luns, 27 de febreiro de 2012

A DANZA DO PITIÑO

     Por fiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiín, despois de tanto tempo... e moitos intentos con distintos programas, fun quen de pasar os dous videos dos pitiños que se gravaron o curso pasado. Estaban nun formato que non subía ao blog porque non o recoñecía, e ademáis pesaba moito... Para mellorar o son, intentei quitarlle o fondo de ruido ambiente, pero bueno... son cousas do directo!. Nos ensaios púdonos un pouquiño o medo escénico.
      Ademais, moitas gracias a Mariana, a mamá de Tiago, que foi a que os gravou. 
E  aquí está, por fin, a danza de Cucut o pitiño!




mércores, 22 de febreiro de 2012

IMOS DE ENTROIDO

      Aquí estamos o día do entroido na clase: como todos os nenos do colexio viñemos vestidos da casa co noso disfraz favorito: moitas princesas e superherois!. Tamén trouxeron larpeiradas que compartimos entre todos á hora da merenda: desde aquí moitas gracias pola vosa colaboración!
     Ao longo da mañan seguimos a traballar nas máscaras de papel e despois do recreo viñeron a visitarnos os maiores de primaria, uns con carautas elaboradas por eles con vendas de escaiola e outros disfrazados de boteiros, todos eles saltando polo colexio, acompañandose de tambores e poñéndolle moito entusiasmo... Rematamos bailando ao són da música que nos poñía o noso DJ particular, xa que Christian foi o encargado de ir escollendo o acompañamento musical. Como veredes ata montaron un escenario para subirse e, todo eso, sin parar de merendar!. Ademais tiñamos un superheroi de cumpreanos, xa que Pablo cumplía 6 anos!
      Para rematar andivemos de desfile polas outras clases para ver e para que nos viran!


domingo, 19 de febreiro de 2012

ENTROIDO 2012

      Coma sempre por estas datas,  estamos de entroido, unhas festas que, dun xeito ou doutro e con moi diversos nomes, en case todas as  culturas sirven de despedida do inverno e benvida á primavera. Nós "para meternos en ambiente",  aproveitamos que Rosana nos deixou un traxe de cigarrón de Verín e vimos as súas partes:
  

       Este ano no colexio falamos dos distintos personaxes do entroido tradicional galego, pero como hai tantísima variedade quedámonos só con algún deles , así que falamos de :
Os Peliqueiros de Laza
      A vestimenta dos peliqueiros de Laza consiste nun pantalón avolantado feitos de tiras de flocos, medias brancas de encaixe e ligas, faixa ancha na cintura sobre a que levan un cinto de coiro do que penden as chócas ou cencerros  que fan soar cando corren ou saltan, camisa branca, gravata e chaquetilla curta adornada de cores, e sobre ela unha especie de pano en pico. Levan a cara cuberta cunha máscara ou "cigarrón" feita de madeira de bidueiro e pintada cun irónico sorriso. Na cabeza portan unha especie de mitra feita de folla de lata, sobre a que pintan un animal poderoso, adórnase con dous borlones nos extremos e na parte traseira leva unha "pelica" (pel de animal) como melena e que é da que provén o nome de "peliqueiros".
     Van correndo, como a saltos, facendo soar as chócas e co látigo na  man para fustigar aos que se lles poñan no  camiño.









Os Boteiros  de Viana
       Os das clase dos maiores de primaria fixeron estas máscaras e despois viñeron polas clases de infantil. Os boteiros son os encargados de abrir os desfiles dos "folions" que percorren as parroquias facendo soar uns enormes tambores de madeira , acompañados dun repiqueteo de metal sobre aixadas e outros instrumentos de labranza. Os rapaces de primaria argallaron os cencerros con latas de refrescos forradas de papel de aluminio colgadas dun cinturón e viñan tocando un enorme tambor. Encheron o cole de barullo e de cor e deixaronnos abraiados!






       
    


     Os traxes  constan duns pantalóns, de raso de cor vermella, que chegan ata os xeonllos, polainas de coiro e zapatos negros, cinto de coiro cunha ducia de cencerros para anunciar o seu paso e escorrentar aos malos espíritos. A blusa é branca de liño sobre a que se cosen gran cantidade de metros de cintas de raso ou seda engurrada, de varias cores, formando debuxos, case sempre xeométricos. A máscara dos boteiros está feita de madeira, e nela destaca sempre unha boca grande que saca a lingua ou medio come un lagarto. Sobre a cabeza portan unha gran pantalla, que ás veces chega ao metro de alto, cuberta con adornos de papel de cores, sobre unha armazón de arame e cartóns. Na man levan unha vara longa, a "monca", apoyándose na cal dan vistosos saltos para asustar aos visitantes que estorban o paso e desfile dos foliones.
Os   xenerais do Ulla:
     Hai dous exércitos (un invasor e outro invadido) con abanderados e  xenerais. Ademais teñen un correo, que tamén vai dacabalo con chapeu baixo e sen plumas que leva  unha alforxa chea de cascabeis para facerse anunciar, vai avisando polas aldeas e lugares, casa por casa, da chegada do os xenerais e solicitando que sexan recibidos. Ao ser aceptados, chegan os xenerais e lanzan unha serie de "vivas á xente da casa.



       Os xenerais levan sobre a súa chaqueta unha serie de adornos, medallas... e na cabeza unha especie de tricornio adornado con vistosas plumas. Cada exercito representa unha nación, diferenciándose pola cor das bandas que lles cruzan o peito, adoitan usar as cores das bandeiras de Galicia e de España.
As Pantallas de Xinzo de Limia (Ourense)
    Aínda nos lembramos de cando o ano pasado viñeron os de 4º pola clase e do medo que pasamos algúns…  As Pantallas levan ese nome pola careta que levan posta, confeccionada con papel, fieltro, fariña, auga e pintura, na que se pinta un rostro de diaño con cornos e no gorro unha serie de motivo astrais que varían dunha a outra: estrelas, lúas, signos do zodiacales, etc. Ao rostro engádenselle uns flocos longos a modo de barba. A vestimenta compona calzón e camisa brancos, capa vermella ou negra, con cintas de cores, pañoleta vermella ao pescozo, e faixa vermella na cintura sobre a que vai un cinto con campanillas, polainas e zapatos negros. Levan nas mans, facéndoas chocar, unhas vexigas de vaca, secas e infladas.

        
A nós chamáronnos a atención nos videos e nas fotos da internet outros persoaxes do antroido : Os Volantes (que nos parecían “medusas”) e as  Madamas e Galáns exhibindo toda a súa riqueza e sobre unha cartulina fixemos unas máscaras mesturando  algo de cada un deles.








    Aquí estamos a facelas, con moreas de papeliños de seda e tiras de papel pinocho. E teño que decir que, a pesar de todo, mentras as facíamos... NON DEIXAMOS UN PAPELIÑO POLO CHAN!





xoves, 2 de febreiro de 2012

A idade media

      En clase seguimos a falar de castelos e  da xente que vivía neles, damas, cabaleiros e campesiños que traballaban para os señores.  E tamén de como se facían os castelos, de batallas e torneos. Estamos a dibuxar sobre todo eso. Aquí tedes algúns dos castelos. 
  

      Este é un enlace que atopei para colorear online algunhas das cousas e personaxes da idade media  dos que estamos a falar. Picade no cabaleiro para entrar na páxina.

           
picar aquí