domingo, 4 de outubro de 2015

UN NOVO CURSO!

      Xa estamos aquí de novo: un novo curso, novos nenos e nenas e moitos máis cambios. Esperamos desde aquí compartir con vos o noso día a día. 
   Como sempre, os primeiros días nunha clase de 3 anos con 25 nenos (moitos deles con aínda 2 anos) que veñen das vacacións, de estar a maior parte do seu día coas familias e algúns que non pasaron pola gardería.... pois eso... imaxinade: se víades como entraban, o que foi cando os xuntamos a todos durante 5 horas seguidas... nun espazo limitado cheo de descoñecidos para eles... Cando van chegando as 2 moitos deles xa caen de sono e esgotamento.

 Ao longo destes días:  aprendimos algunhas das rutinas da clase, os nomes dos compañeiros e das profes, a dibuxar  na PDI...
 A camiñar en fila , ou polo menos intentámolo... comezábamos cunha fila e de pronto tiñamos tres!. Aprendimos que, cando chegamos, temos que deixar todo no percheiro e despois entrar na clase e colocar a nosa foto na casilla correspondente.
 Un día ata conseguimos chegar á hortiña do cole e alí vimos laranxas verdes, millo, fresas e berenxenas que plantaran os maiores de 5 anos do curso pasado...
 Volveremos!
Aprendemos a desprazarnos polos espazos deste centro... Aquí imos camiño do parque de area...
No parque xogaremos mentras o tempo nolo permita...

Aquí estamos na sala de psicomotricidade. (Precisaremos os calcetíns antideslizantes para as sesións que teremos o luns e o mércores).  

e xa pintamos algunha vez...


 Estas son algunhas das actividades que estamos facendo polo de agora, ademáis de intentar coñecernos  e respetarnos. Xa vos  irei contando máis cousas que vaiamos facendo!

 

luns, 13 de xullo de 2015

vacacións e despedida

  Como remate de curso debuxamos as portadas do 3ºT pensando no verán. Un curso que acaba despois de 3 anos xuntos nos que vimos como os nenos medraban, facíanse mási autónomos, maduraban e cambiaban... 



  Estas son as portadas.



    Todos cambiamos ao longo destes tres cursos, non só fisicamente como vemos nas fotos, senón por dentro, todos aportamos algo uns aos outros: coñecemento, cariño, experiencias... E, como sempre digo, non todo o que se fai ao longo da educación infantil está nos traballos: unhas cousas van "amueblando" as cabeciñas e moitas máis van no corazón... Así que grazas a todos pola colaboración, polo afecto e polo tempo pasado xuntos. Unha aperta e boa sorte en primaria. Bicos! 
O paso do tempo: así medramos en infantil. 


venres, 10 de xullo de 2015

Coñecendo animais mariños


    Como remate de curso asistimos a un taller con dous biólogos para coñecer os animais mariños. Repartidos en varios grupos os alumnos de infantil escoitaron falar primeiro de Bob Esponxa e outros personaxes de fición e despois pasaron á realidade. 



Para os de 3 anos fixose a versión reducida da charla pero os maiores escoitaron con moita atención. 

    Despois da charla puderon tocar e observar con detalle os exemplares que nos trouxeron: uns estaban disecados, de outros vimos cunchas, caparazóns.... Neste video vedes as fotos da experiencia.



Visitando as aulas de primaria

   Aínda que xa están de vacacións quedei cos nenos en que lles poría unhas entradas coas derradeiras actividades que fixemos. Así que aquí están algunhas fotos do día no que visitamos as clases de primaria que serán as súas para o curso que ven.


      Xa coñecemos moi ben as instalacións e os distintos espazos do cole para que nos sexa máis doado o cambio, pero esta vez sentámonos nos pupitres e estivemos falando cos rapaces de primeiro. 
   Os nenos  responderon ás nosas preguntas e aínda que ao principio non se atrevían, logo colleron confianza tanto uns coma outros.  

  Explicáronnos distintas maneiras de traballar, as disposicións das aulas, o uso dos espazos e do material, que agora vai ser individual, polo cal terán que ser responsables cada un do seu... Unha das cousas que máis lles gustou foron as baldas dos pupitres para gardar as súas cousas...
 Foi unha mañán moi divertida e enchemos o cole de primaria, xa que nos ibamos cruzando e cambiando impresións cos outros dous grupos de 5 anos...

xoves, 25 de xuño de 2015

letreiros no horto escolar

  Para indicar os nomes das plantas que temos no horto fixemos letreiros que puxemos diante de cada unha: pementos, fabas, berenxenas, moras, fabas, amorodos.... Escribimos os nomes e decorámolos cada un como quixo, plastificámolos para que resistan fora e puxémolos nun pao. 


   Agora os que visiten o horto saberán os seus nomes. Como somos máis nenos que plantas, tamén fixemos outros para as camelias, o laranxeiro, o espantallo e tamén para indicar que somos amigos das abellas e un para que as visitas teñan coidado e non arrinquen as plantas....

 Aquí estamos poñendo os letreiros nos bancais:
As fabas son as que mellor resultado nos deron:
e neste video está como nos quedou o horto:

mércores, 24 de xuño de 2015

a osa Villarina: unha historia real

o conto que trouxo Maite
    Maite a nai de Sergio, veu pola clase un dos últimos días do cole e contounos un conto sobre a osa Villarina. Pero resulta que é unha historia REAL sobre unha osiña que rescatou en Somiedo a FUNDACIÓN OSO PARDO. O conto é "EL RETORNO DE VILLARINA". Está editado por Carrefour e os beneficios son para FAPAS, que é unha fundación para a protección de animais salvaxes. Eu xa coñecía a historia de andar por esa zona tan fermosa de Asturias e enlázovos aquí un cómic que teñen na Fundación e que lles podedes baixar aos nenos para colorear. Ademáis con Maite falamos de como viven e se alimentan os osos. 



 Maite lendo o conto: podedes velo en PDF premendo AQUÍ:

  O cómic que podedes imprimir:
premer AQUÍ para baixalo
Un video sobre a Villarina real!


domingo, 14 de xuño de 2015

MUSEO DE HISTORIA NATURAL DA USC

    "Toda unha aventura"  foi o que dixo Xabi resumindo a saída que fixemos ó Museo de Historia Natural da USC. Como viaxe de fin de curso e despedida quixemos coñecer as novas instalacións da colección que antes estaba na facultade de Químicas en Santiago. Unha fantástica experiencia na que vimos distintos ecosistemas cos seus animais disecados, paseamos pola sabana africana a carón do león, pola selva sudamérica co caimán, o armadillo, o perezoso e oso formigueiro, estivemos na fraga do lobo cos raposos, as rapaces, xabaríns e  coellos...
    
      No piso de arriba entramos na "cámara acorazada", coas pedras preciosas... vimos a reprodución dun dinosauro e os fósiles, colecións de cunchas, peixes, invertebrados mariños e moitas máis cousas. E tamén buscamos os nomes nos paneis para saber como se chamaban algúns dos animais...

  A algún pareceulle pouco tempo porque quería ver cada especie unha a unha... así que xa sabedes unha actividade para este verán. Cando saímos fomos almorzar no parque e despois xogaron e algúns foron de aventureiros e exploradores: fixeron un niño xigante, colleron plumas...
  
   E rematamos cun paseo polo estanque do Auditorio a carón dos cisnes e os patos, onde Rubén identificou un par de grullas e tamén tivemos a sorte de atopar unha rolada rodeando as crías e un niño defendido polo pai dos parruliños...


Cando chegou a hora de volver non querían rematar a excursión!

Unha xornada moi divertida!


venres, 12 de xuño de 2015

Sexando poliños...

    Os poliños de María e dos nenos de 3º estiveron de visita na clase... Un momento emocionante para nós, xa que seguíramos o seu nacemento pola webcam e fomos velos cando só tiñan uns días. Foi unha experiencia enriquecedora!. Agora xa medraron e foron de visita polas casas dos seus coidadores, onde quedaran cos que teñen sitio para eles. Así que esto foi a despedida, na que resulta curiosa a idea que teñen do sexo dos poliños, a pesar de que falamos das diferencias de xénero e distíngueno moi ben cando falamos de galos e galiñas...  Escoitade ao final do video cando falan das pestañas... Xenial!

 


O video da visita:


 

os cangrexos de Cristina

   Cristina trouxonos de invitados a Mariló e Antón para que seu pai nos contase como é a vida nun gran barco pesqueiro. Tamén baixou seu irmán Pablo da clase dos pequeniños para acompañarnos. Antón explicounos con fotos dun power point como se traballa e se vive nun barco, como está todo preparado ou atado para que non caia co movemento do mar, como se buscan os bancos de peixes con aparatos electrónicos,  como se preparan os anzós e despois os peixes... Trouxonos anzós, cebos falsos que imitaban peixiños,  tansa, unha nasa e unha morea de cangrexos que deixaron aos nenos nun estado que vos podedes imaxinar... Emocionadiños!.Foi unha experiencia moi divertida!
    Os animaliños andiveron pola clase, polas mesas, nas mans de todos, miráronos por enriba, por abaixo e despois observamolos coa lupa e na mesa de luz... E con tanta emoción e ansia por andar con eles perdemos un cangrexo... e a clase estivo un par de días cun aroma... digamos "peculiar" ata que o atopamos...



O video


 

máis visitas de nais !


  Estos días tivemos moitas visitas na clase: Marisa a nai de Adriana veunos ler o libro ABEZOO   un libro de poemas  e rimas con animais para todas as letras do abecedario e do que lles encantou o do "Wasinfeo"  un animal fantástico feito de anacos de outros... E regalounos o libro para a biblioteca da clase!
     Alexia, a nai de Candela, veunos ensinar a facer bonecas con pompóns de lá e paso a paso entre as dúas fixeron unha. Voltas e voltas de lá, cortar, trenzar coa axuda de Candela para facer as pernas e limpapipas para os brazos e ollos de gomets. Despois escollimos un nome e chámase Alexia!


    Bea, a nai de Noa, veunos ler unha historia de Pupi e Nachete, "Pupi e os pantasmas" de María Menendez, un personaxe extraterrestre do que moitos xa teñen oido falar aos seus irmáns maiores porque é a mascota de algunhas clase de primaria.
    E Marta, a nai de Álvaro, veunos contar unha parte moi interesante do seu traballo. Pasou a noite observando morcegos de ferradura e foi controlar como se recupera o Monte Pindo de Carnota despois dos incendios que o arrasaran fai uns anos. Ensinounos fotos dalgunhas especies protexidas que atopou no monte e nos regos (a lagartixa rabilarga, a saramanga,  anguías...).      Despois tamén  falamos de que como temos que coidar o medio ambiente, e do que podemos facer nós cada día  . Intentando falar de un en un,  foron decindo cousas como aforrar auga cando lavamos os dentes, tirar as pilas nos contenedores axeitados, recoller o lixo e empregar sempre sempre as papeleiras...

MOITAS GRAZAS A TODAS!

xoves, 11 de xuño de 2015

MATEMÁXIA E XOGOS MATEMÁTICOS

   Con motivo do DÍA DAS MATEMÁTICAS, que foi o 12 de maio, tivemos unha sesión de case hora e media de MATEMÁXIA coa profe MARÍA SALGADO. Foi dunha actividade en cada clase dos nenos de 5 anos que nos trouxo a Anpa. María explicounos que estamos rodeados de matemáticas  e trouxonos xogos que habitualmente temos nas clases de infantil, só que en formato moito máis grande. Falounos de varios matemáticos famosos, Martin Gardner, que foi un divulgador científico e filósofo da ciencia americano, moi popular polos seus libros de matemática recreativa e Pedro Puig Adam que no século pasado contribueu á renovación da ensinanza das Matemáticas en España. Ambos achegaron as matemáticas a todos coas súas obras divulgativas e a eles se adicou este día das matemáticas.
    Dun xeito lúdico María  ensinounos xogos de cartas e dados que nos encantaron... e contounos algún pequeno truco de máxia! Despois, repartidos por grupos, xogamos cos dados diabólicos, co xogo da oca, o tres en raia, os pentominós, o tangram e xogos topolóxicos... 

   Neste video vedes as fotos da sesión e algúns dos xogos que se empregan nas clases de infantil para achegarnos ás matemáticas. Medir, contar, calcular, encaixar, ensamblar, conectar, crear estructuras, xogar coas gomas... son todas maneiras de experimentar no mundo matemático... E ademáis traballando en grupo, creando lazos e aprendendo a colaborar...