sábado, 26 de maio de 2018

Alex e Antón: unha clase de tenis

    Alex o pai de Antón veunos explicar o seu traballo e dounos unha clase de tenis. Trouxo todo o material: redes, raquetas e moitas pelotas.  Nos videos de abaixo podedes ver a montaxe coas fotos da sesión e algúns anacos da clase.




      Primeiro reparteunos por parellas coas pelotas e mentras foilles explicando un a un como se xoga e como hai que colocar o corpo e ter conciencia do control postural. Comprobamos que algunhas nenas e nenos xa apuntan boas maneiras...

  Rematamos cun xogo no que tiñan que competir cos tres adultos que estábamos na clase e lanzarnos as bolas  a ver quen devolvía máis ao campo contrario: cebáronse!. Non dábamos abasto e ganaron eles claro. E Alex doulles o premio: os gañadores recollían as bolas!. Coa emoción de vencer foron rapidísimos jeje

  Foi unha clase moi divertidas e pasámolo xenial.    Moitas grazas Alex!
 
Anaquiños da clase! Que se preparen Rafa e Garbiñe!
 a montaxe coas fotos:



domingo, 20 de maio de 2018

Sandra: unha médica, una escaiola e unha ambulancia!

    Sandra, a nai de Paula, foi a nosa convidada. É  médica e veunos explicar o seu traballo no PAC. Falounos do corpo, dos osos, do corazón, dos oídos... No seu maletín de médica traía moitas cousas, unha ambulancia de xoguete e aparatos para mirar os oidos, a tensión, o corazón... Vimos como é un estetoscopio, probámolo todos e pudemos escoitar o noso corazón latexando!


  Mostrounos como se fai unha escaiola: trouxo vendas e con auga morna e a axuda de Paula escaiolaron o brazo dun boneco da clase. E deixounos anacos para facer máis escaiolas. Algúns falaron das súas experiencias con brazos, máns e hombros escaiolados...Tamén nos deixou de agasallo un pequeno kit de urxencias que  preparou ela.

    Despois baixamos á zona do Bibliopatio e alí tivemos unha sorpresa: os seus compañeiros viñeron cunha ambulancia!. Victor e Juan son TES, técnicos de emerxencias sanitarias, con un plus engadido de paciencia e bo humor. A entrada da ambulancia foi fantástica (algúns do cole pensaron que estabamos co simulacro de evacuación de incendios!) e entre os tres explicáronnos todo o que ten por dentro e como funciona. A verdade: é incrible a cantidade de cousas que leva dentro unha ambulancia, non hai un centímetro desaproveitado.
     Foron superamables e pacientes, deixáronlles probar a  camilla facendo un simulacro de recollida dun paciente con Paula e Lucas B. de voluntarios e leváronos a todos nas sillas para baixar as escaleiras. Pasámolo moi ben, fixeron un montón de preguntas e non creo que lle volvan ter medo a médicos nin ambulancias!.

Moitas grazas a Sandra e  aos seus compañeiros Victor e Juan
por esta experiencia que foi á vez instructiva e divertida!



domingo, 13 de maio de 2018

Julián e unha clase de zumba


   Julián, o pai de Álvaro veu a clase a falarnos do seu traballo como monitor deportivo e profe de baile.... Cando lles preguntou, todos pensaban que era un traballo moi doado pero logo foron vendo que era máis complicado do que parecía. Sobre todo pensando en coordinar 20 ou 30 persoas con distinto sentido do ritmo... Canto máis en pequenos que durante a clase de zumba que nos deu, ala polo final iban recoñecendo que "xa lle iban pillando o truco" como dixo unha das nenas...

    Cando rematamos dibuxamos a Julián e a clase. Tamén nos falou da importancia dos quentamentos e estiramentos para non mancarse cando facemos exercicio e de bos hábitos alimenticios (comer froita!)


Uns anaquiños en video da clase de zumba:
A clase de zumba nunha montaxe coas fotos
Moitas grazas Julián pola clase e por levalo tan ben e con taaaanta paciencia!
Os nenos pasárono xenial bailando.

Yoli, Irene e o Ratiño dos dentes

  Dentro das visitas para contar contos na clase veu Yoli, a nai de Irene. Contounos a verdadeira historia do Ratiño Pérez e por qué ten o costume de levar os dentes dos nenos e deixar a cambio un agasallo. Un libro escrito por Ana Serna Vara, ilustrado por Margarita Menéndez e editado por Susaeta.  Regalounos un precioso ratiño de fieltro feito por ela para cada un, para gardar e deixar baixo a almofada os dentes que nos caen. E unha ficha para ir anotando a data na que nos cae a peza.

  Como podedes imaxinar, Irene (que non é nada faladora) levaba moitos días "gardando o secreto dos ratiños", impaciente por ver na clase a súa nai. Irene contounos que levou moito tempo facelos e que aparte de coselos o máis dificil foi enchelos de algodón para facerlles a barriguiña. Quedamos encantados cos nosos preciosos ratiños!.

       Moitas grazas a Yoli de parte de todos pola visita e polos ratiños de cores!!!.

Leo, Cristina e os libros voadores de Mr Morris Lessmore

   Cristina foi a convidada de Leo para vir a clase a contarnos un conto. Nesta ocasión o elexido foi "Os fantásticos libros voadores de Mr Morris Lessmore"  baseado no precioso corto de animación do mesmo título que gañou un Oscar da Academia.  Un cortometraje dirixido por William Joyce en 2011, sobre as personas que dedican a súa vida aos libros e trata dos poderes curativos da lectura.

  Cristina leeunos o conto co apoio visual e musical do corto que íamos vendo na pantalla: a mellor maneira de apreciar este conto que só coas imaxes e a música xa nos fai entrar na historia de Morris.

   Resumo da historia: Despois do furacán Katrina que asolou Nova Orleans o protagonista chega ao paraíso para quenes aman os libros: unha biblioteca. Alí Morris dedica a súa vida aos libros, coidaos, reparaos e comparteos cos lectores que van chegando ata a Biblioteca.

  Despois Cristina deixounos ademáis un agasallo para a Biblioteca de aula: o libro "El árbol diferente" sobre a autoestima, escrito por Anna Ferrer e ilustrado por  Bárbara Sansó, para taballar cos nenos o respeto hacia un mismo e os demáis a través da historia dunha cerdeira acomplexada por nacer no medio dun bosque de pinos. 


   Tamén fixeron de reposteiros e trouxéroonos unha galleta decorada de primavera. E ademáis Leo, a quén lle encantan as pedras, escolleu e regaloulles unha pedra especial para cada un.

 Grazas Cristina pola visita!

venres, 11 de maio de 2018

Juan, Lucas e a cociña do CHUS

  Cando chegou o seu convidado Lucas A. quedou sorprendido xa que só esperaba a Belén  e quen entrou pola porta foi seu pai. Juan veunos explicar como é o seu traballo na cociña do Chus. Cando estamos alí moitas veces non pensamos na organización necesaria para preparar os máis de 5000 menús diarios que sirven e como se fai para que cada paciente coma o menú que ten asinado. Dunha parte de eso encarganse Juan e os 140 membros do personal de cociña. 

  Trouxo un power point con fotos que documentaban o proceso e foinos explicando cada paso, como se organiza todo, as medidas de hixiene que toman, como se emplata, que hai unha encargada de cantar os menús, as cadeas de calor e frío,  os fornos que parecen armarios, os trens de lavado, as xigantescas potas... todo impresionante!

   Algúns nenos lembraron cando pasaron polo hospital e comeron alí. Tamén fixeron  algunhas preguntas: sobre todo polos gorros que usan, polos fornos e as partes quentes e frías. E de tanto ver e falar de comida entroulles a fame e as ganas de merendar!


 Moitas grazas Juan por ensinarnos tantas cousas!

xoves, 10 de maio de 2018

O pimpín no paseo fluvial de Bertamiráns

  Cuns versos de Antonio García Teijeiro sobre un PIMPÍN a nosa clase participou na proposta do EDNL do Concello para facer un tendal de poemas. Alma e Lucía foron escollidas por sorteo como  as nosas representantes para levalo ao paseo fluvial de Bertamiráns. O noso pimpín quedou alí pendurado das árbores co resto dos paxaros para que disfrutedes lendo estos versos ilustrados. Podedes ver as fotos desta  saída na web do colexio premendo AQUÍ.




 
 NA FONTE DE PEDRA

     QUE ESTÁ NO XARDÍN

          UNHA BOLBORETA
               FALA CUN PIMPÍN.
SON VERBAS DE FÍO
     VERBAS DELICADAS
           SON PINGAS DE LUME
                  VERBAS NAMORADAS.
UNHA BOLBORETA
      QUE ESTÁ NO XARDÍN
               NA FONTE DE PEDRA
                                                              FALA CUN PIMPÍN.



mércores, 9 de maio de 2018

Proxectando en verde: o Bambú

   Ao longo do curso todo o centro participou nun proxecto en común: "Proxectando en verde" para coñecer e saber mais das árbores e plantas que temos no colexio. Cada clase escolleu unha e traballou e investigou sobre ela. Na nosa clase escollimos O BAMBÚ. Comenzamos polo bambú dourado que está nunha esquina do patio, pero logo fomos averiguando moitísimas cousas de esta especie que ten variedades herbáceas e leñosas, de douradas a negras, desde 30 centimetros ata outras de 30 metros (extendimos un cordel no patio para comprobar cantos son).... 

O pai de Alma trouxonos unhas canas de bambú negro con raices e esperamos moitísimo ata que de pronto comezou a agromar... e rematamos plantandoo nunha esquina a carón do patio cuberto.


        Durante todo o tempo fomos coidando o noso bambú e aprendendo moitas cousas del. Rematamos elaborando o libro que están levando a casa. Unha das cousas máis curiosas é que as sementes tardan sete anos en saír da terra e moitos cánsanse de esperar, pero de súpeto as variedades xigantes poden medrar  30 metros nun mes!.
     Atopamos un conto xaponés que nos dou que pensar sobre a paciencia. (premede aquí). Na educación infantil a moitos parécelles que non temos resultados inmediatos pero é que somos como as sementes do bambú: durante os seus primeiros 7 anos a semente medra hacia abaixo, está desarrollando e formando as raices...
   Como remate desta actividade ademáis de investigar sobre o bambú, tíñamos que decorar a nosa porta.

 O libro do bambú
premer  AQUÍ  para abrilo






venres, 4 de maio de 2018

Rosa, Lucas e "a avoa adormecida"

 Rosa, a nai de Lucas B. trouxonos a clase "A avóa adormecida". Un fermoso conto de Roberto Parmeggiani  con  ilustracións de João Vaz de Carvalho  da editorial Kalandraka. Lucas díxónos que llo regalara a súa tía e que sempre lle regala libros en galego.  Con algo de humor e moita ternura, o conto fala de que antes de botarse "a durmir" e esquecer moitas das cousas que sabía, a avoa cociñaba, lía e contaba contos.

     Pero algo cambiou e un día a avóa deu en facer cousas estrañas... Entón foi o seu neto o que a visitaba cada día e lle contaba contos,  historias e aventuras, ata que un día cando chegou a avóa xa non estaba no seu cuarto.... Un xeito sutil de achegar o sentimento da perda e a morte aos máis pequenos e facelos pensar. Un libro para todas as avoas e avós que esquecen, e sobre todo para todos os nenos e nenas que coidan dos seus avós e avoas.

Como remate debuxamos a Rosa e ao seu conto... e algúns a avóa co seu príncipe.


 Grazas Rosa por compartir este conto.