Amosando publicacións coa etiqueta conmemoración. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta conmemoración. Amosar todas as publicacións

luns, 14 de novembro de 2022

As Maianas cantando no Ceip A Maía

  O venres celebramos o magosto con actividades organizadas polo Equipo de Extraescolares. Recibimos a visita do grupo As Maianas que actuaron na Biblioteca para todos os alumnos. Son un grupo de cantareiras e pandereteiras que tamén empregan a percusión corporal e a guitarra. Os de infantil baixamos despois do recreo e pasámolo xenial con elas!


 Esta é unha montaxe coas fotos dos nenos de infantil mentras as  Maianas cantaban para nós.




sábado, 18 de xuño de 2022

Día das letras galegas: as serpes . Florencio Delgado Gurriarán.



  Este ano o Día das Letras galegas adicouselle a Florencio Manuel Delgado Gurriarán. A proposta do Equipo de Normalización Linguística foi achegarnos á súa obra co poema "un dous tres, foxen da retorta SERPE...".
  Para elo díronnos unha CORDAS que debíamos transformar en SERPES para despois penduralas polo colexio. 


   

  A nosa serpe levou cintas adhesivas de cores e gomets que pegamos polo seu corpo, ollos feitos con bolas de porexpán e cascabeis na cola...






Despois, puxémola na entrada coas outras serpes de infantil

E saímos polo patio para ver as que colocaran os de primaria nas entradas e no balcón.

 
 ooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooo
 ooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooo

Gurriarán que naceu en Valdeorras no ano 1903 e finou en Fair Oaks (California) en 1987, foi un avogado e poeta galego que tivo que exiliarse pola guerra. En México fundou a revista Vieiros, a Fundación do Padroado da Cultura Galega, a Irmandade Galeguista e o Ateneo de Galicia. A súa obra está recollida nos libros Bebedeira (1934), Galicia infinda (1963). 

luns, 21 de marzo de 2022

8 M: abecedario de mulleres, A de Ana Peleteiro


  Para conmemorar o Día internacional da Muller propuxéronnos facer un abecedario dedicando cada letra a unha muller importante. A nós tocounos a letra A e deseguida me veu á cabeza a medallista olímpica de Riveira Ana Peleteiro. Vimos moitas imaxes na rede e escollín algunhas que mostraban a Ana saltando, recollendo a medalla de bronce nos xogos olímpicos de Tokio 2020 e moitas máis. Despois tiñamos que colocar na porta a información sobre cada muller.

 Gustounos moito unha foto de cando era pequena e outra na que se está vacinando contra o covid. E sobre todo chamounos a atención que en case todas as fotos sae sorrindo, menos cando está saltando. Tamén vimos o video no que está dando o  triple salto de 14.87 metros co que gañou a medalla de bronce nos XXOO. E para tomar conciencia de canto é realmente ese número, saímos fora co metro para medilo e marcalo no pasillo. A verdade é que visto así é un triple salto impresionante!. E nós intentamos imitala!!!
  

xoves, 3 de marzo de 2022

As camelias de Rosalía

Para celebrar o Día de Rosalía de Castro o Equipo de Normalización Lingüística propúxonos facer un "xardín vertical" nas entradas de cada edificio para pegar e colgar camelias ou flores con poemas de Rosalía. Nós fomos ver as árbores da variedade "Rosalía de Castro" que se plantaran antes da pandemia no patio de abaixo do colexio. 

 
   Só encontramos unha flor  caída pero pudemos admirar a súa fermosa cor e o gran tamaño que ten. Esperamos que sigan medrando e lle den máis vida ao patio de primaria!

Con  dez ou doce círculos de papel de seda fixemos as nosas camelias: contamos os papeis, enrugámolos para darlle volumen e textura ás flores e estirámolos de novo, para ordenalos e atravesalos con un encuadernador. O máis complicado foi estirar os papeis con coidado porque lles rompían ao facelo. Despois pintamos un par de follas e pegámos alí as camelias para colgalas no "xardín vertical" da entrada onde tamén puxemos unhas cestas con camelias de verdade que lles levamos Sandra e eu.

 Nesta montaxe están as fotos do proceso e da saída a ver as camelias e de cando fomos ver as flores de papel dos nosos compañeiros. (Amancio Prada é quen lle pon voz e música aos versos de Rosalía)



mércores, 23 de febreiro de 2022

Marcapáxinas para o Día de Rosalía de Castro


   Hoxe día 23 celebramos o Día de Rosalía. Levamos varios días falando da escritora e a súa vida.  Os pequenos de 3 anos aprendimos o poema musicado O Moucho que ela escribeu. Fixemos un marcapáxinas co seu retrato e un debuxo do moucho. En internet buscamos retratos de Rosalía e fotos e videos dos mouchos para ver como son estes animais. Gústanos moito a canción de Migallas para celebrar o seu día. E como dixo un dos nenos: Rosalía é a mellor porque ten as cancións máis rápidas!😄
 



 

xoves, 3 de febreiro de 2022

Cando casan os paxaros: a Candelaria

 O 2 de febreiro conmemórase o Día da Candelaria, que en Galicia desde moi antigo é "cando casan os paxariños", e representa o renacer da natureza, que vai rematar o inverno e se achega a primavera. Os paxaros buscan parella e preparan os seus niños. Para achegarnos a esta tradición nós fixemos estos paxariños que cantan pousados nunha pola.

Refrán: "Pola Candeloria a metade do inverno vai fora" 
 
  A Candelaria é unha festa cristiá que lembra a presentación do neno Xesús no templo (40 días despois do Nadal)  que se solapa sobre outras de orixe romana onde se portaban candeas (velas), o incluso unha celebración máis antiga de orixe celta que representaba o renacer da Natureza despois do inverno...

    Aquí estamos vendo os distintos tipos de niños que lles levei, aínda que non sei identificalos todos (admítese axuda!). Vimos os diferentes tamaños e texturas e fixámonos nos materiais de que están feitos: paos, plumas, pelos, pallas, musgo, terra, incluso restos de algodón e rafia que deberon recoller no patio do cole...
 O que máis nos gustaba era o do carrizo porque é o mais pequeniño, feitiño e suave en contraste cos máis grandes: colle nunha man!. 

Eso sí: quedou moi claro que non se poden coller os niños dos paxaros porque son as súas casas. Só podemos recoller os que atopemos polo chan como estos que teño.





Un carrizo e un pardal