domingo, 26 de xaneiro de 2020

Pintando xuntos


  Como sabedes por entradas anteriores, na clase gústanos moito o arte aborigen australiano. Ocupa un lugar moi importante nas vidas dos aborígenes, conectando o pasado co presente, o home coa terra e o sobrenatural coa realidade. Un pouco como pasa cos nenos cando se enfrontan a botes  cheos de pinturas e pinceles: eles pintan o seu presente, os seus recordos, a realidade e o que imaxinan. Ou se deixan levar polos trazos e os xestos cos pinceis… 



  En edades máis temperás só pintan… e despois interpretan o pintado. Pintar no chan en gran formato dalles unha gran liberdade de movementos, é como se non houbera límites (espaciais claro) e como imos pintando en grupo tamén lles ensina a cooperar e respetar os traballos e os estilos diferentes dos compañeiros. 
 
 As primeiras manifestacións de arte aborigen déronse con pinturas ou gravados nas paredes das cavernas e refuxios de pedra. As súas imaxes son consideradas sagradas porque mostran unha presenza ancestral. Pintar as súas propias mans era un xeito de deixar recordos, de transcender. Por iso aos nenos tamén lles gústa tanto deixar as súas pegadas na pintura... 

   Hai tres tipos de arte en rocas que reflicten os diferentes estilos. O primeiro e máis común son as figuras xeométricas como círculos, arcos, pegadas de animais e puntos. (este é ao que máis nos achegamos)
O segundo estilo son figuras humanas ou animais pintadas ou gravadas nas rocas (como vedes, nas nosas imaxes tamén hai animais e persoas).

 

  O terceiro reflexa imaxes detalladas de figuras que parecen radiografías, coñécese como x-ray art e mostra os órganos internos de animais e persoas e son as que "de momento" nos quedan máis afastadas.
===================================
 Ademáis, nesta ocasión, cando remataron de pintar, uns cuantos  quixeron facer mesturas e ver que cores novas podían obter. E, cando secaron, coas páxinas fixemos un libro de mesturas e escribimos  os nomes das cores orixinais e os das obtidas.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Comentarios: a túa opinión conta!