Hoxe fixemos unha visita á incubadora e ó nacedeiro onde están os poliños que coidaron durante 21 días os alumnos de 3ºA de primaria e a súa titora María. Fai días recibimos nas clases unha invitación para unha xornada de portas abertas indicando que estaba previsto o nacemento entre os días 5 e 11 de maio. Tíñamos a data marcada no calendario e esperábamos emocionados. Antes de baixar tamén seguimos a experiencia pola webcam que instalaron sobre a incubadora e ademáis fomos recibindo avisos dos tres primeiros nacementos...
Cando nos tocou o turno seguimos as flechas da ruta dos poliños que marcaba o recorrido á sala onde está a incubadora. Ese aparato prestoullo a asociación Boaga que se encarga da recuperación de especies en perigo de extinción de Galicia, como a galiña de Mos.
Un xeito de adaptar o uso das tics nas áreas de coñecemento: a webcam conectada con tódolos ordenadores do colexio. Uns poliños moi tecnolóxicos!
María e os alumnos de 3º recibiron a tódalas clases do cole e responderon ás nosas preguntas, aínda que os máis pequenos o que querían era admirar os poliños. Contáronnos que un era prematuro, que uns eran de quicas e outros de Mos, que a incubadora sustituía o calor da nai cuns 37º e que precisaba un certo grado de humidade polo que tiñan que botarlle auga nun depósito e que cada certo tempo a máquina lle daba a volta os ovos...
Estaban intrigados por saber cales eran machos e femias, como rompían as cáscaras, o que comían e ademáis observamos como varios ovos se movían sós, así que probablemente saian esta noite...
Aquí vemos as fotos e un video da visita e das estrelas do día, que tamén nos miraban curiosos e moi tranquilos desde dentro da caixa...
Antes de baixar tamén buscamos na rede videos de como as galiñas poñen os ovos, e de como se transforma un embrión dentro das cáscaras ao longo dos 21 días...
E despois debuxámolos así: os poliños vistos cos ollos dos nenos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Comentarios: a túa opinión conta!