martes, 24 de novembro de 2020

O día do millo


Coma nos anos anteriores falamos dos productos de outono... e do millo. Telmo, que é un entusiasta do tema volveunos comentar que os avós e os veciños tiñan moito millo. Así que lle pedín a seu pai se nos podía conseguir un par de espigas de millo. Xa vedes a manchea que nos trouxeron: unhas preciosas espigas de millo de cores que temos na clase (aínda que non podemos tocalo e pasalo ou debullalo coma antes... ). Despois dibuxamos as nosas espigas de cor.



 Falamos das tarefas que se precisan para ter boas plantas de millo. Telmo foi o encargado de explicarlles aos compañeiros como se cultiva, que maquinaria se emprega e moitas cousas máis, como que cando se garda o millo é convinte quitarlle os pelos ás espigas para que os ratos non fagan as súas casas con el. Como algunhas espigas traían as follas contounos que era para atalo e colgalo. Falamos dos moitos usos do millo: como alimento para as persoas e os animais,  (pienso, fariña, palomitas, gusanitos...), antiguamente para facer xoguetes cos carozos (bonecas, lembrou Lia ), colchóns coas follas, e incluso bolsas biodegradables. Vimos o conto de "la gallinita sabia" de Disney que explica moi ben todo o proceso de cultivo e cantamos a canción de "Pan de millo", do grupo Migallas.


Tamén falamos dos muiños como o de Castrigo que fomos ver e de como funcionan. E vimos un documental do  museo dos muiños de Taramundi.

Como falamos do "DÍA DO MILLO", así con maiúsculas, Telmo pensaba que era pouco menos que unha festa institucionalizada máis. Na nosa clase xa o é!. Unha idea fantástica para propoñerlle a quen corresponda!. De feito hai aldeas que lembran estos traballos, por exemplo en Meiro, Bueu, teñen a Festa do millo corvo (casi negro) que está declarada de Festa de Interés turístico de Galicia. Seguro que son máis!. Ou deberían!.

 


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Comentarios: a túa opinión conta!