domingo, 3 de xullo de 2016

Vacacións!

          Estimadas familias:

      Pecho o blog ata setembro, coa última visita que me faltaba por subir e a festa de fin de curso. Grazas a todos pola colaboración  ao longo de todo o ano. Unha aperta e moitos bicos para os 25 nenos/as da clase e tamén un saudiño especial para os que non puderon vir os últimos días.
                                                                Pasade un bo veran!   
                                                                                                    Loli
                                                                                         
   
   Pero antes de pechar  (...igual non de todo) unha recomendación lectora para o verán. Un bonito conto de Alex Nogués e Silvia Cabestany sobre "unha caracola de mar, Caracola é unha espiral que vai e volve nunha historia mariña, desde a praia ata o fondo do mar, desde o pirata á balea, desde a sirena á nena que achega á súa orella unha caracola para escoitar as olas do mar.    Como unha caracola de mar, Caracola é un obxecto bonito, quérelo coller e quérelo gardar."

                           E para rematar unhas tiras do xenial  Quino: Bo verán!





Festa de fin de curso

    O último día fixemos FESTA DE FIN DE CURSO na clase. Puxemos música para bailar e xogamos. Despois preparamos a mesa con manteis de festa e compartimos unha MERENDA ESPECIAL con gusanitos, patacas, galletas, zumos e auga. Somos un chisco larpeiros.

     Seguindo as instruccións que nos deu o Equipo de Actividades Extraescolares do colexio ó noso nivel  tocounos vir vestidos ou traer algo dourado e despois do recreo compartimos un ratiño de música con todos os nenos no porche do cole de primaria.


  Houbo unha sesión de fotocall na zona do Bibliopatio (as fotos poranse en breve na web do cole) e sacáronnos unha foto de grupo, aínda que faltaron varios nenos que estaban enfermos (un bico especial para eles!). Como facía moitísima calor despois de bailar un ratiño (algúns) e saudar aos irmáns maiores, collemos e marchamos para estar máis tranquilos na clase.

Flores xigantes e bolsas decoradas

   Para rematar o curso cunha actividade plástica fixemos unhas flores xigantes con platos de cartón que cada un pintou coa cor que quixo. Despois picamos follas para pegarllas no tallo que fixeron doblando cartulinas verdes.
  
   No centro pegamoslles recortes brillantes e quedounos un ramo moi bonito, pero esquecimos sacarlle unha foto!. Cando me dín conta só nos quedaran dúas flores!
 


   Tamén decoramos as bolsas para levar os traballos  co seu nome e cos caracois que fixemos cando traballamos o poema de Manuel María.

  Buscamos na rede imaxes de flores grandes, gustáronnos moito as dos xirasois  e vimos tamén os que pintou Vincent Van Gogh.

A nai de Oscar dounos unha clase de educación vial!

   Sonia, a nai de Oscar, foi a última das nosas visitas lectoras e trouxonos un conto de Mickey Mouse no que mediante preguntas que se lles fan aos nenos estes poden descubrir as formas, os números e as cores. Tamén nos leu o conto da lebre e a tartaruga: unha historia que se lles conta aos pequenos xeración tras xeración desde que a escribira o fabulista Esopo no ano 600 antes de Cristo!
  
      Despois dos contos Sonia, que é profesora nunha autoescola, dounos unha clase de educación vial aproveitando algunhas das sinais que temos na clase... E quedamos en fixarnos nas que temos nas calles de Bertamiráns. Sobre todo en buscar as que nos indican por onde podemos cruzar....


Moitas grazas Sonia polos contos, pola clase de educación vial e pola paciencia!

Premer  AQUÍ   para  ver  o  Kizoa

domingo, 19 de xuño de 2016

Visita da nai de Inés C.

    Patricia, a nai de Inés C. veu a clase a contarnos un par de contos: Carapuchiña Vermella e a historia de Leandro e os números.  O conto de Carapuchiña é de sobras coñecido polos nenos e por iso é un dos seus favoritos en tódalas posibles versións e esta encantounos porque Patricia trouxo un boneco reversible con tódolos personaxes, cousa que a algún lle pareceu máxico.

   Pero non coñecíamos o conto de Leandro, un neno que aborrecía os números e non se decataba da súa importancia... ata que recibeu unha invitación para un cumple e casi non chega por non saber a data nin o enderezo. Unha  interesante idea escrita e ilustrada por Rocío Pérez e Lidia Brea para achegar os números aos nenos dun xeito práctico!
    Para rematar, Patricia viña cunha cestiña preparada cos contos e sacou dela unha deliciosa sorpresa para os nenos: galletiñas dos Hungry Birds e paos de pan para probar con mel. Compartimos e saboreamos!. Pasámolo moi ben con este remate tan rico!. Ademáis Inés foi a encargada de repartir as galletiñas e, coma sempre, estivo moi atenta aos contos da súa nai!
Moitas grazas Patricia por vir a pasar este ratiño con nós e por traer estes contos tan ricos!     
Premede na imaxe para ver o kizoa coas fotos da visita

sábado, 18 de xuño de 2016

Bibliopatio e Patrulla escolar

  
   Voltamos ao Bibliopatio e cada vez imos mellorando o respeto polas normas de uso: non berrar, non atropelarse ao coller os libros e sobre todo disfrutar relaxadamente neste novo espazo. Esta vez portámonos xenial!
 
    Estabamos no Bibliopatio e viñeron os nenos de 4 anos da clase de Rosana a invitarnos a unha representación o mércores dun conto que nos gusta moito: A qué sabe a lúa?. Eu fun de "técnico de imaxe" jeje... e podedes ver a entrada no blog da Biblioteca ou premendo AQUÍ.  Gustounos moito!
    E cando íamos de volta atopámonos con dúas persoas que nos saudaron: María Jesús e Imma, da Patrulla Escolar. Moitos xa as coñecen por velas cada mañán na entrada do colexio, pero aínda así pedímoslles que nos contasen en que consiste o seu traballo. 
    Esperamos por elas e volveron cos chalecos do uniforme e as sinais que empregan para dirixir as entradas e saídas. Fixemos unha chea de preguntas e despois sacamos unhas fotos con elas.
    A Patrulla Escolar encárgase da seguridade dos nenos nas entrada e saídas e cando cruzan o paso de peóns e tamén de que os coches non ocupen as entradas,  a zona de minusválidos ou a dársena dos buses.

 Xogamos coas sinais e aprendimos que podemos confiar nas persoas que nos axudan na entrada.

   (Varios días despois, no blog  "Pés na rúa", os nenos de 4ºA de primaria puxeron unha entrevista que lles fixeron a Mª Jesús e a Inma. Os nenos están facendo un traballo moi interesante sobre mobilidade e seguridade no entorno do colexio. E este venres fixeron unha "pequena volta ciclista" de 11 km por Bertamiráns!. Os irmáns de Pepe e de Lucas F. eran dous destes ciclistas. Podedes velo PREMENDO AQUÍ)


domingo, 12 de xuño de 2016

A qué sabe a lúa? en Stop Motion

   O xoves fixemos unha película  co grupo de alternativas. Un pequeno corto empregando a técnica do STOP MOTION: unha fotografía para cada movemento. En total saquei case 200 fotos para dar unha pequena sensación de movemento. Dura 21 segundos!. Empregamos o cartón e os personaxes do conto A QUE SABE A LÚA? que nos deixou Cristina,  a nai de Leo. Os nenos eran os "técnicos" encargados de mover aos poucos cada personaxe... así que imaxinade!.  Levounos un chisco e a cámara móvese moito porque foi a pulso, sen trípode, e con todos querendo ver cada paso...

   Pero o resultado gustoulles moito. Despois empreguei un programa de montaxe que ademáis permite ralentizar a velocidade e este foi o resultado: 21 segundos!. Logo "os animadores" encargáronse de explicarlle aos outros nenos e as visitas como se fai unha película de debuxos animados.... Que se preparen Disney, Pixar e Tim Burton!  
 

venres, 10 de xuño de 2016

Migallas e pan de millo

      O pasado 3 de xuño tivemos a visita da Compañía Migallas de teatro con Carlos Yus e María Campos. Escoitaron entre outras cancións as de  "pan de millo" e "miña abuela Manuela" e contáronlles como se cultivaba o millo e se facía o pan. O Equipo de Educación Infantil contratou esta actuación para todo o alumnado. Fumos a biblioteca e alí disfrutamos coas cancións do seu libro-CD "Pan de Millo" que estamos escoitando na clase.
 
    E neste video están as fotos de cómo debullamos millo vermello... (con moito traballo e máis entusiasmo), logo moemos, e peneiramos... Despois papamos un anaco de pan de millo que nos trouxo Mónica. Penso que lles quedou moi claro "o traballo que hai detrás" como dí a canción de Migallas.  
 

  Podedes ver  tamén os videos da actuación de Migallas que subín na web do cole:

sábado, 4 de xuño de 2016

Irene, Yoli, a cebra Camila e Cocorico

       Irene convidou a Yoli e súa nai trouxonos os contos da CEBRA CAMILA e COCORICO. Irene estaba emocionadísima por ter a súa nai de visita xa que a outra vez puxérase enferma e non pudo ser.   Despois das presentacións, Yoli contounos a preciosa historia da pequena Camila unha cebra que, por non facerlle caso á súa nai, perdeu co vento bandido as raias do seu vestido.... Pero despois de botar sete bágoas tristes todos os que iban atopando a Camila (unha araña, o arco da vella, un caracol, unha serpe, unha cigarra...) íbanlle dando algo seu...
       E así, con tanta axuda, Camila remata cun precioso vestido novo. Unha historia encadenada, con preguntas e respostas, rimas e repeticións que aos nenos lles encanta, escrita por Marisa Núñez (profesora de infantil e autora tamén do Pito Cairo) e ilustrado por Oscar Villán que ten o Premio Nacional de Ilustración 1999 polo Coelliño Branco (outro éxito!) e que están editados por Kalandraka. Ademáis no corredor temos unha enorme cebra Camila feita polo profe Jose e os seus nenos. 

    Yoli tamén nos contou a primeira opción de Irene, a historia de Cocorico, o poliño que por non compartir un biscoito métese en líos co malvado Gato Pelado, que lles fai pasar moito medo, pero co que disfrutan porque se dan conta que mamá está ahí para axudarlles cos seus problemas. Cos dous contos pasamos un rato moi divertido e Yoli interpretounos xenial coa axuda de Irene.
    Para rematar tivemos BISCOITO porque o día anterior Irene estivo de cumple e axudoulle a mamá a facelo aínda que viñan moi cansadas dunha viaxe, pero eso é o que fan as mamás!. E, igual que fixo Cocorico, os nenos só deixaron as migas para Gato Pelado!

  Cando marchou Yoli, fixemos unhas pulseiras con Cocorico e ao día seguinte unha casa para gardar outro que  pintamos e picamos e dibuxamos a súa nai e a gato Pelado... 
                              Moitas gracias Yoli por vir a clase a pasar con nós este ratiño!
Premer  AQUÍ   para ver o kizoa coas fotos

 

venres, 3 de xuño de 2016

"Reciclando" cenorias... ou algo así

  Cos anacos sobrantes das CENORIAS da cociña fixemos un experimento: puxémolas en auga unha tempada e vimos como lles volvían medrar as follas... Tamén que botaban pequenas raiciñas brancas.      

  Cando pasou esto levamos as nosas "CENORIAS RECICLADAS" á horta e plantámolas no medio dos caixóns das fresas para que pudesen medrar de novo.    En moitos sitios está a extenderse este xeito de aproveitar os anacos sobrantes da cociña, en macetas e tamén en hortos urbanos.


  As novas cenorias (tamén se pode facer con leitugas e outras verduras) non son tan grandes nin perfectas, pero son igual de sabrosas... AGORA TÓCANOS ESPERAR A FACER A COLLEITA ...  E PRACTICAR A PACIENCIA.



  Ademáis vimos como iban medrando as  PATACAS
E  tamén as primeiras  FRESAS!