca!. E claro, imos ampliando as normas cada vez que atopan unha excepción... Eso é un indicativo do placer que lles proporcionan as actividades realizadas manipulando todo tipo de materiais. No currículo de infantil está favorecer as actividades manipulativas con distintos materiais e texturas. 


non é a nosa mán,
... pero non por falta de ganas

        Por non poñernos a amasar na lama, e non por falta de ganas, hai uns días puxémonos a amasar barro na clase: primeiro bolas, logo churros e logo intentamos facer cuncas ou platos e acabamos facendo "esculturas de outono"... Despois incrustaron todo tipo de materiais que tíñamos pola clase: pedriñas, sementes e froitos de camelias, palliñas, cunchas, cocos e landras... cada un o que máis lle gustaba dentro dos materiais que fomos escollendo. Uns foron moi simétricos, outros minimalistas, outros puxeron todo o que lles collía...  algúns tiñan moi claro o que poñer, outros foron poñendo o que escollía o amigo e varios foron por libre!.
       Cando secaron, déronlle unha man de barniz  e xa vedes que bonitas nos quedaron!. E por suposto, coma sempre, non daban esperado a que secaran de todo: non temos paciencia!


(a música de fondo é un vals de Johann Strauss) 

xoves, 3 de novembro de 2011

UNHA ORUGA NA CLASE

      Moitas veces os nenos traen a clase cousas que atopan e que queren amosarlle a todos e hoxe Cristobal trouxo a clase unha sorpresa:  unha preciosa oruga de cor verde, con raias negras e puntiños laranxa. Cando comezamos a clase, fomos todos ao sitio de reunión e Cris contounos que na casa tiña máis, porque as atopou frente á súa casa nunha planta de fiuncho. Durante o verán Cris e o seu irmán Aarón atoparon máis e coidaronas, así que  xa sabía en que clase de bolboreta  se convertiría.
          É unha oruga da bolboreta  "papilio macaón" e Pilar, a nai de Cris, mandounos unha páxina que tén un montón de información e, sobre todo, unhas preciosas fotos de todo o proceso de metamorfose desde que sae dos ovos. (picade aquí para vela)
      Agora imos a darlles de comer fiuncho e prepararlle unha casa nova para que cando se transforme poida voar ata que a soltemos despois de que extenda as alas:  vimos que desde que rompe a crisálida e sae, pode levarlle unha ou dúas horas. Despois de ver as fotos, algúns dixeron que viran esas orugas algunha vez, e que cando nacen son case negras e con picos, pero non sabían de qué podían ser.

Cris e a oruga                                                                        A bolboreta


As fases da metamorfose

 
         
    Na clase xa o ano pasado vimos  a metamorfose  dos vermes de seda, e agora imos esperar a ver si podemos ver como esta oruga se convirte en crisálida e logo en bolboreta. Parece que non vai tardar moito porque a media mañán estaba moi quieta e gordiña  e poñendose como encollida cabeza abaixo. Despois de observar a oruga e de ver as fotos que nos mandou Pilar, puxemos un par de time lapse para poder ver en menos de un minuto toda a metamorfose, e despois escribimos e tamén coloreamos unha. 

Esta non é a papilio, pero vimos moi ben a metamorfose!  
  


      Nestes outros videos podemos ver como se alimenta a papilio cando é oruga e cando xa é bolboreta, xa que todos recordaban que a lingua das bolboretas está enroscada en forma de espiral. Tamén nos quedamos co porqué das dúas manchiñas vermellas nas ás: son ollos de trampa para enganar aos paxaros e que nunca as ataquen na cabeza senón no extremo oposto,  xa que así poden fuxir con poucos danos...






        E, por último quería volver a recomendarvos unha serie de cortos que con  moito humor, imaxinación  e bastante ironía, nos contan "a vida privada dos insectos". A serie chámase "MINÚSCULOS" é do francés Thomas Szabo e podedes atopalos todos en You Tube. Mesturan imaxe real para os fondos e animación para os personaxes, con uns curiosos efectos sonoros do mundo "human" e que aos nenos lles encantan. Os que maís lles gustan son os das xoaniñas e as moscas.


Espero que vos gusten como a nós.




martes, 1 de novembro de 2011

AS CABAZAS E O SAMAÍN


A nosa cabaza
       Estos son días de medo, de Halloween e Samaín, xa que a estas alturas conviven xuntos a tradición e máis as costumes alléas. Aínda que non son tan alléas porque esta é una tradición  de ida e volta, xa que foron os emigrantes irlandeses os que a que levaron a América. Alá acabou convertida nunha especie de antroido de outono e agora impónse cada vez máis  entre nós, influidos moitas veces polas películas, por eso vemos zombies, mostros e vampiros e bruxas…
       O Samaín era unha celebración de orixe celta que o cristianismo reconvirteu no Día de todolos Santos. Esta festa levaba unhas décadas olvidada, pero nos últimos años estase volvendo a recuperar.

     
      A noite do 31 de outubro comeza o Ano Novo Celta, remata o verán e entra o inverno. O Samaín representaba o ritual da última colleita e o regreso dos rebaños ás cortes. Esta noite as ánimas dos defuntos atravesan a porta que separa o mundo dos vivos e dos mortos e visitan as casas das súas familias, onde eran benvidos, para quentarse e comer. Esta tradición servía para  que os  vivos recordasen e rendesen culto aos antepasados falecidos, e por eso os galegos temos tan arraigada a tradición da visita aos cemiterios para lembrar aos defuntos e poñerlle flores.

     
            Pola contra, as animas malignas tiñan que ser afastadas, polo que os celtas metían candeas dentro dos cráneos dos enemigos mortos e poñíanas nos cruces dos camiños e dos castros. As cabezas dos enemigos eran consideradas un elemento de carácter sagrado que protexía e daba prestixio ao posuidor. Adornaban con elas as portas das súas casas, xa que os celtas creían que o espíritu e a forza dos enemigos estaba nas cabezas e así quedaban coa súa forza. De ahí ven a orixe de tallar as cabazas como se fosen cabezas.
Mais nos vale, porque na clase non ía ser moi doado valeirar cráneos!




     A cabaza de Anxo éra moi dura  e xa nos costou abondo baleirala, en cambio a de Irene como era pequeniña foinos máis doada. Cando as rematamos, despois de facer a sopa e o biscoito de cabaza , metémoslles candeas dentro e cando chegaron pola maná todas as luces estaban apagadas... pero estes nenos son uns destemidos que nos lle teñen medo a nada! Ou eso era o que se vía nas caras, aínda que o medo é libre…

 (Este é un  vídeo elaborado pola biblioteca do Ceip Mestres Goldar coa canción do grupo Mamá Cabra, incluida en "Patatín, patatán"). E segue  outro divertido video de esqueletos que nos sirve para contar e rimar. E para rematar, un pouquiño máis de historia.


  


E picade aquí abaixo para saber máis sobre a historia do Samaín.


O samaín   (clic)

glittersglittersglittersglittersglitters


domingo, 30 de outubro de 2011

O QUEIXO

         

Hai uns días Miguel foi de viaxe á casa de seus avós en Zamora, nun pobo cun nome ben bonito, Torres del Carrizal, non sei si será polos carrizos-paxaros  ou polos carrizos-prantas... Bueno, a historia é que alí, os primos de Miguel teñen unha queixería (Lavrvs) e alí estivo facendo queixos. 


         Á volta da viaxe, contounos todo sobre o proceso da elaboración do queixo (case desde os romanos...) e ademáis, Juan, o pai de Miguel, mandounos esta powerpoint na que se vé ao pequeno queixeiro e á súa irmá Sara.

          Estos días, na clase parecía que estabamos nos Outonos Gastronómicos: probamos e elaboramos diferentes productos relacionados co millo, coas cabazas etc... e, como non, tamén lles dei a probar o queixo que nos trouxo Miguel. Primeiro corteilles unhas lisquiñas porque pensaba que como era de leite de ovella igual lles parecía algo forte... Pero en canto o probaron, quixeron máis ...
 e acabamos comendo ata a codia!
 Só deixamos a etiqueta e o lacre. E todos os que o probaron opinaron que estaba delicioso!.

xoves, 27 de outubro de 2011

BISCOITO DE CABAZA

      O outro día Anxo trouxonos á clase unha supercabaza para decorar no Samaín. A cabaza doulla a súa avóa Lola  que según el tiña cabazas aínda máis grandes que esta. É unha enorme cabaza que pesaba un mundo e case todos intentaron levantar... e a pesar desas probas de resistencia durou enteira sen escachar.... puxémola coas outras cousas do outono que temos na clase, cabaciñas de formas raras, millo e  follas de cores, landras e un pouco de todo.

                                               Había que preparar a cabaza e o mércores puxémonos a vaciala: costounos porque estaba dura. Pero conseguimos quitarlle bastante carne e as pepitas (queremos secalas para comer, porque a Lara gústanlle moito e logo a ver si podemos prantar as que queden... si é que quedan ).
      Con unha parte da carne que lle quitamos fixenlles unha sopa de cabaza como a que sae no conto (eu engadinlle cenoria, un puerro, dous queixiños e sal) e hoxe probáronna case todos.

      Co resto, hoxe preparamos un biscoito de cabaza: con fariña, azucre, 4 xemas de ovo, levadura, clara a punto de neve e un vasiño de aceite. Mesturamos os ingredientes , despois metímola no forno, escribimos a receita e esperamos 45 minutos a 180º .
     
Toda a clase tiña un rico arrecendo a biscoito!.
 Estaba moi rica!

neste  1º video  preparamos a cabaza

neste 2º video fixemos o biscoito ... e comemos todo!

     


mércores, 26 de outubro de 2011

PALABRAS FERMOSAS

        Estos días na clase temos unha maleta que nos mandou Leodoro, o trasno da Biblioteca. (Para coñecer esta nova actividade picade aquí ). A maleta está chea de contos e hoxe contamos "O ladrón de palabras" de Anxo Fariña. Nel cóntase como un malvado persoaxe anda a roubar cunha aspiradora as palabras de toda a xente da cidade e o que os tres protagonistas teñen que facer para recuperalas, xa que senón non poderán volver falar nin escribir.
       Falamos da forza e do poder que teñen as palabras: de como nos fan sentir cousas. Tamén falamos dos insultos  e das mentiras, xa que se lembraron do conto "A cousa que máis doe do mundo" (preguntádelles cal é esa cousa).
      
       E despois, intentamos buscar a palabra que para cada un de nós era a máis bonita de todas. Tiago foi o primeiro, púxose tenro e dixo "AMOR", pero para explicar porqué lle gustaba contoumo a carón do  oido, xa que lle daba vergoña: parece mentira o que lles costa decir palabras bonitas ou expresar algúns sentimentos diante dos outros, sobre todo aos nenOs. Pero despois arrancamos e esto foi o que nos saleu (eu só transcribo as súas palabras, e hoxe só estabamos 20 en clase) :

AMOR (Tiago): "porque és lo que me dan mi papá y mi mamá".
BESARSE (Mauro) : "porque me gustan las chicas" . Esto dixollo baixiño ao que estaba ao lado.
HELADO (Claudia): "porque me gusta el verano"
ORQUESTA (Guillermo): "porque suena música"
ARCO IRIS (Yussef ) : "porque tiene muchos colores bonitos"
CORAZON (Anxo) : "porque mamá es muy buena"
OSITO (Rodrigo): "porque cuando ERA pequeño tenía uno para dormir"
ESTRELLA FUGAZ (Lara): "porque brilla moito e podes pedirlle desexos"
CARIÑO (Brais): "porque me lo llama mi mamá"
MAMÁ (Nicolás): "porque la quiero mucho"
CUIDAR (Alejandro): "porque hay que cuidar a los animales,  a Los bebés,  a la gente y... y al mundo"
LIBRO ( Christian): "porque me lo lee mi mamá al acostarme"
BICI (Aquiles): "porque es mi juguete favorito"
CORAZÓN (Alba T.) : "porque mi mamá me llama corazón"
SOL (Irene) : "porque me dá mucho calor y me gusta"
GLOBO (Aroa): "porque me gustan mucho sus colores"
HOJAS ( Celia ): "porque tienen muchos colores en otoño"

CALABAZA (Pablo): "porque me gusta la sopa de calabaza"
CEREBRO (Miguel) : "porque pienso mucho"
ABRAZO (Noa) : "porque papá y mamá siempre me abrazan"

       Eu, pola miña parte, creo que engadiría PROFE: "porque non sei en que outra profesión podes oir estas cousas tan bonitas e ver como, a pesar do moi movidiños que somos, se poñen a funcionar estas cabeciñas".

      Por certo, como conclusión do libro, o autor e máis nós chegamos a que "as palabras nunca se poderían perder, porque nacen ou salen ou se fabrican na cabeza e no corazón". Como vedes, hoxe estaban inspirados!
 ¡SE É QUE SON UNS POETAS! 

Os "escolledores" de 6º C

luns, 24 de outubro de 2011

O Outono de Vivaldi

       Despois de "intentar coñecer os fundamentos científicos" das variedades cromáticas que se dan no outono, sempre podemos volver á simple observación da súa beleza acompañada da fermosa música de Vivaldi. Incrible a beleza que cabe nunha soa folla destas árbores (probablemente americanas ou canadienses). Nos nosos bosques predominan os dourados, marróns e amarelos en todas as súas variedades.
Otoño
View another webinar from Isidro Vidal
   Tamén pasou en outono!






    
        Por desgracia non podemos esquecer a cor negra que deben estar a sufrir agora polos montes ourensans. Unha perda inmensa que se ven sumar ás de anos anteriores, que parece que non ten fín e que se nos descoidamos fará que perdamos as  nosas señas de identidade e o noso futuro.

domingo, 23 de outubro de 2011

AS CORES DO OUTONO


       No outono, cando miramos as árbores, vemos que unhas son de folla perenne e outras de folla caduca e que nelas mestúranse distintos tons de verde, amarelo, marrón, laranxa e vermello. Cada unha desas cores ten a súa razón de ser.




Cómo se lle explica aos nenos os procesos que teñen lugar no outono?
.podemos contarlles o conto do paxariño ferido e a árbore malvada? *
.ou, tamén, unha versión científica (algo máis sinxela  do que vos poño a continuación).


    


 * ( Déstesvos conta de que o carballo, a árbore máis fermosa, útil e representativa de Galicia, nese conto aparece como egoísta e malvado?. E de que en castigo polo seu mal comportamento co paxariño ferido perde todas as súas follas. Transformamos un feito natural nun castigo !)                

     Aínda que os máis pequenos viven inmersos no realismo máxico tamén son pequenos científicos, con capacidade de observación e interés polo seu entorno. Son tamén capaces de plantexar hipótesis e construir teorías que expliquen os fenómenos que os rodean. Non teñen por qué ser atinadas, pero son intentos de comprender a realidade.  Non debemos negarlles a posibilidade "dentro das súas capacidades" do acceso ao pensamento científico. De cómo se lles permita acceder á Ciencia depende o seu futuro interés por ela.

Aquí vai a explicación científica dos cambios de cor outonais:

na clase falamos da fotosíntesis e da clorofila
     As plantas son seres vivos que captan directamente a enerxía do sol e convértena en enerxía química. Só elas son capacesde realizar este proceso. Iso faino a molécula de clorofila que é a sustancia encargada de absorber a luz. Unha folla é como unha fábrica de alimentos. Procedente da raíz, a través do talo, un conxunto de finísimos tubos entran polo pecíolo, ou rabillo, da folla e se ramifican polos nervios ata alcanzar toda a superficie. Estos tubos constitúen a rede de transporte particular da planta: levan auga e sales minerais ata a folla, alí, grazas á clorofila que capta a enerxía luminosa, combinan eses ingredientes co dióxido de carbono do aire para fabricar os alimentos que a planta necesita para vivir.
      
A clorofila é un pigmento que absorbe todas as cores que compón a luz branca do Sol, menos o verde. Por esa razón as plantas son verdes, é a cor rexeitada, ou dispersado, pola clorofila. A folla funciona como fábrica de alimentos sempre que haxa luz solar e auga dispoñible. Ao chegar o outono os días fanse máis curtos e fríos e a planta prepárase para o inverno.
       No rabillo ou pecíolo de cada folla, cerca do punto de unión á rama, existe unha porción lixeiramente máis grosa chamada zona de abscisión. Durante o verán, as conducións que levan a auga e os alimentos -a savia- atravesan esa zona sen problemas pero cando chega o outono, as células que compón a abscisión comezan a incharse e van estrangulando aos poucos os condutos que unen a folla co resto da planta. A zona de abscisión vai tomando un aspecto encortizado e chega un momento no que interrompe totalmente o fluxo de savia. 
       Cando a comunicación interrómpese, a glucosa e os produtos de refugallo quedan atrapados na folla e, sen o achegue de auga, a clorofila comeza a degradarse. A medida que a cantidade de clorofila diminúe, a cor verde vai desaparecendo e outros pigmentos comezan a verse.
      Algunhas plantas, por exemplo, o arce e o carballo americano utilizan a glucosa almacenada nas follas para producir uns pigmentos de cor vermella intenso, chamados antocianinas. As antocianinas son sustancias antioxidantes que abundan en moitas plantas, por exemplo, danlle a cor vermella á pel dalgunhas variedades de mazá e á uva da que sae o viño tinto. Algúns científicos pensan que este colorante actúa como anticonxelante, evita que as follas se conxelen inmediatamente e prolonga o tempo que se manteñen unidas á árbore, dese xeito a planta pode extraer os azucres e outras sustancias que teñen almacenadas as follas. Outra teoría defende que as follas mortas que se acumulan no outono liberan as antocianinas ao chan para impedir, co seu efecto tóxico, que nazan plantas que poderían competir coa árbore na primavera.
       

A cor marrón dalgunhas follas débese aos taninos, un tipo de pigmentos que se producen pola acumulación das sustancias de refugallo. A cor laranxa débese ao caroteno e o amarelo ás xantófilas, ambos son carotenoides, un grupo de pigmentos moi comúns nas flores e nalgúns alimentos como as cenorias, os plátanos ou a xema de ovo. Algunhas desas sustancias existen habitualmente nas follas pero en menor cantidade que a clorofila, moito máis abundante, e por esa razón só saen á luz cando a clorofila desaparece.
        
      Dependendo da especie de árbore, e do tempo atmosférico durante os días de outono, as cores toman  protagonismo e proporcionan ao bosque unha gama extensa de tons que lle dan unha beleza especial. Cando o frío avanza e chega o inverno, as células que forman a zona de abscisión, que sela o paso de fluídos entre as ramas e as follas, vanse degradando, as follas perden a súa conexión á rama e caen. As árbores, axudados por unha simple brisa, íspense do seu abrigo de follas e esperan pacientes a chegada da primavera.
os pequenos científicos no souto do Sr Manuel o outono pasado