Estos días a clase está chea de follas e froitos de outono, landras, castañas, avelás, mazás e algún marmelo... Levei un capacho cheo e estivemos manipulando, comparando as cores, os tamaños, as texturas, e tamén ulindo, xogando e facendo composicións con todo eso. Primeiro nun papel continuo na alfombra e despois nas mesas.
Algúns incluso fixeron series coas landras e coas mazás e despois clasificamos e ordenamos todo. A nosa clase ule a outono!. Colgados polo teito temos atados coas follas que recollemos no patio e imos observando como cambian de cores conforme van secando pasando do verde o amarelo e laranxa brilantes ao marrón.
Temos a sorte que desde as nosas ventanas podemos observar este cambio nas árbores do patio. O carballo americano e o liquidambar están espectaculares e tamén podemos ver os carballos do monte.
Aparte dos aspectos lúdico, estético e de coñecemento da natureza, con esta actividade tamén traballamos conceptos matemáticos: contar, comparar, ordenar, secuenciar, clasificar, o tamaño, a forma... E pasámolo moi ben!
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Comentarios: a túa opinión conta!