Amosando publicacións coa etiqueta manualidades. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta manualidades. Amosar todas as publicacións

sábado, 24 de decembro de 2022

Os duendes barbudos de Papá Noel


   Entre os traballos do trimestre que levaron para casa estaban os duendes barbudos que fixemos na clase. Eran os axudantes de Papá Noel ou os coidadores das setas do bosque (non o tíñamos moi claro jeje). Déronnos un chisco máis de traballo do que parece e para rematalos a tempo contamos coa axuda de Sandra e de Isabel. Tiñan que contar polo menos dez cordóns e enganchalos nas arandelas que facían de caras. Foi un moi bo traballo de psicomotricidade fina que precisaba bastante destreza. 😅Facendo e desfacendo estivemos bastante tempo!. O gorro está pegado coa pistola de pegamento e as barbas para que tivesen ese aspecto tivéronse que peinar moito e con bastante forza.
 
 
   Descubrimos que unhas pezas dun xogo da clase desfiañaban moi ben os cordeis e a maioría déronlle moito xeito, aínda que outros precisaron algo ou moito de axuda.  Cando remataron de peinalo tiven que "afeitalos" para igualar as barbas e quedaron moi bonitos. Espero que vos gustasen!. Agora podedes colgalos incluso na árbore de Nadal!.
 


 

luns, 14 de marzo de 2022

"O moucho", poema de Rosalía de Castro

   Seguindo coa obra de Rosalía de Castro a partir da canción de Migallas sobre o poema "O Moucho"  fixémos os nosos despois de buscar en internet como son estas rapaces. Con tubos de papel hixiénico formamos o corpo e pintámolos de cores con pinceis.
   Con gomets  puxémoslles os picos  e os ollos fixémosllos coa punta do dedo... (ou algo máis que coa punta😅). Nunha cartulina onde pintamos os penedos e un campo de herba con distintos tonos de gris e verde, pegamos os tubos coa pistola de silicona. E así quedaron os nosos mouchos!


xoves, 3 de febreiro de 2022

Cando casan os paxaros: a Candelaria

 O 2 de febreiro conmemórase o Día da Candelaria, que en Galicia desde moi antigo é "cando casan os paxariños", e representa o renacer da natureza, que vai rematar o inverno e se achega a primavera. Os paxaros buscan parella e preparan os seus niños. Para achegarnos a esta tradición nós fixemos estos paxariños que cantan pousados nunha pola.

Refrán: "Pola Candeloria a metade do inverno vai fora" 
 
  A Candelaria é unha festa cristiá que lembra a presentación do neno Xesús no templo (40 días despois do Nadal)  que se solapa sobre outras de orixe romana onde se portaban candeas (velas), o incluso unha celebración máis antiga de orixe celta que representaba o renacer da Natureza despois do inverno...

    Aquí estamos vendo os distintos tipos de niños que lles levei, aínda que non sei identificalos todos (admítese axuda!). Vimos os diferentes tamaños e texturas e fixámonos nos materiais de que están feitos: paos, plumas, pelos, pallas, musgo, terra, incluso restos de algodón e rafia que deberon recoller no patio do cole...
 O que máis nos gustaba era o do carrizo porque é o mais pequeniño, feitiño e suave en contraste cos máis grandes: colle nunha man!. 

Eso sí: quedou moi claro que non se poden coller os niños dos paxaros porque son as súas casas. Só podemos recoller os que atopemos polo chan como estos que teño.





Un carrizo e un pardal



luns, 7 de xuño de 2021

Pirámides e papiros

    Seguindo co proxecto sobre Exipto, buscamos unha plantilla para facer unha pirámide, recortamos e doblamos para pegar e montala. Na sala de Psico tamén intentamos construir pirámides cos bloques grandes e descubrimos que realmente era moi dificil... aínda que un equipo consigueu facer unha pirámide escalonada (como a de Saqara!) igual que fixeron no Antigo Exipto. Tamén fixeron outras construccións.

 

  Coñecemos os papiros sobre os que escribían os exipcios. Vimos que se obtiñan dunha planta que medra nas beiras do rio Nilo que cortaban, pegaban e prensaban hasta conseguir unha especie de "papel". Atopamos unhas plantas que se chaman "falsos papiros" cerca de Castrigo e como non tíñamos tantos para facer o papel, empregamos vendas que cortamos en tiras e pegamos facendo unha imitación. No video que puxen abaixo veredes como fixemos.

imitando papiros

 Os encargados dos papiros eran os escribas, uns funcionarios moi importantes e considerados porque sabían ler e escribir, coñecían o cálculo, controlaban os impostos, aseguraban os traballos de construcción, transcribían as órdenes dos  faraóns e sobre todo eran os responsables da administración.

                      Neste video están as pirámides e cómo fixemos os nosos "papiros".


sábado, 8 de maio de 2021

O sarcófago do faraón

  Falando falando, como moitas veces, algunhas das nenas déronse conta que unha das montañas do quebracabezas de papel que estaban facendo parecía unha pirámide e así chegamos a un tema moi interesante: os tesouros dos faraóns do Antigo Exipto. Conteilles a historia de como, case por azar, Howard Carter atopou a tumba de Tutankamón e os tesouros que alí se gardaban. Despois buscamos máis información nos libros e na rede e puxémonos a facer un SARCÓFAGO. Cortar e doblar as pezas foi un traballiño...  E  iban con momia incluida!


 

 

venres, 30 de abril de 2021

Paxariños de pompóns

    Nas saídas que facemos polo entorno, e nalgunha ocasión tamén polo patio, pudemos ver algunhas aves, a maioría pequenos paxariños (pardais, lavandeiras, paporrubios...) pero tamén pudemos ver outras especies máis grandes miñatos, corvos, merliñas, pombas e algunha gaivota despistada que deixou o mar polos basureiros de interior. Están fascinados polos miñatos que vemos voando en círculos sobre Castrigo e xa son expertos en recoñecer a súa silueta e chillidos. 

Para desenvolver a creatividade e as destrezas manuais nesta ocasión fixemos uns paxariños empregando pompóns  e todo o que se nos iba ocurrindo de entre os materiais que temos pola clase. 


 

mércores, 17 de febreiro de 2021

As pantaias dos boteiros

  Despois de informarnos na guía do Antroido da Xunta, escollimos varios personaxes do Antroido tradicional galego para facer na clase. Dibuxamos animais nas pantaias de Xinzo e enchemos de papeis de seda as dos boteiros de Viana do Bolo

O BOTEIRO leva unha máscara tallada en madeira de bidueiro e de cor negra, coroada por unha gran pantalla de formas xeométricas feitas con cintas de cores. A nosa é de papel e sustituimos as cintas por bolas de papel de seda.

 

O traxe dos boteiros está composto por:


• Unha camisa de cores feita con cintas cosidas en acordeón.

•Un pantalón con flecos nos laterais.

•Un cinto con cencerros.

•polainas negras de coiro e botas negras.

• e leva un pao cun rabo de raposo que emprega para dar saltos.

Así quedaron as  pantaias dos nosos boteiros. 



sábado, 14 de novembro de 2020

Un Samaín de medo

 Unha nova montaxe  "máis de medo" coas fotos das cabazas que fixestes na casa para a exposición fotográfica no cole. Incluín tamén as fotos que me enviastes do proceso e algunha máis. Gracias a todos por colaborar nesta actividade!



domingo, 1 de novembro de 2020

Un longo bosque de tiras...

 Ao día seguinte da saída a Castrigo fixemos esta actividade. Tiñan que rachar cos dedos tiras estreitas de cartulina para facer troncos e polas de árbores, altos, baixos, delgados ou grosos... Despois había que pegalos e pintar o fondo. Mentras rachaban as tiras ibamos falando dos diferentes troncos que coñecíamos. Traballaron a destreza motriz e aínda que primeiro pensaron que era bastante doado, comprobaron que rachar tiras dunha medida determinada era máis complicado do que pensaban... Pouco a pouco conseguimos un longo bosque que cubría todo o ventanal da clase.


venres, 5 de xuño de 2020

Pedro: a súa inicial e uns pementos fantásticos!

 Pedro fai dous meses que plantou nun bote unhas sementes  de mandarina e de pemento. Foi unha das primeiras propostas do confinamento e despois de todo este tempo de espera mandounos este video: menudo éxito!
Tamén estivo traballando na proposta de facer a súa inicial en 3D e decorouna con centos de papeliños. Impresionante!

 

domingo, 31 de maio de 2020

A urbanización de Iago e Tonucci

 Outra proposta era construir casas ou, como fixo Iago, deseñar a maqueta dunha urbanización. Empregando cousas que tiña pola casa, xoguetes, cartóns, tubos, plastilina... montou esta maqueta de vivendas arredor dun parque onde a xente pode disfrutar de amplas zonas verdes


 
 Unha boa idea de como deberían ser as cidades: urbanizar pero sin perder de vista a natureza!
Vendo o resultado da maqueta de Iago véñenme á cabeza as ideas do educador e pedagogo italiano Francesco Tonucci autor de moitos  libros sobre a infancia na sociedade actual, sobre os seus dereitos e a súa presenza viva no ecosistema urbano. Algo que xusto agora durante o confinamento fixo que moitos valorasen como deberían ser as cidades, o entorno urbán ... e os patios escolares!.  
  Como dixo Miguel Anxo Fernández Lores alcalde de Pontevedra tras un percorrido pola cidade con Frato/Francesco Tonucci. “A súa filosofía”,  “estaba claramente definida: os ollos dos nenos son os principais catalizadores das necesidades urbanas. Os nenos dan a medida do que todos precisamos: máis espazos para o lecer, unha cidade máis segura, mellor alumeada, con menos obstáculos para moverse, na que sexa posible a actividade lúdica, unha cidade sen fumes e sen ameazas para camiñar ou xogar…”


domingo, 24 de maio de 2020

Maeba, a fada do maio e un recitado

Maeba estivo facendo unha cestiña de flores e vestiuse de fadiña dos desexos máxicos para o maio.

 Tamén fixo un recitado sobre este "maio distinto" no que puxo moita emoción!
 

venres, 22 de maio de 2020

Maeba recrea a Miró: "muller e paxaro"

  Maeba fixo unha das propostas de arte de estos días: recreou a obra de Joan Miró "muller e paxaro". Empregou tubos de cartón, un cd como soporte, recortes, pegatinas, pegamento e pinceis. E aquí está moi concentrada no traballo.
  Miró realizou esta enorme escultura de formigón de 22 metros cando xa tiña case 90 anos e está recuberta de anacos de cerámica ou azulexos de cores vermellos, amarelos, verdes e azuis (as cores máis comúns de Miró) que foron realizados por outro artista, o ceramista Joan Gardy Artigas. 

luns, 11 de maio de 2020

Dioramas dos contos

 Unha das propostas que fixemos no mes do libro para 4 anos era a de crear con materiais que tiverades pola casa, un diorama, unha maqueta dun conto que lles gustase aos nenos. Empregastes: caixas, cartóns, telas, playmobiles, pezas de xoguetes, gominolas, tartas, dibuxos, recortes, plastilina, madeiras, a neve artificial da outra proposta, piñas, ramas... En fin moitos materiais diferentes e sobre todo moita imaxinación!. Coas fotos que me enviastes das vosas preciosas creacións fixen esta montaxe. 
 
(Si vedes que falta algún ou o fixestes despois, avisádeme para que volo engada)

mércores, 29 de abril de 2020

Martín e a masa de sal

  Martín estivo traballando coas propostas. Preparou a masa de sal  e ademáis fixo o número 5 polos anos que vai cumplir para a semana, a pegada da súa man e letreiros co seu nome, o do tio David e outro para mamá...  que vai ser o seu "agasallo sorpresa" para o domingo. 😊
 Fixo o experimento do ovo saltarín e están escoitando os contos de youtube das propostas e facendo a ficha sobre eles.  Tamén está cos xogos de cartas  aprendendo ao cinquillo e ademáis consigueu rematar un quebracabezas de máis de 100 pezas cos animais da película "Madagascar."
 Tamén mandou fotos da maqueta do conto que vos propuxen e que subirei máis adiante.