mércores, 3 de xullo de 2013

HASTA SETEMBRO!

    
   Acabamos de rematar o curso e quixen contar o que foi este ano para nós. Para facer o resumo, pasei de competencias, de notas, de Xade, de programacións, de obxectivos, de contidos e de horarios... e quedeime co que de verdade importa: os nenos e nenas que pasaron este curso xuntos. Dinlle un repaso a todos os arquivos que fora gardando e que vos mandei nos cds e escollín aqueles planos que reflicten a curiosidade, a emoción e a sorpresa... Foron momentos afectivos, tenros, divertidos e curiosos e aquí volos deixo como unha "pequena" mostra do que pasamos este ano. 



 (PD: non é exactamente unha pequena mostra: digamos máis ben "algo longa", pero creo que paga a pena.
       e salteime a fase dos primeiros llantos, dos cueiros, dos cinco pises no día, faltan as fotos de cando quedaron dormidos de esgotamento, as das rabechadas (que tamén as houbo, faltaría máis!), e falta "o efecto sonoro" de todos querendo falar á vez, porque todos teñen algunha cousa que contar ... e todas son importantes... faltan os "pero Looooli", os "cando me toca a mín?" os "cando son eu o encargado?" cando reparto?, cando son o primeiro? cando levo a Chanclas? etc...
    
      Aínda que todos estos momentos foron importantes houbo moitos máis, e con esta presentación deséxovos que pasedes un bo verán e disfrutedes cos nenos. Vémonos en setembro!
 
       

xoves, 27 de xuño de 2013

Apoiando ás unitarias

     Estos días  andábase a falar de pechar as unitarias de Covas e de Agrón. Dúas máis nunha longa lista de peches: pinga a pinga pechanse escolas unitarias que conectaban aos nenos coa súa aldea, co seu entorno e coas xentes. Andan agora que sí, que nón ... Total, son poucos nenos, teñen colexios grandes a carón  (con comedor, con transporte...). Ofréceselles aos nenos a posibilidade de socializarse mellor (?), de achegarse a máis especialistas, a máis medios (?) e moitas cousas máis ... Como non van querer esa ¿maravilla? que se lles oferta e deixar unha escola rural pequena, con poucos nenos (?), onde unha mestra con un par de especialistas vese na ¿obriga? de impartir todo ela sóa .... Pois afortunadamente non é así: as mestras e os pais e nais  de Covas e Agrón non queren permitir que lles pechen a súa escola de toda a vida, QUEREN UN ENSINO DE CALIDADE, sin masificacións, con recreos que de verdade son un momento de descanso e relax  e sin tensións. Queren  un ensino que permite unha  atención máis personalizada, queren que os nenos e nenas medren e se eduquen no seu entorno,  en contacto cos veciños. Queren para os pequenos un entorno agradable, tranquilo, onde todos se coñecen, onde todos son "comunidade educativa". Non é certo que os nenos das unitarias teñan menos posibilidades ou medios, ou o que sexa, que os dos colexios do entorno. Pola contra,  son afortunados xa que teñen "tempo e espacio", e non teñen que competir por un recanto para moverse ou de un instante para expresarse...             


     Algúns comentan que as unitarias non son "rentables"... pode ser, sobre todo si medimos a calidade do ensino en térmos económicos. Pero sí que son rentables en canto a calidade, atención... incluso felicidade dos pequenos. Si me apurades, a groso modo, penso que é a mesma diferencia que entre os poliños de corral e os de granxa...  Logo falamos do ensino en Finlandia!


     
      E non digo máis, pero aínda recordo con emoción unha conferencia de Avelino Pousa Antelo, mestre e pai de mestras, que fixo unha das máis fermosas defensas  das escolas rurais galegas. Se aquela charla a tiveran escoitado máis, probablemente non se falaría de pechar escolas rurais, senón pola contra: serían obxecto de protección especial.  
 
 
     Esperemos que á volta das vacacións os pequenos de Agrón e Covas poidan seguir disfrutando das súas escolas!
máis información en:

martes, 25 de xuño de 2013

"EMBOLSARTE"

   
    Como actividade plástica de remate de curso preparamos unhas bolsas para levar a casa os nosos traballos. Merquei unhas de papel de estraza e puxémonos a pintalas, como un soporte máis dos que levamos empregados este curso (papel continuo, folios, pedras, botes de plástico ...). Tamén pintamos as carpetas para levar o material de sensorial. Cada un deixouse levar pola súa imaxinación e durante o proceso fomos transformando unhas bolsas que eran todas iguais en preciosos "cadros" que estaban desexando levar a casa (... aínda que fora baleiros!). 
    O venres embolsamos todo para levalo. E para velos desde outra perspectiva "enmarquei" as bolsas como se fosen cadros, e por eso a esta entrada lle chamei EMBOLSARTE: arte en bolsas.



luns, 24 de xuño de 2013

ESCULTURAS


  Os contos, ademáis do simple placer de escoitalos e de observar as súas fermosas imaxes, sírvennos moitas veces como recurso para dar pé a outras cousas.   Por exemplo, CRONIÑONA de Michel Gay da Editorial Corimbo e ALATORCIDA de Janell Cannon da Editorial Juventud, sírvennos para iniciarnos no mundo da "ESCULTURA".

   CRONIÑONA narra a través da máis pequena da tribu unha historia que "pasa fai máis de 10.000 anos, cando os homes primitivos xa descubriran o lume e moitas cousas máis, pero aínda descoñecian a BONECA". Croniñona quere ser maior e amasa unha boneca de barro... que por casualidade acaba no lume. Tamén falamos dos inicios da cerámica nas tribus primitivas e dos usos que lle deron: potas cuncas... Tamén demos un paseo ao cole dos maiores para ver o enorme mural de terracota que está no piso de arriba.
    E estas son as bonecas que fixemos coa plastilina: os olliños que puxemos eran os graos de millo que temos na clase. (Si que nos dou de sí o millo este ano!)



    ALATORCIDA é outro fermoso álbum ilustrado sobre unha pequena cucaracha que ten unha ala torta, pero que é especial: é unha artista que disfruta facendo esculturas con follas e vexetais. O malo é que tódolos bichos do bosque lle destrozan as súas obras hasta que un día decide vengarse en outros máis pequenos que ela: as formigas. Pero a través de estas aprenderá o valor da compaixón e a solidariedade e convertirase nunha heroina.
  
    Nós fixemos as esculturas empregando plastilina, pallinas, millo, limpapipas, paos, depresores de cor... e todo o que atopamos...  Aquí vai unha parte do proceso e as obras resultantes:





  




domingo, 23 de xuño de 2013

RETRATOS

   Aínda que xa rematamos o curso quédanme pendientes varias entradas coas derradeiras actividades que fixemos na clase. (Ao longo da semana irei subindo  as que me faltan). Unha delas foi esta que vos poño aquí na que están os seus autorretratos e tamén algúns retratos de alguén que queremos.            
    Fixéronas a partir de dúas plantillas diferentes (un óvalo e o perfíl de media cara) despois de traballar, xogar, cantar e falar sobre as partes da cara. Algúns retratos empezaron sendo unha persoa e remataron sendo outra, como veredes houbo algúns cambios de opinión... 

venres, 7 de xuño de 2013

PINTANDO COMO POLLOCK



     Fai uns días comenzamos a pintar en grupo uns grandes círculos utilizando só dúas cores. Cando secaron cada neno escolleu outra obra na que non traballaramos antes. Logo estivemos falando de outros tipos e técnicas de pintura: con pincel, con brochas, por chorreo, por goteo ... e por salpicado. Falamos de Jacson Pollock e analizamos varias das súas obras. O que máis lles gustou de este artista, foi o tamaño dos botes de pintura que usaba e as técnicas de chorreo e salpicado (avisando de que nós, por cuestión de espacio, non era moi convinte que a utilizasemos, "sobre todo na casa"... ).

      Despois   puxémonos a transformar os círculos  utilizando cores que contrastasen coas da base da que partimos, e este foi o resultado da nosa intervención :



 

mércores, 5 de xuño de 2013

PINTANDO XUNTOS NA MAÍA

 Estamos pintando en grupo obras de gran formato. Repartidos polo chan tíñamos varios papeis con un círculo cada un e comezamos a colorealos con pinceis.  Agora imos a seguir traballando sobre eles a ver a onde nos leva a imaxinación de cada un... Este foi o primeiro paso:


domingo, 2 de xuño de 2013

UNHA HORTIÑA NA MAÍA...


      Fai unhas semanas comezamos unha actividade relacionada coa natureza, co respeto e o coidado do entorno máis próximo.
     Queremos que coñezan  como se producen algúns dos alimentos que comemos... e que valoren o esforzo que supón o traballo no campo.
     
     Resulta que na clase temos aínda as espigas do millo que se trouxera a clase no outono e non tíñamos pensado facer nada máis con el hasta o día que saímos a Castrigo e atopamos unha horta plantada de novo, na que vimos unhas coles (como as do conto do coelliño branco que tanto nos gusta). Aquel día díxenlles que para que o millo medrase máis que o que temos nas macetas de clase, tíñamos que plantalo na terra.  Así que pensamos facer unha pequena horta no cole.         
     
       Ensineilles aos nenos un pequeno recuncho de terra onde temos a laranxeira e que estaba un pouco "a monte". Non temos moito sitio, pero a ventaxa é que que está illado e ten auga. 











    Comezamos un día "explorando" o terreo para ver as posibilidades, pero despois non parou de chover e a actividade foisenos retrasando moito, logo estropeouse a cámara onde estaban a maioría das fotos e agora por fín pódovos mostrar o que levamos feito ata o de agora. Eu fun podando as ramas baixas do aligustre para poder andar por alí  e retiramos as camelias mortas (estarían cheas de flores se non fose que lles cortaron a piel a carón...).

   Outro día fomos arrincando as herbas e os nenos axudaron a amontonalas ... levamos ferramentas e todo!. Por certo, gústalles máis amontonar que arrincar... Tamén se apuntaron os nenos da clase de María José e os de Marta. De paso estamos pensando o que podemos sementar cando deamos montado os bancais, e tamén queremos poñer un par de árbores froiteiras. Bueno, os nenos querían poñer de todo... pero o sitio é moi pequeniño. É unha actividade que  continuaremos o curso que ven, xa que este está a punto de rematar.
  
 Aquí estamos en faena:

venres, 31 de maio de 2013

FESTIVAL DAS LETRAS GALEGAS 2013

   
    O martes  os nenos de infantil asistimos as representacións que fixeron os maiores no salón da Biblioteca con motivo do Festival das Letras Galegas. Os pequenos estaban entusiasmados e os maiores que actuaron  estiveron fantásticos!. Cando chegamos xa nos recibeu na porta Manuel  que, disfrazado de trasno, estaba moi metido no seu papel. (As fotos non son moi boas porque rompeume a cámara e están feitas co móvil, pero pronto veremos máis na web do cole). As actuacións foron coordinadas e preparadas polos profesores Arancha e Xesús .


    As obras e bailes  representados para os de 3 e 4 anos foron estas e entre elas pasaban por alí  os presentadores e tamén as fantasmas da Santa Compaña ... 

  • "A pota que trota" títeres realizados por alumnosde 3ºB 
  • "Grease" que bailaron os de 4ºC
  • "o gato na árbore" títeres polos de  3ºB
  • "Thriller" bailado polos nenos e nenas de 4ºB
  • "A bruxa Sinforosa" unha obra de teatro representada por alumnos e alumnas  de 6ºC 
  • "Móvete" un baile dos de 4ºC
  Cando rematou a actuación, os pequenos tamén quixeron "actuar", así que subimos ao escenario saudamos, aplaudíronnos e sacamos algunhas fotos...


En esta presentación están algunas das fotos que saquei durante o Festival :



xoves, 30 de maio de 2013

EXPERIMENTANDO CON AREA

     Fai uns días, estivemos experimentando con area. Collimos uns coadores e unha cubeta chea de area e estivemos separandoa por grosores: conseguimos unha cubeta chea de area moi fina e outra na que predominaban graos máis grosos e na que tamén atopamos restos de cunchas, polo que chegamos á conclusión de que tiña que ser area de praia... Falamos por tanto de como se produce a area e das forzas  que traballan para facela a partir das rochas e das cunchas. Tamén traballamos o tacto e dibuxamos cos dedos. E por último dibuxamos o que fixemos. Quixemos tamén probar a coar a area do patio, para ver si tiña a misma composición pero, para variar, estaba moi mollada pola chuvia e non pasaba polos coadores... Outra vez será xa que nos gustou moito a experiencia.  


Click to play this Smilebox slideshow
Create your own slideshow - Powered by Smilebox
This photo slideshow customized with Smilebox

sábado, 18 de maio de 2013

PINTANDO XUNTOS

   Na clase levamos varios días pintando "en grande". É decir, que collimos papel continuo e extendímolo polo chan, logo puxémos os nenos a cada lado e repartimos botes coa pintura e os pinceis ao longo do "lienzo". María e máis eu encargámonos de ir rotando as cores e os nenos só tiñan unha norma a seguir: non mesturar as cores. E, por suposto, non molestar aos outros pintores... 
   
    Como veredes nas fotos estaban moi concentrados na obra que fixemos en común... e quedounos moi bonita. Por suposto o estilo é "impresionista tirando a impresionante". Os nosos cadros están agora colgados polos corredores do cole. 



Unha obra cooperativa:

mércores, 1 de maio de 2013

MERCADILLO DE LIBROS SOLIDARIOS NA MAÍA

    Este luns fumos o mercadillo de libros solidarios instalado  no edificio de primaria.  Levamos para trocar o material escolar que trouxemos da casa e puxémonos na fila. No mercadillo fixemos a compra do libro que escolleu cada neno e pagamos co material escolar aportado polas familias e que será doado a Cáritas de Bertamiráns. Tamén pagamos con billetes de Chanclas, a mascota da clase... Os nenos baixaron todos ilusionados por COMPARTIR  este material con outros nenos e nenas menos afortunados que eles e tamén por atopar un libro que, aínda que usado, moi leido, descatalogado ou espurgado das bibliotecas do cole, quería ter unha segunda vida nas mans de estos nenos. Como vedes nas fotos, miraron e remiraron as portadas, algún incluso  preguntou o que poñía por detrás e outros xa foron directos a libros de animais e de princesas... Cada un escolleu ao seu gusto e logo foron sentandose a esperar que todos "mercasen" o seu libro.
Foi unha experiencia bonita , interesante e solidaria: a nosa primeira feira do libro.
      
 Moitísimas gracias pola vosa colaboración!

      (Aproveito para lembrarvos que na Alameda está instalada a Feira do libro, hasta o domingo,  con poucas casetas  (só dúas de Santiago: Aenea e Pedreira) pero sobre todo moita oferta de literatura infantil e xuvenil. Sempre me gustou desde pequena dar unha volta polas casetas... ten o seu aquel atopar cousas que xa coñeces, preguntar aos libreiros, ver o que busca a xente... e sempre atopas unha sorpresiña. E o mesmo me pasa coas feiras de vello, que  nunca sabes o que podes atopar, sempre teñen algo interesante... Eu xa dín unha volta por alí e collín uns cuantos libros para a clase que lles están gustando moito.... Coma sempre, a feira ofrece tamén moitas actividades para pequenos e maiores. Clicade aquí para ver o programa ou entrade no blog da Biblioteca  

 Nesta montaxe  vedes a nosa propia feira do libro : 

LIBROS SOLIDARIOS - foto montaje

 Aquí podedes ver a cantidade de material conseguido entre todos.
 Poranse máis fotos no blog da Biblioteca.