domingo, 10 de xullo de 2011

fin de curso

 
Hai xa uns días que rematou este curso e aínda non fún quen de pechar (temporalmente) o blog. Pásame,  aínda que sexan polas vacacións, que todos estábamos necesitando,  que non me gustan as despedidas. As despedidas sempre me pareceron unha ruptura: dun proceso, dunha amizade , de cambio de nenos  xa que os de 5 anos pasarán a primaria e entrarán 75 pequeniños máis... E este curso máis, xa que marchan moitas compañeiras e compañeiros, para outros coles ou por xubilarse despois de toda unha vida adicada ao ensino... Afortunadamente os nenos teñen unha sensación do tempo diferente da nosa: non se despiden, porque "mañán" é un tempo que nunca chega... para eles sempre é hoxe, agora , este momento, e son afortunados porque son capaces de disfrutalo sin pensar no que virá despois, sin programarse nin organizarse... A maioría dos adultos queren o contrario: saber sempre o tempo de que dispoñemos para cada cousa, ter todo programado e listo...por eso cando un neno dí eso de "abúrrome", dispáransenos tódalas alarmas... É certo que é un drama (pero non o que pensamos) e deseguido buscamos actividades que o teñan ocupado, e organizámoslle todo para que non lle dé tempo a pensar eso de "abúrrome": como consecuencia non lles deixamos tempo "verdadeiramente libre". E, sin embargo, dese tempo propio, libre e só seu, é de onde nace a creatividade, a espontaneidade, o libre albedrío, o que fará que sexan persoas diferentes,  exclusivas e  únicas.  E moitas veces as propias condicións da escola fan que os pequenos teñan que funcionar dun xeito que vai contra a súa natureza : non lles podemos pedir aos nenos que estén 5 horas sentados "traballando", hai outras maneiras de formarse e conseguir que sexan persoas boas e educadas. Non todo o que precisan está nos libros, aínda que os libros sexan parte da súa vida; teñen que ler, é certo, pero sobre todo teñen que "querer"  ler, teñen que desexalo,  teñen que amar a lectura, teñen que apreciar os libros como o que són , fonte de cultura e saber, transmisores de sentimentos e de información, o noso patrimonio, o que nos fai seres intelixentes.
Aos mestres pídesenos que transmitamos cantos máis coñecementos mellor, e que o fagamos de xeito riguroso, programado, organizado, cuantificado... e a ser posible canto antes. Penso, como moitos dos meus compañeiros e compañeiras, que o que temos que transmitir e sobre todo "o desexo de aprender", a necesidade de facer preguntas, e de querer averiguar o porque das cousas e a capacidade de apreciar e querer o que nos rodea. Temos que facer que teñan dubidas, porque as dubidas farán que sexan curiosos, os problemas que lles plantexemos, farán que loiten por buscarles solución. Se sempre lles damos a solución, non precisarán esforzarse por buscala, non verán a necesidade de esforzarse:  se o teñen todo feito, para qué van precisar facelo por si mesmos?. Se llo damos todo pensado, para qué van precisar pensar por si mesmos?.  Traballando coma mestre, moitas veces aprendes cousas dos nenos e a parte que máis me gusta e esa  fase de curiosidade na que nacen todas as preguntas: porque? como? Cando? Onde? Esas inagotables , incansables e tamén agotadoras preguntas que ás veces non che dá tempo a respostar  ¡cando chas fan os 25 á vez!. Esa etapa é maravillosa porque é a que fai que o ser humano avance, pense, cree … Esas preguntas  son as que fixeron posible tódolos logros do ser humano e sempre houbo un membro na tribo que pensaba diferente , que atopaba novos camiños, novos xeitos de facer as cousas, ou o que empezou un día a pintar nas covas para transmitir coñecementos ao resto… Para qué valía pintar no fondo das covas?, para qué valían as primeiras cancións?, para qué se pintaban  e  decoraban?, por qué cruzaron o primeiro río…? A curiosidade foi a que fixo avanzar á humanidade e agora polas propias circunstancias da nosa sociedade, das prisas, do tempo limitado organizado e tasado, é triste ver que non lles deixamos tempo a desenvolver todo o seu potencial e curiosidade,  a súa creatividade…
Por todo eso, na escola, ao mesmo tempo que intentamos que adquiran coñecementos , intentamos transmitirlles o respeto polas cousas que os rodean, polo coñecemento, polo traballo e  polos demais. Penso e espero telo feito así ,que é importante o que vai de cabeza a cabeza, pero é moito máis importante o que vai de corazón a corazón… e eso non está nunha ficha.  Penso que ademáis hai na escola una componente de soños e ilusións que non se pode poner nas múltiples programacións, miles de plantillas  e moreas de obxectivos que temos que entregar e que non se poden avaliar nin meter en PECS, PCCS, PXAS nin na memoria final de cada curso.
 O “material” co que traballamos é un material delicado, sensible, incluso atreveríame a decir “radiactivo”, xa que irradia sentimentos, emocións e afectos, moitas veces con alto risco de explosión…
   E agora, despois desta “despedida” tan formal, que non quería ser tal cousa, porque xa vos dixen que non me gustan, quero compartir con vós o que dixeron sobre o ensino un escritor romano (hai case 2000 anos), un político francés, un actor, un educador e teórico brasileño, un presidente americano… e un neno da clase despois de explicarme una cousa (e a viñeta é de Francesco Tonucci, un pedagogo italiano do que, para ver algunhas cousas de xeito "algo diferente e irónico" vos recomendo o libro "Con ollos de neno"):

"Se queres aprender, ensina". Cicerón
"A natureza puxo nas nosas mentes un insaciable desexo de ver a verdade". Cicerón
"A educación é un factor indispensable para que a humanidade poida conseguir os ideais de paz, liberdade e xustiza social". Jacques Delors
"A educación é a vacina contra a violencia". Edward James Olmos
"A educación necesita tanto de formación técnica, científica e profesional como de soños e utopía". "É preciso reinventar o mundo e a educación é indispensable en esa reinvención" . Paulo Freire
"Dime e esquézoo, ensíname e recórdoo, involúcrame e apréndoo". Benjamin Franklin
"Penseino eu... na miña cabeza". Miguel

       Así que agora só me queda desexarvos que pasedes un bó verán e
¡vémonos en setembro!
Bicos

 

luns, 4 de xullo de 2011

Festival de fin de curso

    O  día 22 cos nenos e coas nenas de infantil, fixemos un festival para despedir este curso. Ensaiamos durante moitas sesións , preparamos obras, cancións, contos  e recitados. Os ensaios saían pouco a pouco  e preparamos bailes e ambientación, adornos e algúns, disfraces. Este foi o resultado, a pesar do medo escénico que nos entrou cando viron tanto público. Estaban encantados de subirse a un escenario, aínda que sexa tan pequeniño coma o que temos, xa que como decía Irene,  "íamos facer como as princesas" e poderíamos saudar desde arriba....Pero cos nervios do escenario, case se nos olvidou saudar. Asegúrovos que nos ensaios, os pitiños movian a coliña, saltaban e cantaban moi forte, pero  a pesar de todo sairon bastante airosos e sobre todo ...   MOI GUAPOS !!! Intentarei pronto colgar un video da actuación dos pitiños

domingo, 3 de xullo de 2011

Os zapatiños de cores

Hai uns días os nenos levaron a casa os zapatos que estivéramos a pintar na clase. Todo parteu dunha conversa sobre os diferentes materiais que se poden usar para pintar (papel continuo, folios, barro, pasta,  madeira, teas etc...),e dunha viñeta que hai tempo tiña gardada. A partir de eso ocurreusenos pintar uns zapatos de cando os nenos eran pequenos. O proceso foi bastante longo, xa que aínda que parece sinxelo, non o era tanto: o papel revirábasenos e facía bolas engurruñadas, tíñamos que calcular a cantidade de cola suficiente para darlle consistencia e que non fose demasiado blanda,  acabábamos cos dedos pegañentos, o latex mancha máis do que parece se non temos coidado, houbo que protexer as mesas, tivemos que mercar máis cor rosa e maxenta,  os zapatos non daban secado e tivemos que poñelos nas ventás do piso arriba  ao sol .... E logo, claro, loitar coa impaciencia do ¿cando me toca a mín? Porque, por suposto, se nos poñemos os 25 a pintar á vez, ou todos xuntos coa cola... o resultado seguramente sería outro...  En fin, o día a día cotiá en calquer clase de infantil. Pero, pouco a pouco, foise solucionando  todo e por fin rematamos. Os zapatos foronse transformando nas máns destes pequenos artistas. Espero que vos gustasen xa que, como veredes nas fotos, puxeron toda a súa atención e esforzo no traballo.
       Penso que lles gustou tanto o proceso creativo como os resultados e algún xa pensou en outras superficies para pintar...
        En estas powerpoints podedes ver como traballamos e como nos quedaron todos os zapatos.

O  PROCESO
  RESULTADO
     Como curiosidade final, podemos destacar que esta actividade desenvolveu nos pequenos unha actitude de artistas "comprometidos coa súa obra" (máis ben agarrados a ela) que nos fixo sorrir máis dunha vez: xa que cando alguén chegaba á clase, lles alababa o traballo e lles pedía de broma algún dos zapatos... enseguida lles decían que aprenderan a pintalos... pero que de dar nada de nada... Por outro lado, os que ían rematando, colaboraban e axudaban aos outros cos papeis rebeldes, a poñer detalles , a limpar as mesas, a lavar os pinceis e  a preparar materiais...  

  
galería virtual

Estade pendentes destes artistas:
probablemente algún deles acabe pintando como Manuel Quintana Martelo!

martes, 14 de xuño de 2011

     Hoxe  ¡por fín!  levamos á casa os caracois de pasta que fixemos na clase: en esta presentación podedes ver o  proceso e o traballo que nos deron. Bueno, eso non o podedes ver : pero imaxinádenos a todos á vez coas máns na masa ... e leede a páxina onde puxen algúns dos comentarios que fixemos ...
       Como tivemos que traballar en varias fases leváronnos bastante tempo, sobre todo o secado da masa  que foi o que puxo a proba a paciencia de todos eles.  Conclusión: ¡Temos moi pouca! Cada día comprobaban o grado de secado da pasta... a verdade é que tardou moito en secar de todo, pero por fín pudemos poñernos a pintar e decorar.

  Como podedes ver, penso que  quedaron moi bonitos!!!

xoves, 9 de xuño de 2011

      Onte Mónica trouxo unha caixa moi grande ao colexio... dentro  podiamos escoitar algo que rebulía e piaba. Tardamos un ratiño en abrila e intentamos adiviñar o que podería haber dentro. Colocados no sitio de reunión e despois de pensar un bó rato , abrimos a caixa e ...
¡SORPRESA!

eran dous preciosos pitiños de cores amarela e castaña 

      As nosas caras eran un conxunto de expresións de sorpresa, emoción, asombro e sobre todo de tenrura... 
 Estabamos emocionados  e todos querían tocalos. Antes de nada deixamos que bebesen e que comesen. Mónica contounos que eran oito pitiños de sete días e que os outros estaban coa nai no galiñeiro e ensinounos duas fotos da galiña. Cando xa estaban tranquilos e acostumados a vernos (e a oirnos), comenzaron a pasear no medio da roda e as extender as plumas e dar pequenos paseiños,e así, pouco a pouco, un a un, os nenos foron pasando, primeiro a puntiña dos  dedos e logo toda a man, por riba dos pitiños. Os comentarios foron de todo tipo: sobre a cor, o tamaño, o suaves que eran , o quentiños, que si nos picoteaban os dedos... A pesar dos achuchóns que lles demos, debían estar relaxadiños, porque hasta se deixaron levar polas urxencias fisiolóxicas habituais nos pitiños, co correspondente barullo dos rapaces porque se nos cagaran na clase... (Ou eso... ou estaban cagadiños de medo! )

 Despois cantámoslles a canción "Los pollitos hacen...", con algunha pequena interferencia...


domingo, 5 de xuño de 2011

Día Mundial do Medioambiente

    Hoxe celébrase en todo o mundo o Día do Medioambiente... Pero ¿qué podemos facer nós para preservalo e protexelo? Podemos facer algo desde a clase, cos pequenos? Esta é unha pregunta que só tén unha resposta : SI.  Cada día temos que ensinarlles a ser responsables do seu entorno, do seu coidado,  teñen que ser respetuosos co medio que os rodea, coas plantas, cos animais; algo tan sinxelo como non tirar o lixo fora de sitio, coma non derrochar a auga nin o resto dos recursos de que dispoñen. Tan doado coma non tirar un chicle ao chan, coma coidar o xardín do cole: empezando por unha maceta, poden rematar salvando un planeta...

     Ademáis, estamos na obriga de coidar o planeta para eles e eles teñen o dereito a recibilo de nós de xeito que lles permita vivir en condicións prósperas e seguras.  Tampouco podemos permitir que coñezan un grilo ou unha rá na tele ou por internet : coñecen o nome e os poderes de douscentos pokemóns, pero non o do páxaro que pasa pola ventá ...  Para querer salvar algo, teñen que aprecialo, coñecelo e amalo. E sobre todo, teñen que sentirse parte del.
     
 Se ademáis queredes saber o que opinaba un vello indio da terra na que vivía, alá polo ano 1854, dádelle un vistazo á última entrada do blog da Biblioteca . Alí tamén está colgada esta impresionante película sobre o mundo no que vivimos e a responsabilidade que temos con el : 

este é o noso fogar  (HOME)
 
*HOME*





domingo, 29 de maio de 2011

Un soño na bandexa

      Os máis pequenos do cole, repartidos en dous grupos, recibimos esta semana, na Biblioteca, a visita da escritora Mariné Lorenzo Corcoba e do ilustrador  Jorge Vázquez que nos viñeron a contar o seu libro "Un soño na bandexa"  pertencente á colección Tartaruga editado por Galaxia. Na clase estábamos a traballar nesta historia dunha rapaza soñadora e dun amable camareiro e da importacia das cousas que non se poden mercar con cartos. Tamén pintamos entre todos os dous murais grandes da rapaza e do camareiro. ( A pesar do evidente plaxio, Jorge díxonos que nos quedaran moi bonitos... e quedamos tan contentos)   

*Mariné Lorenzo*

             Na sesión de contacontos, Mariné narroulles a historia da nena e Jorge dibuxaba. "Un  soño  na  bandexa " é un fermoso soño. Cóntanos o que pasaría se un día se nos dese por pedir cousas moi especiais a un camareiro disposto a soñar con nós...  Despois pediron voluntarios e Jorge axudoulles a realizar os trazos máis representativos do camareiro.
Jorge Vázquez

          Para os nenos resulta bastante dificil decatarse do valor de determinadas cousas porque, afortunadamente, téñenas. En principio o que eles máis desexan son cousas materiais: roupa, contos, xoguetes etc... Na clase, despois de varias sesións e de falar moito, pasamos a expresar outro tipo de desexos máis relacionados coa maxia: fadas, varitas máxicas, castelos de conto e, non sei porque, moitos unicornios... Máis tarde, noutra sesión  presenteilles fotos doutros nenos iguais a eles en circunstancias vitais moi afastadas a nós (nenos soldado en África, nenos que perderan a casa nun terremoto, nenos vítimas da guerra, nenos que carecen de auga potable etc) e así foi como  pasamos a expresar desexos doutro tipo: unha fonte que non se seque nunca , unha neveira sempre chea de comida, unha casa que non se rompa nunca pase o que pase etc... Poden parecer desexos relacionados coa maxia, pero en realidade expresan a súa necesidade de seguridade e de estabilidade...        
        
          A capacidade para decatarse do valor das cousas verdadeiramente importantes na vida vaise desenvolvendo coa idade e vai marcando a  aparición da madurez emocional. Por outra banda non queremos deixar de lado a visión máxica do mundo que nos rodea, a capacidade de sorpresa e a de emocionarnos cos descubrimentos que imos facendo, porque iso é o que, xa adultos, nos seguirá conectando cos paraisos perdidos  da infancia... 
        
         Nesta presentación podemos ver como se desenvolveu a sesión de contacontos. 

        Cando rematou a sesión Mariné e Jorge asinaron e adicaronlle o seu libro aos nenos que o tiñan e fixeron alguns dibuxos.

     Mariné contounos moi emocionada o exito desta aventura  ¡xa van pola segunda edición! e tamén  dixo que pronto se vai presentar o libro na "Asociación de persoas xordas" de Vigo cunha representación .

        Ademáis "Un  soño  na  bandexa" é un libro especial, tanto pola sua orixe , como por que os beneficios dos dereitos de autora da súa venda están destinados á  Asociación contra o cancro.

domingo, 22 de maio de 2011

Un paseo por Castrigo

      Un venres collimos camiño cara Castrigo. Queríamos chegar ata o rio e comprobar si era un sitio axeitado para soltar os cágados e as rás que tiñamos na clase. Estiveramos aprendendo cousas sobre estes anfibios e a súa metamorfose, desde que nacen ata que se van convertindo en rás. Cada día marcábamos nun cadro cando lle ían aparecendo as patas traseiras, as dianteiras e encollendo a cola para transformarse diante nosa en pequenas rás. Durante algo máis dun mes, cada día era maior a emoción de ver os cambios que se producían neles. Por eso necesitábamos un sitio seguro para soltalos e por eso fomos a Castrigo.
       Polo camiño atopamos lagartixas, caracois, bolboretas, abellas, abellóns, escarabellos.... a cada paso íamos deténdonos para falar do que atopabamos. Tamén falamos das plantas que están no camiño: algunhas comestibles, outras venenosas, as melíferas etc. Podedes supoñer o tempo que nos levou chegar...!!!
     Cando por fín chegamos ao rio, falamos dos muiños e o seu uso, dos lavadoiros e de como antigamente se lavaba a roupa neles... Sorpréndelles que, fixera sol ou frio, as xentes tiveran que ir aos lavadoiros, que non en tódalas casa había lavadoras, que hoxe eles disfrutan de comodidades das que apenas son conscientes, e que en outras partes do mundo sería unha fortuna dispoñer dunha fonte e dun lavadoiro coma este de Castrigo...De todo eso falamos nun paseo pola aldea de Castrigo...
      Coa emoción de xogar coa auga, case esquecimos as rás ata que as oimos croar... eran moi grandes  (rá verde común ), aínda que non lle puden sacar fotos de cerca. Nesta presentación podedes ver o paseo que dimos.

       Finalmente non soltamos as rás no rio,  pero acabaron nun estanque onde están a medrar e esperamos que cheguen a adultas sen problemas, xa que a supervivencia dos anfibios  e un indicador da saúde medioambiental dun ecosistema.
    
       Os anfibios están en perigo constante e por desgracia cada día seguen a aparecer noticias da  *desaparición dunha especie de anfibios*( picade aquí para ver as consecuencias)*. 


Sería unha pena que os nosos nenos e nenas  non tivesen a posibilidade de sentarse á beira dunha poza, dun estanque ou dun rio a ver nadar os cágados e escoitar o croar  das rás...

sábado, 14 de maio de 2011

Lois Pereiro

Este ano 2011 o día das Letras Galegas está adicado a Lois Pereiro

     No colexio estamos a falar e a traballar sobre a súa obra, desde os maiores ata os máis pequenos de infantil, procuramos coñecer unha parte da súa vida e obra, marcada pola dor e a enfermidade 
*Lois Pereiro*
"Tristemente convivo coa túa ausencia
sobrevivo á distancia que nos nega
mentres bordeo a fronteira entre dous mundos
sen decidir cal deles pode darme
a calma que me esixo para amarte
sen sufrir pola túa indiferencia
a miña retirada preventiva"

*LEENDO A LOIS PEREIRO*

5 ESCRITORES LEEN POEMAS DE LOIS PEREIRO
picade aquí para escoitalos




*unha ppt realizada por Moncho Vieiro de 4º e Paco Fontarigo de 3º*
picade aquí para poder  vela

Leede aquí a biografía de Lois Pereiro na Wikipedia

mércores, 11 de maio de 2011

Un soño na bandexa

*Mariné Lorenzo*
      O outro día recibimos esta carta no correo da clase. Mandóunola a escritora Mariné Lorenzo. Ela e o ilustrador Jorge Vázquez van a facernos unha visita para falar do seu conto "Un soño na bandexa"...  do que vos adxunto unha crítica que recollín en internet: "... hai uns meses saía na colección Tartaruga da editorial Galaxia e esgotouse en nada toda a primeira edición. A súa autora cóntanos o que pasaría se un día se nos dese por pedir cousas moi especiais a un camareiro disposto a soñar con nós. Unha fermosa viaxe lírica, visualmente moi poderosa, que engaiola a pequechos e grandes".

Este é o correo que recibimos:

  
   Mariné (Mª das Neves) Lorenzo Corcoba está vinculada á integración social de nen@s con problemas sociais e persoais, en Pontevedra. As súas circunstancias persoais levárona a escribir os contos que creou para a súa filla maior. "Un soño na bandexa" trata das cousas que nos fan felices, das  que nin se poden mercar nin vender e de como apreciar as  que son verdadeiramente importantes ...

Na clase estamos pintando á rapaza do conto e imos intentar averiguar cales  son as cousas "verdadeiramente importantes" para nós...

----------------------------------------------------------------------
 Nota : Os dereitos de autora orixinados pola venda deste libro estarán destinados á Asociación Contra o CancroSi algún o queredes mercar , está á venda nas librerías e a autora pódello adicar aos nenos que o traian. 

xoves, 28 de abril de 2011

    Uns días antes das vacacións de Semana Santa, fomos dar unha volta polo colexio e recollimos laranxas que despois comimos na clase. ¡Estaban moi ricas!

martes, 19 de abril de 2011

Levamos os caracois ao monte

      Como marchábamos de vacacións, tivemos que mirar o que facíamos cos animáis da clase: eu levei a tartaruga, os renacuajos poden manterse sós no acuario, pero os caracois tíñan que comer fresco, así que pensamos en levalos ao monte do Sr Manuel  (que calquer día vai ter que cobrarnos entrada...)

         Así que o venres preparámonos, aproveitamos que estaba na clase a profe Mavi, e saímos ao monte a facer unha "solta controlada" de caracois. Alá nos fomos todos, menos Sara que estaba maliña (un bico para ela) e, cos caracois nun bote, entramos no souto a buscar o mellor sitio para que vivisen . E alí os deixámolos, debaixo dos carballos, para que fagan amigos.

     Creo que teremos que ir máis veces ao monte, porque algún díxome que o Sr Manuel tiña que cortar máis  "o céspede". E menos mal que non pasamos polos toxos...