xoves, 20 de xuño de 2019

Iago, Nuria, Pablo e "o mago Turlututú" de Hervé Tullet

  Os pais de Iago viñeron a clase a contarnos o conto de Hervé Tullet "Turlututú é un mago" da Editorial Kókinos e fixéronnos xogar seguindo os seus mandados. Un fantástico e colorido álbum ilustrado para os máis pequenos, dun autor que nos encanta e que xa nos ten afeitos ao xogo co libro, onde é necesaria a participación  do lector. Con moitos títulos publicados, este ilustrador francés organiza talleres con nenos por todo o mundo que veñen sendo sesións de arte en directo. Opina que "a arte non é un fin senón un medio". Tamén dí que non hai cadros bonitos ou feos... El confía na intuición dos nenos e nunhas dinámicas de grupo para crear arte en colaboración. Ten outro libro que vos recomendo: "Divírtete. Talleres de Arte con Hervé Tullet (Editorial Phaidon) onde propón actividades artísticas para  potenciar o noso lado máis creativo. Unha boa "lectura-inspiradora" para o verán!
 
 Nuria e Pablo trouxéronnos tamén un títere de calcetín feito pola avóa de Iago e outros  para cada neno en cartulina que despois pintamos como quixeron e convertimos en títeres de pao.



 Pasamos un rato moi divertido!  Moitas grazas por vir!


xoves, 13 de xuño de 2019

De merenda no Bibliopatio

   Hoxe tíñamos previsto sair de camiñata ao Pazo da Peregrina para xuntarnos coas familias que vos podíades achegar e merendar  todos xuntos. Pero cando estábamos xa na porta, todos preparados, coas normas repasadas, todos pasados polo baño, "intendencia" revisada, botellas de auga listas,  merendas para compartir preparadas, mochilas colgadas e como digo xa saíndo pola porta emocionados e impacientes.... chega o aviso de direción e dos membros de Protección Civil que nos iban acompañar: chove e recomendan suspender a saída!. As cariñas de decepción non as podedes imaxinar, llanto incluido... en fín.

 Chover, chovía miudiño... pero chovía, e era un risco baixar andando así.  Para "minimizar" danos pedinlles os de Protección Civil que viñeran  falar con eles e despois da conversa xa quedaron un pouco máis convencidos. Pero como xa tíñamos todo o petate colgado decidín buscar un plan Bimprovisar unha merenda nun rincón diferente do cole.

  Ocurreuseme que como temos este recuncho tan acolledor do Bibliopatio, podíamos quedar nel para compartir a merenda. E alá fomos. Así que finalmente, como dixeron eles: fomos de picnic!.

 Ademáis será unha das últimas veces que podamos usar o Bibliopatio, xa que coa ampliación do comedor o máis seguro é que desapareza no verán e con el un recordo moi especial dun taller de arte urbano que nos deixou unha promoción de 6º antes de marchar para o instituto e que é a imaxe de cabeceira da nosa web... 

(para a semana xa vos avisaremos da data na que temos pensado sair para o Pazo)

luns, 10 de xuño de 2019

Adela, Ainhoa, Tito o malabarista e un chisco de maxia!

   Dentro das visitas de animación á lectura  Adela, a nai de Ainhoa, veunos ler o libro "Tito malabarista" (editorial Edelvives), escrito e ilustrado polo belga Guido van Genechten  do que seguro coñecedes outros libros xa que ten publicados máis de 40.
   Resumo do conto: Tito é o paiaso estrela do circo. Ao público gústanlle moito as súas actuacións, pero un día sucede algo estraño: o seu nariz desaparece!. Tito queda moi triste e comeza a buscalo pero non atopa o nariz redondo que desexa. Pensa que iso significará o seu final, pero o dono do circo anímao e faille ver que ao público gústalle el, aínda que non teña nariz e finalmente comprende que o público o quere igual.

 

  Ademáis de ler o conto  Adela fixo maxia cun xogo de descubrimento de formas xeométricas. Non imos desvelar a seu secreto! pero tivemos que aprendernos e recitar unha frase máxica e tamén soplar nunha bolsa... E así todos acabamos conseguindo unha máxica nariz de paiaso como a de Tito.
 Foi moi divertido!


  Cando todos conseguimos o nariz buscamos en internet un dibuxo de Tito para colorear. MOITAS GRAZAS A ADELA por traernos este conto e tamén UN CHISCO DE MAXIA PARA COMPARTIR!


domingo, 9 de xuño de 2019

Un coelliño na clase

   Á clase veu de visita un animaliño que nos deixou encantados. Un coelliño que pronto se deixou acariñar.... despois dos primeiros medos polas dúas partes. Aprendimos a tocalo con coidado, a non asustalo facendo ruido e a ser bastante coidadosos con el. 




  A profe Marta ensinounos como se colle con delicadeza, xa que son animáis moi fráxiles e asustadizos. Os nenos enseguida querían saber todo deste pequeno mamífero, como é o seu pelo, onde tiña as unllas, onde vive...

  Casi todos quixeron telo nos brazos e o coelliño colleu confianza de seguida. Pasamos un bo rato! 
 

sábado, 8 de xuño de 2019

Bety e Nuria: unha de princesas e piratas

  Bety, a nai de Nuria, visitounos para participar nas actividades de animación á lectura. Foi Nuria a encargada de convencer á súa nai insistindo "solo un pouquiño". Contounos dous contos que lle gustan a Nuria: un libro musical de Princesas e unha historia de Pepa Pig na illa dos piratas.  Nuria encargouse de ir axudando a mamá a ir pasalas páxinas. 
 
   Cando rematou puxémonos a dibuxar a illa dos piratas, pero Nuria xa non soltou a mamá ata a hora de marchar.

 Moitas grazas Bety por vir correndo do traballo a pasar este ratiño con nós. 

 

luns, 3 de xuño de 2019

Cereixas, fresas e un xardín vertical dos sentidos

   Este curso participamos en varias experiencias coa natureza na horta e no xardín, que nos levaron por exemplo a observar o crecemento das cereixas desde que as vimos en flor ata que as pudemos comer estos días. Ao primeiro atopáronas ácidas, pero logo non chegaban a nada!. No noso patio ademáis están a madurar as moras e os primeiros que as quixeron probar atopáronas moi ricas. Despois xa as probaron case todos!. Tamén seguimos o crecemento das fresas que plantaron na horta os nenos que estaban na miña clase fai 3 cursos e un día fixemos unha "colleita"..
Como eran poucas, fixemos unha "merenda matemática": contámolas, contámonos e repartímolas. O mellor de todo foi compartir. Ademáis o mércores tamén probamos os arándanos e albaricoques da semana da froita que fixeron os maiores estos días.
Participamos ademáis na plantación e coidado do xardín vertical dos sentidos que montou a nosa compañeira Sandra colgando botellas nas columnas do peche que enchemos de terra e plantas e que agora todos podemos coidar e disfrutar...
  (En outra entrada xa vos contaremos como foi esa experiencia na que plantamos leitugas, fresas, plantas aromáticas, de flor e crasas... )


 


domingo, 2 de xuño de 2019

Catarina, Sheyse, Wander e uns contos en portugués.


   Sheyse e Wander viñeron a clase de Catarina a ler para os seus compañeiros uns contos en portugués: "Branca de neve",  e "Papai!". Quixemos facer unha experiencia escoitando os contos noutro idioma  pero algúns perdéronse un pouquiño...e costoulles seguir a actividade. O primeiro que nos leu Sheyse é unha versión do clásico Brancaneves  e aínda que ten palabras que lles costou entender  fórono seguindo porque é unha historia moi coñecida.


   O que nos leu Wander, xa para un grupo máis pequeno, é unha versión do conto "Papá!" do escritor e ilustrador francés Philippe Corentin, e trátase dunha   unha historia de monstruos moi especial para quitarlles os medos aos nenos a través do humor e a imaxinación.


  Despois aproveitamos para traballar coa W de Wander e dibuxamos a Catarina e seus pais. Catarina estaba tan emocionada desde os días antes pola visita de seus pais que non quixo separarse deles en toda a actividade e chorou desconsolada cando os tivo que despedir. 
 Moitas grazas a Sheyse e Wander por vir a clase e participar nestas actividades de animación á lectura e por achegarnos estes contos noutro idioma e pola paciencia ademáis de irlles traducindo e explicando o que lles costaba máis entender.