xoves, 28 de abril de 2011

    Uns días antes das vacacións de Semana Santa, fomos dar unha volta polo colexio e recollimos laranxas que despois comimos na clase. ¡Estaban moi ricas!

martes, 19 de abril de 2011

Levamos os caracois ao monte

      Como marchábamos de vacacións, tivemos que mirar o que facíamos cos animáis da clase: eu levei a tartaruga, os renacuajos poden manterse sós no acuario, pero os caracois tíñan que comer fresco, así que pensamos en levalos ao monte do Sr Manuel  (que calquer día vai ter que cobrarnos entrada...)

         Así que o venres preparámonos, aproveitamos que estaba na clase a profe Mavi, e saímos ao monte a facer unha "solta controlada" de caracois. Alá nos fomos todos, menos Sara que estaba maliña (un bico para ela) e, cos caracois nun bote, entramos no souto a buscar o mellor sitio para que vivisen . E alí os deixámolos, debaixo dos carballos, para que fagan amigos.

     Creo que teremos que ir máis veces ao monte, porque algún díxome que o Sr Manuel tiña que cortar máis  "o céspede". E menos mal que non pasamos polos toxos...


domingo, 17 de abril de 2011

O trasno Derdrín


Derdrín e Agustín F. Paz

         Estas fotos chegaron hoxe ao correo da clase e mandounolas o trasno Derdrín para que coñezamos ao seu amigo o escritor  *Agustín  Fernández Paz* e para que saibamos que sí que atinamos co seu agocho cando anda polos montes da Mahía. O que pasou foi que o venres non estaba e sempre deixa unha pedra no burato para que non se lle metan os paxaros a aniñar dentro. 
     Tamén  nos pide que coidemos moito as árbores e non arrinquemos as flores do xardín e que non tiremos lixo por ningures, xa que está moi preocupado, triste e anoxado pola cantidade de basura e pedrolos que hai cerca do seu carballo. Tamén me dí no correo que Leodoro, o trasniño verde da Biblioteca, lle dixo que este é o ano mundial dos bosques e que, cando volvamos de vacacións, podiamos ir a plantar outra árbore no sitio da camelia que atopou seca no xardín, e así colaborar na campaña de *Wangari Maathai* para *plantar mil millóns de árbores*. Contoume que  vai investigar en noutra clase de árbores ( as árbores xenealóxicas) para ver si Leodoro e máis el son algo parentes...

sábado, 16 de abril de 2011

"NO CORAZÓN DO BOSQUE"

      Na clase levamos varios días contándolles aos nenos un libro que se chama "No corazón do bosque" , que nos mandou á Biblioteca que leva o seu nome  o escritor *Agustín Fernández Paz* e que está ilustrado por *Miguelanxo Prado*. Como en realidade é un libro para lectores autónomos, estamos a contalo por aventuras. Narra as aventuras de Derdrín, un trasno de máis de 300 anos que vive nas *fragas do Eume* e que, por non pasar só outro duro inverno, agóchase na mochila de Raquel, unha nena que foi de excursión á fraga... Os rapaces están tan enganchados ás aventuras de Derdrín e de Raquel que cada día pedían máis ....Pero entón resulta que un día chegounos  á clase Vicente o conserxe cunha carta para nós ... UNHA CARTA DO TRASNO!!! Estaba feita con tinta de herbas e con pedras de mica brillantes...Está escrita en minúsculas, cunha letra tan enribirichada, que Yusef dixo que era árabe... Unha carta onde decía que os caracois da clase lle contaran que nos gustaban  moito as súas aventuras e que por iso nos mandaba un retrato seu e que o deixara nun sitio da clase... Puxémonos a buscar o retrato por tódolos estantes, curruchos, caixóns , debaixo das mesas... (toleamos!) pero nada... Estivemos un par de días a buscar e remexer por tódolos sitios da clase e non o dábamos atopado... así que démoslle recado aos caracois da clase para que Derdrín nos deixase unha pista do agocho do retrato... E, ao día seguinte, Rodrigo atopou unha nova carta que tiña un plano da clase indicándonos o agocho do retrato. Pero antes tivemos que aprender a interpretar o plano ( non é doado para nenos de 4 anos). Por fín atopamos unha escultura do trasno (resulta que na fraga... non hai cámaras de fotos e gústanlles máis as esculturas...)

 








Á volta das vacacións  imos rematar de leer o  libro e temos que seguir a aprender máis cousas dos trasnos.
    Na clase estamos encantados co libro tan bonito que escribeu Agustín!  (ademáis mandounolo adicado para os nenos do colexio)

domingo, 10 de abril de 2011

VISITA A APÍPOLIS

      Hai uns días estivemos de *visita en Apípolis* , e como xa sabedes, pasámolo moi ben. Nas tres clases de catro anos estábamos a traballar sobre as abellas durante case dúas semanas: fixemos un caderniño, panais, abellas de plastilina e  de papel. Tamén íamos tachando no calendario os días que faltaban para a viaxe... Os rapaces estaban emocionados xa desde que subimos ao bús e durante toda a viaxe non pararon de falar, así que xa o pasamos ben só coa viaxe.
       Cando chegamos alá o primeiro foi unha parada técnica (nos baños), despois unha explicación das normas e logo os monitores repartíronnos en catro grupos mesturados das tres clases. As profes andivemos un pouco por tódolos grupos, para ver o que ían facendo en cada un. Teñen preparados varios talleres:
  • a casa das abellas, que é coma un museo interactivo onde aprender todo sobre elas
  • o taller do mel, onde aprendimos a desopercular e comimos polen e mel
  • o taller de facer  velas  coa cera das abellas
  • o taller de cociña onde fixemos galletas con mel
  • e o apiario, que non hai comentarios, xa que hai que meterse dentro: ¡é impresionante sentilas zoando a carón , e pousarse enriba de tí!
      Os rapaces portarónse moi ben e ademáis Nicolás, que é o coordinador de Apípolis, comentounos que os rapaces xa sabían moitas cousas das abellas e claro ¡quedamonos todos anchos!
        É unha visita moi recomendable, tanto polo que aprendes sobre as abellas, como pola coidadosa e interesantísima instalación e a variedade das actividades, como polo trato que nos diron Nicolás e o resto dos monitores. ¡Moitas gracias!

VIAXE A APÍPOLIS


 LIBRO DAS ABELLAS