luns, 26 de decembro de 2016

festa de fin de ano na Maía

   O derradeiro día de clase despedimos o 2016. Fixemos unha festa de fin de ano na que viñemos todos elegantes: garabatas, paxariñas, vestidos de festa, maquillaxe... As mamás mandaron moitos doces típicos de Nadal que comemos despois do baile: turróns, mazapáns, polvoróns, e as galletiñas de xenxibre da nai de Leo que nos fixo nenos e nenas, a profe e a Chanclas. Grazas a todas pola colaboración!. "Axudaron" a colocar e descolocar todo e a repartir as lambetadas polos platos. Ao final conseguimos preparar unha bonita mesa co mantel de Nadal.
  Como todos os nenos de infantil tomamos chocolate con churros que nos axudou a preparar Marga, a conserxe. Tamén grazas a Mónica que nos botou unha man co chocolate e con todo!. Despois do recreo subimos de novo e tomamos as uvas coas campanadas desde a Porta do Sol: contamos as doce (ou máis, porque colleron carrerilla e pasámonos ...) e brindamos coma os maiores con champín pedindo desexos para o novo ano.
   De remate festivo saímos fora e repartimos matasuegras e confetti e metemos ruido ata fartarnos!. Pasámolo moi ben! 
Así adiantamos o ano e  pedimos para todos un feliz e próspero ano 2017. Vémonos en xaneiro!

sábado, 24 de decembro de 2016

Preparando o Nadal

   Ao longo deste mes fixemos varias actividades relacionadas co Nadal: decoramos a porta cunha coroa de froitos vermellos, (comezouna Inés pero despois todos quixeron poñerlle algo para enchela), pintamos unha chimenea de cartón a tamaño real na que despois fixemos o fotocall para as postais que levamos a casa e colgámoslle os calcetíns para Papá Noel, montamos a árbore de Nadal (todos puxemos algo)...
   Pasámolo moi ben participando na ambientación do colexio e con estos videos queremos desexarvos unhas felices festas e un bo ano 2017!.



Aquí estamos decorando o cole e construindo a chimenea:

As postais do fotocall e como nos quedaron cando decoramos os marcos:


xoves, 22 de decembro de 2016

Plantando e esqueixando na Maía

   Onde está a cerdeira, diante do edificio de primaria, plantamos bulbos de narcisos e de tulipáns. Antes tivemos que preparar e sachar a terra para facerlles sitio. Descubriron que aínda que é moi divertido traballar con ferramentas de maiores, arrincar herbas malas non era tan doado como lles parecía. Como o sitio é pequeno tivemos que ir aos poucos e teño que decir que, aínda que case todos se esforzaron moito, Lucas B. e Oscar puxeron un enoooorme empeño (...si os deixo fano os dous sós!). Despois de preparar a terra plantamos os bulbos e aínda se acordaban do xeito correcto de facelo. Non saquei fotos da plantación porque estaba coas máns na terra coma eles... Agora esperaremos á primaveira para ver as flores! E de paso sorprender aos compañeiros de primaria. 

     
    Por outro lado aprendemos a facer esqueixes cunha planta de tradescantia. Merquei unha bastante grande e cortámoslle todas as puntas para facer esqueixes que metimos en vasos con auga. Como os vasos eran transparentes pudemos ver como lles ían aparecendo as raíces e por fín cada neno plantou a súa que foi a que levaron para casa.
  Non precisa escesivos coidados para medrar: auga de cando en vez e pode durar moitos anos!.
  Aquí estamos coas mans na terra! 

sábado, 17 de decembro de 2016

Ambrosio, o pequeno limpador de estrelas

     Mércores asistimos á presentación do video coa dramatización  do conto "AMBROSIO, O LIMPADOR DE ESTRELAS". Está feito coas voces dos alumnos de 6º de primaria que durante este trimestre colaboraron na Biblioteca. Os alumnos de infantil de 3, 4 e 5 anos durante a hora de ler, fomos os primeiros en visionalo.
   O video do pequeno limpador de estrelas podedes velo premendo no enlace  do blog da Biblioteca.

      Esta é unha montaxe coas fotos da sesión de presentación no salón da Biblioteca.

domingo, 4 de decembro de 2016

Oscar e o traballo nunha granxa

    Oscar explicounos o traballo nunha granxa: a preparación da terra para cultivar o millo e como se lle da de comer ás vacas e aos cuchos e os distintos tipos de alimentos. Falounos ademáis da maquinaria que se emprega no campo e das máquinas de ordeñar.
   E, a pesar de algunhas interrupcións que lle facían perder o fio e da súa timidez, consigueu explicar moi ben todo o traballo que se fai nas granxas xa que é un tema que lle encanta.
 


   Trouxo algunhas das máquinas de xoguete que ten (ensiladora, tractor, arado...) e xunto coas fotos e os videos que nos mandou Sonia na granxa dos seus avós empregounas para facer unha presentación moi boa do traballo no campo.
    Veu preparado tamén con mostras de palla e de millo ensilado, que lles chamou moito a atención polo seu forte olor (curiosamente os nenos decían que lles olía a queixo!). Estaba moi emocionado cando nos ensinou as fotos e os videos que lle fixo súa nai "traballando" na casa dos avós e finalmente ensinounos a súa cadela Pecas. Coas fotos da clase e anacos dos videos que nos mandou Sonia fixen este movie no que se  mostra toda a sesión.

                                 Moi ben Oscar!. E gracias Sonia pola colaboración!

domingo, 27 de novembro de 2016

Arcimboldo e o Outono

    Coñecemos a Giuseppe Arcimboldo, un artista italiano coñecido pola series de cadros das catro estacións nos que empregou froitas e verduras representativas de cada época como trucos visuais.
Fixemos unha asamblea para analizar o retrato do outono, que foi co que traballamos, e cada un iba sinalando os distintos elementos que observabamos na boca, os cabelos, o nariz... Despois cada equipo coordenouse (esta sempre é a parte máis dificil) para pintar as froitas e as verduras, recortalas e logo facer a montaxe dos deus propios "retratos de outono coa técnica de Arcimboldo".  

   Cada membro do equipo opinaba de onde sería mellor colocar as pezas para lograr o máis parecido posible... Antón botou en falta setas e uvas para poñer no pelo, pero colgouse internet e non pudemos imprimilas... (cousas que pasan). Traballamos o retrato e as partes do corpo e entre facer, desfacer, perder e atopar, ordenar e recolocar... este foi o resultado:


Agustín Ibarrola e as árbores da Maía

   A partir "dun erro" ao colorear as pezas do quebracabezas dunha árbore acabamos falando dun artista que pintaba na pel das árbores: Agustín Ibarrola. Estabamos traballando coas follas do patio e vendo como cambian de cor no Outono, recollimos algunhas e fixemos con elas un marco. Tamén falamos de como son as cortizas das árbores (a súa pel) e  un día pintando o tronco dunha árbore tíñamos que diferenciar o fondo da forma empregando como moito tres cores... . Pero "algúns estaban algo despistados" e usaron todos os que lles pareceu.

    A partir deste "erro" falamos sobre as cores e as texturas dos troncos: existen uns eucaliptos arcoiris en Australia con todas esas cores, contamos aneis nun anaco de tronco para saber os anos que tiña cando o cortaron e coñecimos a un artista vasco, Agustín Ibarrola, que ademáis de outras obras tamén pintaba sobre os pinos.
 
   Vimos en internet fotos do bosque de Oma. Despois saímos fora a tocar as distintas texturas da  cortiza e  acabamos pintando as árbores do patio dos pequenos! 
 

mércores, 23 de novembro de 2016

Noel: un espectáculo de maxia!


   O luns asistimos a un espectáculo de maxia do mago Noel, xunto cos pequenos de tres anos. Fixo trucos con ovos, globos, cordeis, gamusinos, xogos malabares... rematando cunha nevada "máxica". E aínda que ao principio algúns dudaban entre si era un espectáculo cómico ou de maxia, remataron convencidos de que a maxia era ... "de verdade".  Pasámolo xenial! 


   Cando rematou o espectáculo quedamos na sala de Psicomotricidade despedindo a Noel e apañando os restos da máxica nevada...

 

luns, 21 de novembro de 2016

Doce de cabelo de anxo de Martina


   Martina trouxo a clase doce de cabelo de anxo  para compartir cos nenos e nenas da clase e explicounos a receita da súa avóa. Ademáis viña preparada con fotos dos pasos que seguira e tamén unha  coa súa avóa.
   Contounos como era a cabaza e como se preparaba para facer este doce tan rico. Despois reparteu anacos con aqueles que quixeron probalo e gardou un pouquiño para a avóa. Estaba moi rico e tiña una  preciosa cor transparente.

    Gracias por compartilo! 





 En este video intentei gravar a explicación, pero no medio a Martina entroulle medo escénico e baixou moito a voz, aínda que o explicou moi ben!


sábado, 19 de novembro de 2016

As meninas de Velazquez

    A partir dunha lámina na que uns nenos observan tres cadros nun museo, fixemos unha "visita virtual" ao museo da rede. Buscamos os posibles orixinais reproducidos no dibuxo: obras de Picaso, de Velazquez e de Kandinsky. Das tres a que máis nos gustou foi o retrato da infanta Margarita do cadro das meninas de Velázquez, así que escollimos o seu retrato para traballar con el. Empregamos unhas preciosas telas que nos regalou a nai dunha antigua alumna (que sabe que nos encantan estas cousas!, moitas gracias Sole!). Despois pintaron, recortaron a tela (foi máis dificil do que pensaban) e pegarona na saia da infanta. 



mércores, 16 de novembro de 2016

Xubilouse Carmen

   
    O pasado venres xubilouse Carmen, a nosa Conserxe en infantil. Queremos darlle as gracias por vir a traballar sempre cunha sonrisa, por botar unha man cos pequenos nas entradas, por ser tan cariñosa con eles e por axudar en todo canto se lle pedía.   NA  WEB  do cole está o agradecemento do Ceip A Maía ao seu traballo  LER MÁIS+
     Na foto está Carmen cando se veu despedir á nosa clase co ramo de flores que se lle regalou de parte dos mestres. (E tamén nos presentou á súa sustituta, que se chama Marga e comezou este luns a traballar con nós).
    Agora, despois de toda unha vida de traballo, tócalle descansar e disfrutar!

Gracias Carmen !
Botarémoste de menos! 
 

martes, 15 de novembro de 2016

As castañas do Magosto

   
    Fai uns días celebramos o magosto no cole despois de pospoñelo pola chuvia. Levamos os cucuruchos, fixemos cola diante das dúas máquinas instaladas no patio e comimos castañas: algún ata que se cansou e outros fixeron paquetiños para compartir con papá e mamá ou os irmáns. E para rematar bailamos ao són da música que nos puxo o profe Jorge.


sábado, 12 de novembro de 2016

As cabazas do Samaín

  Para o Samaín os nenos trouxeron cabazas decoradas coas súas familias e participaron na exposición que se fixo tanto no centro de infantil como en primaria e que podedes ver na WEB do cole. 




 
 


     Demos, esqueletos, gatos, tigres, monstros, minions.... e ata una Chanclabaza!. Todas elas unha mostra de creatividade e colaboración. Grazas a todos! 


 Aquí estamos vendo as primeiras, despois viñeron moitas máis!.