"O paxaro cando chove mete o rabo na silveira...". Na rede atopamos este refrán sobre a choiva e cando o lemos todos tiñan moi claro que cando chovía o paxaro metía o rabo en algún sitio.... Pero qué é unha silveira?. "Unha árbore, unha flor, un burato..." foron as máis das respostas. Cando lles dixen que daba moras, entón algún dixo que seu avó tiña esa árbore... pero que non tiña espiñas. E con esta conversa estivemos un chisco sin deixalo moi claro para todos. Con esto quero decir que ás veces damos por sabidas moitas cousas que a nós nos parecen evidentes.
Así que, como a experiencia é a nai da ciencia, e aproveitando que tiñamos un sol impresionante, á volta do recreo arrincamos camiño a Castrigo para tratar de atopar silveiras e como o outro día foi o casorio dos paxaros ver algún buscando niño... Despois de repasar cen veces as normas para o camiño, saímos... e fomos parando en cada pedriña ou pao e sinalando todos os paxaros que pudemos ver e escoitar. Evidentemente os paxaros fuxían de nós que daba gusto!
E como non, por suposto atopamos as silveiras! (Non teñen moras neste tempo, a foto non é miña). E os paxaros (case todos pardais e algún paporrubio) estaban meténdose por entre elas. Despois seguimos polo camiño, porque lles dixen que atoparíamos árbores cheas de flores amarelas: as mimosas, que estaban preciosas e no seu mellor momento. Collimos unhas cuantas, tocamos (fan cóxegas dixo un!), miramos (parecen soles pequeniños), ulimos (un quería saber cantas flores precisaría para facer un perfume e que outros ingredientes?) e algúns incluso probamos o sabor (sabe amarga e a pó). Esto último debe ser influencia de masterchef junior... porque xa teño oido algún no recanto da cociña decindo "espera... que vou emplatar!". Vendendo a moto podería decir que foi unha "experiencia multisensorial interactiva" jeje.
Despois voltamos a clase para facer os paxaros e poñelos na árbore que temos diante da porta. Cando rematemos xa colgarei unha foto.
premede na imaxe para ver as fotos |
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Comentarios: a túa opinión conta!