xoves, 19 de xaneiro de 2023

Chocolatada e "uvas" de fin de ano


   Con algo de retraso, imos pola derradeira actividade do 2022: cando celebramos o fin de ano cunha chocolatada e tomando 12 gusanitos coas badaladas. Para a merenda xuntámonos por niveis e disfrutamos dun delicioso chocolate quentiño acompañado de churros que lle encargamos a un churreiro. Logo fomos á sala de psico para escoitar e contar as badaladas na pantaia e tomar, en vez das tradicionais uvas, os 12 gusanitos que tiñamos preparados nun cucurucho e despois pudemos bailar e pasar un bo ratiño. Ademáis viñemos moi elegantes para a celebración e despedida do ano!.

 QUE TEÑADES UN FELIZ ANO 2023!!!


 

xoves, 5 de xaneiro de 2023

Cantamos "Din, Dan, Don, chega o Nadal!"

                             

 

Esta é a nosa actuación no festival de Nadal. Cantamos para os compañeiros de Infantil a canción "Din, Dan, Don, chega o Nadal!". E cando marchou o público e quedamos sós no escenario, volvimos a cantala. Espero que vos guste: os artistas fixérono con toda a súa emoción e entusiasmo. Quero agradecerlle tamén aquí ao profe Anxo que se encargou de escoller as panxoliñas, de montar a coreografía e de coordinar a todos os pequenos!. Moitas gracias!


 

martes, 27 de decembro de 2022

Os homiños de neve das portadas


 Para crear as portadas do libro dos traballos do 1º trimestre, fixemos un homiño, un muñeco de neve. Recortamos o corpo, os brazos, a bufanda (algúns con axuda polo que precisamos seguir practicando coas tesoiras), despois pegámolas e dibuxámoslle ollos, botóns e un sorriso. E con bastonciños dos oidos cubrímolo de copos, de farrapos de neve, escoitando unha canción dunha historia moi emotiva que nos gusta moito (litle snowflake). Se queredes escoitala enteira teñoa gardada no Symbaloo do blog.


A árbore de Nadal

 



Outro ano máis a nosa clase encargouse de montar  a árbore de Nadal na entrada do cole. Unha vez montado o tronco e as polas, pasamos a decoralo. Comezamos gardando unha certa simetría, pero despois deixeinos que cada un puxese o que quixera e onde quixera, máis arriba ou máis abaixo, uns poñían e outros  "recolocaban". Polo medio cantou o noso cuco e costou distinguir entre alborozados e alborotados jaja. Pero colaboramos e ao final aguantou e alí quedou, precioso e avisando aos máis pequenos e aos maiores de que xa comezara o Nadal!


 

sábado, 24 de decembro de 2022

Os duendes barbudos de Papá Noel


   Entre os traballos do trimestre que levaron para casa estaban os duendes barbudos que fixemos na clase. Eran os axudantes de Papá Noel ou os coidadores das setas do bosque (non o tíñamos moi claro jeje). Déronnos un chisco máis de traballo do que parece e para rematalos a tempo contamos coa axuda de Sandra e de Isabel. Tiñan que contar polo menos dez cordóns e enganchalos nas arandelas que facían de caras. Foi un moi bo traballo de psicomotricidade fina que precisaba bastante destreza. 😅Facendo e desfacendo estivemos bastante tempo!. O gorro está pegado coa pistola de pegamento e as barbas para que tivesen ese aspecto tivéronse que peinar moito e con bastante forza.
 
 
   Descubrimos que unhas pezas dun xogo da clase desfiañaban moi ben os cordeis e a maioría déronlle moito xeito, aínda que outros precisaron algo ou moito de axuda.  Cando remataron de peinalo tiven que "afeitalos" para igualar as barbas e quedaron moi bonitos. Espero que vos gustasen!. Agora podedes colgalos incluso na árbore de Nadal!.
 


 

venres, 23 de decembro de 2022

Amanitas no patio e na clase

 


   Despois de atopar e identificar moi ben as setas venenosas que saíron no patio, as amanitas, puxémonos a facer unhas con bolas de porexpan: pintamos, puxemos os puntiños blancos, e pegámolas nun cartón que pintamos de verde para facer a base. E despois decoramos o minimundo ou pequeno diorama con musgo. Para completalo, na casa poden poñerlle algúnha figura pequena, algún animaliño ou duende, ou o que a eles se lles ocurra. Se queren facelo, podedes sacarlle unha foto para que a suba aquí e compartila cos compañeiros.


 

xoves, 22 de decembro de 2022

Os bulbos


Como xa vos dirían os nenos levamos bastante  tempo seguindo o crecemento dos xacintos que temos na clase. Plantamos tres bulbos que nos regalou a profe Sandra en tarros de vidro con auga. Ao ser de vidro permitíanos observar o crecemento das raices, que se estiraban cada día provocando momentos de admiración nos nenos que o primeiro que facían ao chegar era correr á ventana para controlar como iba a cousa. Observaban, medían e comparaban. Primeiro vimos as raíces, despois os picos das follas e finalmente estos días a primeira flor, espectacular. As outras a ver si aguantan ata que volvan os nenos. E as do patio, polo frío, tardarán ata a primavera.


 

mércores, 21 de decembro de 2022

O reloxo de cuco

   Seguramente xa vos falaron do cuco que temos no cole, e non é o paxaro que anuncia que está a piques de chegar a primavera, senón o cuco do reloxo que se puxo na entrada do cole. Están emocionados por escoitalo e andan pendentes da hora a ver si o pillan cantando. E podemos contar as veces que canta: as 10, as 11, as 12, a 1 e as 2...  e os do comedor incluso máis!. Aquí vos poño un anaquiño do seu canto


luns, 19 de decembro de 2022

As tesoiras de Matisse

 


   Fai uns días coñecemos ao
pintor impresionista francés Henri Matisse  (1869-1954). O que nos interesaba nesta ocasión era a técnica dos "papiers decoupages", os papeis recortados, que comezou a empregar xa de maior. Vimos algunhas das súas obras e comezamos a recortar. Despois pegamos os nosos recortes nunha obra común coa norma de colaborar e de non tapar o que poñían os compañeiros.

 Este é "O CARACOL"  de Henri Matisse:

Estas son as nosas obras: 



 

sábado, 17 de decembro de 2022

Facendo arañas: oito patas de Ana Meilán

  Contamos na clase a historia de Lucy, a araña que a pesar de vir dunha gran tradición de tecedoras, non era quen de facer ben as arañeiras. Ata que descubre que lle gustan as cores e as formas e que realmente o seu é pintar. Trata da aceptación da diversidade e da busca da vocación de cada un. Lucy non quere seguir o costume familiar e descubre o seu propio camiño cheo de imaxinación e creatividade.  

Despois de recibir na Biblioteca a Ana Meilán, a autora de OITO PATAS, que nos volveu contar a historia de Lucy, coloquei na clase unha gran tea de arañas e alí fomos colgando as arañiñas que pintamos e montamos con bolas de porexpán e limpapipas de cores. Traballamos o conteo ata oito (aínda que algún se emocionou poñendo patas) e as destrezas manuais ensartando os limpapipas nas bolas e con todo eso fixemos unhas preciosas arañinas!.


mércores, 14 de decembro de 2022

Pintando dun modelo natural: froitos de outono


Durante o outono, moitas veces facemos saídas para observar as cores do entorno e falar delas. Nesta ocasión as cores viñeron a nós. Na mesa de presentación, púxenlles  varios dos froitos máis coloridos: un limón, unha laranxa, unha mazá e un cítrico do máis raro que eles non coñecían: unha man de Buda cos seus dedos longos. Despois tamén engadimos plátanos das merendas... Sempre lles digo que antes de poñerse cos pinceis ou as ceras temos que mirar moito e pensar máis. Así que antes de comezar a pintar do natural, observamos, ulimos e sobre todo tocamos os froitos. Comparamos formas, tamaños, cores... e finalmente pintamos cos pinceis!



domingo, 20 de novembro de 2022

Contamos contos na Biblioteca


 A semana pasada Sandra e máis eu decidimos levar outra vez os nenos ao cole de primaria para facer unha sesión de contacontos na Biblioteca. Ademáis de contalos na clase este é un ambiente máis especial, rodeados de libros. Alí ademáis pudemos ver  nas portas, nos paneis e tamén no telón do escenario os debuxos, poemas e contos que fixemos para "pagar" e conseguir os libros no mercadillo. 
 

Escollimos "Os sete cabritillos", de OQO, un clásico que sempre lles gusta e que como vedes na maioría das caras emocionalles como a primeira vez. Leeuno Sandra e eu saquei as fotos... e encargueime de "interpretar" ao lobo😊

  
Importancia dos contos durante a etapa infantil:

·  Fomentan o hábito de lectura.

·  Estimulan o desenvolvemento da linguaxe: aumentan o vocabulario e melloran a pronunciación.

·  Axudan a integrar normas de conducta e comprender comportamentos.

·  Axudan a mellorar a creatividade, desenvolver a imaxinación e fomentar o pensamento reflexivo.

·  Fomentan a atención, a escoita e exercitan a memoria para despois facilitar a adquisición de aprendizaxes máis complexos.

·  Axudan na adquisición de valores e conceptos éticos.

·  Axudan a descansar e relaxarse tanto pola noite como na clase.

·  Crean momentos especiais entre os adultos e os nenos.

.....e son unha fonte de diversión!!!