luns, 25 de febreiro de 2019

Castrigo: mimosas, muiño e lavadoiro.

  Fai uns días fixemos unha saída cos pequenos de 3 anos para ver as mimosas en flor e achegarnos ao muiño e ao lavadoiro de Castrigo. Fixemos a saída cos nenos da clase de Ana, que se despedía de nós e a quén todos os compañeiros botaremos de menos e lle desexamos moita sorte no seu novo destino. Tamén nos acompañaron a profe Sandra, a quen demos a benvida ao centro, e a profe Isabel. Polo camiño ibamos falando e observando a natureza e as cousas que atopábamos.

     Cando chegamos pedímoslles que observasen a ver qué lles chamaba a atención e todos miraron para o chan buscando... Tardaron un chisco en mirar cara arriba e darse conta que estábamos baixo unha masa de mimosas. Son unhas das árbores máis fermosas e coloridas que temos en Galicia (aínda que sexan invasoras, lles guste o lume e sexan  foráneas, xa están completamente naturalizadas: fai máis dun século que chegaron desde Australia e Tasmania). 
  
   Despois seguimos camiño ao muiño e o lavadoiro de Castrigo. Cando chegámos sentámonos nas pedras do chan porque estaban algo cansados e falamos do uso que se lle daba antiguamente aos lavadoiros, "cando non había lavadoras" (unha cousa divertida... pero inconcebible para eles, polo que é importante falarlles das pequenas historias e usos das cousas e das xentes que as facían para que non se esquezan).
  
 Finalmente demos volta por un atallo entre as casas e logo dunha boa camiñata chegamos de novo ao cole ... e o luns seguinte na clase pintamos as mimosas

venres, 22 de febreiro de 2019

Día internacional da muller e a nena na ciencia

   En conmemoración do DÍA DA MULLER E A NENA NA CIENCIA, que se celebrou o 11 de febreiro  Carola, a mamá de Abril  e Vera, veu á escola para falarlles aos de 6º de infantil de Ciencia e de científicas e de que as nenas poden ser o que queiran, xa que non hai profesións de homes ou mulleres... Podedes ver a entrada na web do cole premendo AQUÍ.

   Tamén se acordou de nós (grazas Carola!) e trouxonos para cada un unhas preciosas gomas con forma de astronautas que nos encantaron. A visita dos maiores dounos pé para falar na asamblea de clase do que eles pensaban que eran os e as científicas e chegamos un pouco á conclusión de que fan experimentos e saben moito de insectos... Así que nós tamén somos "algo científicos e científicas" xa que  na clase temos feito algúns  que xa vos irei contando...
(Vouvos poñer aquí un video moi interesante no que podemos ver como moitos  pequenos  xa teñen establecidos os estereotipos de xénero e inconscientemente xa clasifican as profesions como traballos de homes ou mulleres. Un experimento que nos fará reflexionar sobre cómo educamos aos nenos e nenas...) 

Xogos Colaborativos no Día da Paz

    O día da Paz celebramos sesións de xogos colaborativos en todo o centro, maiores e pequenos, baixo o lema "hoxe gañamos todos". Esta entrada xa a puxen na web do cole fai uns días, pero por si acaso non a vistes, volvoa poñer aquí xa que no video vese como os pequenos da nosa clase participan neste día como todos os nenos do cole. Foi unha xornada moi divertida na que vimos xogos colaborativos. Este tipo de xogos  están centrados na unión e tódolos xogadores son necesarios sin que nadie caia eliminado.

   O Equipo de Convivencia fixo unha serie de propostas de xogos cooperativos e o Equipo de Educación Infantil organizou os grupos e as quendas para compartir aros ao ritmo da música, transportar conos na cabeza e transportar pelotas en ringleiras. A nosa clase contou coa axuda da profe de Psicomotricidade: grazas Carlota!


Trasnos

  Unha das actividades que fixemos no Nadal foron estes trasniños ou duendes de nadal coas súas caras. Os pequenos pintáronlle  a roupa  e despois puxémoslles brazos e pernas que nos permitiron xogar coas articulacións e o movemento. Foi toda unha "dura decisión" escoller as cores dos limpapipas que nos serviron de brazos e pernas.... gustábanlles as cores pero querían "coordinarse" cos amigos e poñelas iguais...

  Despois levaron os trasniños-axudantes de papá Noel  para casa: algúns dixeron que as colgaron nas árbores que tiñan postas e outros na súa habitación. Un sinxelo xoguete de nadal...


 

martes, 19 de febreiro de 2019

O Nadal na clase

   En decembro os nenos e nenas celebraron o Nadal. (Cóntovolo agora cun chisquiño de retraso....) Decoraron a clase, montaron a árbore da entrada, crearon postais e outros traballos, participaron nun taller onde decoraron bolsas  de periódico para levar as cousas que fixeron... Tamén fixemos unha festa de Nadal na que bailamos, cantamos e preparamos unha mesa de merenda de Nadal, tomamos chocolate con churros e rematamos contando as 12 badaladas...


Á volta de vacacións tamén fomos os encargados de desmontar e gardar a árbore... ata o curso que ven. Tamén falamos dos Reis Magos porque atopamos na clase unha carta que nos escribiron!. 


 Nela os Reis pedíannos que se fomos boiños lles deixásemos os nosos nomes escritos por si pasaban pola clase... Todos se esmeraron en escribir os seus nomes moi clariños e deixámolos dentro dun calcetín de Nadal colgado no corcho.

   Foi unha actividade na que viron a utilidade da escritura, e que lles creou unha gran espectación, porque ao cabo de varios días na clase apareceu unha caixa cun pequeno agasallo para cada un!. Todos foron moi boiños!

venres, 1 de febreiro de 2019

Deixándonos levar pola imaxinación...

   Fotos de dúas das sesións de pintura que facemos na clase de tres anos: individual e en grupo. Como únicas pautas: o respeto polos materiais, o espazo común e o traballo dos compañeiros... Con puntos, círculos, raias e  manchas deixámonos levar pola imaxinación e a creatividade e sobre todo disfrutamos creando arte!
    De paso recomendarvos calquera dos fermosos libros dun ilustrador que nos inspira: Hervé Tullet,  e que podedes atopar premendo neste enlace.


 

Creando e respetando a través do xogo

(Por circunstancias diversas teño o blog algo atrasado, pero imos intentar poñelo ao día...). Esta montaxe ten algunhas fotos feitas durante as sesións de xogos do primeiro trimestre tanto dentro da clase (cos materiais de aula)  como no patio onde xogan coas estructuras montadas, pero sobre todo cos elementos naturais: area, follas, paos... Trátase de a través do xogo, deixalos crear, inventar e imaxinar e tamén e sobre todo de fomentar o respeto polos espacios, os materiais e os compañeiros.