Amosando publicacións coa etiqueta coñecemento. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta coñecemento. Amosar todas as publicacións

venres, 23 de decembro de 2022

Amanitas no patio e na clase

 


   Despois de atopar e identificar moi ben as setas venenosas que saíron no patio, as amanitas, puxémonos a facer unhas con bolas de porexpan: pintamos, puxemos os puntiños blancos, e pegámolas nun cartón que pintamos de verde para facer a base. E despois decoramos o minimundo ou pequeno diorama con musgo. Para completalo, na casa poden poñerlle algúnha figura pequena, algún animaliño ou duende, ou o que a eles se lles ocurra. Se queren facelo, podedes sacarlle unha foto para que a suba aquí e compartila cos compañeiros.


 

xoves, 22 de decembro de 2022

Os bulbos


Como xa vos dirían os nenos levamos bastante  tempo seguindo o crecemento dos xacintos que temos na clase. Plantamos tres bulbos que nos regalou a profe Sandra en tarros de vidro con auga. Ao ser de vidro permitíanos observar o crecemento das raices, que se estiraban cada día provocando momentos de admiración nos nenos que o primeiro que facían ao chegar era correr á ventana para controlar como iba a cousa. Observaban, medían e comparaban. Primeiro vimos as raíces, despois os picos das follas e finalmente estos días a primeira flor, espectacular. As outras a ver si aguantan ata que volvan os nenos. E as do patio, polo frío, tardarán ata a primavera.


 

mércores, 14 de decembro de 2022

Pintando dun modelo natural: froitos de outono


Durante o outono, moitas veces facemos saídas para observar as cores do entorno e falar delas. Nesta ocasión as cores viñeron a nós. Na mesa de presentación, púxenlles  varios dos froitos máis coloridos: un limón, unha laranxa, unha mazá e un cítrico do máis raro que eles non coñecían: unha man de Buda cos seus dedos longos. Despois tamén engadimos plátanos das merendas... Sempre lles digo que antes de poñerse cos pinceis ou as ceras temos que mirar moito e pensar máis. Así que antes de comezar a pintar do natural, observamos, ulimos e sobre todo tocamos os froitos. Comparamos formas, tamaños, cores... e finalmente pintamos cos pinceis!



sábado, 19 de novembro de 2022

As cores do outono

 Estos días andamos a voltas coas cores do outono, non podemos saír porque chove, pero aproveitamos un claro para recoller as follas do carballo americano que temos diante das ventanas e así podemos ver as cores tan bonitas que ten...

Despois de xogar coas follas e observalas ben, escollimos as catro cores que máis se lle parecían e puxémonos a pintar unha folla similar que buscamos na rede...
 
   Como cada un fixo as mesturas á súa maneira e con distintas proporcións, as follas saíron todas diferentes...
...e preciosas!

luns, 14 de novembro de 2022

Follas e amanitas


 A semana pasada saímos ao patio a recoller follas coas cores de outono e sorprendeunos atopar, e sobre todo identificar, unhas das setas máis bonitas que salen nesta temporada: as amanitas. Xa as coñecíamos do curso pasado, sabíamos que eran tóxicas e por iso non debíamos tocalas. Como eran moitas enseguida pasamos a avisar ás profes para que os demáis nenos tivesen coidado. Identificalas correctamente é un paso para evitar perigos.

 Subimos ao piso de arriba para poder ver a copa  do carballo americano do que recollimos as follas caídas. Desde arriba pódese apreciar a variedade de cores que van collendo as follas e os nenos desas clases poden observar sin saír da clase os cambios estacionais.

Coas follas recollidas fixemos un marco na alfombra e sacamos fotos nas que nós eramos os personaxes dos cadros. 


 

luns, 6 de xuño de 2022

Mirando a través das lupas


  Como os bichos e cousas da clase xa as tíñamos algo vistas, saímos fora a observar animaliños e outros elementos naturais. Levamos as lupas e estivemos mirando a través delas. Unha experiencia de búsqueda, observación e conversación sobre o que ibamos atopando.


domingo, 24 de abril de 2022

Retratos


 Dibuxar  supón coordinar a vista e a man, pasando polo cerebro e implicando as emocións e as ideas dos nenos e ten un forte compoñente afectivo. Os primeiros dibuxos ata os tres anos, normalmente son garabatos sin forma nin patrón, porque en realidade non están dibuxando senón experimentando cos trazos e sentindo emocións. Así imos pasando de garabatos a formas (normalmente círculos e raias ) que unhas veces son unha cousa e otras algo diferente, porque primeiro fan os trazos e logo “interpretan e cóntannos” o que dibuxaron. Despois xa pasan a debuxar a figura humana (eles mesmos, mamá e papá, os amigos…). Comezan facendo monigotes con grandes cabezas e ollos, círculos para o tronco e líneas para os brazos e pernas que máis adiante van collendo volumen e ampliando detalles. Son fases que todos van pasando. Tamén inflúe "o día que teña o dibuxante": pero no debuxo expontáneo non saltan fases, vanas superando.

 En estos retratos que fixemos para decorar as portadas partimos da foto da súa cara para que fosen dibuxando o resto do corpo.


 E aquí dúas frases de Pablo Picasso

-"cada neno é un artista, o problema radica en cómo seguir sendo artista cando medra"

-"levoume catro anos pintar como Rafael e toda unha vida aprender a pintar coma un neno!" 


xoves, 21 de abril de 2022

Un picudo das palmeras no patio



   Un día no areeiro viñeron os nenos correndo a avisar que atoparan "un bicho". A veces son formigas, abellas, arañas... todo nos sirve para observar, pero nesta ocasión tratábase dun enorme escarabello de cor vermello alaranxado con manchiñas negras: un PICUDO VERMELLO DAS PALMERAS. Metino nun bote e levámolo para clase para poder velo mellor. Buscámolo en internet e vimos como son e o que comen.
 
 

 Unha femia pode poñer 300 ou 400 ovos dos que nacen enormes larvas de 5 centímetros que devoran as palmeras ata matalas. Os adultos só chupan. Pola tarde estaba falando cunha mamá no porche e caeunos outro diante dos pes. Vese que estaban na fase do seu ciclo no que voan e buscan outras vítimas... Na  clase tivémolos varios días dándolle anacos de fresa para que chupasen o xugo e buscamos outro na colección de bichos en metacrilato: sorprendéronse moito da variedade e colorido dos escarabellos. Despois pintamos os nosos picudos. Son moi bonitos... pero están causando un verdadeiro desastre 😢 
 


mércores, 20 de abril de 2022

Un paseo ata Castrigo


Cando comezou a primavera achegámonos ata o lugar de Castrigo. Xunto cos nenos da clase de Sandra e con Isabel, fixemos a ruta que vai pola vía de servicio. Así, imos evitando o tráfico case todo o tempo para poder observar "tranquilamente" as plantas, paxaros, bolboretas e o pequeno regato que atravesa por debaixo da autovía. É un camiño corto pero con moitas posibilidades para ver os cambios estacionais. Pasámolo moi ben aínda que moitos querían traer de todo nos bolsillos: follas, paos... e ata a gravilla do camiño!. Na volta algúns quedáronse  mirando todo o que nos faltaba de camiño! É que como dí o refrán "costa abaixo tódolos santos axudan"... pero despois hai que  volver!😂


 

 

luns, 11 de abril de 2022

Observando bolboretas camiño de Castrigo

 

   A comezos da primavera houbo un día tan bo e soleado que saímos camiño de Castrigo a escoitar cantar os paxaros e sobre todo para observar bolboretas. Tamén íbamos vendo tipos de flores das que se alimentan. A pesar do balbordo e de que nos costaba centrarnos só en eso, conseguimos ver de tres tipos: as amarelas da col, unhas laranxa con tonos marróns e manchas negras e outras entre verdoso e alaranxado. Tamén oímos paxaros, aínda que se agochaban ao escoitarnos e tivemos un momento curioso no que en vez de observadores fomos "observados" por unha parexa de miñatos que nos sobrevolaron en círculos durante un bo rato ata que se decataron que non debíamos ser moi comestibles...


 


Estampando flores con tubos


Unha das actividades que fixemos coa chegada da primavera foi crear flores empregando os tubos de cartón dos rolos de papel  hixiénico. Con un modelo para os pétalos e outro para as follas, fixemos estampacións para formar ás nosas flores.


 

luns, 21 de marzo de 2022

8 M: abecedario de mulleres, A de Ana Peleteiro


  Para conmemorar o Día internacional da Muller propuxéronnos facer un abecedario dedicando cada letra a unha muller importante. A nós tocounos a letra A e deseguida me veu á cabeza a medallista olímpica de Riveira Ana Peleteiro. Vimos moitas imaxes na rede e escollín algunhas que mostraban a Ana saltando, recollendo a medalla de bronce nos xogos olímpicos de Tokio 2020 e moitas máis. Despois tiñamos que colocar na porta a información sobre cada muller.

 Gustounos moito unha foto de cando era pequena e outra na que se está vacinando contra o covid. E sobre todo chamounos a atención que en case todas as fotos sae sorrindo, menos cando está saltando. Tamén vimos o video no que está dando o  triple salto de 14.87 metros co que gañou a medalla de bronce nos XXOO. E para tomar conciencia de canto é realmente ese número, saímos fora co metro para medilo e marcalo no pasillo. A verdade é que visto así é un triple salto impresionante!. E nós intentamos imitala!!!
  

sábado, 4 de decembro de 2021

Plantando bulbos de tulipáns e ciclames

  Esta semana os nenos das dúas clases de 3 anos estivemos de plantación de bulbos e flores de outono. Algúns xa vistes o resultado. O patio quedou moi colorido!. Mercamos uns bulbos de tulipáns e tamén plantas de ciclames de cores. Isabel encargouse de atar e asegurar as macetas nas barandillas e Sandra e eu plantamos
os bulbos cos nosos pequenos. Colocáronos un a un coa punta do gromo para arriba e tapáronos coa terra. Tíñamos que facelo ao revés que as landras que plantamos coa punta para abaixo. Agora o areeiro está cheo de cores, pero para ver os tulipáns aínda teremos que agardar moito ata finais do inverno !. Esperamos que pague a pena!.
 
  

xoves, 4 de novembro de 2021

Sementando landras no outono

  Este parece ano de landras, e moi boas. Ibamos plantar as que tiñamos pola clase pero coa calor secáronse de máis e trouxenlles outras máis frescas que ademáis chamaban a atención polo tamaño e porque xa estaban asomando as puntas das raices en algunhas. Así que puxémonos mans á terra e plantamolas en macetas.

 
 Cómo lles gustou meter as máns na terra!. Os nenos encargáronse de encher  cada un a súa maceta, escoller as landras máis grandes ou xa algo abertas. Ademáis tiñán que contar tres ou catro e plantalas a pouca profundidade. Agora témolas nas ventás da clase e tócanos coidalas e esperar a que nos medre un bosque de carballos que co tempo levarán a casa para que lles busquedes un sitio. Agora imos traballar a paciencia!

  Para "meternos en ambiente" levamos días contando contos nos que tratamos conceptos previos sobre as estacións e o paso do tempo, qué é un bosque e quén vive nel e sobre todo da perseverancia ante as dificultades como  "Xaime e as landras"  e "O duende Pes lixeiros". 

luns, 1 de novembro de 2021

A nosa clase ule a outono: xogando con follas e froitos

  Estos días a clase está chea de follas e froitos de outono, landras, castañas, avelás, mazás e algún marmelo... Levei un capacho cheo e estivemos manipulando, comparando as cores, os tamaños, as texturas, e tamén ulindo, xogando e facendo composicións  con todo eso. Primeiro nun papel continuo na alfombra e despois nas mesas. 
  
 
 
Algúns incluso fixeron series coas landras e coas mazás e despois clasificamos e ordenamos todo. A nosa clase ule a outono!. Colgados polo teito temos atados coas follas que recollemos no patio e imos observando como cambian de cores conforme van secando pasando do verde o amarelo e laranxa brilantes ao marrón. 

  
 
Temos a sorte que desde as nosas ventanas podemos observar este cambio nas árbores do patio. O carballo americano e o liquidambar están espectaculares e tamén podemos ver os carballos do monte. 
  
 
 
 
Aparte dos aspectos lúdico, estético e de coñecemento da natureza, con esta actividade tamén traballamos conceptos matemáticos: contar, comparar, ordenar, secuenciar, clasificar, o tamaño, a forma... E pasámolo moi ben!


luns, 7 de xuño de 2021

Pirámides e papiros

    Seguindo co proxecto sobre Exipto, buscamos unha plantilla para facer unha pirámide, recortamos e doblamos para pegar e montala. Na sala de Psico tamén intentamos construir pirámides cos bloques grandes e descubrimos que realmente era moi dificil... aínda que un equipo consigueu facer unha pirámide escalonada (como a de Saqara!) igual que fixeron no Antigo Exipto. Tamén fixeron outras construccións.

 

  Coñecemos os papiros sobre os que escribían os exipcios. Vimos que se obtiñan dunha planta que medra nas beiras do rio Nilo que cortaban, pegaban e prensaban hasta conseguir unha especie de "papel". Atopamos unhas plantas que se chaman "falsos papiros" cerca de Castrigo e como non tíñamos tantos para facer o papel, empregamos vendas que cortamos en tiras e pegamos facendo unha imitación. No video que puxen abaixo veredes como fixemos.

imitando papiros

 Os encargados dos papiros eran os escribas, uns funcionarios moi importantes e considerados porque sabían ler e escribir, coñecían o cálculo, controlaban os impostos, aseguraban os traballos de construcción, transcribían as órdenes dos  faraóns e sobre todo eran os responsables da administración.

                      Neste video están as pirámides e cómo fixemos os nosos "papiros".