sábado, 28 de febreiro de 2015

PRESENTACIÓN CAMPAÑA DE EDUCACIÓN VIAL

   Asistimos á Presentación nacional da Campaña de Educación Vial da DGT en colaboración cos Bolechas de Pepe Carreiro, coa presenza dos alcaldes de Ames e Brión e concelleiros,  do delegado do Goberno en Galicia, mandos de Tráfico etc. Aínda que nós contábamos con outro tipo de actividades para os máis pequenos, o mércores só era a presentación da campaña e dos medios de que dispón tráfico; parece ser que as actividades de educación vial serán máis adiante nos propios colexios. Pudemos ver (e subir) nas motos da Garda Civil, nos coches radar, o camión dos bombeiros de Brión, os vehículos da Policía Local de Ames e o helicóptero Pegasus. Tamén estaba o autobús dos Bolechas que era o máis esperado polos nenos ademáis da merenda e o Pegasus... 

   Cando chegamos atopámonos con que o pavillón estaba cheo de alumnos de 5º e 6º de primaria dos coles de Barouta, Agro,  Ventín e Alca, xa que nós fomos case invitados de última hora, ademáis de ser os máis pequenos e vímonos algo asoballados polos maiores e unha organización evidentemente máis pensada para eles. Despois de superar os ataques de fame que nos entran cada vez que saímos coa mochila e a merenda e a impaciencia que nos entrou por esperar, por fín viron os Bolechas "en persona" como me dixo un neno  .....

   Despois falamos co alcalde e o concelleiro de educación aos que lles pediron que nos arreglen o patio, que tapen as pozas, que poñan máis xogos no areeiro e que nos poñan unha barandilla nas escaleiras do cole. (Decían que iban "preparados" coas peticións... Certo: cando nos enteramos que na presentación tamén estarían "autoridades e políticos" os nenos preguntáronme "qué eran" e "para qué servían"... e os pequenos saben de sobra o que precisan no seu día a día...).

    Cando saíron os maiores achegámonos as  motos da Garda Civil e coa axuda do axente de tráfico (que tivo unha paciencia enoooorme) e da presidenta da Anpa que nos botou unha mán... ou as dúas, subimos todos na moto e tocaron canto botón tiña.... Cando saímos fora estivemos outro rato arrinconados polos maiores ata que conseguimos entrar nos coches da policía municipal e no bus dos Bolechas onde ademáis nos axudaron algunhas alumnas de 6º. Finalmente e coa colaboración da concelleira de seguridade e transportes (que nos adiantou nas colas...) conseguimos subir ao Pegasus e vimos de cerca a supercámara que ten. Logo xa marchamos e merendamos no colexio. 

    Agora, despois de ver a presentación da campaña e os medios do que dispón tráfico, esperaremos a ver as actividades que de verdade lles fagan concienciarse da importancia da educación vial. (Pero a verdade é que concienciados os pequenos xa están... somos os maiores os que igual non estamos tanto...). Pola nosa parte na clase xa estábamos traballando con un conto sobre o tema para facer unha obra de teatro. 
      
      Aquí vos poño un video resume do día e varios enlaces coa información sobre a campaña.


Máis información sobre a presentación de esta campaña en estes enlaces:


luns, 23 de febreiro de 2015

...E 3: ANTROIDO LARPEIRO

    As larpeiradas do antroido son unha parte moi importante de esta celebración e nesta ocasión non foi menos, xa que as mostras de repostería que trouxeron os nenos para compartir cos seus compañeiros estaban deliciosas e entre todos deron boa conta delas. E logo moitos aínda tomaron algo das merendas que tiñan. En principio sobraron cousiñas... pero cando voltamos do pavillón sentáronse de novo na mesa e o único que quedou foron as servilletas que nos serviron de bandexas!. Moitas grazas a todos por compartir esta mostra de repostería do Antroido!

premede aquí para ver as fotos

domingo, 22 de febreiro de 2015

2. ANTROIDO CHOQUEIRO


    O antroido tradicional consistía en poñerse roupas vellas que atopabas na casa, pintar as caras con carbón, ou poñerse máscaras... e así disfrazados percorrer as aldeas petando polas portas pedindo larpeiradas ou esmolas e regueifando. Os nosos pequenos choqueiros viñeron vestidos das casas e despois aínda asaltaron a caixa dos disfraces e engadiron sombreiros, colares, plumas e todo tipo de adobíos .... Este foi o momento máis divertido do noso ANTROIDO CHOQUEIRO. Despois, así vestidos, baixamos ao pavillón a ver como iban os maiores. Esta parte para os pequenos é a máis cansada porque lles entra a fame, as ganas de ir ao baño (con todo eso encima da roupa!),  non entenden as regueifas... e ademáis vense no medio do rebumbio de case 700 rapaces. Pero na clase pasárono xenial vestíndose, revestíndose e probando todo tipo de disfraces!




1. ANTROIDO DE MÁSCARAS


      Esconderse detrás de máscaras, agocharse e transformarse noutra cousa son unhas das premisas do Antroido. Pasalo ben é outra. Así que puxémonos máns á obra e fixemos as nosas máscaras en cartulina: pintámolas de animais e despois, con tres cortes, adaptámolas ás caras. Entón pegáronlles todas as plumas de cores que quixeron e tiras de goma eva (que resultou a parte máis dificil...).
         O resultado quedou tan bonito como podedes ver neste kizoa.





sábado, 14 de febreiro de 2015

teatro

  
     Unha pequena obra de teatro espontáneo creada polos nenos a partir dunhas caretas que fixeron eles nunha sesión. Está  dirixida, presentada  e coordinada por Clara, con aportacións de todos como axudantes de dirección.  (Falta o final porque non dou tempo...)

martes, 10 de febreiro de 2015

PAXAROS, SILVEIRAS E MIMOSAS


   "O paxaro cando chove mete o rabo na silveira..."Na rede atopamos este refrán sobre a choiva e cando o lemos todos tiñan moi claro que cando chovía o paxaro metía o rabo en algún sitio.... Pero qué é unha silveira?. "Unha árbore, unha flor, un burato..." foron as máis das respostas. Cando lles dixen que daba moras, entón algún dixo que seu avó tiña esa árbore... pero que non tiña espiñas. E con esta conversa estivemos un chisco sin deixalo moi claro para todos. Con esto quero decir que ás veces damos por sabidas moitas cousas que a nós nos parecen evidentes. 
  
  Así que, como a experiencia é a nai da ciencia, e aproveitando que tiñamos un sol impresionante, á volta do recreo arrincamos camiño a Castrigo para tratar de atopar silveiras e como o outro día foi o casorio dos paxaros ver algún buscando niño... Despois de repasar cen veces as normas para o camiño, saímos... e fomos parando en cada pedriña ou pao e sinalando todos os paxaros que pudemos ver e escoitar. Evidentemente os paxaros fuxían de nós que daba gusto!

   E como non, por suposto atopamos as silveiras! (Non teñen moras neste tempo, a foto non é miña). E os paxaros (case todos pardais e algún paporrubio) estaban meténdose por entre elas. Despois seguimos polo camiño, porque lles dixen que atoparíamos árbores cheas de flores amarelas: as mimosas, que estaban preciosas e no seu mellor momento. Collimos unhas cuantas, tocamos (fan cóxegas dixo un!), miramos (parecen soles pequeniños), ulimos (un quería saber cantas flores precisaría para facer un perfume e que outros ingredientes?) e algúns incluso probamos o sabor (sabe amarga e a pó). Esto último debe ser influencia de masterchef junior... porque xa teño oido algún no recanto da cociña decindo "espera... que vou emplatar!". Vendendo a moto podería decir que foi unha "experiencia multisensorial interactiva" jeje. 
     
  Despois voltamos a clase para facer os paxaros e poñelos na árbore que temos diante da porta. Cando rematemos xa colgarei unha foto.

premede na imaxe para ver as fotos

ANTROIDO DE CABEZA


   Este luns comezamos a celebrar o antroido .... pola cabeza. Cada día estarán postas no blog da biblioteca as consignas que Neve, o noso Meco, irá colocando na entrada do cole de abaixo, para saber como teremos que vir ao día seguinte. 



premer aquí


luns, 9 de febreiro de 2015

POEMAS DE CHOIVA

  Pintar coa cor branca non é habitual nos nenos máis pequenos: para eles (pero só o principio) é "unha cor... sen cor" mentras empregamos papeis brancos e fondos brancos... Despois van descubrindo as posibilidades: neve, leite, nubes, roupa, flores.... as mesturas, de todo!. Por iso lles resultou tan pracenteira esta actividade de pintar a choiva  na que empregaron ceras manley brancas sobre cartulina branca para debuxar a choiva. Despois cubrimos todo o papel con aguada azul e: sorpresa... apareceu a choiva! (xa que a cera repele a auga). 
      Fixemos varios de estos papeis con distintos tipos de choiva, e despois na rede buscamos os nomes que ten en Galicia. Atopamos un cento de tipos de choiva! E escollimos algunhas para escribilas nos nosos papeis de choiva: babuxa, corisco, xistra, orballo, diluvio, chaparrón, treboada....  Fermosas, enriquecedoras e abundantes palabras para chamarlle á choiva: SERÁ POR AUGA!
   Vimos algúns refráns, cancións, rimas e poemas como este tan coñecido de Rosalía de Castro:

premer aquí para ver  "poemas de choiva"
    E por certo, nas fotos estamos coa cabeza cuberta con gorros e sombreiros, pero non porque nos chova na cabeza... senón porque estamos de antroido.
---------------------------------------------------------------------------------------------------------------
Tirando de wikipedia atopamos este artigo que transcribo:  "En lingua galega, segundo o grao de intensidade, condensación ou outros factores, existen máis de setenta palabras coas que denominar a chuvia.
  • Condensación de auga: borraxeira, borraxoia, brétema, cegoña, fuscallo, mormaceira, néboa, neboeiro, nebra, zarrazina.
  • Chuvia feble: babuña, babuxa, barbaña, barbuza, barrallo, barrufa, barruñeira, barruzo, borralla, breca, chuvisca, chuviscada, chuviñada, froallo, lapiñeira, marmaña, mollaparvos, melear, orballo, parruma, parrumada, patiñeira, patumeira, poalla, poallada, poalleira, poallo, zarzallo.
  • Chuvia forte: arroiada, ballón, basto, bátega, bategada, cebra, cebrina, chaparrada, chuvascada, chuvasco, chuvieira, cifra, ciobra, dioivo, treixada, xistra, zarracina.
  • Con raios e tronos: treboada, torboada, torbón, trebón.
  • Con neve e xeo: auganeve, cebrina, cebrisca, escarabana, nevada, nevarada, nevareira, nevarío, nevisca, nevarisca, pedrazo, salabreada, sarabiada, torba.
  • Remate: amizar, delampar, escambrar, escampar, estear, estiñar, estrelampar."

xoves, 5 de febreiro de 2015

XOGOS DE XEO E SAL

  Estos días fixo moito frio e hoxe incluso farrapeou en Bertamiráns. Algúns nenos foran o finde semana á neve e mandáronnos fotos... e acabamos falando do que lle botaban nas estradas cando se forman placas de xeo e para qué sería eso... Algúns decían que se botaba area e outros que era sal. Así que preparei un bloque de xeo no conxelador e despois de probalo (e repetir...), puxemos un pouco no medio do cubiño xigante. E durante a mañán fomos observando o que pasaba na parte do xeo en contacto co sal. Despois debuxamos e escribimos a experiencia. Pudemos comprobar que a parte onde estaba o sal derriteuse moito antes que o resto e foise facendo un burato no medio do bloque de xeo. E foi unha experiencia moi divertida!