luns, 24 de decembro de 2012

NADAL, PURPURINA E PAXES REAIS

      O día 22 rematamos as clases antes do Nadal e entre outras cousas fixemos postais ... con purpurina e participamos no concurso para escoller as que todos os coles do concello de Ames enviamos de xeito conxunto aos papás e mamás. As nosas non foron escollidas, pero non importa, porque nos quedaron ben bonitas!


Desexamos para todos un bo Nadal!


nadal 2012 - foto montaje

     Tamén fixemos adornos con pasta endurecida  e purpurina para colgar na árbore de Nadal de casa.
Usamos cortapasas e rodillos e merquei de esos botes grandes e os nenos tiñan medo que non nos chegara, pero claro é que lle botamos unha pouquiña... eso sí, as clases estaban brillantes, e os dedos, os pelos... Despois fixemos paquetiños con celofán  e agora supoño que xa están colgados na casa.










     Fixemos ademáis as cartas para os Reis Magos e cada un dibuxou as cousas que lles pediamos (bonecas, sereas, pelotas de futbol, soles!, cousas de Dora exploradora e de Hello Kitty... e levamolas á Biblioteca onde estaban  Mencía  e o profe Xesús que nos contaron o conto do Apalpador que lles trae castañas e agasallos os pequenos do Caurel. Logo sairon os paxes reais que nos leeron unha carta dos reis Magos e despois dímoslles as nosas.

  


A VISITA DOS CARTEIROS REAIS!

venres, 21 de decembro de 2012

O MAGO RAFA

         O outro día tivemos a ocasión de ver ao mago Rafa, que veu actuar para nós na biblioteca. Os maiores sempre andamos a decir que a maxia son trucos  e andámoslles buscando as voltas,  pero pódovos asegurar que nós vimos maxia de verdade ... o que non sei é de que lado do escenario había máis ... e senón, mirade para as caras dos pequenos.  O Mago Rafa sorprendeunos  pedindo axundantes e axudantas: Alba facendo aparecer tiras de cores, Paula coa variña maxica que se doblaba, Lola e Xoel axudárono cunha bolsa que cambiaba as cores dos panos e Xoel ademáis axudouno a facer aparecer un coello!. Logo Ainoa,  que fixo un xogo de papeis ... e deixou só ao mago no escenario e despois Clara, que  levou o número á par, como unha auténtica profesional!. Logo  houbo uns cuantos que querían saír pero non daban chegado a tempo... outra vez será!.
 

     
      Finalmente, Rafa fixo maxia cun libro en branco que encheu de dibuxos coa axuda de todos os nenos e nenas e que logo tamén lle puxeron cor.
      E o mago rematou, deixandoos con ganas de máis: aínda que eles teñen maxia abondo para repartir!. FALTA NOS FAI UN CHISCO DE MAXIA!

                                                            

mércores, 12 de decembro de 2012

O ABETO DE NADAL

       Xa estamos de novo no mes de decembro e, como cada ano, as clases comezan a encherse de purpurina e cousas de Nadal. O chan das clases brilla pola purpurina caida.  Pola nosa parte, cos nenos e nenas da clase, o outro día a primeira hora da mañan, desempaquetamos a árbore que durmia agochada nunha caixa baixo as escaleiras (o único "almacén" que temos, xa que no cole andamos moi escasos de espazos así que todos os recantos son multiusos!). Despois de montar o abeto na entrada do cole, os nenos  foron escollendo e poñendo os adornos que máis lles gustaban (bolas, lazos e cunchas douradas) para ilo enchendo de cores. E tamén lle puxemos luces!. Démoslles unha sorpresa a todos cando comezaron a pasar por alí e o viron.
      Agora, cada vez que saímos da clase e camiñamos polo pasillo adiante, o que vemos é esto: 

UN CONTO COLECTIVO: o paxaro azul

                                                              O outro día, despois de ler contos coma todos os días, propúxelles aos nenos e as nenas si serían capaces de inventar un eles sós... Dixeron que nón, pero insistín e intentámolo entre todos, hasta que pouco a pouco a cousa foi collendo xeito: un escolleu o protagonista (un paxaro), outra  díxo a cor (azul), outro foi decindo onde vivía, o qué lle pasaba etc... e así foi nacendo o conto do paxariño azul que vivía nunha árbore do patio da escola.  Unha árbore como a que temos no noso patio: de follas vermellas, laranxas e  amarelas  por suposto, que estamos no outono!

        Despois, entre varios dibuxaron as árbores estampando as máns e puxémoslle moitas follas con moitos dedos polo medio, outro pintou o corpo do paxariño azul, outra púxolle o pico e as patas e unha fixo o millo... logo eu fixen esta montaxe co seu conto. É o noso primeiro conto en común  e levounos dous ou tres días rematalo: espero que vos guste!

xoves, 6 de decembro de 2012

DIPLOMA CABACEIRO

    
     Este mércores os nenos de infantil do colexio recibimos da mán de Lita, a directora do colexio, o noso  DIPLOMA DE CABACEIRO/A OFICIAL por participar na decoración do cole durante o  tempo do Samaín  traendo cabazas, xoias feitas cos froitos do outono, composicións con follas, piñas e sementes, xoguetes e bonecas feitas cos casulos e os carozos do millo e un sin fín de cousas realmente elaboradas. Gracias por participar: este diploma é para vós!.



      







      Lita pasou polas aulas, onde os máis pequenos do colexio estabamos agrupados por niveis, para ir facendo a entrega dos diplomas e ademáis trouxonos un agasallo de parte do equipo de actividades extraescolares do cole. O diploma estivo moi ben, pero si vos conto a verdade o que máis ilusión lles fixo foi o agasallo: unhas ás de volvoreta con diadema e variña máxica DE COR  ROOOOOOSA! (Habería que facer un estudo para ver que terá a cor rosa, que tanto lles emociona. E non vos digo nada agora que imos comezar coa "temporada da purpurina", que xa me preguntaron si nos chegaría coa que merquei...)










     Durante a "entrega de premios" tíñamos de fondo esta presentación que fixen coas fotos da exposición e con unha peza de música de Johan Strauss que lles gustou moito.



luns, 3 de decembro de 2012

UN DÍA DA FROITA ESPECIAL !

     Como sabedes , o venres 23  celebramos o Magosto no colexio e, despois de comer as castañas, tamén tivemos froita que nos trouxeron as nais e pais da Ampa. Os pequenos  de infantil e os de primaria comeron a fartar, pero aínda así sobrou un montón de froita.      
     
    Así que, o pasado mércores, coa colaboración das nais da Ampa, tivemos UN DÍA DA FROITA ESPECIAL Antes da merenda as nais viñeron pertechadas de froita e coitelos e estiveronnos preparando bandexas cun combinado de froitas con unha pinta realmente APETITOSA!.  Gracias as mamás pola súa colaboración!

      Pola nosa clase pasaron Marta e Dolores a traernos as bandexas coas froitas e  estiveron un ratiño falando cos pequenos. Aquí vos poño unhas fotos  e un video do que fixemos: COMER!!!.    



      A froita estaba moi rica  e pouco a pouco comerona case toda e só deixamos unha pouca que rematamos  ao día seguinte. E despois de comer a froita aínda quixeron merendar!


luns, 26 de novembro de 2012

AS CASTAÑAS DO MAGOSTO

    Como seguimos a falar das castañas e do magosto aquí vai o noso primeiro intento de grabarnos cantando. A canción é "AS CASTAÑAS DO MAGOSTO" coa música de "a saia de Carolina". Como veredes, algúns están moi metidos na canción e outros quedaron máis caladiños... pero, bueno, a próxima vez teremos algo menos de "medo escénico".


OS FROITOS DO OUTONO... E O MAGOSTO

    Tócame hoxe contarvos o que fixemos estos días. Xa que estamos no outono, imos aprendendo cousas sobre esta estación de tempo tan cambiante. Saímos pola contorna para observar os cambios na natureza: o tempo, os fenómenos atmosféricos, as cores das árbores etc. Fomos vendo como as árbores do patio perdían as follas día a día. Recollimos landras dos carballos e follas de distintas formas,cores e tamaños. Os nenos tamén están  a traer a clase distintos froitos e productos que se dan neste tempo: espigas de millo de distintas cores, cabazas de diferentes tamaños, cogumelos, landras, castañas e ourizos, avelás e noces... Todo esto ímolo clasificando e poñendo na mesa de exposición.  Cada mañán fixemos unha sesión de "traio e enseño" e cada neno e nena que trae algo cóntalle a todos qué é ,onde o recolleu e como se chama.


        Con todo o que trouxeron (froitos, cabazas no samaín, xoiería con froitos do outono, bonecos feitos con millo e casulos etc...)  fixemos unha exposición no edificio de infantil e tamén demos unha volta  polo edificio de primaria para ver a que fixeron os maiores.


    Tamén saímos un día a ver un laranxeiro que temos nun recanto do patio e que estaba cargado de froitos. Esta árbore foi plantada por nenos e nenas que agora xa están no instituto!. Uns plantan e outros recollen...Como aínda estaban algo verdes, volveremos outra vez a recoller as que estén maduras para comer!

    E comimos froitos secos como  noces e  avelás e  carnosos como as mandarinas e as granadas... e, por fin, este venres rematamos  comendo castañas na CELEBRACIÓN DO MAGOSTO.

 

Neste issuu podedes ver un pouco do que fixemos esta tempada.




venres, 9 de novembro de 2012

ÓLIVER E OS SEUS AUDÍFONOS

       Hoxe nas  clases de tres anos tivemos unha visita moi especial , viñeron Ana e o seu amigo o elefante Óliver a contarnos un conto:  trátase de "Óliver e os seus audífonos". Está escrito por Maureen Cassidy Riski e Nikolas Klakow e ilustrado por Polygone e Nicolas Babey.

     A historia procura facernos máis conscientes das dificultades que  os problemas de audición acarrean na vida diaria desde o punto de vista dun pequeno. Falounos das visitas ao médico, das solucións ao problema de Óliver e de como se fan as probas de audiometría. Tamén repasamos algunhas palabras difíciles (audífono e otorrino...) e Ana ensinounos uns audífonos de verdade. Ana e o seu compañeiro pertencen a ACOPROS , a asociación coruñesa de promoción das persoas xordas ou con discapacidade auditiva que como fin loitar polos dereitos do colectivo na sociedade e fomentar a súa inserción sociolaboral.

















Este é un resumo da visita :



E este o conto de Óliver




martes, 6 de novembro de 2012

AS CABAZAS DO SAMAÍN


      Estamos no outono e entre as cousas que traemos a clase están as cabazas: cabazas grandes e pequenas, lisas e con bultos, pesadas e lixeiras, de cor laranxa e de moitas outras cores, cabazas para comer  e para facer cabelo de anxo, e tamén para darlle aos animais.... Como tamén  estamos no tempo do Samaín os nenos e nenas trouxeron cabazas decoradas para dar medo. Aquí vos vai unha mostra das que están a chegar estos días feitas na casa polos papás e mamás coa axuda dos pequenos. A exposición das cabazas está na entrada do colexio. Fixádevos tamén nunha parella de personaxes feita cos casulos do millo como se facían  en tempos os xoguetes.

Moitas gracias pola vosa colaboración!.  SON IMPRESIONANTES!

En este video veredes moitas das cabazas que están a chegar ao colexio...
(A música é o rondo do concerto nº 1 de Chopín)


Na foto de grupo tamén puxen "co fotoshop" a Manuel e Nohemí ... que este día estaban enfermos e non quería que faltaran.

A supercabaza de Xavi!

A ÁRBORE SEN FOLLAS

     O outro día contamos na clase o conto dunha árbore que se puxo moi triste cando se deu conta de que non tiña follas. A árbore pideulle ao sol, o vento e a choiva que lle axudasen a telas, pero a pesar da súa forza non puderon e só foron capaces de facelo os nenos e as nenas que pasaron polo monte e o viron tan triste. 
    Nós fixemos, co cartón dun encerado, o tronco e as ramas, démoslle cor entre todos e despois pegámoslle moitas follas que nos recortou María. As follas estaban pintadas en papel de periódico, cunha mistura de vermello e  verde   que, cando secou, quedou todo enrrugado, dándolle a sensación de volume para que parecesen máis reais. A nosa árbore quedounos preciosa e témola posta ao lado da porta da clase.

E aquí  estamos en faena, pintando a árbore aos poucos:


martes, 23 de outubro de 2012

RATIÑO DE CAMPO...


      Teño unha dúbida: os ratiños de campo poden ser mascotas?. Pareceme que sí, porque na clase temos un pequeniño que os nenos atoparon no patio e que non pudo escapar de nós do susto que levou...    Rescateino cando estaba a correr en círculo no medio de 50 peiños que o tiñan rodeado e metino nun caldeiro amarelo para velo mellor. É  tan pequeno que case colle no tapón de pegamento que lle temos de bebedoiro.
      Despois puxémoslle follas, demoslle unha mazá das que aínda quedaban no patio e como estaba moi tranquiliño, decidín poñelo no terrario da clase. Puxénlle algodón e as follas que os nenos colleron no patio para que tivese onde agocharse de nós. Pero non é nada medoso e podemos velo comendo, saltando e roendo na plantiña que lle puxen para "crearlle un ambiente".









      Agora ten máis terra e os tuneles són moito máis grandes. E así podemos ver un roedor que, a pesar do seu pequeno tamaño é moi importante para a vida dos bosques: agochando moreas de landras e outros froitos do outono en buratos  que moitas veces esquecen,   fan que moitas árbores poidan medrar xa que evitan que todas sexan comidas por esquios, xabaríns, coellos e paxaros. Deste xeito os pequenos ratiños son os inxenieros do campo(clicade aquí ) e favorecen a rexeneración natural dos bosques.

     En este power point e no video podedes ver o noso ratiño. E como dixo un pequeno, "agora teríamos que buscar o ratiño de cidade". Tamén estamos a falar do ratiño Pérez e de moitos contos de ratiños que temos na biblioteca. Por suposto, non lle teñen ningún medo: do coñecemento nace o respeto por todas as formas de vida... Dentro de pouco levarémolo ao monte para reintegralo ao seu ambiente natural.



E aquí o vedes en acción!



sábado, 13 de outubro de 2012

TEOREMA DAS POMPAS E A RISA

        
      Estivemos XOGANDO CON POMPAS DE XABÓN. Primeiro mesturamos auga con líquido lavavaixelas. Botamos o líquido xabonoso nos vasiños e despois tamén sobre as  propias mesas. E con palliñas probamos a facer as burbullas. As pompas de xabón son un recurso divertido na clase, pero ademáis teñen moitas máis utilidades: creamos formas diferentes e fermosas, aprendemos a controlar o soplido, e tamén aprendemos que os materiais que temos arredor sirven para outras cousas...  




   






      Pero as pompas tamén nos plantexan moitos problemas: por qué unhas son grandes e outras pequenas?, por qué duran máis ou menos?, por qué algunhas estalan pronto e outras duran máis?, por qué se pegan unhas a outras? por qué teñen tantas cores?... Todas estas preguntas que nos facemos responden a moitos problemas físicos, ópticos e matemáticos: (clicar aquí para ver máis). Igual algún dos nenos acaba usando as pompas na súa traxectoria científica! 

       Temos  leis físicas e teoremas matemáticos que as explican e moitos están a estudar a fórmula da composición da pompa perfecta. Tamén temos representacións e espectáculos artísticos con pompas...e no mundo din que se venden máis de 200 millóns de "pomperos"!, un xoguete co que os nenos levan xogando polo visto máis de 400 anos. Nós só precisamos auga, un pouco de xabón, unha palliña... e uns cuantos nenos con ganas de experimentar!. E a ver que Teorema explica o sorriso que vedes na primeira foto!.

xoves, 4 de outubro de 2012

UN PASEO POLO MONTE

       Na clase estamos a falar do OUTONO, dos cambios que supón tanto climáticos coma nas árbores. Así que onte, despois do recreo, decidimos darnos unha volta polo souto de castiñeiros do Sr Manuel de Castrigo. Aproveitamos o bo día e que o souto estaba  pañado e rastrillado de novo. Antes de coller camiño, falamos das normas axeitadas para ir a dar o paseo: camiñar ordenados antes de chegar ao monte, non berrar e atender ás profes. Unha vez repasadas as normas, comezaron as preguntas, xa que tan pronto se dixo a palabra "monte" o primeiro que algúnha quixo saber era si había "globos"(*).  Despois de explicarlles que en este souto non se permiten LOBOS, falamos do que poderíamos ver: castiñeiros coas follas aínda verdes, ourizos, castañas e con sorte paxaros ou coellos. Cando estivemos alí correron, saltaron e miraron todo. Collimos algunhas castañas e follas e tivemos coidado de non picarnos cos ourizos. Por suposto non vimos nin coellos... nin rastro dos globos feroces! 
     Aquí podedes ver como o pasamos. Volveremos en canto comecen a caerlles as follas aos castiñeiros! 





     (*)E a propósito de "globos feroces", e o que ás veces decimos, entendemos ou interpretamos,  recoméndovos este artigo sobre "saber escoitar":   picade aquí para velo.  
     Como anécdota direivos o que me pasou coa palabra "corredor". Un pequeno, que agora anda xa polo instituto, díxome un día todo serio: Loli, como lle chamas corredor ao pasillo... si despois non nos deixas correr?


DERRUBANDO MURALLAS

    Aquí estamos na clase de psicomotricidade, na sala grande coa profe María. Atopamos unha enorme muralla construida cos blocos grandes de espuma. María preguntounos si seríamos quen de botala abaixo e casi todos dixeron que sí. Así  que  despois de repasar as normas da sala, a máis importante das cales é non facer dano nin aos demais nin a nós mesmos, quitamos o calzado e puxemos calcetíns grosos antideslizantes. Despois preparámonos: mirade as caras que poñen pensando no que van facer. Despois de tirala, xogamos cos blocos  e cos cabaliños, saltamos e corrimos, subimos, baixamos  e andivemos a tombos... PASÁMOLO XENIAL!!! 

domingo, 30 de setembro de 2012

ENREDANDO COA REDE DE ARAÑA

      
         Xa que imos estar enredados durante moito tempo, o outro día na clase fixemos un xogo de presentación para ir coñecendo os nomes de todos. Sentámonos nunha roda dentro da alfombra e collimos unha  bola de la. O primeiro neno atou unha punta do fío no pulso e despois pasoulle a la a outro neno decindo o seu nome e así sucesivamente. Pasou por enriba, por abaixo, dando voltas e reviravoltas, cruzando unha e outra vez ...  
       Costounos un ratiño, xa que non nos acordábamos de todos os nomes, o fío soltábase das máns, e algúns collíano cando nos lles tocaba ou non o facían cando era o seu turno... Pero finalmente conseguimos pasarlle a lá a todos e saleunos unha bonita tela de araña.   A telaraña dos nosos nomes! 



PERIODO DE ADAPTACIÓN EN TRES ANOS...


   UN DÍA CALQUERA NUNHA CLASE DE 3 ANOS:
    DESPOIS DE VER A PETICIÓN DA XEFA DE ESTUDOS PARA QUE LLE ENTREGUEMOS   XA OS HORARIOS :
aínda  non sei  onde colocar  os seguintes aspectos  que quero compartir con vos e que seguramente recoñecedes:

  • sección identidade persoal: "yo , yo , yo,  y cuando me toca a miiiiiiiiiiiiiiiiiiiiií?. Non é egoísmo é egocentrismo: importo eu … e os demais están a estorbar. “dame  la mano a miiiiiiii!”
  • sección amor materno: "cuando viene mi mamáaaaaaaaaaaaaa?
  • sección "no quiero ir al comedoooooooooooor! con imaxen gráfica das amigdalas e máis ala... bastante máis alá, polo esófago polo menos. Vale como iniciación ao estudo do aparato dixestivo.
  • Sección profes especialistas: “ah! pero ahora que te conozco a ti me tengo que quedar con este otro profe?”
  • sección estrana: "pues yo no me quiero ir a casa" (agochada baixo unha mesa)
  • sección expresión oral e AL: varios que non falan, varias que non calan, e varios que non escoitan…).
  • sección "me he hecho pis" sic (na clase falamos castelán, galego, e por señas ...)
  • control de esfínteres: "me he meado ... (consulta médica: como pode caber tanto pis nunha vexiga tan  pequeniña?)
1.     opción a) “pero si me bajé los pantalones... ah, pero no los calzoncillos!”
2.     opción b) no se baaaaajan! (tirando do mandilón). Despois será: “no se suben!”
3.     opción c) a máis contundente e categórica: "yo no sé"
4.     opción d) admirando o pis que corre polas pernas ... e mirando alternativamente para a profe e    para a taza do water : polos pelos non chegamos!
5.     opción d) eliminación de residuos máis ou menos sólidos polo conducto habitual  e cos outros 24 mirando por riba a ver que pasou…
6.     opción e) os que son capaces de facer pis e vomitar ao mesmo tempo ... eso é habilidade e coordinación!. Agora imaxinade á profe correndo pola fregona, consolando ao pequeno  e intentando evitar que a cousa se extenda… e cos outros 24  mirando por riba a ver que pasou …
  • seccion matemáticas-bis-Noción de infinito: cuando viene mi mamá? . cuando viene mi mamá? cuando viene mi mamá? cuando viene mi mamá?cuando viene mi mamá?cuando viene mi mamá?  (afortunadamente xa casi só pasa no patio)
  • sección "yo no quieroooooooo! Despois de media hora de explicar con cariño e paciencia e razoar usando múltiples argumentos …acudimos á Resposta  pedagóxico-dictatorial: "pero eu siiiiiiiiiiiii Son as normas e aquí mando eu!”
  • sección IMPERATIVO LEGAL, variante ordeno y mando: "AAAAAAAAAAbreme la mochila!  PONME...! DAME ! HAZME!
  • Sección problemas matemáticos : os conceptos dentro e fora aplicados ás mochilas e tupers : a merenda está dentro-eu estou fora- eu teño fame… como fago ???
  • sección tranporte e comedor:
1. luns: hoxe vai en bus, pero non volve en bus xa que vai quedar  no comedor.
2. martes: hoxe  non queda  no comedor pero mañán e o  venres si.
3. mércores: hoxe vai no coche coa abuela
4. xoves: hoxe chora porque non quere ir ao comedor, ou porque quere ir e non lle toca.
5. venres: hoxe conteinos a todos e cada un vai onde ten que ir! 

PERO CREO QUE O QUE NOS PIDEN QUE POÑAMOS EN PAPEL VAI SER QUE, POLO MEDIO DE TODO O ANTERIOR,  O QUE OS NENOS E NENAS TEÑEN QUE ACADAR SON  AS  SEGUINTES  COMPETENCIAS:

1.  COMPETENCIA EN COMUNICACIÓN LINGÜÍSTICA
     escoitar, falar, ler e escribir. contos e relatos. 

2. COMPETENCIA MATEMÁTICA
    
habilidades matemáticas aplicar o pensamento matemático

3. COMPETENCIA NO COÑECEMENTO E INTERACCIÓN CO MUNDO FÍSICO
     interacción coas persoas, os obxectos, a exploración do espazo e do tempo…

4.  COMPETENCIA DIGITAL  E TRATAMENTO DA INFORMACIÓN
     tecnoloxías ordenador

5. COMPETENCIA SOCIAL      formas de comportamento socialmente eficaz.
     escoitar, respectar a quenda de intervención, presentarse, prestar axuda… 

6. COMPETENCIA CULTURAL E ARTÍSTICA      coñecemento, comprensión, uso e valoración das manifestacións culturais e artísticas. 

7. COMPETENCIA PARA APRENDER A APRENDER      aprender gozando dunha forma eficaz e autónoma 

8. AUTONOMÍA E INICIATIVA PERSOAL
     co
ñecemento de si mesmo e uso do propio corpo.