Amosando publicacións coa etiqueta ilustrador. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta ilustrador. Amosar todas as publicacións

sábado, 6 de xuño de 2020

O reto da torre de Carla e Marta e as cousas que nos fan felices!

Carla e Marta fixeron unha das propostas, o reto das torres. A súa torre caseira mide 1,40, e usaron casi 40 libros, unha hucha, vasiños de construccións, un sofá de Barbie e un contenedor de algodóns.... Reto conseguido!
Por suposto houbo varios intentos previos, cos conseguintes derrumbes... seique o pasaron moi ben!
  Por certo un dos libros da torre é moi interesante: "QUÉ NOS HACE FELICES?" (de VV KIDS) A  través da historia escrita por Marie-Agnès Gaudrat e das preciosas e sinxelas ilustracións de Carme Solé Vendrell, os nenos e os maiores falarán dos valores importantes e das cousas que realmente nos poden facer felices. 

xoves, 4 de xuño de 2020

Lia recomenda a vaca que puxo un ovo!

 Lia estivo "traballando co tempo". Ela e Lupe fixeron un reloxo de parede con goma eva e agora anda a cada rato "consultando a hora". Parece que colleu con entusiasmo esta proposta, porque xa domina as horas en punto e coas outras, que son moito máis difíciles, anda a traballar. Seguro que o acaba conseguindo!
 Tamén traballaron cos contos, na proposta de gravar un video facendo unha crítica literaria e recomendando un libro. Lia escolleu a sorprendente historia de  "a vaca que puxo un ovo" e aínda que Lupe decía que lle costou un pouquiño, porque lle daba vergonza, quedou xenial. Seguro que despois de oíla vos apetece ler ese conto!. Unha historia de Andy Cutbill ilustrada por Russell Ayto editada por Patas de peixe. Gracias Lia!!!👏 👏 👏

martes, 19 de maio de 2020

Abril, un lagarto de cabeza azul... e un conto para voar alto!

Abril  comparte con nós varias fotos nas que está traballando na casa: recortando palillos para facer o seu nome. Cóntame Carola que no bosque fai as letras coas follas dos pinos, que é máis divertido!
  Tamén nos enseña o dibuxo dun precioso lagarto verdinegro de cabeza azul que atoparon no bosque. O "lagarto das silveiras" é un dos mais grandes e fermosos que temos en Galicia (chega a medir máis de 40 cm!) e aos machos cando están en celo pónselle a cabeza moi azulada. Abril e Vera quedaron encantadas de velo. Póñovos unha foto ao lado do seu dibuxo para que vexadas que bonito é!. Que sorte tiveron de poder velo xa que cada vez quedan menos!.  
 Tamén o pasou moi ben pintando con pincel e témperas as letras do alfabeto e decorando mandalas.


 E sempre procuran dedicarlle un momento aos libros: Vera a veces encárgase de lerllos a Abril. Na foto están con un precioso libro "para pensar" escrito e ilustrado por  Raquel Díaz Reguera : "As nenas serán o que queiran ser".
  Este libro é a continuación de "As nenas voan alto", onde tres amigas teñen grandes soños (ser piloto, ser violinista e ser unha gran escritora). Pero a banda de Don Nonoconseguirás énchelles os bolsillos de pedras (os mensaxes negativos) para que non poidan voar e conseguir os seus soños. Nos dous libros a banda  intenta evitar que as nenas sexan libres e felices. Pero elas contarán coa axuda do Sr Siquerespodes. Trata sobre as espectativas das nenas (e tamén dos nenos) e da importancia dos mensaxes positivos.

martes, 28 de abril de 2020

Iago e as experiencias sensoriais!

 Iago estivo a traballar con moitas das propostas que fixemos desde o cole. E polo que me conta Nuria pasouno en grande coas experiencias. Cóntanos que está a ver aos compañeiros e compañeiras aquí no blog e tamén os contos da profe Estela.
Aquí está pintando con colorantes sobre espuma de afeitar.

Tamén axudou na casa facendo coa avóa unha estupenda receta de flan de ovo con base de biscoito!   da que esperamos ver pronto os ingredientes para copiala.😋 😉

 E traballou con pauciños e plastilina de cores para construir estas  figuras xeométricas.

 Divirteuse moito facendo o ovo saltarín (metido varios días en vinagre, para que o ácido disolvese a cáscara). E fixoo saltar ata que tivo o final lóxico:  inevitable... e divertido!
 Con auga e colorante fixo o falso microscopio e cun vaso buscou no fondo os dibuxos de animais agochados.
 
 Está coidando moi ben as fabas e lentellas que lle naceron: seguro que dentro de pouco lle nacen flores e consigue ter algunha faba!. E polo DÍA DO LIBRO recibeu da súa avóa este precioso libro  "A mellor sopa do mundo"
 Un album ilustrado de Susanna Isern, editado por OQO, que vos recomendo e  que ademáis das preciosas ilustracións  de Mar Ferrero fala da amizade e de que:
 "O MELLOR INGREDIENTE... SON OS AMIGOS!"


luns, 27 de abril de 2020

La magia de los aplausos

Noelia, a mamá de Olivia, comparteu con nós este precioso conto: "La magia de los aplausos". Ela mandoume o pdf e eu atopei este video do equipo editorial que os creou  "DOSILUSTRADOS".

PREMER AQUÍ

 Trátase dun libro solidario (12 micro-contos) escrito e ilustrado por 24 autores e autoras que explican diferentes vivencias de ese momento ás 8 da noite, no que todos aplaudimos para agradecer e homenaxear  a todos os que se expoñen cada día polo ben da comunidade.

xoves, 20 de xuño de 2019

Iago, Nuria, Pablo e "o mago Turlututú" de Hervé Tullet

  Os pais de Iago viñeron a clase a contarnos o conto de Hervé Tullet "Turlututú é un mago" da Editorial Kókinos e fixéronnos xogar seguindo os seus mandados. Un fantástico e colorido álbum ilustrado para os máis pequenos, dun autor que nos encanta e que xa nos ten afeitos ao xogo co libro, onde é necesaria a participación  do lector. Con moitos títulos publicados, este ilustrador francés organiza talleres con nenos por todo o mundo que veñen sendo sesións de arte en directo. Opina que "a arte non é un fin senón un medio". Tamén dí que non hai cadros bonitos ou feos... El confía na intuición dos nenos e nunhas dinámicas de grupo para crear arte en colaboración. Ten outro libro que vos recomendo: "Divírtete. Talleres de Arte con Hervé Tullet (Editorial Phaidon) onde propón actividades artísticas para  potenciar o noso lado máis creativo. Unha boa "lectura-inspiradora" para o verán!
 
 Nuria e Pablo trouxéronnos tamén un títere de calcetín feito pola avóa de Iago e outros  para cada neno en cartulina que despois pintamos como quixeron e convertimos en títeres de pao.



 Pasamos un rato moi divertido!  Moitas grazas por vir!


domingo, 12 de maio de 2019

Roberto e Belén contan "O sol chega tarde"

   Seguindo coas visitas dos pais e nais para contarnos un conto, Roberto e Belén, os pais de  Carla e Marta trouxeron "O sol chega tarde". O texto de Susana Peix conta a través das fermosas ilustracións de Anna Llenas o que pasa un día que o sol non desperta a tempo e as dificultades que atopa para que se faga de día. 
   Unha divertida historia sobre como sobrepoñerse ás dificultades que nos podemos atopar.

   Carla e Marta estaban moi emocionadas por ter na clase a seus pais. Moitas grazas Roberto e Belén por visitarnos e compartir con nós esta bonita historia.
Esta é unha montaxe coas fotos da visita. Espero que vos guste!
 

xoves, 18 de abril de 2019

Un conto na porta:" Lola con alas"


  Este ano para conmemorar o Día do Libro o equipo de dinamización da Biblioteca propúxonos transformar as portas da clase en portadas de conto. 
   Nós escollimos o de "LOLA CON ALAS" entre moitos da clase, porque así todos podíamos participar dalgún xeito… O conto trata de como os estímulos que proceden da arte e as cores poden cambiar o estado de ánimo dos nenos e aumentar a súa sensibilidade artística. Ademáis é un conto moi divertido e creativo que fomenta a colaboración e a creatividade.
    Lola está triste, soa na habitación e todo lle parece gris... menos o cadro da parede cheo de coloridos paxaros. Así que decide poñerse algo de cor e comeza cun sombreiro verde, medias amarelas, zapatos azuis, vestido rosa… Logo pinta a cara de azul, os brazos a raias laranxas, a punta dos dedos de morado, a boca de vermello e conforme o fai, vaise poñendo de mellor humor. Tanto que ata consigue voar  e pasar unha tarde divertida cos paxaros fantásticos do seu cadro.

  NA MONTAXE PODEDES VER TODO O PROCESO DA NOSA PORTA: (no blog da Biblioteca podedes ver tamén as portas que se fixeron nas outras clases)
   A autora-ilustradora desta historia é POLLY DUNBAR. Naceu en Stratford-upon-Avon (onde tamén o fixo William Shakespeare) e comezou a ilustrar libros con 16 anos ata  graduarse en Arte en 1999. A súa nai Joyce Dunbar é a autora de libros infantís, e o seu pai traballou como ilustrador e como profesor de arte.

venres, 1 de febreiro de 2019

Deixándonos levar pola imaxinación...

   Fotos de dúas das sesións de pintura que facemos na clase de tres anos: individual e en grupo. Como únicas pautas: o respeto polos materiais, o espazo común e o traballo dos compañeiros... Con puntos, círculos, raias e  manchas deixámonos levar pola imaxinación e a creatividade e sobre todo disfrutamos creando arte!
    De paso recomendarvos calquera dos fermosos libros dun ilustrador que nos inspira: Hervé Tullet,  e que podedes atopar premendo neste enlace.


 

xoves, 25 de xaneiro de 2018

Un conto de Nadal "diferente"

   Pintamos e poñemos voz a esta historia na que contan o que lle pasa ás árbores que usamos no Nadal e como os nenos buscan unha solución. Planificamos as escenas para que todos pudésemos participar e despois de ter o "story board" (que nos fixo un debuxante coas nosas ideas), encargámonos de darlle cor e pensamos as frases que acompañarían cada escena.... A parte de gravar foi o que máis nos costou e tivemos que repetir algunhas veces. Pero o conto e a idea de conservación das árbores foi o que máis nos gustou....


sábado, 3 de xuño de 2017

Cristina, Leo e as xirafas non poden bailar

   Dentro das visitas a clase Cristina, a nai de Leo, veunos ler o conto "As xirafas non poden bailar". Un conto editado por Bruño de Giles Andreae  que ademáis das divertidas ilustracións de Gay Parker-Rees, fálanos dos respeto polas diferentes capacidades e habilidades que temos. E faino a través de Chufa, unha xirafa que cando na selva se organiza un baile sinte que é moi torpe e non pode  facelo.... Ou sí??? 

  Cristina contounos o conto con acompañamento músical que traía no móvil e, co libro, ensinounos distintos estilos  de baile. Foi moi divertido!. O conto é tan bonito que non tardamos en mercar un para o cole. Ademáis Cristina regalounos outro precioso libro para clase que se chama precisamente así: "Un libro" de Hervé Tullet, (un artista que nos encanta!) e rematou a visita cunhas galletas de cores que fixo con Leo. 



Moitas gracias Cristina pola visita e polo libro!

venres, 12 de febreiro de 2016

"Bicos, Besos, Kisses..."

   Este é o titulo dun pequeno pero precioso e divertido libro que contamos hoxe na clase. Está escrito e ilustrado por Selma Mandine. Como domingo é o San Valentín e algúns oíran falar do día dos enamorados, pregunteilles si sabían que era eso... e nada!. Só unha nena dixo que era darse bicos, despois saleu que os daban os papás e mamás... e os noivos. E entón xa se soltaron e unha dixo que ela "xa tiña noivo...". Despois falamos de que hai moitos "amores e quereres": a mamá, a papá, aos irmáns, aos amigos, a quen nos coida...

    
      Comezaron a decir todos os seus quereres, primeiro de un en un e despois xa non nos chegaban os dedos das máns para contar, así que contamos tamén cos dedos dos pes!. Pablo dixo a súa primeira palabra en alto: mamá! e Paula despois de decir pais, irmá, amigos, padriños, primas, tíos e avós, nunha carreira na que case queda sen aire,  pensouno mellor e dixo "EU QUERO A TODOS!". Despois contamos o conto e rímonos cos bicos que rascan coma cactus, cos suaves coma algodón, cos bicos que se poden ver, os doces, os ruidosos, os explosivos ... e moitos máis que saen no libro.

     E ademáis, aproveitando que tíñamos a ventá aberta, mandamos bicos a todas as persoas que queremos. Seguro que vos chegaron uns cuantos!

 
Sinopse do libro:
     "Como é un bico? Pregúntalle un osiño de peluche ao seu pequeno dono. A resposta atoparémola a través das páxinas deste álbum. Desde os sonoros bicos da avóa ata os bicos húmidos do seu can Rex, o pequeno protagonista desta historia ensinaranos que hai moitas clases de bicos, pero os mellores, son os que nos dan aqueles a quen máis queremos". 

       E un par de curiosidades: como son as onomatopeias dos  bicos en outros paises e como se dí bicar en outros idiomas.

sábado, 10 de xaneiro de 2015

O PODER DUN LÁPIS

    Antes de rematar o ano visitáronnos os Reis Magos e estivemos falando e sacando unhas fotos con eles. (Podedes ver máis na páxina de actividades intercentros da Ampa). Tamén fixemos unha cheminea  a ver si tíñamos sorte e Papá Noel ou os Reis nos deixaban algo... Debimos ser bastante boiños porque cando voltamos o xoves atopamos emocionados un agasallo para cada un: UN LÁPIS. Cando os Reis  os escolleron aínda non sucedera o atentado de París contra os debuxantes da  revista satírica Charlie Hebdo... 
   Visto agora, vai resultar que nos deixaron como agasallo unha ferramenta contra a intolerancia e pola liberdade de expresión