luns, 9 de febreiro de 2015

POEMAS DE CHOIVA

  Pintar coa cor branca non é habitual nos nenos máis pequenos: para eles (pero só o principio) é "unha cor... sen cor" mentras empregamos papeis brancos e fondos brancos... Despois van descubrindo as posibilidades: neve, leite, nubes, roupa, flores.... as mesturas, de todo!. Por iso lles resultou tan pracenteira esta actividade de pintar a choiva  na que empregaron ceras manley brancas sobre cartulina branca para debuxar a choiva. Despois cubrimos todo o papel con aguada azul e: sorpresa... apareceu a choiva! (xa que a cera repele a auga). 
      Fixemos varios de estos papeis con distintos tipos de choiva, e despois na rede buscamos os nomes que ten en Galicia. Atopamos un cento de tipos de choiva! E escollimos algunhas para escribilas nos nosos papeis de choiva: babuxa, corisco, xistra, orballo, diluvio, chaparrón, treboada....  Fermosas, enriquecedoras e abundantes palabras para chamarlle á choiva: SERÁ POR AUGA!
   Vimos algúns refráns, cancións, rimas e poemas como este tan coñecido de Rosalía de Castro:

premer aquí para ver  "poemas de choiva"
    E por certo, nas fotos estamos coa cabeza cuberta con gorros e sombreiros, pero non porque nos chova na cabeza... senón porque estamos de antroido.
---------------------------------------------------------------------------------------------------------------
Tirando de wikipedia atopamos este artigo que transcribo:  "En lingua galega, segundo o grao de intensidade, condensación ou outros factores, existen máis de setenta palabras coas que denominar a chuvia.
  • Condensación de auga: borraxeira, borraxoia, brétema, cegoña, fuscallo, mormaceira, néboa, neboeiro, nebra, zarrazina.
  • Chuvia feble: babuña, babuxa, barbaña, barbuza, barrallo, barrufa, barruñeira, barruzo, borralla, breca, chuvisca, chuviscada, chuviñada, froallo, lapiñeira, marmaña, mollaparvos, melear, orballo, parruma, parrumada, patiñeira, patumeira, poalla, poallada, poalleira, poallo, zarzallo.
  • Chuvia forte: arroiada, ballón, basto, bátega, bategada, cebra, cebrina, chaparrada, chuvascada, chuvasco, chuvieira, cifra, ciobra, dioivo, treixada, xistra, zarracina.
  • Con raios e tronos: treboada, torboada, torbón, trebón.
  • Con neve e xeo: auganeve, cebrina, cebrisca, escarabana, nevada, nevarada, nevareira, nevarío, nevisca, nevarisca, pedrazo, salabreada, sarabiada, torba.
  • Remate: amizar, delampar, escambrar, escampar, estear, estiñar, estrelampar."

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Comentarios: a túa opinión conta!