No outono as follas das árbores caducas que temos diante da nosa ventá (un liquidambar, un carballo americano e un liquidambar) e os que vemos no instituto (liriodendros e liquidambar) ou no monte frente ao colexio (carballos, maceiras e castiñeiros) van adquirindo distintas tonalidades que van desde o amarelo, dourado, laranxa e vermello ata o púrpura máis oscuro.
Cada ano vémolas cambiar e sempre nos maravilla este proceso. Saímos a visitar as árbores e a xogar coas follas caídas apreciando as cores, as súas formas, as distintas texturas ao tocalas e o son que fan ao pisalas... A Natureza é unha fonte incrible de materiais para traballar na clase.
Traballamos todos os sentidos, incluso o olfato, xa que ao traer as follas a clase esta ten agora un recendo outonal... Ao recollelas contamos de cinco en cinco, de dez en dez... e algúns moito máis.
E fixemos atadiños con elas que empregamos para facer mandalas e unha cortina de follas que está colgada nas nosas ventás. E ademáis, entre todos estamos compoñendo unha poesía sobre as follas.
Tamén atopamos sementes de arce e recollemos moitas que preparamos para sementar. Na clase contamos as que aportou cada membro dos cinco equipos e fomos anotando todas as cantidades. Algúns foron moi competitivos, outros deixáronse levar... e para algúns foi fonte de conflicto, pero para a maioria foi un xeito de aprender o valor da colaboración.
Outra experiencia que estamos a facer é a plantación de landras de carballos (americanos e autóctonos) e camelias. Contamos un conto ("Aínda nada") que ten moito que ver coa paciencia e a espera e levamos moitos días contabilizando o seu resultado por escrito, xa que cada día comprobamos os cambios e anotamos os días que levamos coa plantación.
(nas etiquetas amarelas contabilizamos o tempo das sementes e nas de cor rosa estamos anotando a experiencias das rebanadas de pan e as mans, do que xa vos contaremos como vai indo...)
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Comentarios: a túa opinión conta!