domingo, 23 de outubro de 2011

AS CORES DO OUTONO


       No outono, cando miramos as árbores, vemos que unhas son de folla perenne e outras de folla caduca e que nelas mestúranse distintos tons de verde, amarelo, marrón, laranxa e vermello. Cada unha desas cores ten a súa razón de ser.




Cómo se lle explica aos nenos os procesos que teñen lugar no outono?
.podemos contarlles o conto do paxariño ferido e a árbore malvada? *
.ou, tamén, unha versión científica (algo máis sinxela  do que vos poño a continuación).


    


 * ( Déstesvos conta de que o carballo, a árbore máis fermosa, útil e representativa de Galicia, nese conto aparece como egoísta e malvado?. E de que en castigo polo seu mal comportamento co paxariño ferido perde todas as súas follas. Transformamos un feito natural nun castigo !)                

     Aínda que os máis pequenos viven inmersos no realismo máxico tamén son pequenos científicos, con capacidade de observación e interés polo seu entorno. Son tamén capaces de plantexar hipótesis e construir teorías que expliquen os fenómenos que os rodean. Non teñen por qué ser atinadas, pero son intentos de comprender a realidade.  Non debemos negarlles a posibilidade "dentro das súas capacidades" do acceso ao pensamento científico. De cómo se lles permita acceder á Ciencia depende o seu futuro interés por ela.

Aquí vai a explicación científica dos cambios de cor outonais:

na clase falamos da fotosíntesis e da clorofila
     As plantas son seres vivos que captan directamente a enerxía do sol e convértena en enerxía química. Só elas son capacesde realizar este proceso. Iso faino a molécula de clorofila que é a sustancia encargada de absorber a luz. Unha folla é como unha fábrica de alimentos. Procedente da raíz, a través do talo, un conxunto de finísimos tubos entran polo pecíolo, ou rabillo, da folla e se ramifican polos nervios ata alcanzar toda a superficie. Estos tubos constitúen a rede de transporte particular da planta: levan auga e sales minerais ata a folla, alí, grazas á clorofila que capta a enerxía luminosa, combinan eses ingredientes co dióxido de carbono do aire para fabricar os alimentos que a planta necesita para vivir.
      
A clorofila é un pigmento que absorbe todas as cores que compón a luz branca do Sol, menos o verde. Por esa razón as plantas son verdes, é a cor rexeitada, ou dispersado, pola clorofila. A folla funciona como fábrica de alimentos sempre que haxa luz solar e auga dispoñible. Ao chegar o outono os días fanse máis curtos e fríos e a planta prepárase para o inverno.
       No rabillo ou pecíolo de cada folla, cerca do punto de unión á rama, existe unha porción lixeiramente máis grosa chamada zona de abscisión. Durante o verán, as conducións que levan a auga e os alimentos -a savia- atravesan esa zona sen problemas pero cando chega o outono, as células que compón a abscisión comezan a incharse e van estrangulando aos poucos os condutos que unen a folla co resto da planta. A zona de abscisión vai tomando un aspecto encortizado e chega un momento no que interrompe totalmente o fluxo de savia. 
       Cando a comunicación interrómpese, a glucosa e os produtos de refugallo quedan atrapados na folla e, sen o achegue de auga, a clorofila comeza a degradarse. A medida que a cantidade de clorofila diminúe, a cor verde vai desaparecendo e outros pigmentos comezan a verse.
      Algunhas plantas, por exemplo, o arce e o carballo americano utilizan a glucosa almacenada nas follas para producir uns pigmentos de cor vermella intenso, chamados antocianinas. As antocianinas son sustancias antioxidantes que abundan en moitas plantas, por exemplo, danlle a cor vermella á pel dalgunhas variedades de mazá e á uva da que sae o viño tinto. Algúns científicos pensan que este colorante actúa como anticonxelante, evita que as follas se conxelen inmediatamente e prolonga o tempo que se manteñen unidas á árbore, dese xeito a planta pode extraer os azucres e outras sustancias que teñen almacenadas as follas. Outra teoría defende que as follas mortas que se acumulan no outono liberan as antocianinas ao chan para impedir, co seu efecto tóxico, que nazan plantas que poderían competir coa árbore na primavera.
       

A cor marrón dalgunhas follas débese aos taninos, un tipo de pigmentos que se producen pola acumulación das sustancias de refugallo. A cor laranxa débese ao caroteno e o amarelo ás xantófilas, ambos son carotenoides, un grupo de pigmentos moi comúns nas flores e nalgúns alimentos como as cenorias, os plátanos ou a xema de ovo. Algunhas desas sustancias existen habitualmente nas follas pero en menor cantidade que a clorofila, moito máis abundante, e por esa razón só saen á luz cando a clorofila desaparece.
        
      Dependendo da especie de árbore, e do tempo atmosférico durante os días de outono, as cores toman  protagonismo e proporcionan ao bosque unha gama extensa de tons que lle dan unha beleza especial. Cando o frío avanza e chega o inverno, as células que forman a zona de abscisión, que sela o paso de fluídos entre as ramas e as follas, vanse degradando, as follas perden a súa conexión á rama e caen. As árbores, axudados por unha simple brisa, íspense do seu abrigo de follas e esperan pacientes a chegada da primavera.
os pequenos científicos no souto do Sr Manuel o outono pasado