xoves, 21 de abril de 2016

Cristina e Leo cóntannos a que sabe a lúa....

   Hoxe Cristina, a nai de Leo, fixo de contacontos dentro das actividades do mes do libro. Leo fixo de axudante da súa nai e  presentoulla aos demáis: "mamá" ou "mami" como lle chama sempre... O conto era A QUE SABE A LÚA?

  Cristina chegou preparada cun cartón no que foi poñendo a terra e a lúa e reparteulles aos nenos os animais que saen no conto para que participasen na historia desta tartaruga curiosa que quería saber a que sabe a lúa. Para averigualo, sube a unha montaña, pero a lúa alonxase e ten que pedir axuda aos outros animais da selva....


    Os nenos foron colocando os animais uns enriba dos outros, pero non conseguían chegar á lúa ata que subeu o ratiño máis pequeniño e colle un anaco dela para compartilo con todos cando baixa..... E cando o comen a cada un sábelle ao seu alimento favorito... 

   Entón Cristina sacou unha sorpresa máis. Unhas deliciosas galletas con lacasitos que Leo se encargou de repartir con todos. E a comer! Algún quixo gardar a metade para levar a casa e compartir con vós, pero non se non farían como Cocorico...

    Ademáis das galletas, Cristina regalounos un precioso e divertido conto: "O GANAPAN DAS PALABRAS", que lles contei antes de marchar para casa e que nos gustou moito polo xogo que dá cando as palabras se perden e se desordenan...
Premendo na imaxe de Cristina e Leo veredes unha pequena montaxe coas fotos da sesión.
Premer aquí
     Moitas gracias Cristina por vir a contarnos este conto de xeito tan participativo e polo agasallo que incorporamos á Biblioteca de aula.

mércores, 20 de abril de 2016

Educando as emocións: un novo blog no cole!

https://educandoasemocionscadadia.wordpress.com/

    Este curso inaugurouse un novo blog no Centro, creado por un grupo de traballo acerca da EDUCACIÓN EMOCIONAL, no que os participantes pretenden reflectir a información que recollen en forma de enlaces, vídeos, comentarios e recomendacións de libros…
     Por si non o atopades, tedes acceso desde a web do cole, o blog da Biblioteca e tamén no noso blog na lista que teño creada con enlaces a outros blogs. Recomendovos que de vez en cando lle botedes unha ollada: é moi interesante. Fala de límites, creatividade, valores, confianza, control, xestión das emocións, habilidades sociais..... A nova entrada trata sobre o uso dos emoticonos que reflicten emocións.

martes, 19 de abril de 2016

Patri, Alex, Nico e o conto de Garbanciño

    Patri, a nai de Nico e de Alex, foi a nosa convidada para a hora do conto e os dous estaban entusiasmados. Bueno, xa levaban varios días avisando de que viña a súa nai. Eso sí: decían que a súa mamá "non traía conto".
   Cando chegou estaban preocupados xa que efectivamente Patri viña sin un libro e tivemos que recordarlles que non sempre o precisamos para contar o conto xa que o traía "na cabeza". Trouxonos uns dibuxos para apoiar a historia de GARBANCIÑO: un pequeno taaaaan pequeno como un garbanciño, que a pesar do seu tamaño quere axudar aos seus pais e métese nalgún que outro lio por non escoitalos e facer o que lle mandan... Como seguro lembrades no conto tamén salen un CABALO, unha VACA e unha LEITUGA...

    Durante a sesión, que foi un chisco movida, xa que víñamos do recreo de aproveitar  o ratiño de sol para baixar por fin ao patio de area. E con toda a emoción e a enerxía que traíamos acumulada, a música de Mozart que estabamos escoitando para relaxarnos aínda non fixera moito efecto....
   Como sempre algúns prestaron moita atención e outro andaban "algo despistados", pero escoitamos o conto de Garbanciño e despois fixéronlle preguntas a Patri. E chegaron a conclusión de que hai que escoitar aos papás e facerlles caso non alonxandose deles (nin falar con descoñecidos, recordou outro), para non estar en perigo....


   E nestas chegou a hora de recoller para vestirnos e marchar. Despedimos  a Patri, que nos deixou os dibuxos para colorear na clase.
Moitas gracias por vir Patri!


domingo, 17 de abril de 2016

María José, Lucas e Cocorico

  O venres foi o turno de Mª José, a nai de Lucas F, que nos trouxo o conto de Cocorico, que é un dos nosos favoritos. Un conto "de medo" no que o pequeno Cocorico anda asustado polo terrible Gato Pelado e o seu arrepiante Marramiau. Tamén ten unha parte matemática na que nos introduce  nunha cantidade e na súa metade..

      Primeiro presentamos a Mª José, que por suposto se chama "Mamá", vimos o seu nome no encerado, contamos as letras que ten e despois cada un foille decindo o seu, aínda que a algún lle costou prestar atención.
 Lucas estaba impaciente por axudar a mamá a pasar as follas.... e por compartir con todos os gusanitos que nos traía a súa mamá... Cos gusanitos fixeron coma Cocorico: só deixaron as migas!
 Despois houbo unha pequena sesión de preguntas: por qué Cocorico tiña medo de Gato Pelado, por qué non compartía o biscoito e sobre todo por qué o gato pensaba que lle caía o tellado na cabeza... Nós coñecemos o conto e tamén a versión cantada que algúns intentaron cantarlle a Mª José (pero os nervios non lles deixaban...). Aquí vos poño o enlace : CANCIÓN DE COCORICO


  E de remate, aplaudimos a Mª José por traernos un conto terriblemente  divertido  no que os malos poden facer trasnadas e meternos medo, pero teñen o seu castigo ao final, que é como deben rematar os contos para eles... 

Lucas e a súa nai. Moitas gracias por vir Mª José!

xoves, 14 de abril de 2016

A Carapuchina vermella da nai de Paula

   Hoxe foi o turno de Paula, que invitou á súa nai para lernos o conto de Carapuchiña Vermella. Paula estaba tan emocionada que case non dixo palabra!. Sandra chegou cunha maleta negra que xa os intrigou cando a viron, porque os impacientes querían ver o que contiña.
   

   Primeiro presentámonos e algúnha púxose tan nerviosa que non lle saía nín o seu nome... Non é o habitual porque normalmente falan polos codos....

    Despois Sandra comezou a sacar cousas da maleta: O conto de Carapuchiña vermella, e varias marionetas co personaxe principal. Paula, ensinounos no móvil unhas fotos que sacou con súa irmá María e a "Carapuchiña de verdade"

      Carapuchiña, nas máns de Paula que estaba de axudante de mamá,  transformábase no  lobo e despois na avóa... É un tipo de títeres moi interesantes que teñen os tres personaxes principais nunha sóa peza, só con darlle a volta.


Tamén nos mostrou varias carautas dos personaxes: 
    Un público bastante atento na súa maioría, sobre todo porque, aínda que a historia é un clásico, esta versión tiña un pequeno cambio, xa que o que aparecía no bosque era o fillo do lobo feroz... Que se parecía ao lobiño bo de "Feliz feroz"... Eso sí, Carapuchiña segue a ser un chisco desobediente falando con calquer descoñecido como me dixo Jordán ....
   Despois fixéronlle algunha pregunta sobre o conto, principalmente sobre o cazador e a súa machada... Acabamos falando de motoserras...
   E rematamos porque chegou Gloria con Cheeky Monkey para a sesión de inglés e deixounos abraiados co seu  "Very Big  Bad Wolf !". Vamos: o enorme lobo malo de toda a vida!
    Aquí están Paula e Sandra, que ao principio me decía que estaba un chisco nerviosa polo público. Certo que non é o mesmo contarlle un conto a unha ou dúas sentadiñas no colo ou na cama, que a 25 que non paran, pero xa vedes que aínda que movidillo  é un público entregado.... Gracias Sandra por vir a pasar este ratiño con nós!




mércores, 13 de abril de 2016

O disfraz de superheroi da nai de Lucas

   Continuamos coas visitas lectoras. Lucas A. invitou a Belén e Belén trouxonos un libro con moitos contos: un deles era "O disfraz de superheroi". Lucas estaba moooi nervioso e emocionado cando nos presentou á súa mamá.



   O conto  trata dun neno que, casualidade, tamén se chamaba Lucas. A súa nai faille un disfraz de superheroi con cousas que ten pola casa: un gorro de ducha, un rombo cunha enorme L cosida e telas para a capa.... Pero os disfraces hai que probalos. E Lucas ten a ocasión de rescatar ao seu gato Zarpas que sube a unha árbore e logo non se atreve a baixar...
  O público presentándose. 
 Fixeron preguntas sobre o gatiño. Sobre todo querían saber qué se lle perdía subindo á árbore?. Algúns decían que o conto non estaba rematado... porque era moi gordo e Belén non o lera todo....
 
 Despois tivemos que cambiar de actividade porque a capacidade de atención é limitada.... Contámoslle a Belén algo do que estamos aprendendo sobre o Quijote... (fixemos algo de teatro... xa vos contaremos)
Lucas A. despedindo á súa mamá. Gracias por vir Belén !



Visita da nai de Carme

   Dentro das actividades previstas para conmemorar o mes do libro este luns recibimos a Goretti, a nai de Carme. Foi a primeira en vir a clase a lernos un conto. Carme estaba encantada de compartir con todos a súa mamá e todos están impacientes por traervos a clase.

  Primeiro presentámonos e despois Goretti leunos a historia dunha fadiña algo diferente que non podía voar, xa que nacera coas ás mal. Pero non lle importa, xa que consigue superalo e aproveita para voar o vento que fai caer as follas no outono ou as folerpas de neve no inverno...

   É un conto interesante para falar das diferencias e de como superalas. Carme escolleuno porque lle gusta moito. 
  Cando rematou de ler, fixéronlle algunhas preguntas a Goretti (sobre todo preguntaban por qué a fada non podía voar) e dixéronlle que lles gustara moito o conto.
  O atento público. Case todos...
 Carme despedindo a mamá. Moitas gracias Goretti!

venres, 1 de abril de 2016

Naceron os tulipáns na Maía.

  Despois de moito esperar, por fín naceron os tulipáns que plantamos no outono. O primeiro baixamos a velo antes das vacacións de Semana Santa e o resto agora. Valeu a pena esperar tanto!. Agora destacan no medio dos narcisos amarelos e os allos blancos de monte que plantaran outros nenos antes que nós no xardín. Baixamos a observar as diferentes cores (vermellos, rosas, blancos) e tamén os contamos.

Así de bonito está agora o xardín : 
 

Os encargados do xardín:

 E este foi o día que os plantamos: