domingo, 21 de decembro de 2014

CENTROS DE NADAL E CHOCOLATADA

  Con materiais que tiñamos pola clase (sementes de camelias, froitos de liquidambar, landras, musgo seco, bolas de porexpán, limpapipas e plásticos de cores) e outros que merquei (cogumelos, velas, laciños...) fixemos un centro de mesa para levar a casa e prender na cea de Noiteboa con toda a familia e lembrarnos dos compañeiros de clase. Primeiro pegamos con alkil espuma de florista nun plato, cubrímola con musgo e deixámolo secar dous días. Despois espetámoslle as bolas de porexpán que previamente pintáramos de vermello, colocamos  as sementes pintadas de dourado, engadímoslle as formas que eles compuxeron con dóas de plástico e que eu planchei, colocaron limpapipas vermellos, verdes e dourados e de remate púxenlle as velas. Un toque de espray para dorar o musgo e logo pedíronme un chisco de neve... e listo. Estaban encantados  co resultado!
premer AQUÍ  para ver os artistas e os seus centros
   O xoves fomos ver na Biblioteca unha obra de teatro representada polos nenos de 3º de primaria  e tivemos visita sorpresa dos REIS MAGOS que nos deron caramelos e o último día en todo o cole tivemos festa: CHOCOLATADA CON CHURROS, tamén comimos un panetone que nos mandou Vanesa a nai de Ana, bailamos, escoitamos villancicos, tivemos visita de exalumnos que están xa no instituto... e rematamos levando os traballos a casa. (porei fotos na seguinte entrada)
 

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Comentarios: a túa opinión conta!