venres, 28 de abril de 2017

Visitamos o Museo Granell e convertímonos en cadros

  Visitamos o Museo Granell en Santiago e acabamos convertidos nun cadro surrealista nunha xornada moi divertida na que combinamos unha saída escolar, co arte e o coñecemento do contorno. Preparamos a excursión na clase facendo un "mapa" do percorrido e dos puntos máis interesantes a ter en conta: viales, rotondas, edificios, sinais, pasos de cebra, fontes e finalmente a praza do Toural e o pazo de Bendaña onde está ubicado o Museo.... Collemos o bus con moita ilusión e fomos sinalando ademáis un "percorrido emocional" (aquí vivo eu, esa é a casa dos avós, alí traballa miña nai.... e moitos puntos non xeográficos polo estilo). O chofer deixounos diante da igrexa do Pilar e cruzamos cara a Alameda onde vimos os estanques dos patos e merendamos nos bancos.
   Despois cruzamos na Porta Faxeira e  chegamos á praza do Toural onde buscamos o edificio do museo que xa víramos nas fotos en clase. Para atopalo buscamos nos tellados a estatua do xigante Atlas levando o peso do mundo. 

  Cando entramos recibeunos Edu que nos conduxo polas escaleiras deste pazo dos marqueses de Bendaña do século XVIII ata as salas superiores onde nos contou a historia de Eugenio Granell e o seu exilio polo mundo fuxindo de dúas guerras...


    Edu mostrounos algunhas das súas obras e a mesa onde se gardan os pinceis cos que as creou... Logo falamos do mundo dos soños e vimos a exposición de Philip West e, axudados por estudantes de Belas Artes en prácticas, interpretamos algunhas das súas obras...
    Unha sorpresa que me fixo moita ilusión, foi que Xiana, unha destas alumnas de Belas Artes, foino tamén miña en infantil!. É moi emocionante para un mestre ver os que foron os seus pequenos realizando os seus soños. Bicos e boa sorte Xiana! 
 
    Despois de ver algunhas salas do Museo, pasamos ao taller e alí interpretamos unhas manchas que tiñan xa preparadas, empregando a imaxinación... xunto con lápices, ceras e recortes de fotos.
 Como remate final, e moi divertido, convertímonos en obras de arte, sendo os personaxes dos cadros. Grazas a todos por facernos tan agradable a visita.  Aprendimos moito e pasámolo xenial! 
 
Nos videos podedes ver como o pasamos este día:



xoves, 20 de abril de 2017

Jungle Fever: teatro en inglés coa compañía FACE TO FACE

    Tam é unha nena salvaxe que vive cos seus amigos os animais  e na obra JUNGLE FEVER da compañía Face to Face seguimos as súas aventuras  na selva con humor e cancións en inglés. Fomos en autobús (que sempre é un valor engadido porque nos encanta ir sinalando por onde pasamos: as nosas casas, as dos avós, onde xogamos e por onde paseamos...) e chegamos ata a Casa de Cultura de Bertamiráns. 

 Coa actriz que representaba a Tam bailamos e cantamos e practicamos o inglés que sabemos...

 
  E como nos sobrou tempo ata que viñeron os buses  achegámonos ata a praza de Chavián e xogamos no parque: pasámolo xenial!



sábado, 15 de abril de 2017

Empaquetando os traballos do 2º T

    Decoramos con gomets os paquetes cos libros que fixemos en clase de 4 anos no segundo trimestre. Cada un creou o empaquetado empregando as pegatinas de cores según o  seu criterio.


Belén, Lucas e o monstro de cores

  Recibimos a visita de Belén, a nai de Lucas A. que nos veu ler un conto que nos gusta moito: "O MONSTRO DE CORES" de Anna Llenas.  A través del falamos das emocións que sentimos a veces: da rabia, a ira e o enfado representados coa cor vermella, da alegría e a felicidade e a cor amarela, o medo e os temores coa cor negra, a tristura coa cor cor azul e a calma e tranquilidade coa cor verde.... E tamén da cor rosa que representa o amor e o cariño... O ano pasado traballamos este conto e podedes lembralo premendo AQUÍ
  Falamos de cales son as emocións que nos gustan máis, de como nos sentimos a veces ou de como nos parece que se sinten outros, que é unha das cousas que máis nos pode costar: poñernos na pel dos outros para entender o seu comportamento....
 
  Decidimos que as que máis nos gustan son a cor amarela e a verde é decir a ALEGRÍA e a CALMA. A todos lles gusta sentirse así, e aprecian aos nenos e nenas que son capaces de transmitir estas emocións, pero recoñecen que ás veces a cor vermella nos pasa factura como ao monstro desta  historia.



    Moitas gracias Belén por vir a clase e recordarnos este conto e darnos de novo a oportunidade de falar das emocións.



sábado, 1 de abril de 2017

Oscar, Sonia e a Natureza

     Sonia foi a primeira mamá que nos visitou este mes para contarnos un conto que lle gusta moito a Oscar: "La naturaleza". Explicounos o que é, como se coida, os cambios que se producen nas distintas estacións, dos deportes e xogos relacionados coa natureza. E nós falámoslle do noso horto e de algunhas cousas que podemos facer desde a casa ou o cole para respetar e coidar a natureza e o entorno máis próximo: non tirar lixo cando imos de excursión, apagar as luces cando saímos, pechar os grifos para non malgastar auga.... e así moitos pequenos xestos.