venres, 28 de abril de 2017

Visitamos o Museo Granell e convertímonos en cadros

  Visitamos o Museo Granell en Santiago e acabamos convertidos nun cadro surrealista nunha xornada moi divertida na que combinamos unha saída escolar, co arte e o coñecemento do contorno. Preparamos a excursión na clase facendo un "mapa" do percorrido e dos puntos máis interesantes a ter en conta: viales, rotondas, edificios, sinais, pasos de cebra, fontes e finalmente a praza do Toural e o pazo de Bendaña onde está ubicado o Museo.... Collemos o bus con moita ilusión e fomos sinalando ademáis un "percorrido emocional" (aquí vivo eu, esa é a casa dos avós, alí traballa miña nai.... e moitos puntos non xeográficos polo estilo). O chofer deixounos diante da igrexa do Pilar e cruzamos cara a Alameda onde vimos os estanques dos patos e merendamos nos bancos.
   Despois cruzamos na Porta Faxeira e  chegamos á praza do Toural onde buscamos o edificio do museo que xa víramos nas fotos en clase. Para atopalo buscamos nos tellados a estatua do xigante Atlas levando o peso do mundo. 

  Cando entramos recibeunos Edu que nos conduxo polas escaleiras deste pazo dos marqueses de Bendaña do século XVIII ata as salas superiores onde nos contou a historia de Eugenio Granell e o seu exilio polo mundo fuxindo de dúas guerras...


    Edu mostrounos algunhas das súas obras e a mesa onde se gardan os pinceis cos que as creou... Logo falamos do mundo dos soños e vimos a exposición de Philip West e, axudados por estudantes de Belas Artes en prácticas, interpretamos algunhas das súas obras...
    Unha sorpresa que me fixo moita ilusión, foi que Xiana, unha destas alumnas de Belas Artes, foino tamén miña en infantil!. É moi emocionante para un mestre ver os que foron os seus pequenos realizando os seus soños. Bicos e boa sorte Xiana! 
 
    Despois de ver algunhas salas do Museo, pasamos ao taller e alí interpretamos unhas manchas que tiñan xa preparadas, empregando a imaxinación... xunto con lápices, ceras e recortes de fotos.
 Como remate final, e moi divertido, convertímonos en obras de arte, sendo os personaxes dos cadros. Grazas a todos por facernos tan agradable a visita.  Aprendimos moito e pasámolo xenial! 
 
Nos videos podedes ver como o pasamos este día:



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Comentarios: a túa opinión conta!