domingo, 27 de febreiro de 2011

O CIRCO DOS CARACOIS

Bave circus
       "Bave circus"  é un precioso corto francés de animación que ¡como non!  trata de caracois e do poder da imaxinación. Está realizado por Philippe Desfretier, Nicolas Dufresne, Sylvain Kauffmann, Martin Laugero con música orixinal de Thomas Miquel. Empeza cun neno solitario nunha casa   nunha árbore. Non sabemos si está  triste ou  aburrido (cada neno dou unha posible explicación: non ten casa, non ten pais,  está castigado, pelexou con seu irmán... ). O caso é que cando comeza a chover... 

OS CARACOIS

        Temos novas dos nosos caracois: seguimos a aprender máis cousas sobre eles  e estamos a facer un pequeno proxecto . Tamén atopamos ¡por fín! o sexto caracol que se nos fugara antes do Nadal. Vese que non pasou fame, porque tiña de sobra que comer nas macetas que temos nas  fiestras. Os outros tamén están a engordar, xa que comen berzas frescas e agora os nenos aproveitaron as sementes de céspede que nos sobraron de outro experimento (que xa vos contarei noutra ocasión) e plantaronas na súa caixa e xa están medrando (alí ...  e de paso en tódalas macetas da clase...)
        Ademáis de aprender cousas sobre a forma do seu corpo, as partes, alimentación, desprazamento, reproducción, etc.. agora estamos a ver como algúns pintores famosos representaron os caracois e as espirais, as técnicas que usaron e como podemos facelo nós. Vimos que estamos rodeados de espirais e cousas relacionadas cos caracois tanto na natureza (zarcillos das viñas, fieitos, colas de camaleóns, a lingua das bolboretas, no noso oido...), coma na arte (pintura, escultura...), na arquitectura (escaleiras de caracol, casas...), mediciña (crema de babas de caracol...), no clima (tornados, tormentas...) e ata  no espazo (galaxias espirais...) . Así que xa podedes ver como partindo dun animaliño tan pequeno acabamos chegando a falar ata das estrelas que hai nas galaxias máis lonxanas...
Parte do que estamos a facer podese ver neste issuu:


xoves, 24 de febreiro de 2011

MÚSICA CLÁSICA NA CLASE

         Ás veces, na clase non só oimos cancións sinxelas, supostamente máis adaptadas aos nenos e nenas de 3, 4 ou 5 anos. Tamén escoitamos música clásica. Neste caso o que escoitamos foi "A  TRAVIATA" de Verdi con imaxes feitas coa técnica do stop motion en plastilina.



       Tamén escoitamos  o  preludio da Traviata e neste caso o soporte visual son as orixinais e creativas imaxes realizadas polo ilustrador Mackenzie Thorpe.


Unha maneira de achegarnos á música clásica e comezar a apreciala e  valorala...


luns, 21 de febreiro de 2011

POR CATRO ESQUINIÑAS DE NADA...


      
A través deste pequeno e aparentemente sinxelo conto de Jerome Ruillier  pretendemos, nada máis e nada menos, que os nenos e nenas intenten  poñerse no lugar dos outros. Un cadradiño xoga con círculos , pero cando pretenden xuntarse na casa destes,  non pode entrar porque é diferente... Falamos das pequenas  diferencias, das dificultades e buscamos posibles solucións. A partir da análise dun problema, buscamos posibles maneiras de solventalo e a maioría foron capaces de atopar e expresar a mesma solución que dá o conto. Tendo en conta que desenvolver a capacidade de empatía non é nada doado , nin siquera unha capacidade ó alcance de moitos adultos, non o fixeron nada mal....polo menos tratándose de cadradiños e círculos...Agora trátase de desenvolver esa capacidade de empatía e procurar ser mellores como persoas...





Wangari Maathai e as árbores da paz

        Este é un conto sobre a historia real de Wangari Maathaiunha muller real, que co Movemento Cinturón Verde logrou plantar máis de 30 millóns de árbores na súa Kenia natal reforestando un entorno devastado pola guerra e que gañou o premio Nobel da Paz no ano 2004.

         Cando lles contei esta historia,  tódolos nenos e nenas que a escoitaron, acabaron con gañas de plantar polo menos unha árbore....


         Salvar bosques afastados de nós está moi ben, pero para que os nosos nenos e nenas tomen conciencia de esa importante necesidade, debemos comezar por plantar unha landra nunha maceta da clase ou unha camelia no patio... Si lle botades unha ollada ao noso patio, podedes ver algunhas das plantas e árbores que, aínda que temos moi pouco espacio, cada promoción foi engadindo ...
¡Agora botade contas ... somos máis de 600!
 Este é o poder real dun libro...


«Só cabe progresar cando se pensa en grande,
só é posible avanzar cando se mira lonxe».
 José Ortega y Gasset
"Hai un libro aberto sempre para todos os ollos: a natureza".

 Jackes Rousseau

sábado, 29 de xaneiro de 2011

UNHA DEPURADORA NA CLASE

      Estos días estamos a traballar sobre a AUGA: os estados nos que se presenta, o seu ciclo e a presencia que ten no mundo.        Acabamos falando da AUGA POTABLE: da que necesitamos para beber e do AFORTUNADOS que somos por ter a posibilidade de abrir unha billa cando temos sede ou para bañarnos, para regar ou para xogar con ela... Vimos que non tódolos nenos do mundo teñen as nosas posibilidades de ter auga potable e que hai moita xente que non ten máis remedio que beber AUGA CONTAMINADA. Vimos fotos de nenos e nenas coma nós... sacando auga de rios sucios, carrexando caldeiros máis grandes que eles e bebendo auga que nós nin siquiera tocariamos... e acabamos falando das enfermedades que provoca beber augas contaminadas.
      Seguimos  o  circuito  que siguen  as  augas limpas  e  sucias:  desde que abrimos unha billa  ou tiramos da cisternas, polos desaugadoiros, tuberías e  alcantarillas ata as depuradoras de residuais. Observamos, analizamos e tomamos conciencia de que a auga é un ben escaso e limitado que temos a necesidade de conservar e manter limpo. Moitas veces a auga, un recurso vital, resulta afectada por diferentes graos de contaminación, polo volcado voluntario ou involuntario de sustancias de orixen industrial, vertidos cloacales e industriais sin tratamento previo, residuos sólidos etc... Falamos da contaminación da  auga e de como as industrias que a utilizan para o seu funcionamento, teñen a obriga de devolvela limpa ó seu entorno para poder conservar limpo o noso planeta... 

        Este video peruano de "la gotita viajera" sirveunos para ilustrar o tema traballado.



    Finalmente, despois de ver como funciona unha depuradora de verdade, fixemos un experimento e CONSTRUIMOS UNHA PEQUENA DEPURADORA. Utilizamos un par de botellas, varias baietas e moita area fina ...Fixemos  a nosa propia auga contaminada con terra  e ... puxémonos a filtrar... A primeira vez a auga saleunos bastante turbia, pero na segunda volta engadimos máis area fina  e máis baietas e a auga saleunos case transparente... APRENDIMOS QUE A AUGA NON TEN QUE TER COR, NIN OLOR, NIN SABOR... 




   
     Tratamos de tomar conciencia do medio que nos rodea, de tomar medidas para conservalo e sobre todo ser solidarios cos que son menos afortunados que nós ...


martes, 18 de xaneiro de 2011

HISTORIA DUNHA PINGA DE AUGA

      A historia dunha pequena PINGA DE AUGA que, a ritmo de rock&roll, vai cambiando de estado, de condición e forma, e pasa por distintas aventuras... ata atopar a súa media pinga...

ESTAMOS NO INVERNO...

OLA DE NOVO A TODAS E TODOS:
        Aquí estamos de novo e ¡espero que teñades-teñamos  un bó ano 2011!
        Como estamos no inverno,mural do outono que temos na clase estivo a sufrir algúns cambios: pouco a pouco foille cambiando a cor do ceo , foron aparecendo nubes que cada vez íanse poñendo máis escuras e logo comenzaron a caer folerpas de neve ata  que, pouco a pouco, quedou convertida nunha paisaxe completamente nevada. ¡Xa temos o noso MURAL DE INVERNO!. De paso, falamos da formación das nubes e da neve, das tormentas invernais, do ciclo da auga e dos diferentes estados nos que esta se presenta: líquido, sólido e gaseoso. Estamos aprendendo cousas sobre como cambia  dun estado a outro, de onde ven a auga e a donde vai, como está distribuida polo mundo e como chega a nós. Estamos a decatarnos de que somos afortunados, xa que cando temos sede só necesitamos abrir a billa... e imos a tratar de ser máis responsables co uso e o coidado da auga, xa que esta é un ben limitado e moito máis escaso do que nos parece e temos que coidala e non contaminala, nin desperdiciala... Tamén estamos a facer algúns experimentos... xa vos contarei como nos vai...
     AQUÍ ESTAMOS A PINTAR NO MURAL. Para facer a neve utilizamos PINTURA DE FARIÑA: unha mestura de fariña, témpera branca e pegamento cola, para darlle textura, cor e solidez respectivamente... De paso comprobamos como lle quedaban as patiñas ao lobo no conto das sete cabritas ...¡que divertido é podela tocar e meter as máns nunha caixa chea!. 



Como sempre, aclaramos que a fariña estaba caducada (porque eu, coma vós, sempre lles digo que non se xoga coa comida... e logo eles sempre mo preguntan cando facemos algo así).

xoves, 30 de decembro de 2010

FELIZ ANO 2011

Ola de novo a todas e todos:

     Antes de que remate o ano  quérovos mostrar, por se non a vistes, a Árbore de Nadal que decora coma outros anos a entrada do noso cole. Este ano ten unha peculiariedade: cando rematamos de armala (a árbore...) foron eles os que me axudaron  a escoller e poñer os adornos para colgar. O que non había maneira era de aguantar a estrela dereita...!
     O adorno das bolas indicáballe a nosa porta a Papá Noel e debaixo deixámoslle un calcetín... por si acaso se pasa polo cole! Non vaia ser !

      Con esta última entrada do ano , deséxovos un bó remate de ano e un próspero  2011 e vémonos en xaneiro! Bicos aos nenos! 
     


CURIOSIDADE  HISTÓRICA : "... TIRANDO DE WIKIPEDIA"
    A árbore de Nadal é unha árbore decorativa, típica da festa de Nadal. Tradicionalmente adoita empregarse unha conífera de folla perenne. Dise que a árbore, adornado e venerado polos druidas de Europa central, cuxas crenzas viraban ao redor da sacralización de todos os elementos da natureza. Estes pobos celebraban o aniversario dun dos seus deuses adornando unha árbore perenne, coincidindo en proximidade coa data do Nadal cristián.

    A árbore tiña o nome de Divino Igdrasil (simbolizaba a árbore do Universo), en cuxa copa achabase o ceo, Asgard e o Valhalla; mentres que nas raíces profundas atopábase o reino dos mortos e o inferno. Cando coa evangelización os primeiros cristiáns chegaron ao norte de Europa , descubriron que os seus habitantes celebraban o nacemento do deus do Sol e a fertilidade, adornando unha árbore perenne, na data próxima ao Nadal cristián.   Posteriormente deses pobos, os cristiáns tomaron a idea da árbore, para celebrar o nacemento de Cristo, pero cambiándolle totalmente o significado.

     Dise que san Bonifacio (680-754), evanxelizador de Alemaña, tomou un machada e cortou unha árbore que representaba ao Ygdrasil , e no seu lugar plantou un piñeiro, que por ser perenne, simbolizou o amor de Deus, adornándoo con mazás e velas. As mazás simbolizaban o pecado orixinal e as tentacións, mentres que as velas representaban a luz de Xesucristo como luz do mundo. Conforme pasou o tempo, as mazás e as luces, transformáronse en bolas e outros adornos.

      Despois agregouse a tradición de pór agasallos para os nenos baixo a árbore, enviados polos Reis Magos, Olentzero ou Papá Noel dependendo a lenda da rexión onde se atope.

A árbore de Nadal en Europa 

     É posible que a primeira árbore de Nadal, como o coñecemos na actualidade, se rexístrase en Alemaña onde se implantou por primeira vez en 1605 para ambientar o frío do Nadal, comezando así a súa difusión. O costume de adornar a árbore do Nadal nos fogares españois foi traída no ano 1870 por unha muller de orixe rusa, que logo de enviudar do duque de Morny, irmán de Napoleón, contraeu segundas nupcias co aristocrata español Pepe Osorio, un dos maiores promotores da Restauración Borbónica que permitiu a Afonso XII reinar.
Por iso, parece ser que a primeira vez que se colocou unha árbore do Nadal en España foi en Madrid durante os Nadais do ano 1870, no palacio de devanditos nobres, no Paseo do Prado.

QUE FRIO.....XOGAMOS CON XEO

Ola de novo:

     Esta foi outra experiencia que fixemos na clase para que a través do xogo os nenos coñezan o ciclo da auga e a súa importancia : realizouse en varias fases porque  había varios  nenos enfermos.

     Na primeira experiencia o que fixemos foi coller unha das botellas con auga de cores que temos nas ventás e metela no conxelador. Deixamos pasar tres días e sacámola convertida nun cubiño xigante de xeo rosa . Tocámolo todos e deixámolo nunha bandexa no chan para ir vendo o proceso de desconxelación ao longo da máñá, sacandolle fotos a cada rato. Cando volvimos ó día seguinte só tiñamos un bonito charquiño rosa... 



     

 Na segunda experiencia o que fixemos foi coller vasiños  de plástico e enchelos de diversos materiais que tíñamos pola clase : animais de plástico, pinturas, purpurina, arroz (caducado), palliñas e espumillón (por aquelo de que estamos en Nadal e o tíñamos á man ). Despois botámoslle auga e pudemos comprobar os materiais que flotaban, os que se afundían, os que se mesturaban... finalmente metémolos no conxelador e esperamos impacientes a que rematase o proceso de conxelación.

                                                                                 


      Cando pasaron os días e rematou o proceso de conxelación dos cubiños de cores co noso nome, sacamolos do conxelador. Cada un estaba máis bonito e curioso que os outros: o arroz afundírase, as pallas flotaran, o espumillón estaba por todo o cubiño, a purpurina e a pintura mesturadas de xeitos diferentes en cada vaso, os animais de plástico escapando dos cubiños... Tamén fixeramos cubiños só de auga, tránsparentes pero con burbullas de aire conxeladas facendo raias, como querendo fuxir... Logo xogamos con eles pola mesa, comprobamos como se deslizaban, o fríos que estaban (non hai máis que ver algunha cariña) e vimos o inicio do proceso de desconxelación.              
     Deixámolos nunha bandexa toda a máñán  e esperamos, para ir vendo como pouco a pouco se ían desfacendo e mesturando. Bueeeeno: a mestura foi un pouco acelarada polos que ó final meteron as máns para remexelos ...



      Finalmente repetiron a experiencia os nenos que non estiveran nos días anteriores e os demais estivemos de observadores... e comentaristas!

                                                                                   
                                                                                   



O BONECO DE NEVE

    Cando estábamos facendo estos experimentos a profe María da clase de enfrente, avisoume dun bonito conto que atopou na rede sobre o ciclo da auga e que tamén fala da amizade a pesar do paso do tempo e dos cambios que provoca. É a historia duns copos de neve que un neno convirte en boneco de neve e o que lle pasa á auga ao longo das estacións, fala da tristura da perda e da ledicia do reencontro. E de paso ¡fala da evaporación! Con eso xa podedes ir vendo cal será a seguinte experiencia que imos realizar  cando volvamos a clase...



UNHA DE CARACOLES...

Ola a todos e todas de novo:

      Aínda que estamos de vacacións, acabo de lembrar que non vos ensinei a experiencia que fixemos cos caracois na clase. Cando estábamos a falar do Outono, dos cambios e das cousas, animais e fenómenos climatolóxicos que ocurren nese tempo, démonos conta de que en moitos libros falan dos caracois (unha foto e ... interminables filas de espirais para repasar...). E, claro, como na clase temos unha tartaruga, pensamos que tamén podíamos ter caracois nunha caixa e eu dixenlles que bueno ¿por qué non?. Encantoume a idea xa que eu aproveitaba para traballar as espirais (que están no currículo de expresión matemática), coñeceríamos como son, como se moven e alimentan animais do noso entorno (coñecemento do medio), falaríamos e falaríamos dos caracois (expresión oral), teríamos coidado deles (respeto polo medio ambiente), pintaríamos e faríamos caracois de cores e plastilina (expresión artística), cantaríamos cancións de caracois (expresión musical) ... e mentras eles  je,je, estarían pensando que só xogaban cos caracois.

    

        Así que  puxémonos máns á obra, pero xurdeu o primeiro inconvinte ¡no patio non había ningún! e varios dixeron que os traían eles, que tiñan moitos no xardín... pero foron pasando os días, enredamos con outros temas, e os caracois non chegaban. Algún decía que os mercase, que onde se vendían... Así que fun buscalos eu ... ¡¡¡nada!!! ... non había caracois por ningures, estarían agochados polo frío... Finalmente despois de rebuscar por todo o xardín atopei seis caracois pequerrechiños entre os buxos e leveinos á clase...

Menuda historia , ¡nin que fóramos ver bichos a un zoo!

     Os caracois andiveron nun bote por todalas mans, "correron" polo encerado, polas mesas e finalmente deixámolos tranquiliños ¡e vivos! na súa caixa de cristal ! O que máis lles intrigou é ¿porque si os caracois teñen os ollos nos extremos dos cornos, en casi tódolos dibuxos de caracois en libros para nenos,os ollos están dibuxados noutra parte do corpo?. Como podedes ver os nenos son pequenos, pero son observadores e a observación e  a experimentación son a base da Ciencia .... aínda que os científicos só teñan catro anos. (Agora sí que todos teñen catro: ¡felicidades Tiago, xa tes catro!)

 Esto foi o que pasou:


    O curioso é o que nos van dar de sí os caracois, hai tantas cousas interesantes sobre eles.. ¡¡¡xa vos contaremos á volta das vacacións!!!

     Bueno... primeiro teremos que atopalos, porque  quedounos a caixa aberta e  fuxiron pola clase. Despois dunha INTENSA BUSCA  ¡¡¡atopamos tres!!! Pero non hai problema :teñen comida abondo... seguro que cando volvamos están máis gordechiños!!!

xoves, 16 de decembro de 2010

LOS CALZONCILLOS DE PAPÁ NOEL

Picture Captions




  OLA A TODOS:
    COMO XA ESTAMOS "ALGO"  METIDOS  NO AMBIENTE NAVIDEÑO, ESTA É UNHA SIMPÁTICA  PANXOLIÑA QUE ESCOITAMOS EN CLASE E QUE ME PEDIRON QUE COLGASE AQUÍ, PARA PODER ESCOITALA NA CASA.
ESPERO QUE VOS GUSTE.