luns, 7 de marzo de 2011

FACENDO OS DISFRACES

      








      Aquí estamos a facer os nosos disfraces de caracois: recortamos as planchas de goma eva seguindo unha plantilla, pintamos as espirais da concha con pintura negra á auga, e finalmente adornamos con gomets. Fixémolos nós mesmos aplicando as destrezas que traballamos  no día  a día no cole. Só tivemos un pequeno problemiña: o espazo para poñer a secar as cunchas despois de pintadas... O que entrase na clase estos días podería ver cunchas polas esquinas, polas mesas, colgados polas paredes e o teito...Unha verdadeira invasión de caracois. E, para poñer os gomets, tirámonos polo chan da clase e, aínda así, case non nos chegaba o sitio....  Só nos falta poñerlle os lazos para colgalos do pescozo e ...

¡listos para convertirnos en caracois!

PAIASADAS

      O venres foi unha xornada moi movidiña e ás dez e media tivemos a actuación dun PAIASO que nos mandou a ANPA. Animou  unha xornada na que os cativos o pasaron moi ben. Enredou a 225 nenos e nenas, con xogos , cancións coñecidas por eles e paiasadas, e logrou manter a atención dos pequenos de xeito que cando rematou pedironlle máis... e aínda consigueu que lle quedasen folgos, xa que despois foi o DJ que animou a festa na pista cuberta ao longo de toda a xornada.





Desde logo penso que facer paiasadas... é unha cousa moi seria...


CHEGA O ANTROIDO

      








        O outro día cando estabamos traballando, deronnos unha divertida sorpresa:  entraron na clase un grupo de nenos e profes do cole dos maiores que viñan disfrazados de  PANTALLAS  e armados de globos. Andiveron por medio da clase zoupándonos cos globos para avisar de que no Antroido ningún neno ou maior pode andar sin disfraz. A nós bateronnos amodiño, xa que case tíñamos os nosos rematados...


        
         As pantallas (*) son o traxe típico de Xinzo de Limia  cuxa vestimenta considerase incompleta sen a vexigas, que se repóñen cada vez que rompen. As Pantallas visten camisa e calzón brancos, capa vermella ou negra, pañoleta (case sempre vermella), polainas negras e zapatos negros. Unha faixa tamén vermella leva na cintura, xunto coas campanillas, así a cadeira sofre menos o rozamento das campanillas. Na cabeza levan unha especie de corno que se prolonga desde a parte traseira da cabeza, no que se representan símbolos astrais, animais e escudo.
         O de Xinzo é o Entroido máis arraigado da comarca e goza de gran popularidade en toda Galicia. Ademais, está considerado desde fai anos de Interese Turístico Nacional. 

sábado, 5 de marzo de 2011

MUNDO HERBA

      Un día na clase estábamos a contar un conto no que un neno gardaba cada día nunha caixa unha cousa bonita para regalarlle a seu pai, cando este volvese dunha longa viaxe por África. E, sin saber moi ben cómo, acabamos saíndo polos cerros de Úbeda... como nos pasa moitas veces. Déusenos por inventar personaxes de contos e comezamos a pensar  no que pasaría se a xente tivese unha caixa por  cabeza e outras cabezas  diferentes e o que farían no seu día a día e como se chamarían os seus países... E saíronlles cousas moi interesantes:
  • podería haber xente con cabezas de caixa que gardarían todo o bonito que atopaban
  • a xente con cabeza de lápis ... viviría en Mundo Lapis e dibuxaría  todo o día
  • a xente con cabeza de goma.... viviría en  Mundo Goma e borraría as tonterías que facemos
  • en Mundo Pedra a xente tería a cabeza moi dura ... e andarían a bater testarazos uns a outros
  • se a xente tivese cabezas de xabrón ... faría pompas todo o tempo
  • e como nón, falaron de Bob Esponxa... 
     Estas pareceronme as máis curiosas, pero imaxinaron moitas máis, algunhas algo escatolóxicas, cousa bastante habitual nestas idades, como Mundo Caca ... onde todos andarían moi sucios ... Pero a que me fixo CLIC foi Mundo Herba onde a xente tería herba ou follas coma as árbores na cabeza... En realidade xurdeu como unha pregunta, porque xa sabemos que para os nenos destas idades os papás, as mamás e as profes sabémolo todo , todo, todo:

 ¿Profe, EXISTE Mundo Herba?

       Non sei si  o que o dixo (agora non lembro si foi Pablo ou Miguel) xa tiña visto algo de eso, paréceme que non, pero a mín saltoume o clic e inmediatamente pensei no facilmente que poderíamos montar esas cabezas.
  
       O de facilmente  non resultou certo de todo... e se non que lle pregunten as sufridas señoras da limpeza que, aínda que procurabamos recoller nós o que caía (sin querer ...ou querendo), deberon atopar virutas de madeira e sementes nos sitios máis inverosímiles...Tamén lles resultaba do máis agradable ó tacto meter as máns no caixón de virutas. Cousa aparte foi o céspede, que acabou sementado por tódalas mácetas da clase, no caixón onde están a medrar os carballos do ano pasado e na caixa dos caracoles (que xa o teñen grande para comer ...). Algunhas macetas agora parecen pequenas pradeiras... con un bonito "efecto bonsai". Tamén resultou que non era tan doado meter as virutas  dentro das medias, pero o resultado penso que mereceu a pena. Logo pintamos as bocas e pegaron os ollos, colocámos as cabezas en bandexas nás fiestras cerca dos radiadores, encharcámolas de auga i esperamos... Cada pouco botámoslles auga e pulverizamos cun esprai para ter as cabezas empapadas.  Aínda non pasara unha semana e comezaron a saír os primeiros pelos verdes... que, por suposto non sobreviviron... porque todos anduveron a tocalos, impacientes por ver a cal deles lle medraban máis... Despois xa procuraron mirar sin tocar e a algún  medraronlle auténticas melenas, outros foron máis lentos e a algún costáballe, posiblemente por ter as medias máis tupidas... Velahí o resultado: 


         


domingo, 27 de febreiro de 2011

O CIRCO DOS CARACOIS

Bave circus
       "Bave circus"  é un precioso corto francés de animación que ¡como non!  trata de caracois e do poder da imaxinación. Está realizado por Philippe Desfretier, Nicolas Dufresne, Sylvain Kauffmann, Martin Laugero con música orixinal de Thomas Miquel. Empeza cun neno solitario nunha casa   nunha árbore. Non sabemos si está  triste ou  aburrido (cada neno dou unha posible explicación: non ten casa, non ten pais,  está castigado, pelexou con seu irmán... ). O caso é que cando comeza a chover... 

OS CARACOIS

        Temos novas dos nosos caracois: seguimos a aprender máis cousas sobre eles  e estamos a facer un pequeno proxecto . Tamén atopamos ¡por fín! o sexto caracol que se nos fugara antes do Nadal. Vese que non pasou fame, porque tiña de sobra que comer nas macetas que temos nas  fiestras. Os outros tamén están a engordar, xa que comen berzas frescas e agora os nenos aproveitaron as sementes de céspede que nos sobraron de outro experimento (que xa vos contarei noutra ocasión) e plantaronas na súa caixa e xa están medrando (alí ...  e de paso en tódalas macetas da clase...)
        Ademáis de aprender cousas sobre a forma do seu corpo, as partes, alimentación, desprazamento, reproducción, etc.. agora estamos a ver como algúns pintores famosos representaron os caracois e as espirais, as técnicas que usaron e como podemos facelo nós. Vimos que estamos rodeados de espirais e cousas relacionadas cos caracois tanto na natureza (zarcillos das viñas, fieitos, colas de camaleóns, a lingua das bolboretas, no noso oido...), coma na arte (pintura, escultura...), na arquitectura (escaleiras de caracol, casas...), mediciña (crema de babas de caracol...), no clima (tornados, tormentas...) e ata  no espazo (galaxias espirais...) . Así que xa podedes ver como partindo dun animaliño tan pequeno acabamos chegando a falar ata das estrelas que hai nas galaxias máis lonxanas...
Parte do que estamos a facer podese ver neste issuu:


xoves, 24 de febreiro de 2011

MÚSICA CLÁSICA NA CLASE

         Ás veces, na clase non só oimos cancións sinxelas, supostamente máis adaptadas aos nenos e nenas de 3, 4 ou 5 anos. Tamén escoitamos música clásica. Neste caso o que escoitamos foi "A  TRAVIATA" de Verdi con imaxes feitas coa técnica do stop motion en plastilina.



       Tamén escoitamos  o  preludio da Traviata e neste caso o soporte visual son as orixinais e creativas imaxes realizadas polo ilustrador Mackenzie Thorpe.


Unha maneira de achegarnos á música clásica e comezar a apreciala e  valorala...


luns, 21 de febreiro de 2011

POR CATRO ESQUINIÑAS DE NADA...


      
A través deste pequeno e aparentemente sinxelo conto de Jerome Ruillier  pretendemos, nada máis e nada menos, que os nenos e nenas intenten  poñerse no lugar dos outros. Un cadradiño xoga con círculos , pero cando pretenden xuntarse na casa destes,  non pode entrar porque é diferente... Falamos das pequenas  diferencias, das dificultades e buscamos posibles solucións. A partir da análise dun problema, buscamos posibles maneiras de solventalo e a maioría foron capaces de atopar e expresar a mesma solución que dá o conto. Tendo en conta que desenvolver a capacidade de empatía non é nada doado , nin siquera unha capacidade ó alcance de moitos adultos, non o fixeron nada mal....polo menos tratándose de cadradiños e círculos...Agora trátase de desenvolver esa capacidade de empatía e procurar ser mellores como persoas...





Wangari Maathai e as árbores da paz

        Este é un conto sobre a historia real de Wangari Maathaiunha muller real, que co Movemento Cinturón Verde logrou plantar máis de 30 millóns de árbores na súa Kenia natal reforestando un entorno devastado pola guerra e que gañou o premio Nobel da Paz no ano 2004.

         Cando lles contei esta historia,  tódolos nenos e nenas que a escoitaron, acabaron con gañas de plantar polo menos unha árbore....


         Salvar bosques afastados de nós está moi ben, pero para que os nosos nenos e nenas tomen conciencia de esa importante necesidade, debemos comezar por plantar unha landra nunha maceta da clase ou unha camelia no patio... Si lle botades unha ollada ao noso patio, podedes ver algunhas das plantas e árbores que, aínda que temos moi pouco espacio, cada promoción foi engadindo ...
¡Agora botade contas ... somos máis de 600!
 Este é o poder real dun libro...


«Só cabe progresar cando se pensa en grande,
só é posible avanzar cando se mira lonxe».
 José Ortega y Gasset
"Hai un libro aberto sempre para todos os ollos: a natureza".

 Jackes Rousseau

sábado, 29 de xaneiro de 2011

UNHA DEPURADORA NA CLASE

      Estos días estamos a traballar sobre a AUGA: os estados nos que se presenta, o seu ciclo e a presencia que ten no mundo.        Acabamos falando da AUGA POTABLE: da que necesitamos para beber e do AFORTUNADOS que somos por ter a posibilidade de abrir unha billa cando temos sede ou para bañarnos, para regar ou para xogar con ela... Vimos que non tódolos nenos do mundo teñen as nosas posibilidades de ter auga potable e que hai moita xente que non ten máis remedio que beber AUGA CONTAMINADA. Vimos fotos de nenos e nenas coma nós... sacando auga de rios sucios, carrexando caldeiros máis grandes que eles e bebendo auga que nós nin siquiera tocariamos... e acabamos falando das enfermedades que provoca beber augas contaminadas.
      Seguimos  o  circuito  que siguen  as  augas limpas  e  sucias:  desde que abrimos unha billa  ou tiramos da cisternas, polos desaugadoiros, tuberías e  alcantarillas ata as depuradoras de residuais. Observamos, analizamos e tomamos conciencia de que a auga é un ben escaso e limitado que temos a necesidade de conservar e manter limpo. Moitas veces a auga, un recurso vital, resulta afectada por diferentes graos de contaminación, polo volcado voluntario ou involuntario de sustancias de orixen industrial, vertidos cloacales e industriais sin tratamento previo, residuos sólidos etc... Falamos da contaminación da  auga e de como as industrias que a utilizan para o seu funcionamento, teñen a obriga de devolvela limpa ó seu entorno para poder conservar limpo o noso planeta... 

        Este video peruano de "la gotita viajera" sirveunos para ilustrar o tema traballado.



    Finalmente, despois de ver como funciona unha depuradora de verdade, fixemos un experimento e CONSTRUIMOS UNHA PEQUENA DEPURADORA. Utilizamos un par de botellas, varias baietas e moita area fina ...Fixemos  a nosa propia auga contaminada con terra  e ... puxémonos a filtrar... A primeira vez a auga saleunos bastante turbia, pero na segunda volta engadimos máis area fina  e máis baietas e a auga saleunos case transparente... APRENDIMOS QUE A AUGA NON TEN QUE TER COR, NIN OLOR, NIN SABOR... 




   
     Tratamos de tomar conciencia do medio que nos rodea, de tomar medidas para conservalo e sobre todo ser solidarios cos que son menos afortunados que nós ...


martes, 18 de xaneiro de 2011

HISTORIA DUNHA PINGA DE AUGA

      A historia dunha pequena PINGA DE AUGA que, a ritmo de rock&roll, vai cambiando de estado, de condición e forma, e pasa por distintas aventuras... ata atopar a súa media pinga...

ESTAMOS NO INVERNO...

OLA DE NOVO A TODAS E TODOS:
        Aquí estamos de novo e ¡espero que teñades-teñamos  un bó ano 2011!
        Como estamos no inverno,mural do outono que temos na clase estivo a sufrir algúns cambios: pouco a pouco foille cambiando a cor do ceo , foron aparecendo nubes que cada vez íanse poñendo máis escuras e logo comenzaron a caer folerpas de neve ata  que, pouco a pouco, quedou convertida nunha paisaxe completamente nevada. ¡Xa temos o noso MURAL DE INVERNO!. De paso, falamos da formación das nubes e da neve, das tormentas invernais, do ciclo da auga e dos diferentes estados nos que esta se presenta: líquido, sólido e gaseoso. Estamos aprendendo cousas sobre como cambia  dun estado a outro, de onde ven a auga e a donde vai, como está distribuida polo mundo e como chega a nós. Estamos a decatarnos de que somos afortunados, xa que cando temos sede só necesitamos abrir a billa... e imos a tratar de ser máis responsables co uso e o coidado da auga, xa que esta é un ben limitado e moito máis escaso do que nos parece e temos que coidala e non contaminala, nin desperdiciala... Tamén estamos a facer algúns experimentos... xa vos contarei como nos vai...
     AQUÍ ESTAMOS A PINTAR NO MURAL. Para facer a neve utilizamos PINTURA DE FARIÑA: unha mestura de fariña, témpera branca e pegamento cola, para darlle textura, cor e solidez respectivamente... De paso comprobamos como lle quedaban as patiñas ao lobo no conto das sete cabritas ...¡que divertido é podela tocar e meter as máns nunha caixa chea!. 



Como sempre, aclaramos que a fariña estaba caducada (porque eu, coma vós, sempre lles digo que non se xoga coa comida... e logo eles sempre mo preguntan cando facemos algo así).