domingo, 12 de maio de 2019

Roberto e Belén contan "O sol chega tarde"

   Seguindo coas visitas dos pais e nais para contarnos un conto, Roberto e Belén, os pais de  Carla e Marta trouxeron "O sol chega tarde". O texto de Susana Peix conta a través das fermosas ilustracións de Anna Llenas o que pasa un día que o sol non desperta a tempo e as dificultades que atopa para que se faga de día. 
   Unha divertida historia sobre como sobrepoñerse ás dificultades que nos podemos atopar.

   Carla e Marta estaban moi emocionadas por ter na clase a seus pais. Moitas grazas Roberto e Belén por visitarnos e compartir con nós esta bonita historia.
Esta é unha montaxe coas fotos da visita. Espero que vos guste!
 

sábado, 11 de maio de 2019

Carola, Andrés, Abril e o carnaval dos animáis

 Carola e Andrés, os pais de Abril, viñeron a clase a contarnos o conto "O carnaval dos animais" da escritora e tamén ilustradora canadiense Marianne Dubuc. Unha divertida historia que lles gustou moito, na que os animais aproveitan as características máis importantes de outros para disfrazarse.
 
 E despois, aproveitando unha colección de animais que temos na clase, faláronnos de insectos, arácnidos, escaravellos e as súas diferenzas e características máis importantes... E tamén acabaron falando de dinosaurios ...que nos pillaban de paso!
  Moitas grazas aos dous por vir e pasar este ratiño con nós na clase!

luns, 6 de maio de 2019

Verónica, José Manuel e Martín

Os pais de Martín, Verónica e José Manuel, viñeron a clase a celebrar con nós o Día do Libro. Agasallaron a cada neno cun libriño cos seus nomes que fixeron eles, para que esta vez fosen os propios nenos os lectores. Como actividade para facer en familia na casa deixamos a segunda parte: en cada páxina tiñan recoñecer os nomes e pegar as fotos dos seus compañeiros... así que tamén fixeron de editores.

  Despois escollimos para contar un conto dos que temos na clase: Os tres porquiños.  Escoitárono coa misma emoción e sorpresa que as outras cen veces que seguro o fixeron antes!. Todo un clásico!

 Moitas gracias Verónica e José Manuel por vir a clase a participar nesta actividade... e polo traballo de facer os libriños personalizados.

 

xoves, 2 de maio de 2019

De que cor é un bico?


  Recibimos a visita da nai de Lola, Carmen, que nos trouxo un precioso conto: "De que cor é un bico?". Recibírona cunha chea de abrazos e despois foron presentándose e escoitaron con moito interés. Lola estaba moi emocionada axudando á súa nai. Despois de ver as coloridas ilustracións intentamos dibuxar bicos e corazóns das nosas cores favoritas....  Este conto é de Rocío Bonilla  e no enlace do nome podedes entrar na páxina para ver outras das súas obras.
 
 
  Reseña: A Minimoni encántalle pintar mil cousas de cores: xoaniñas vermellas, ceos azuis, plátanos amarelos... pero nunca pintou un bico e quere saber de que cor será? Vermello coma unha deliciosa salsa de tomate? Non, porque tamén é a cor de cando estás enfadado... Será verde coma os crocodilos, que sempre lle pareceron tan simpáticos? Imposible, porque é a cor das verduras, e non lle gusta comelas!. Nin blanco porque é frío .... A través das páxinas do conto vai intentando averiguar de que cor serán. 
 Moitas grazas Carmen por vir a clase a compartir con nós este conto!

mércores, 1 de maio de 2019

Unha eiruga moi larpeira con Sandra e Maeba

   Para conmemorar o día do libro, no mes de abril comezamos a recibir na clase as visita de mamás e papás que nos viñeron a contar un conto. Na primeira visita Sandra a nai de Maeba  contounos o conto "La oruga glotona", "Unha eiruga moi larpeira" de Eric Carle. Trouxo monicreques de pao e figuras dos alimentos que vai comendo a eiruga desde que nace ata que se transforma en volvoreta. 

   Tamén nos trouxo dibuxos de eirugas para colorear e cando marchou rematámolas e puxémoslle paos para facer tamén un pequeno monicreque que foi o que levaron a casa. 
 Pasámolo moi ben a pesar de que a Maeba lle costou "un pouquiño" deixar marchar á súa mamá....

 Grazas Sandra por colaborar nesta actividade! 

luns, 29 de abril de 2019

Con Anxo Moure, o carballo con botas!

  No outono vimos o conto "o carballo con botas" de Anxo Moure. Despois trouxemos a clase botas, xapatillas e tenis vellos que pedimos aos papás e fixemos varias plantacións de carballos que non naceron e despois de glicinias que a pesar de tódolos coidados tamén nos fallaron ....ou igual foi por exceso de coidados.
Finalmente fixemos outra cousa que foi todo un éxito e que xa vos contaremos en breve. 

E o día 24 fomos á Biblioteca a ver a Anxo Moure, que nos encantou. Foi unha actividade organizada polo equipo da biblioteca con motivo do Día do Libro. Pasámolo xenial e despois acompañounos a ver as nosas clases e o que tíñamos plantado.  Podedes ver os videos na entrada do Blog da Biblio  premendo AQUÍ.
 
   Aquí estamos nunha das plantacións:
 Cando veu con nós a clase , montado no seu Nubinete!





xoves, 18 de abril de 2019

Un conto na porta:" Lola con alas"


  Este ano para conmemorar o Día do Libro o equipo de dinamización da Biblioteca propúxonos transformar as portas da clase en portadas de conto. 
   Nós escollimos o de "LOLA CON ALAS" entre moitos da clase, porque así todos podíamos participar dalgún xeito… O conto trata de como os estímulos que proceden da arte e as cores poden cambiar o estado de ánimo dos nenos e aumentar a súa sensibilidade artística. Ademáis é un conto moi divertido e creativo que fomenta a colaboración e a creatividade.
    Lola está triste, soa na habitación e todo lle parece gris... menos o cadro da parede cheo de coloridos paxaros. Así que decide poñerse algo de cor e comeza cun sombreiro verde, medias amarelas, zapatos azuis, vestido rosa… Logo pinta a cara de azul, os brazos a raias laranxas, a punta dos dedos de morado, a boca de vermello e conforme o fai, vaise poñendo de mellor humor. Tanto que ata consigue voar  e pasar unha tarde divertida cos paxaros fantásticos do seu cadro.

  NA MONTAXE PODEDES VER TODO O PROCESO DA NOSA PORTA: (no blog da Biblioteca podedes ver tamén as portas que se fixeron nas outras clases)
   A autora-ilustradora desta historia é POLLY DUNBAR. Naceu en Stratford-upon-Avon (onde tamén o fixo William Shakespeare) e comezou a ilustrar libros con 16 anos ata  graduarse en Arte en 1999. A súa nai Joyce Dunbar é a autora de libros infantís, e o seu pai traballou como ilustrador e como profesor de arte.

mércores, 17 de abril de 2019

Pitiños de Pascua

  Pola Pascua fixemos estos pitiños. Os nenos pintaron con pintura acrílica as bolas de porexpan e despois engadimos plumas e ollos coa pistola de silicona. Logo tivemos que contar e repartir os ovos de chocolate para facer un paquete cos anacos de tul. Para rematar metimos o pitiño dentro. Esperamos que vos gustaran e que os compartiran.
 
    Polo visto a orixe da tradición dos ovos ven xa desde a Idade de Xeo. Despois do inverno, e cando xa case non quedaban provisións, coa chegada da primavera volvían as aves e comezaban a poñer ovos, dos que se alimentaban os seres humanos ata que podían volver cazar coa chegada de mellores temperaturas. Máis adiante como no cristianismo os ovos considerábanse carne, non podían comerse na cuaresma e comezaron a gardalos cocidos. Posteriormente pasaron a decorarse para facer regalos con eles e a elaborarse de chocolate... Máis curiosidades sobre esta costume podedes velas na Wikipedia.

 Material:
bolas de porexpán
tul laranxa e amarelo
pintura acrílica 
ollos móviles
plumas
paos de brochetas

luns, 15 de abril de 2019

A que sabe a lúa: un conto cos 5 sentidos!


  A partir do conto "A que sabe a lúa", fixemos unha experiencia na que empregamos os cinco sentidos: escoitamos, miramos, ulimos, tocamos e sobre todo saboreamos!.
 Comenzáramos esta actividade en decembro cando contamos este conto editado por Kalandraka no que os animais da selva se axudan entre todos para conseguir probar un anaquiño de lúa. Un libro redondo como a lúa chea e moi saboroso que  nos ensina que as cousas compartidas sempre saben moito mellor.

  Comezamos probando as obleas, que se parecían moito á lúa do conto,  e seguimos cos queixos que nos mandastes e logo con palomitas, gusanitos e incluso probamos as laranxas ácidas da horta...
 Tamén incluimos as diferentes galletas que traen para compartir na actividade da maleta viaxeira. E son moi coidadosos coas diferentes intolerancias que temos na clase: sempre queren comprobar se as merendas que traen teñen lactosa, plátano, ovo ou gluten!. Nesta montaxe están algunhas fotos das primeiras degustacións: