domingo, 26 de abril de 2015

Unha sesión de psicomotricidade

   Unha pequena mostra dunha sesión de psicomotricidade coordinada pola profe Mercedes e na que tivemos como convidado a Miguel, un dos profes de educación física de primaria que asisteu a un dos momentos máis emocionantes: o derribo do muro. A psicomotricidade  ten como obxecto de estudo a persoa a través do seu corpo en movemento e en relación ao seu mundo interno e externo.

      Estuda a capacidade para expresarse e relacionarse no mundo que nos rodea e está relacionada co proceso de maduración, onde o corpo é a orixe das adquisicións cognitivas e afectivas. Está sustentada por tres coñecementos básicos: o movemento, o intelecto e o afecto. As sesións realizanse no espazo que, aínda que limitado no tamaño e nos materiais, está preparado para as sesións. 

    En ese espazo, os nenos experimentan, válense por si mesmos, trepan, corren, saltan... móstranse tal e como son  ou deixanse levar pola imaxinación creando casas, castelos, barcos.... aceptando previamente  unhas normas de comportamento nas que a primeira, para crear un ambiente seguro, é non facerse dano nin a nós mesmos nin aos outros.



xoves, 23 de abril de 2015

Visitando o faro da biblioteca

   Visitamos o faro da biblioteca  durante a hora de ler e quedamos pasmados co tamaño e colorido. Non puidemos evitar tocalo  para ver de qué estaba feito e tamén intentar entrar pola porta... 
 Un edificio tan típico das nosas costas e que nesta ocasión está construido terra adentro para guiarnos por un mar de libros. As luces do faro prenderanse por primeira vez este 23 de abril.


    E sacamos algunhas fotos diante do faro. A construcción desta estructura parte dunha iniciativa do Equipo de dinamización da Biblioteca para celebrar o día do libro que xurdeu da frase de Agustín Fernández Paz: "UNHA BIBLIOTECA É COMO UN FARO, UNHA LUZ QUE TRASPASA TODOS OS MUROS..."


   No blog da Biblioteca estará máis extensa a historia e a evolución do faro así como o resto das portadas que lles pedimos os nenos que fixesen para contarlles a todos cales son OS LIBROS QUE  LLES GUSTA LER ANTES DE DURMIR, E QUE ALUMEAN AS SÚAS NOITES. 

mércores, 22 de abril de 2015

CASAS E ÁRBORES ESPIRAIS DE KARLA GERARD

   Arte e matemáticas van unidas neste quebracabezas xigante que montamos na clase. Partindo dun cadro da artista folk-abstracta  americana Karla Gerard do que eles non viron a versión orixinal en cor, senón só a imaxe para colorear, fixemos coa ferramenta Posteriza un quebracabezas xigante con 24 pezas tamaño folio. O resultado foi un mural de 6 X 4
   Imprimimos as 24 pezas e repartímolas.... mirábamos a imaxe no ordenador e peza a peza intentamos montalo no chan: non foi posible, xa que non conseguían imaxinar o conxunto nin encaixar pezas que eran moi similares. Cambiamos a disposición e  despois de moito traballo conseguimos montalo en vertical sobre a pantaia. Así visualizámolo mellor.

  Como a idea era que cada neno pintase unha peza, tíñamos que volver a desmontalo... e doble traballo!. Así que recurrimos a unha estratexia matemática: os cadros de doble entrada que empregamos de xeito habitual nas plantillas do Quinzet!. Descubrimos que si por detrás anotabamos o lugar de cada peza indicando filas e columnas, despois seríanos moito máis doado volver encaixar todo. Anotamos  cada peza, repartímolas, coloreamos con manley intentando coordinar as cores e logo montamos o quebracabezas poñendo as pezas A1, A2, B3.... Rematamos o quebracabezas nun momento e este foi o resultado!



  O cadro orixinal de Karla Gerard que eles NON VIRON.


luns, 20 de abril de 2015

PLANTANDO NO HORTO

    O horto do cole xa ten fabas!. Despois de preparar o terreo, arrincando malas herbas e repoñendo terra, (tarefa na que tamén participou, ademáis das clases de 5 anos, un grupo de 4) por fin plantamos. Tíñamos fabas, berenxenas, pementos de Padrón, perexil liso e tamén rizado. E vimos o ben que medraba o brecol que plantou Maria R. Buscamos na rede o xeito de plantalas e algúns querían medir as distancias cun pao para que as plantas tivesen espazo abondo. Con esta actividade ademáis de ver de onde veñen os alimentos que comemos, aprendemos o coidado das plantas e o respeto polo traballo dos demáis. 



    Metemos as máns na terra sen problemas, recolleron miñocas para que saneen e abonen o terreo e todo quedou listo e regado xusto o día antes de que nos chovera. Agora agardaremos impacientes para ver como medran as plantiñas. E pensaremos algunha receita para comelas!.


      Esta vez puxémolas con tanto coidado que non rompeu ningunha no proceso. Eles querían plantar leitugas e tomates cherrys outra vez, porque o curso pasado medraron moi ben e a ensalada que fixemos estaba deliciosa... pero o espazo que temos é moi pequeno e non da para máis. Case non cabemos cando entramos nel!
      En este video podedes ver como traballamos no horto:



Atopei no blog de Voz Natura esta cita que vos poño aquí:

     Como nos conta Jordi Martí, autor do blog de referencia Xarxatic nun post imprescindible para reflexionar sobre este tema : "A innovación educativa estase realizando nos centros por aqueles que están facendo o que poden co que teñen porque, sexamos sinceros montar un horto escolar é infinitamente mellor que crear un vídeo sobre os cultivos e subilo á rede. Que si un quere explicar os tipos de vexetación da súa zona en PowerPoint é moito máis triste que levarse aos alumnos a dar un paseo polo contorno". 

domingo, 19 de abril de 2015

DÍA DA POESÍA: O PROCESO

    Para conmemorar o Día Mundial da Poesía fixemos unha "performance poética" e por todo o patio do colexio, penduramos poemas escollidos e decorados nas clases. Nós fixeramos cinco  grupos  e cada grupo escribeu o poema elexido e  decorárono  axudados uns polos outros. Este foi, máis ou menos, o making of do traballo. O resultado: apreciar a poesía, os traballos dos demáis e achegarnos á lectura dun xeito lúdico. Algúns que antes non se atrevían a ler diante dos outros, soltáronse e emocionáronse intentando ler os poemas soltos polo patio....

premer AQUÍ para ver como a fixemos

MESA DE LUZ

  Fai xa 3 anos que temos unha mesa de luz na clase.  Despois dunha viaxe as escolas de Reggio Emilia en Italia nas que empregaban este tipo de mesa decidin construir unha, coa axuda de Vicente o conserxe. O primeiro deseño tiña dous cristais, dúas zonas de traballo separadas. Usámola de moitas formas posibles: para debuxo, mesturas de cores, para ver ao través das follas das árbores e para grafomotricidade, transparencias e calco...  Como a profe Rosana, cada vez que viña a clase, quedaba encantada con ela, puxémonos a deseñar a súa mesa coa experiencia que daba o uso da nosa.
    A nova xa tiña un só cristal translúcido porque vimos que nos permitía moitas máis utilidades, novos materiais e tamén traballar en equipo. Rosana fixo a súa, nós reformamos a nosa... e enganchamos a todos os compañeiros, co permiso e colaboración da dirección. Contamos esta vez con axuda profesional, un cristaleiro que, cos nosos deseños, cortou as mesa, puxo os cristais e tamén as barras de luz.
 
 
http://issuu.com/loli3amaia/docs/mesa_de_luz/1
premer AQUÍ para ver
  E ademáis, seguro que os nenos xa vos contaron que temos unha caixa chea de "xoias" ou "diamantes"  como dixeron eles, cos que quedaron fascinados. Eso foi o resultado dun paseo polas "tendas asiáticas" nas que atopamos cristais de cores que nos están sendo de moita utilidade. 

SUBMARINISTA

 O noso compañeiro Jose, que é un gran aficionado, dounos unha sorpresa e trouxo o seu traxe de submarinista. Cando Sergio nos falou do invento do submarino, investigamos e atopamos na rede como eran os traxes de mergullador antiguos: enormes, pesados, incómodos e unidos ao barco por un tubo a través do que que lles bombeaban  o osíxeno. Despois vimos como eran os traxes modernos, autónomos e con bombonas. Pero claro unha cousa é velos na web... e outra na realidade e como Jose practica o submarinismo a pulmón  quixo compartir con nós as súas experiencias. Como proba eles tamén  intentaron aguantar a respiración...

    Primeiro contounos en que orden se pon cada peza e o lixeiro que é o traxe. Tanto que, para ir ao fondo, obliga a poñerse un cinturón con pesos de plomo que Kevin e Enzo, como encargados, intentaron levantalo da mesa... e non foron capaces!. A verdade é que o cinturón pesa moitísimo.

   Chamaron  moito a atención as enormes aletas de carbono  e a boya para sinalar onde se mergulla (como sistema de sinalización e seguridade). Aquí fixeron varias preguntas preocupados por si os barcos ven ou non esas boyas que teñen que destacar moito sobre a auga.

 Tamén nos contou como se practica a pesca submarina.

 Quedamos encantados pola visita e pola explicación. Moitas grazas Jose!

xoves, 9 de abril de 2015

O CULTIVO DE BACTERIAS

    Como xa vos contei nunha entrada anterior Carlos, o papá de Clara, veu a clase e trouxo un kit de saliva  co que nos preparou unha placa cun  cultivo coa que sacou da boca de Clara. Tamén fixo outro de mofo. Agora despois de moitos días, á volta das vacacións, o cultivo sigueu a medrar e as colonias de bacterias xa son visibles a simple vista, sobre todo en comparación co mofo. Chama a atención unha colonia moi grande e blanca que se aprecia na dereita da foto. 

INVENTOS: ÁBACO

   Noelia quixo compartir coa clase o invento do ÁBACO. Un aparello que se emprega para contar, sumar, restar e multiplicar desde fai centos de anos. Ela  contounos que se inventou en China no ano 190. Nós averiguamos na rede que esa data corresponde á forma máis ou menos actual do ábaco, xa que moito antes xa se empregaban outros sistemas máis primitivos para contar. Os homes sempre contaron: a cantidade de xente que formaba as tribos, os animais que posuían, as plantas... Empregaban para contar: pedras, sementes, marcas en placas de pedra ou barro, nós en cordeis...  O ábaco consiste nun cadro de madeira con aramios ou barras paralelas polas que se deslizan unhas bolas. A súa orixe  establecese na Mesopotamia fai máis de 4000 años. 


 


    Un dos sistemas antigos de contabilidade que máis nos gustou foi o de ensartar  pezas  en cordas e intentamos reproducilo contando os anos que temos...  

      




   O  ábaco recollido na imaxe de abaixo que amosa unha caixa escura é un modelo chinés. Tamén vimos que no cole temos moitos tipos de ábacos e probamos a poñer números empregando unidades, decenas e centenas.







    Noelia tamén trouxo a clase un modelo de ábaco diferente: unha caixa con só 5 bolas e intentou explicarnos como o empregaba ela.


INVENTOS: A RODA

  David quixo compartir con nós un invento que cambiou a historia da humanidade: a roda. Xunto con seu pai fixo este dibuxo no que poñen as partes dunha roda: eixo e radio. Despois na clase investigamos na rede e atopamos que polo visto crese que a roda se inventou 4.500 anos a.C., en total case máis de 7.000 anos. Antes da roda, os homes primitivos tiñan enormes dificultades para transportar unha variedade de obxectos tanto en canto ao peso como ás cantidades. Inventar a roda permitiulles a elaboración de carros que se utilizaron para a agricultura, o comercio e o transporte. Co paso do tempo, este invento foi tendo todo tipo de melloras e foi utilizado nunha enorme cantidade de novos inventos. 
  
   Conteilles que nos inicios os homes aprenderon a mover enormes pedras primeiro coa forza empuxándoas, despois deslizándoas sobre barro, e finalmente sobre troncos de árbores dos que remataron derivando as rodas. 




    Como EXPERIENCIA na clase, propúxenlles que probasen a ver como se desplazaba máis doadamente un bloco de pedra: arrastrándoo ou deslizándoo sobre paos. Probamos cunha pedra de pizarra que temos na clase e con paos que semellaban troncos. Tamén querían probar co barro, pero eso mellor quedou para outra ocasión...  
 Un video coa experiencia: 




xoves, 2 de abril de 2015

DESEÑANDO CARPETAS

    Para levar a casa o material do segundo trimestre, utilizamos cartulinas grandes dobladas e grapadas, e con elas fixemos unhas carpetas  decoradas empregando ceras, rotuladores, ollos fixos e móviles, pegatinas... e moita imaxinación.





Este video mostra o resultado:

AUTORRETRATOS


     Realizar un autorretrato, ademais dun traballo artístico, é un exercicio de introspección que implica por unha banda, coñecer o noso propio corpo e as súas partes, por outro recoñecer o noso estado de ánimo e ademais desenvolver a capacidade linguística para expresar con palabras as nosas emocións. Un autorretrato descríbenos tanto por fóra como por dentro, intentando ademais dunha representación das nosas características físicas, reflectir a nosa personalidade...

    Ainda que temos moitas posibles interpretacións dos debuxos dos nenos e dos maiores (das que recollo unhas cuantas abaixo), facendo estos autorretratos, nos só intentamos coñecernos,
divertirnos e expresarnos tanto a nivel plástico como oral.
 

premer AQUÍ para ver os autorretratos
 
   A cabeza e a cara son as partes máis expostas á vista, as máis expresivas do corpo e son o centro da comunicación.  
Son as máis fáciles de debuxar para os nenos xa que son as primeiras das que son conscientes. En elas inclúen máis detalles polo que é un dos primeiros debuxos que realizan os nenos. A boca aparece nos debuxos dos nenos case á vez que a cabeza, por que é a parte do seu corpo máis importante para a súa supervivencia e os dentes adoitan aportar un toque de forza ou rebeldía á personalidade de quen a debuxa. Os ollos reflicten a comunicación social e son o punto principal de concentración do sentimento.
  En canto ao pescozo unindo a cabeza e o tronco interprétase a súa omisión como un factor de inmadurez, aínda que nos nenos pequenos é normal mentres non son conscientes da súa articulación. O tronco, nos debuxos infantís, redúcese a unha simple forma ovalada, cadrada ou circular: as figuras redondas asócianse aos debuxos menos agresivos, mentres que as figuras cadradas ou angulosas asócianse máis á forza.  Cando dibuxan os ombreiros, a súa anchura considérase a expresión máis común da forza e perfección.      Os brazos e as mans sérvennos para alimentamos, para vestirmos, para traballar... e a forma en que se debuxan ou se omiten, relaciónase coa evolución da personalidade e a adaptación social. Cando os debuxan estendidos adoita implicar expontaneidad e si o fan pegados ao corpo poden reflectir timidez... Máis non sempre interpretar os dibuxos infantis é tan doado.