sábado, 16 de abril de 2011

"NO CORAZÓN DO BOSQUE"

      Na clase levamos varios días contándolles aos nenos un libro que se chama "No corazón do bosque" , que nos mandou á Biblioteca que leva o seu nome  o escritor *Agustín Fernández Paz* e que está ilustrado por *Miguelanxo Prado*. Como en realidade é un libro para lectores autónomos, estamos a contalo por aventuras. Narra as aventuras de Derdrín, un trasno de máis de 300 anos que vive nas *fragas do Eume* e que, por non pasar só outro duro inverno, agóchase na mochila de Raquel, unha nena que foi de excursión á fraga... Os rapaces están tan enganchados ás aventuras de Derdrín e de Raquel que cada día pedían máis ....Pero entón resulta que un día chegounos  á clase Vicente o conserxe cunha carta para nós ... UNHA CARTA DO TRASNO!!! Estaba feita con tinta de herbas e con pedras de mica brillantes...Está escrita en minúsculas, cunha letra tan enribirichada, que Yusef dixo que era árabe... Unha carta onde decía que os caracois da clase lle contaran que nos gustaban  moito as súas aventuras e que por iso nos mandaba un retrato seu e que o deixara nun sitio da clase... Puxémonos a buscar o retrato por tódolos estantes, curruchos, caixóns , debaixo das mesas... (toleamos!) pero nada... Estivemos un par de días a buscar e remexer por tódolos sitios da clase e non o dábamos atopado... así que démoslle recado aos caracois da clase para que Derdrín nos deixase unha pista do agocho do retrato... E, ao día seguinte, Rodrigo atopou unha nova carta que tiña un plano da clase indicándonos o agocho do retrato. Pero antes tivemos que aprender a interpretar o plano ( non é doado para nenos de 4 anos). Por fín atopamos unha escultura do trasno (resulta que na fraga... non hai cámaras de fotos e gústanlles máis as esculturas...)

 








Á volta das vacacións  imos rematar de leer o  libro e temos que seguir a aprender máis cousas dos trasnos.
    Na clase estamos encantados co libro tan bonito que escribeu Agustín!  (ademáis mandounolo adicado para os nenos do colexio)