xoves, 10 de maio de 2018

O pimpín no paseo fluvial de Bertamiráns

  Cuns versos de Antonio García Teijeiro sobre un PIMPÍN a nosa clase participou na proposta do EDNL do Concello para facer un tendal de poemas. Alma e Lucía foron escollidas por sorteo como  as nosas representantes para levalo ao paseo fluvial de Bertamiráns. O noso pimpín quedou alí pendurado das árbores co resto dos paxaros para que disfrutedes lendo estos versos ilustrados. Podedes ver as fotos desta  saída na web do colexio premendo AQUÍ.




 
 NA FONTE DE PEDRA

     QUE ESTÁ NO XARDÍN

          UNHA BOLBORETA
               FALA CUN PIMPÍN.
SON VERBAS DE FÍO
     VERBAS DELICADAS
           SON PINGAS DE LUME
                  VERBAS NAMORADAS.
UNHA BOLBORETA
      QUE ESTÁ NO XARDÍN
               NA FONTE DE PEDRA
                                                              FALA CUN PIMPÍN.



mércores, 9 de maio de 2018

Proxectando en verde: o Bambú

   Ao longo do curso todo o centro participou nun proxecto en común: "Proxectando en verde" para coñecer e saber mais das árbores e plantas que temos no colexio. Cada clase escolleu unha e traballou e investigou sobre ela. Na nosa clase escollimos O BAMBÚ. Comenzamos polo bambú dourado que está nunha esquina do patio, pero logo fomos averiguando moitísimas cousas de esta especie que ten variedades herbáceas e leñosas, de douradas a negras, desde 30 centimetros ata outras de 30 metros (extendimos un cordel no patio para comprobar cantos son).... 

O pai de Alma trouxonos unhas canas de bambú negro con raices e esperamos moitísimo ata que de pronto comezou a agromar... e rematamos plantandoo nunha esquina a carón do patio cuberto.


        Durante todo o tempo fomos coidando o noso bambú e aprendendo moitas cousas del. Rematamos elaborando o libro que están levando a casa. Unha das cousas máis curiosas é que as sementes tardan sete anos en saír da terra e moitos cánsanse de esperar, pero de súpeto as variedades xigantes poden medrar  30 metros nun mes!.
     Atopamos un conto xaponés que nos dou que pensar sobre a paciencia. (premede aquí). Na educación infantil a moitos parécelles que non temos resultados inmediatos pero é que somos como as sementes do bambú: durante os seus primeiros 7 anos a semente medra hacia abaixo, está desarrollando e formando as raices...
   Como remate desta actividade ademáis de investigar sobre o bambú, tíñamos que decorar a nosa porta.

 O libro do bambú
premer  AQUÍ  para abrilo






venres, 4 de maio de 2018

Rosa, Lucas e "a avoa adormecida"

 Rosa, a nai de Lucas B. trouxonos a clase "A avóa adormecida". Un fermoso conto de Roberto Parmeggiani  con  ilustracións de João Vaz de Carvalho  da editorial Kalandraka. Lucas díxónos que llo regalara a súa tía e que sempre lle regala libros en galego.  Con algo de humor e moita ternura, o conto fala de que antes de botarse "a durmir" e esquecer moitas das cousas que sabía, a avoa cociñaba, lía e contaba contos.

     Pero algo cambiou e un día a avóa deu en facer cousas estrañas... Entón foi o seu neto o que a visitaba cada día e lle contaba contos,  historias e aventuras, ata que un día cando chegou a avóa xa non estaba no seu cuarto.... Un xeito sutil de achegar o sentimento da perda e a morte aos máis pequenos e facelos pensar. Un libro para todas as avoas e avós que esquecen, e sobre todo para todos os nenos e nenas que coidan dos seus avós e avoas.

Como remate debuxamos a Rosa e ao seu conto... e algúns a avóa co seu príncipe.


 Grazas Rosa por compartir este conto.
 

Noemí, Thayssa e Pocahontas

    Dentro das visitas dos pais e nais que temos organizadas esta temporada, Noemí a nai de Thayssa, estivo na clase para contarnos a historia da princesa india Pocahontas. Conta a relación entre a tribu de Pocahontas e os colonos e descubridores ingleses. Entre os "salvaxes", como eran considerados os poboadores nativos, e os "civilizados" británicos: un choque de culturas entre os habitantes do vello e os do novo mundo, con distintos xeitos de relacionarse coa natureza que os rodea. Uns respetándoa como a nai que lles proporciona de todo para vivir e outros como fonte de riqueza... E ese é un dos conflictos que plantexa o conto...


    Como curiosidade decir que a historia de Pocahontas ou polo menos o seu personaxe foi "real" ata certo punto (cambiada polo filtro de Disney). Naceu  no 1595 en Virginia (USA) e morreu con 21 anos en Inglaterra en 1617. Convirteuse á relixión anglicana, chegou a ser Lady Rebeca, foi escritora e por certo: non casou con John Smith....senon co rico dono dunha plantación de tabaco.  Podedes ver mais na wikipedia.

a Pocahontas de Disney
este é un retrato da aunténtica Pocahontas

 

mércores, 2 de maio de 2018

Elena e Alma: "Me comería un niño!"

Elena,  a nai de Alma, veunos contar un conto moi divertido que se titula "Me comería un niño". A autora é Sylviane Donnio, está ilustrado por Dorotée de Monfreid e foi editado por Alfaguara.  Despois de moito escoller trouxeron este  libro tan interesante do pequeno cocodrilo Aquiles que, farto de comer plátanos cada día, encapríchase e decide que quere comerse un neno. Seus pais danlle de todo, pero el non cambia de idea hasta que se decata de que aínda non está preparado.
     

    A través deste conto podemos ver a importancia da alimentación e como hai unha idade para cada cousa... e que todo chegará cando teña que chegar. E que cos caprichos non imos a ningunha parte.



      Elena viña moi preparada e trouxo láminas en grande que Alma, como axudante, foi ensinando mentras ela leía o conto. Despois fixemos a ficha na que anotamos as visitas e dibuxamos crocodilos.
Nesta montaxe van as fotos da visita:

 Grazas Elena!

E ademáis atopei na rede este video do conto para que o coñezades : 

domingo, 29 de abril de 2018

Patricia, Susy e Alessandra: english team!

 Nesta ocasión Alessandra fixo de axudante de profe de inglés de súa nai e tamén convidou a súa tía Susy (que nos dou clase de inglés o curso pasado). Patricia e Alessandra prepararon unha clase onde repasaron como se pon o día, o mes e a estación e lembraron as cores cunha canción. Logo contáronnos varios contos en inglés (dear zoo, o grufalo, o monstro de cores...). 


   Rematamos pintándo da cor que máis nos gusta (ou da cor como nos sentimos) un dibuxo do monstro. Tamén nos trouxo de agasallo un marcapáxinas do día do libro para colorear. 
 Neste video están a canción das cores e a data:
 

 E nesta montaxe as fotos de cando contaron os contos:

Moitas grazas a Patricia e a Susy: foi unha "doble" sorpresa!

Charo Pita na Maía

  Dentro das actividades organizadas polo Equipo de Dinamización da Biblioteca, o pasado 17 de abril tivemos  a visita da narradora e escritora Charo Pita quen coa palabra, con rimas, xogos vocais, cancións e narrativa de contos tradicionais e outros, fíxonos pasar unha sesión moi divertida!. Os nenos escoitaron a Charo fascinados de principio a fin. Comezou co tren de María (o que vai pola vía...), coa historia dun ratiño, seguimos por Africa escoitando como os animais intentan traer de novo a choiva (unha versión da lebre e a tartaruga), cantamos como se fai nesas terras, falamos "en modo bebé" axudando a Oscar a darlle de comer ao seu irmán e rematamos  co maravilloso silencio que, en palabras de Charo, queda "despois de escoitar un montón de contos."  E con ganas de máis...

Uns anaquiños "para abrir boca" coa actuación de Charo Pita cos pequenos de infantil:

Unha montaxe coas fotos da actuación de Charo Pita cos nenos de infantil e os de 3º de primaria.

Algunha fotos da sesión:







mércores, 25 de abril de 2018

Feliz Feroz, Inés F. e seu pai

   Dentro das actividades para conmemorar o mes do libro, comezamos a recibir as visitas dos pais e nais que teñen dispoñibilidade para vir a clase a contarnos un conto. Hoxe recibimos a visita de Fran, o pai de Inés F., que nos veu ler "Feliz Feroz" a historia dun lobiño que non sae como espera a súa feroz familia....

 Unha historia orixinal e divertida á que estiveron moi atentos e que trata do dereito de todos a escoller como queremos ser: respentando e desenvolvendo con libertade a personalidade de cada un.
 
   Ao longo da historia vemos como Lobiño visita ao seu tío e intenta facer o que el lle pide, aullar feramente, cazar coelliños, asustar a Caperucita, comerse á avoiña...


 Pero sempre o estropea e non é quen de virarse malo: séntase a comer unha ensalada cos coelliños, faise amigo de Caperucita e merenda coa avoiña...

  De remate dibuxamos o que máis nos gustou  da visita e do conto. Inés sentou a Fran a carón dela nunha mesa para que a axudase, e estivo encantada coa visita, ata que chegou a hora de despedirse (un mar de lágrimas). Antes de que marchase ensinamos algunhas cousas da clase a Fran e sobre todo o recanto onde plantamos o bambú negro que tiñamos na clase.

Moitas grazas Fran pola visita!
 

domingo, 15 de abril de 2018

Snowball: Face 2 Face na Maía


 Os alumnos de 4 e 5 anos asistimos na Casa da Cultura de Bertamiráns á representación de Snowball. Unha actividade organizada polo Departamento de Inglés e protagonizada por Rebecca Evans da Compañía de teatro Face 2 Face.  Con cancións, bailes, maxia e humor e todo en inglés!. Fantástico!. Encantounos! E ademáis puden escoitar como moitos dos nenos decían "entendo todo!"

  Personaxes: Oona, Snowball, a bruxa de xeo e o sol (interpretado pola nosa compañeira Mirta a profe de inglés, que saleu voluntaria). Tamén os pinguinos, morsas e huskies interpretados por algúns dos nenos. Saleu Airas!

  Nesta montaxe puxen fotos da saída que fixemos á Casa da Cultura de Bertamiráns e varios videos da actuación. E tamén algúns dos debuxos que fixemos cando volvimos a clase.
   Argumento da obra: "Oona, a nena esquimó, e os seu osiño polar Snowball son os protagonistas desta animada aventura Ártica. Un día, ¡Snowball desaparece!. Onde estará?


sábado, 7 de abril de 2018

"SNOWBALL". Teatro en inglés: FACE 2 FACE no Ceip A Maía


  O vindeiro mércores 11 de abril, o departamento de inglés ten programada unha sesión de teatro en inglés para o alumnado de 5º e 6º de educación infantil.
  
   A compañía contratada para a representación é Face 2 Face: unha compañía de teatro educativo formada por un equipo de profesionais de teatro e educación. 



   Podedes ver máis información na web do colexio premendo AQUÍ ou na propia páxina da compañía  FACE 2 FACE  premendo AQUÍ
 
   Este é o argumento da obra: "Oona, a nena esquimó, e os seu osiño polar Snowball son os protagonistas desta animada aventura Ártica. Un día, ¡Snowball desaparece!. Onde estará? Con cancións, bailes, maxia e moita risa en inglés, os alumnos axudan a Oona a encontrar ao seu mellor amigo baixo a luz da Aurora Borealis!"
  

mércores, 28 de marzo de 2018

Embolsando a primavera

   Para levar os traballos que fixemos no  2º trimestre decoramos con flores estas bolsas de papel craft.  Aproveitando que acababa de entrar a primavera quedáronnos así de floridas.


 
Decoramos estas portadas para os libros que fixemos desde xaneiro: